BÚFALO VIL: «SE NON EXISTISE A PANDEMIA NON EXISTIRÍA BÚFALO VIL»
Os inicios de Xurxo Esquío foron como parte dun grupo, Micropuntos, para rematar fundando os seus propios: Esquíos primeiro, Gharabullo despois. Agora capitanea o seu proxecto en solitario, Búfalo Vil, como resultado da necesidade por dar saída ás súas composicións, unha condición que a pandemia non fixo máis que apremar. Definido por el mesmo como un «fago o que me peta», Búfalo Vil é o vehículo que Xurxo utiliza para a música que lle apetece facer nese momento: un tipo de rock que tenta fuxir da distorsión como eixo fundamental da música, rock directo cun toque sinistro, psicodélico e bailable ás veces».
O ano pasado debutaba con Vilezas (2020) e a principios de maio volvía á carga, nunca mellor dito, con Rebolución (2021), unha nova entrega do seu salvaxe indie rock irreverente.
Poida que Búfalo Vil non teña nin un ano, pero ti, Xurxo «Esquíos» es xa un vello coñecido da escena rock galega. Como lembras os teus inicios no mundo da música? Foi unha disciplina que sempre che chamou a atención ou a túa curiosidade foise desenvolvendo cos anos?
Búfalo Vil: «Desde moi cativo a música foi unha das miñas principais afeccións, sempre tiven a inquedanza de descubrir novas bandas. Ao principio comecei escoitando calquera tipo de rock para, aos 12 anos, facerme todo un metalhead que devecía polos sons máis extremos da época: thrash metal e hardcore.
A partir de aí fun abrindo o meu espectro sonoro e mercando vinilos e cedés. Teño máis de mil vinilos e outro tanto de cedés. Unha cousa levou á outra e, despois de que meu avó me mercase unha guitarra española, empecei como autodidacta. Logo veu a primeira eléctrica e a teima de crear a miña propia música, co que me xuntei con xente afín e comezamos a tocar ata chegar a Micropuntos, que foi a primeira banda coa que gravamos e demos un bo número de concertos… Ata chegamos a ter un contrato discográfico que por mor de diferentes motivos non chegamos a utilizar».
A túa carreira comeza sendo parte de Micropuntos ata fundar primeiro Esquíos, despois Gharabullo e agora Búfalo Vil, en solitario... evolución natural?
Búfalo Vil: «En parte evolución natural, pero tamén as vicisitudes da vida influíron. Eu nacín en Ponferrada e case toda a miña familia é do Bierzo, pero eu vivía no Barco de Valdeorras. Ir a estudar a Lugo e, finalmente, rematar residindo na Estrada tivo moito que ver no cambio de proxecto musical e ata de idioma.
Despois con Esquíos o mesmo, a banda foise diluíndo por circunstancias alleas á música, o que me empurra a dar saída á miña creatividade musical a través dun novo proxecto, Gharabullo, que novamente se trunca por circunstancias persoais de algúns dos membros da banda... rematadas coa pandemia que nos aniquila finalmente.
Así nace Búfalo Vil, pola necesidade de seguir a facer música, pero desta volta facéndome eu cargo de todos os instrumentos. Aínda que agora mesmo estou tentando facer de Búfalo Vil unha banda real, que incorpora no seu repertorio temas de Gharabullo. Tamén Esquíos estamos tentando resucitar, aínda que as circunstancias persoais de cada un o fan difícil, pero aí estamos!».
Buffalo Bill, recoñecido soldado estadounidense, cazador de bisontes, showman e unha das figuras máis famosas do Vello Oeste no século XIX... por que escollelo para o xogo de palabras que identifica este novo proxecto?
Búfalo Vil: «Na última novela que publiquei, nun capítulo facía referencia ao personaxe dun xeito hilarante. Cando chegou a hora de bautizar o novo proxecto, non sei se se me ocorreu a min ou tal vez o lin por aí en algures, pero lembreime desa variación do nome. Faime moita graza este tipo de expresións, neste caso adxectivar a un animal (que non á personaxe) co cualificativo “vil”; paréceme ridículo e por iso gústame. Gústame moito a ironía, a retranca e o absurdo, sinxelamente é iso».
Nuns dez anos, con Esquíos gravaches, nada máis e nada menos que nove discos! E as súas correspondentes xiras coas que percorriches a xeografía galega. Como foi crecer, musicalmente falando, neste grupo? Algunha anécdota (ata agora) inconfesable?
Búfalo Vil: «Pois como dis ti, tal cal un crecemento, tanto a nivel persoal como musical, no que pasamos por diferentes etapas.
