A VENTANA. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL.19
Un sábado máis, unha nova entrega dos Directos Xacobeo’21 para desfrutar, aos poucos da volta a normalidade. Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
A Ventana
Situado no centro da Costa da Morte, A Ventana proclamouse xa hai tempo no fervedoiro cultural dunha vila costeira como Laxe, ademais de ser un lugar onde desfrutar dunhas vistas e comidas envexables. A súa vista panorámica á praia fai do local un sitio cheo de beleza e luz, onde ben se pode degustar ensaladas, tostas e bocatas gourmet con banda sonora composta por grupos e artistas do panorama musical galego.
Dirección: C/ Real 14, 15117 Laxe (A Coruña)
Facebook: https://www.facebook.com/aventana/
Caamaño & Ameixeiras
En 2018, Antía Ameixeiras (violín, voz) e Sabela Caamaño (acordeón cromático) inician este proxecto baseado no renacer da música de raíz máis coidada e delicada, tratando con gran agarimo cada acorde. O seu traballo constante e espírito incansable son algunhas das súas marcas persoais e a razón de ser do seu crecente éxito. Polo de agora publicaron un álbum, Aire! (Microscopi, 2021), que chega como un sopro de aire fresco á música da nosa terra a través de ritmos folk europeos, centrados nos Balcáns pero vistos sempre desde unha perspectiva galega.
Santi Araújo
Este músico orixinario de Ponteareas decídese a iniciar a súa carreira en solitario en 2018, cando publica o EP Catedral (Ernie Producciones, 2018), un traballo musical no que expón a súa dor máis íntima e, á vez, amosa optimismo e entende a música como unha forma de reconstrución persoal, un lugar onde expresar todo o que tiña adentro, de liberarse. E faino a través dunhas cancións con sonoridades que van desde o folk rock de corte americano ata o britpop ou mesmo o indie de autor.
Ejazz
Hai case dez anos que estas catro mulleres comezan a súa andadura musical; desde entón, non pararon de ser asiduas nas salas e clubs de jazz máis relevantes de Galicia. A formación está composta por Ángeles Dorrío (voz), Betty Queiro (voz), Carmen Rey (voz e arreglos) e Marga Ramos (voz). Coa súa voz coma único instrumento bástanse para crear todo un espectáculo alá por onde van, recreando éxitos do jazz, de soul, da bossa nova e do funk, cos que evocan épocas pasadas e crean un ambiente no que a música é a protagonista absoluta. A súa impecable traxectoria veuse recoñecida por premios como o Martín Códax na categoría de grupos vocais e coros, tanto en 2017 como en 2019.
Las Antonias
O que comezou con algo tan sinxelo coma formar un dúo de mulleres… acabou por derivar neste gran grupo feminino coruñés, con aires reivindicativos e vontade de facer das cancións de toda a vida o empoderamento que as mulleres merecen. Agora arríscanse con todo e fusionan diversos xéneros musicais, ademais de manter o humor como motor dos seus concertos, unha parte esencial do seu traballo. A formación orixinal das Antonias era Ana Lee (voz) e Mamen Bazarra (guitarra e voz), pero máis tarde se foron unindo varias músicas para rematar enriquecendo un proxecto con tanto potencial como este.