COCHÈ VIL: «TEÑO PREDILECCIÓN PORQUE SEXAN OS INSTRUMENTOS MUSICAIS OS QUE FALEN»
Foi parte de Biosbardos e a metade de BIOS; tamén foi baixista xunto a Miguel Costas (Siniestro Total, Costas) e autor de máis de media ducia de bandas sonoras Cochè Vil (Ourense, 1963) pasou dun folk rock psicodélico en grupo ao rock progresivo en solitario, un proxecto que, afirma, é o resultado de procurar unha potente mestura sonora sen perder a esencia dos setenta.
O músico materializa este proxecto progresivo no seu último traballo discográfico, Invincible (2020), un longo que recolle unha decena nas que Cochè deixa constancia da potencia das súas mans sobre as cordas e sobre as teclas.
Do rock sinfónico con cadencia folk dos Biosbardos á electrónica ambient en BIOS. Que che levou a «mergullarte» no teu proxecto en solitario actual?
Cochè Vil: «Foron moitos anos loitando en diferentes proxectos nos que es tan só unha peza máis, polo que non te sentes cen por cen realizado. Ou sexa, coa túa música es máis ti mesmo».
En ambos proxectos a constante ten nome propio: Maxo Nóvoa. Logo de tantos anos, enriba e abaixo dos escenarios, como describirías a túa viaxe persoal e musical xunto a el?
Cochè Vil: «Aprendemos xuntos a tocar despois de escoitar toda aquela discografía das grandes bandas de rock sinfónico dos setenta... hoxe chamado progresivo».
Con BIOS publicas Interior Sounds (1997), un CD enfocado ao mercado internacional coa súa versión reducida en casete, Sons do interior (1997), pensada para o consumo local. Por que marcar a diferencia? Que procurabades con ela?
Cochè Vil: «Non foi algo premeditado. O selo inglés Electronical Dreams quixo editar este traballo en casete e nós, desde a perspectiva simple da nosa mocidade, negámonos totalmente.
Máis tarde, o cantautor e grande amigo meu Suso Vaamonde publicou Interior Sounds co seu selo, de aí que apareza o cedé en inglés como nós gustabamos, e a cinta en galego, como é debido en Produccións Trebón».
Este traballo foi definido como pioneiro na escena galega, unha fonda perspectiva da new age a mediados dos noventa. E para ti, que foi? Botando a vista atrás, como o ves agora?
Cochè Vil: «Penso que foi unha mágoa non aproveitar o que estabamos a facer, como pasou cos Biosbardos. Estivemos moitas veces en distintos programas da TVG, fixemos moitos concertos, pero faltounos unha boa dirección... un bo manager, penso eu».
Unha das pezas desta época, “The Dark Journey”, foi incluída no cedé da revista inglesa Sequence e formou parte do recompilatorio Electronic Spanish Music Vol. 1 (Lightnet Music, 2000). Foi esta a resposta do «mercado internacional» que agardabas?
Cochè Vil: «Foron cousiñas que ían aparecendo, pero non vou dicir que non me gustase chegar máis alá, a máis público».
Aínda que sempre compaxinaches o rock con outros estilos, a túa faceta de compositor coa de músico ou a guitarra co baixo, tiveches unha década chea de punk e hard rock... sendo baixista xunto a Miguel Costas (Siniestro Total, Costas). Como lembras esta experiencia?
Cochè Vil: «Toda unha aventura de máis de dez anos! Foi divertido tocar en tantos e diferentes lugares. Desde a sala máis pequena ata escenarios xigantes como a Praza da Quintana en Compostela, Castrelos en Vigo ou o estadio de Balaídos, na festa de ascenso do Celta. Foi todo moi enriquecedor como músico, sobre todo de directo».
Es coautor dun par de bandas sonoras, e autor das de León y Olvido (e Olvido y León), Rafael, Un ajuste de cuentas ou Una historia para Olivia. Como afrontas este tipo de composicións? De que xeito inflúe ter unha imaxe, ou unha sinopse, predeterminada na que basearte?
Cochè Vil: «A música para o cine está suxeita a certos parámetros dados pola escena que se está a reproducir, e o director indícache o que quere acadar, polo que estás máis limitado artisticamente que cando fas as túas músicas. Ademais, a curta duración das escenas é outra limitación á hora de compoñer».
O teu debut en solitario preséntase baixo o título de Ai’dias (2017), un EP de rock sinfónico composto e interpretado integramente por ti, guitarra en man. Seguindo o xogo de palabras, que ideas pretendías transmitir ao longo do álbum?
Cochè Vil: «Este traballo foi precisamente esa arroutada que che dá certo día, de aí o título; máis da metade dos temas xurdiron durante o proceso da gravación.
Ando precisamente agora a revisar os temas, xunto o guitarrista e produtor Sebastián Mato, para facelo máis guitarreiro, máis duro».
Á hora de compoñer, quen dirías que son as túas principais influencias?