Musicalmente foi enriquecedor porque os membros orixinais da banda me proporcionaban visións musicais máis enraizadas coa música galega, que eu ata ese momento ignoraba. Con sucesivos membros pasou o mesmo. Aínda que eu compoño toda a música e as letras, tento compracer aos meus compañeiros e non só facer o que me gusta a min. Isto tamén deulle á banda certa coherencia que quizais non tería se non me cortasen un pouco ás veces, porque eu teño etapas moi eclécticas nas que podo ter a teima de tocar “marcianadas” que igual non veñen ao caso [risos].
De todos os xeitos, estou —estamos— moi orgullosos de que ningún dos nosos discos soe igual. Hai desde discos máis rockeiros, máis stoner mesmo, máis hardcore punk, máis garageiros, ata máis indie rock. Aínda que son consciente que isto que para min é unha virtude, moita xente o ve como un defecto. Tamén estamos moi orgullosos de que todos os nosos discos reflicten fielmente o que eramos nese momento, porque todos agás un están gravados ao vivo no estudio, ou mesmo no noso local; eu producín un par deles!
Anécdotas moitas! Por exemplo, unha vez despois do primeiro día de gravación nunha cidade galega, fomos a un bar a tomar algo; o dono atendeunos de moi malas formas, así que cando marchamos do garito collemos varias mesas da terraza do local, saímos correndo con elas e deixámosllas dúas rúas máis abaixo... Lembrade nunca tratar mal a Esquíos ;)».
Que físgoas daquel Xurxo Esquío quedan en Búfalo Vil?
Búfalo Vil: «Pois queda moito! Que agora estea nunha etapa máis, digamos, aperturista e permeable a sons máis amables, non quita que calquera día me destape cunha tormenta de hardcore punk desleixado e malsoante [risos]. Pero fóra coñas, a retranca e o sentido de humor que poño en todo o que fago coido que segue intacto, e as ganas de probar cousas tamén».
Pero a túa traxectoria como membro fundador non remata aí e, en 2019, nace Gharabullo, banda que mestura punk americano setenteiro, power pop, after punk e garage rock. En que punto dirías que se atopa este proxecto agora mesmo?
Búfalo Vil: «Pois desgraciadamente neste momento en punto morto... É unha mágoa porque sen movernos en absoluto obtivemos moi boas críticas a nivel estatal, mesmo en páxinas de música moderneta e tal, foi unha sorpresa enorme.
Chamáronnos de sitios que nunca pensaramos, ata nos entrevistaron para o Ruta66 e, insisto, sen nós facer promoción de ningún tipo. Pero a pandemia puxo puntilla a todo e agora é case imposible recuperalo por circunstancias persoais de cada membro. Aínda así, estou comezando a ensaiar cunha banda como Búfalo Vil e incluiremos no repertorio temas de Gharabullo, ademais de parte do seu son».
Esquíos cantaba en galego, pero Gharabullo faino en galego, castelán, inglés e italiano. Que outras calidades diferencian a ambos grupos? E similitudes?
Búfalo Vil: «Esquíos empezou cantando en castelán, pero paulatinamente collemos o galego como lingua única. Eu, aínda que escribo en galego tanto letras como os meus contos, novelas... estou máis cómodo falando castelán porque me criei así, non comecei a falar galego ata que vin a vivir para A Estrada.
As diferenzas entre ambas bandas, malia que en Gharabullo tamén case todos os temas están compostos por min, tiñamos unha intención de diferenciarnos de Esquíos (dous membros ademais de min tamén estaban en Esquíos), no sentido de non darlle tanta importancia á velocidade, de saír un pouco do corpiño de banda de rock en galego e expresarnos na lingua que nos apetecese. Ademais, darlle á nosa música un ton xeral máis amable e máis enraizado co indie rock dos noventa, o punk americano dos setenta como apuntas, e o garage rock máis clásico. Iso para o disco que gravamos; no futuro, a intención era non poñerse corpiños de ningún tipo e derivar a onde fose que nos apetecese».
Dá igual a formación, as letras adoitan ser túas o 99.99% das veces! Que, ou quen, che inspira á hora de compoñer?
Búfalo Vil: «A min gústame máis compoñer a música; comecei a facer letras pola necesidade de encher de contido a música. Pouco a pouco, collinlle o gusto a facelas, pero non hai unha receita concreta.
