A POUSADA DA GALIZA IMAXINARIA. DIRECTOS XACOBEO’21 VOL. 20
Novos concertos de Directos Xacobeo’21 e un sábado menos para que podamos desfrutalos en vivo e en directo. Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
A Pousada da Galiza Imaxinaria
Cunha traxectoria que case chega á trintena, este local de Boiro conta con tantas ganas, e se cadra moitas máis, de continuar facendo bailar a todo aquel que queira achegarse ao ritmo de música folk e independente, pero sen pecharse a outros estilos. Ata fai uns anos era coñecida como A Pousada, pero o responsable deste «proxecto de vida», Suso Santamaría, ben coñecido na localidade, engadiulle os apelidos como homenaxe ao cantante galego NARF e ao seu último disco. E este nome non engana, a súa estética de toques rústicos e acolledores, con moito encanto, xunto coa música en vivo conforman un ambiente que enfeitizará a todo aquel que cruce a súa porta.
Dirección: Pablo Iglesias, 14, 15930 Boiro (A Coruña)
Web: https://apousada.eu/
The Lákazans
O bar Bloody Mary ten gran parte da culpa de que hoxe en día existan estes «folgazáns», xa que esta formación nace en 2010 de xeito casual, logo de coincidir os seus membros en varias jams en Santiago e xurdir a maxia entre eles. Comezan coma un grupo de versións, adaptando clásicos do blues, o soul, o country e o rock ’n’ roll, mais tras mollarse os pés, mergúllanse por completo na música compoñendo os seus propios temas. Polo de agora teñen tres traballos no seu haber, sendo o máis recente Sandwina (dotbeat!, 2017), unha homenaxe á circense Kate Brumbwach, «a muller máis forte da historia», e un canto á forza de todas as mulleres.
The Soul Jacket
Perfil en galiciantunes | Entrevista en galiciantunes
Esta banda emerxeu dun soto alá polo 2004, cando un grupo de músicos decidiron facerse escoitar polo mundo para predicar as súas letras, inspiradas no rock dos 70. Actualmente, Guillermo Gagliardi (guitarra), Jann Zerega (baixo Fender), Jorge Mizer (guitarra), Mauro Comesaña (batería), Toño López (voz) e Xabier Viéitez (teclas), compoñen as súas filas. É precisamente a característica voz de Toño a que dota de sutís pinceladas de soul as composicións da banda que, xunto co rock'n'roll e o R&B, dotan dunha personalidade propia á formación. Agora, pese a ter unha morea de traballos discográficos publicados nestes máis de quince anos de bagaxe, o grupo non para de reinventar as súas fórmulas, logrando sorprender á crítica e ao público a partes iguais.
Ortiga
Nunca unha ortiga picou tan ben! O santiagués Manuel González embarcouse neste proxecto en solitario contando xa cunha boa bagaxe, que actualmente compaxina coa súa participación no grupo Boyanka Kostova. Gusta de fusionar estilos a priori imposibles para logo crear obras mestras onde os sons verbeneiros se mesturan coa música urbana ou o autotune, creando toda unha viaxe sensorial que funciona de marabilla. Demostrouno no seu primeiro disco, Chicho & sus Chichas (Ernie Records, 2019), e desde entón non parou de sacar temazos e percorrer a xeografía española de festival en festival, e mesmo actuando tamén nalgún internacional, como por exemplo, o ¡Vamos!, festival celebrado en Inglaterra.
Monoulious Dop
Esta banda de Noia nace en 2012 baixo a única premisa de «pasalo ben», comezan a subir videoclips a internet, mais grazas á gran acollida do público acaban por crear un proxecto máis «serio»… pero sen pasarse! A mellor forma de catalogar a súa música é referirnos a ela como rockcómico e infame, mediante o que buscan armar festa e poñer a nota de humor e a sátira en salas, festivais ou sesións vermú. En 2017 presentan o seu primeiro LP, LP Padre, e xunto á súa última referencia, Black Album (2020), Monoulious Dop ofrece moitos risos e moita música a partes iguais.