Cochè Vil: «As miñas influencias non poden ser outras que os grupos principalmente dos anos setenta que escoitei ata a saciedade, e continúo a escoitar, como Pink Floyd, Camel, King Crimson, Yes, Jethro Tull ou Tangerine Dream... Sen esquecer outros máis actuais como Porcupine Tree».
Invincible (2020) é o teu último longo, composto por unha decena de temas que amosan unha «mestura potente actual, pero sen perder o son dos anos setenta». Como comezou a desenvolverse o disco?
Cochè Vil: «Estiven a facer probas con diferentes músicos locais, tamén de diferentes comunidades, pero ás veces non acabas de atopar o que queres. No Nadal de 2020 comecei a procura, tamén por Internet; levoume varios meses de escoita continua de baterías, cantantes, etc., ata atopar os que, sen dúbida, me gustaron á primeira escoita».
A maioría de cortes son instrumentais, menos dous: “When Time Comes” e “Believe”. De que depende que un tema precise ou non letra? E por que esa preferencia polo instrumental?
Cochè Vil: «Non sempre foi doado saber cando a música debe levar voz ou non. Ultimamente penso que teño as cousas máis claras aínda que, ás veces, fago música para voz de xeito intencionado e, outras, doume de conta segundo vou escoitando. Teño predilección porque sexan os instrumentos musicais os que falen».
Neste disco contaches coas colaboracións especiais de Fernando Jaramillo á batería e a voz de Leonel Silva. Ademais de instrumento e voz, que achegaron ao disco?
Cochè Vil: «Se tardei meses en dar con alguén como Fernando ou Leonel, foi precisamente porque non é doado atopar músicos que acheguen algo á túa musica do xeito que o fixeron eles. Tanto a batería como a voz fan súa a composición, proporcionando novas liñas melódicas».
Por que abrir con “Navegar por ningures Part I” e pechar por “Navegar por ningures Part II”? Foron estas pezas concibidas por separado ou como unha soa que logo dividiches?
Cochè Vil: «Nalgún momento ocorréuseme facelo así polo capricho de ter un disco de verdade, motivo polo que tampouco o vinilo é vermello ou de cores, senón negro, como o de toda a vida. Ademais abría e pechaba perfectamente o traballo».
Ademais da súa versión en dixital, Invincible está tamén dispoñible en vinilo por encarga. Nunha época na que o consumo dixital é protagonista, por que seguir apostando polo formato físico?
Cochè Vil: «Os bos melómanos séntanse a escoitar música e, precisamente, o vinilo obriga a iso. O cedé é máis para andar pola casa adiante e o MP3 mellor nin nomealo, é como non ter nada».
De cando en vez vas sacando temas soltos en forma de singles autónomos sen que acaben recollidos nun álbum. Son ideas que van xurdindo e ás que non lles ves un nexo común? Por que facelo así?
Cochè Vil: «Exactamente, teño moitos temas soltos que quizais algún día formen parte dalgún traballo... Dan para varios álbums!».
De feito, este ano lanzabas un moi poderoso single, Psycolights, que arrecende a rock progresivo e psicodelia dos setenta (son de mellotron incluído). Que podes contarnos acerca del?
Cochè Vil: «É un tema que levaba gravado moito tempo. Téñolle moito aprecio a esa melodía media improvisada da guitarra, polo que me decidín a subilo ás redes. Nesta ocasión, [contei] coas colaboracións do batería ourensán David Failde, Sebas Mato metendo Organ B4 e Alexandre Hasson Ὀρφεύς co mellotron real (non plugin!)».
O pasado xullo sorprendías con BIOS – Improvisations Live (2021), un paseo nostálxico composto por oito cortes gravados ao vivo. Como xurdiu esta idea? Tiveron as restricións actuais da música en directo algo que ver?
Cochè Vil: «Ando a rescatar músicas dos meus comezos, en gran parte debido á xente que gusta deste tipo de cousas e pídemo».
Pisaches un escenario por vez primeira en maio de 1985; agora, con máis de tres décadas (que se di pronto!) de traxectoria ás túas costas. Que lle dirías hoxe a aquel mozo que comezaba a súa andadura musical?
Cochè Vil: «Se te refires a aquel mozo como a min mesmo, diríalle que vaia a por todas. Que se realmente lle gustaría vivir da música que loite por iso con todas as súas forzas. Penso que hoxe en día é aínda máis difícil que daquela!».
Pura curiosidade, por que Cochè Vil como nome artístico?
Cochè Vil: «Nalgún momento a xente comezou chamarme así... Cochè chámanme de sempre e o de Vil é a abreviatura de Villanueva, sen máis».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Cochè Vil: «Aínda que non é musica para calquera oído, para min sobresaen os Cró!. Tamén me chama a atención o que fai Moura, ou mesmo os Stoned and Pompeii, máis melódicos».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Cochè Vil: «Sempre son eu mesmo en todo o que fago, sexa un tema máis duro ou máis brando. Cando teña Ai’dias Revisited, e algúns traballos máis nos que ando agora, no Spotify... entón serei eu 100%».