O que si, coido que as mellores letras que teño están feitas en cinco minutos, cando de súpeto xorde unha idea, comezas a escribir e sen darche de conta sae todo nun pispás. Ás veces tento forzar a inspiración e escribir dun tema concreto tamén, pero non adoitan chegar a bo porto, así que o meu é máis a “repentización” [risos]. Calquera cousa pode ser a mecha que prenda o lume... non sabería dicirche».
Búfalo Vil preséntase como un «crisol de músicas escoitadas e deconstruídas». Como definirías o teu estilo?
Búfalo Vil: «Pois a definición correcta e máis fiel á realidade sería “fago o que me peta” [risos]. Pero supoño que é un tipo de rock que tenta fuxir da distorsión como eixe fundamental da música, rock directo cun toque sinistro, psicodélico e bailable ás veces. Pero fundamentalmente, é un vehículo para a música que me apeteza facer nese momento, entón, a priori, calquera cousa pode entrar no estilo de Búfalo Vil no futuro [risos]».
Quen dirías que son as túas influencias? Algunha en particular que nos poida sorprender?
Búfalo Vil: «Black Sabbath, The Cramps, Dead Kennedys, Metallica, Kyuss, QOTSA, Rosendo, Motorhead, Slayer, Ministry, Death, The Stooges, 13th Floor Elevators, R.I.P., La Polla Records, Eskorbuto, Killing Joke, The Ramones, Beck, The Velvet Underground, Sonic Youth, Sebadoh, The Wipers, Pavement, Nirvana, Mudhoney, The Sonics, Miles Davis, John Coltrane, Herbie Hancock, The Prodigy, Chemical Brothers, The Black Angels, Joy Division, Parálisis Permanente, Viaje a 800, Muddy Waters...
Algunha sorprendente non sei, son moi fan dalgúns discos de Tim Buckley, escoito moito desde hai anos In the Land of Grey and Pink (1971) de Caravan, emociónome con temas como “Once I Had a Sweatheart” de Pentangle, e encántame Nat King Cole».
No teu EP debut, Vilezas (2020), escoitamos catro cortes compostos do teu puño e letra mais unha versión de “Sonidos”, orixinal do grupo indie rock español Surfin’ Bichos. Que che marcou deste tema para recuperalo case tres décadas despois?
Búfalo Vil: «Malia que non son un gran seguidor de Surfin’ Bichos, ese tema escoiteino por vez primeira versionado por unha banda barquense cando era un adolescente e, xa daquela, impactoume.
Cando un tempo máis tarde escoitei a orixinal, converteuse instantaneamente nun dos meus temas favoritos. É unha canción cun aura sinistra, psicodélica e envolvente que me chega moito. A letra casa perfectamente coa música e a interpretación é maxistral, que máis se pode pedir?».
Este primeiro traballo foi gravado no teu estudio caseiro en Ouzande (A Estrada, Pontevedra). Ti, acostumado a gravar noutro tipo de estudios, como describirías esta experiencia?
Búfalo Vil: «Hai anos gravara tamén na casa, para un proxecto chamado ‘O verme homicida’. Desta vez tentei que a cousa quedase un pouco máis decente, e a verdade é que é unha experiencia enriquecedora porque aprendes moito, sobre todo do ensaio-erro.
Ademais, se algo sae mal non tes a quen botarlle a culpa máis que a ti mesmo e iso engade certa presión positiva ao asunto. Tamén che permite experimentar con todo aquilo que se che ocorra, meter teclados aquí, efectos alá... Penso que é un proceso que estimula a creatividade».
O pasado maio volvías á carga con Rebolución (2021), catro temas orixinais de salvaxe indie rock irreverente cun nexo lírico en común: diferentes formas de rebelión desde distintos puntos de vista. De onde xorde esta idea? Con que intención escolliches este concepto?
Búfalo Vil: «O feito de estar inmersos nunha pandemia na que certas liberdades estaban a ser coartadas (a pesar que en grande medida estou de acordo) suxeriume a idea a posteriori; unha vez comprobado que as letras dos temas tiñan un común denominador, que me levou a revisitar o tema de Eskorbuto en clave synth punk.
Tamén rin moito co movemento negacionista da pandemia que pretendía, a través de plataformas absolutamente integradas no establishment máis ortodoxo, venderse como un movemento revolucionario, e iso afianzoume na idea de facelo así».
Resúltache máis doado crear un disco cun fío condutor e que, ao final, as pezas conformen un quebracabezas sonoro, ou que non exista relación conceptual entre as cancións?
