NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2016
Despois dos bos resultados da campaña de crowdfunding co seu primeiro disco El extraordinario hombre estacionario (2015) o grupo Diariodeverano lanza o seu seguinte proxecto, O.L.A. (2016) Tres temas alternativos con influencias do pop punk californiano dos anos 90 publicados en dixital, como é habitual nesta banda liderada por Iago Gordillo. En maio lanzan o videoclip do seu hit “Todo va a ir bien” e é seleccionado como finalista no Festival de Cans e o Primavera do Cine.
Dúas caras, dous músicos e dous instrumentos. Ismael Berderi e Bruno Couceiro forman Two faces, un dúo arraigado no smooth jazz e o acid jazz de los años 80 con temas como Electric Stream que recorda ao In the house, in a heartbeat de John Murphy. A súa música é bastante variada e chea de contrastes coma a natureza mesma, un ambiente que late no seu primeiro álbum conceptual Landscapes (2016).
¿Quién va a poder con esto? Sinestesia
¿Quién va a poder con esto? (Rock CD, 2016) así é como se titula o cuarto traballo de Sinestesia gravado e mesturado por Tomás Ageitos nos estudios A Ponte. Este álbum actualiza co fío conductor do rock alternativo, estilos clásicos coma o rockabilly, rythm & blues e o swing sen perder a esencia propia do grupo coruñés.
Reynier Aldana é un amante da música dende moi pequeno. Nacido en Cuba, tocou en varios grupos e festivais antes de decidir migrar a Galicia e, agora, é un artista afincado en Moaña cuxa música bebe do worldbeat, o reggae, e o funk sen perder o seu marcado carácter latino como podemos escoitar nos temas que compoñen o seu primeiro disco Huella (2016), producido xunto ao guitarrista brasileiro Leonardo Rodrigues
Nunca es demasiado tarde. Tincho Fernán
Dende Uruguai, Tincho Fernán chegou con moito talento e ilusión a Galicia. En 2013 lanzaba o seu primeiro traballo en solitario Por el camino e tres anos despois deléitanos co seu segundo disco Nunca es demasiado tarde (regalamusica, 2016) que, baixo a produción de Javier Abreu, conta coas excepcionais colaboracións de Pablo Novoa, Eladio Santos, Diego Pacheco, Juanma Ons, Lorenzo Boo e Guillermo Gagliardi. Neste álbum, como no anterior, o cantautor demostra a súa devoción polas cancións de amor do pop latino e o folk rock. Nunca é demasiado tarde para comezar a escoitalo!
The Pilgrimage. Jamie Fifthring
Cando Jamie Fifthring comezou a súa traxectoria musical en solitario realizaba versións de clásicos do folk americano, pero pouco a pouco foi creando os seus propios temas cun toque de roots rock. Isto levoulle a tocar en salas e festivais de Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid. Tralo éxito obtido co seu primeiro traballo en 2015, Tourches in the Alley, decide sacar á luz en febreiro deste ano un EP onde colabora con outros artistas:The Pilgrimage (Cosa Nostra, 2016) composto por catro temas onde destacan os acordes dunha guitarra e unha voz da vella escola.
A muller sefardí tivo unha grande importancia na transmisión do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia e o resto da península, sendo o propio xudaísmo herdado por vía matrilineal. O grupo Evoéh, co seu último disco Cantadme galanica (2016) quere homenaxear a estas mulleres que demostraron unha paciencia e capacidade de adaptación sobrehumanas xeración tras xeración. Este álbum ten un valor engadido, xa que non busca ser historicista no estrito sentido da palabra, senón que parte das cantigas xudoespañolas de tradición oral. En definitiva, Ariana Barrabés e Jesús Olivares cumpliron o prometido obsequiándonos coa súa “maxia na voz da muller sefardí”.
Una tormenta de canciones de amor a quemarropa. Los Marcianos
Optimismo é o que desprenden as harmonías de Los Marcianos no seu último disco Una tormenta de canciones de amor a quemarropa (Clifford Records, 2016), producido por Carlos Hernández. Un título moi atractivo para un traballo inmerso no post grunge e o punk revival cargado de enerxía positiva. Os fans deste estilo estarán encantados con este LP de 12 temas bailables que se moven entre o nihilismo, a ironía, a poesía e o enxeño
Estigmas da destrución. N.O.M (Nova Orde Mundial)
Estigmas da destrución (2016), o segundo disco de N.O.M, continúa co seu estilo de ska-punk con “notas” de heavy metal clásico. Atopámonos pois cun EP de cinco cancións onde escoitaremos letras cheas de morte e destrución a diferentes intensidades, pero cunha agóxica musical coherente durante todo o álbum. Esta banda, formada en 2013 en Ordes, decidiu, despois do seu primeiro disco e de varios concertos, sacar á luz este volátil, liposoluble, inflamable e tóxico traballo.