Búfalo Vil: «O máis doado é deixarse levar e non restrinxirse a ningunha temática concreta. O que pasa é que, por mor das circunstancias persoais ou do contorno, ás veces as letras saen compartindo un nexo común non preconcibido».
Máis outra versión, desta vez “Mucha policía, poca diversión” interpretada en clave synth. Por que darlle máis peso ao baixo e aos teclados, quitándolle algo de protagonismo ás guitarras?
Búfalo Vil: «Por un ansia de probar cousas diferentes. Neste EP, en xeral conscientemente, tentei que os temas non estivesen baseados tanto na guitarra eléctrica e saír da miña zona de confort. De feito, “Manifa” non leva absolutamente ningunha guitarra, é a primeira vez que gravo un tema sen guitarras.
Ademais, estou bastante inmerso no revival after punk recuperando cousas como The Fall ou Joy Division; bandas nas que a presencia do baixo é moi importante ou o eixe de moitos dos seus temas. Tamén adquirín un teclado e facíame ilusión metelo dese xeito, porque non o sei tocar e moito máis non sei facer [risos]».
Entre estes dous EPs, ve a luz o single Ironías de la vida (2021), unha crítica irónica ao negacionismo pandémico publicada o 14 de marzo de 2021, xusto un ano despois do decreto do estado de alarma. Casualidade?
Búfalo Vil: «Casualidade a data de publicación si, non me decatara [risos]... o que é o subconsciente!Pois que guay! A verdade que me fervía facer un pouco de escarnio público deses personaxes, e se coincidiu co aniversario tanto mellor ;)».
Ao fío, de que xeito afectou a pandemia ao teu proceso creativo? Porque lemos por aí que Búfalo Vil nace case como efecto secundario da COVID-19…
Búfalo Vil: «Tal cal, se non existise a pandemia non existiría Búfalo Vil. Como dixen por aí, o feito de estar confinado, de non poder ensaiar con outras persoas, funcionou como catalizador para dar saída ás miñas inquedanzas musicais a través deste novo proxecto.
A nivel creativo propiamente dito, non penso que influíse moito no tipo de letras ou música, agás o que comentaba antes, pero a nivel do como, como sacalo, como gravalo...foi definitivo».
Ademais de escribir sobre o pentagrama, tamén o fas sobre follas en branco e es autor de dúas novelas: O autoestopista (2016) e O secuestro de Brigantia (2018). De que xeito dirías que se retroalimentan as dúas facetas?
Búfalo Vil: «Son unha persoa creativa que necesita dar saída a determinadas inquedanzas. De feito, canto maior me fago, máis me decato ata que nivel a miña experiencia persoal incide na miña expresión artística, xa sexa no tipo de letras que fago ou no tipo de escritos literarios.
Por exemplo, estou a rematar unha novela onde, agora que ando a editala, doume de conta de que boto fóra determinados demos persoais, non só do meu pasado máis recente. Do mesmo xeito saen moitas das letras que escribo, aínda que de entrada poidan parecer ter outro significado. Diría que a música e a literatura son as dúas caras da mesma moeda, e se estou moi afanado nunha delas abandono un pouco a outra, e á inversa».
O de volver aos escenarios de xeito regular está aínda en proceso de, digamos, normalización. Como o estás a levar? Que poderemos esperar cando Búfalo Vil volva subirse ás táboas?
Búfalo Vil: «Pois lévoo como todo o mundo que ansía subir a un escenario, con resignación. Realmente os que están sufrindo máis son os que levan isto como modo de vida, todo o meu apoio para elxs.
Cando poidamos e esteamos preparados para volver aos escenarios, agardamos dar un bo repaso á música de Búfalo Vil e á de Gharabullo; agardamos divertirnos e que a xente se divirta con nós. Ata poida que ese reencontro se produza antes como membro de Esquíos...todo pode ser ;)».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Búfalo Vil: «Agora mesmo o artista galego que máis me está a sorprender é Grande Amore, que penso que xa todo o mundo o coñece, pero senón debería [risos]. En canto a quen habería que coñecer... vou reivindicar unha banda galega que penso que mereceu mellor sorte, separada hai anos, os Telephones Rouges do Grove, botádelle unha orella senón os coñecedes xa!».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Búfalo Vil: «Aí vai o último que ando a escoitar en Spotify: Los Mundos, Django Django, Paint Thinner, Death, 80’s thrash metal, Buthole Surfers, Jack Harlan, Meatbodies, Helloween, Cuello, Tess Parks, Alex Maas, Warish, Coroner, Monster Magnet, Squid, ‘68, Black Country New Road, Viagra Boys, Dry Cleaning...».