• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO, AGOSTO E SETEMBRO 2021

NOVOS LANZAMENTOS. XULLO, AGOSTO E SETEMBRO 2021
2 OUTUBRO 2021

 

 

Weekend in Montecarlo, French Riviera

Logo da publicación de dous sinxelos, Venusberg (2020) e Dancing (2021), que deixaron ao seu público anheloso por máis, French Riviera vén de lanzar o primeiro álbum deste proxecto en solitario, Weekend in Montecarlo (2021). Gravado, producido e mesturado por el mismo, o longo é a viaxe sonora que todo amante da música dos oitenta precisa; nove cortes de sintes e electrónica con influencias poperas e retro que, como resultado, crean unha atomesfera chea de sensacións retrofuturistas.

 

 

 

 

Nómade, Rosa Cedrón

Pasaron catro anos, catro anos desde a publicación de Nada que perder (Warner Music, 2016), aquel álbum onde Rosa Cedrón experimentaba o límites da world music, acadando así un disco cheo de luz. E no seu novo traballo, Nómade (Karonte, 2021), esa luz comparte protagonismo coa sombra nunha «especie de caderno de bitácora no que Cedrón fala das súas luces e das súas sombras mentres viaxe ao seu máis fondo interior». Gravado en Casa de Tolos, baixo a produción de Sergio Moure de Oteyza con master de Segundo Grandío, o disco supón outra volta de torca a ese estilo tan propio que a artista forxou desde que comezou a súa carreira en solitario. En Nómade, Rosa Cedrón contou co seu irmán Javier Cedrón nos arranxos e execución de violíns, instrumentación que contribúe ao ambiente máxico e onírico que se sinte ao longo do disco; e o pianista e compositor Miguel Arthus, quen compuxo música e letra para oito dos temas, ademais de achegar voz e teclados. A decena de cancións que recolle Nómade conforman unha viaxe que parte da escuridade e navega por un mar de emocións ata leva ao oínte «á serenidade do albor que fortalece, aliviando as feridas pasadas e sandando as presentes».

 

 

 

 

Velas rotasPablo Vila

Hai pouco máis dun ano que publicaba aquela homenaxe sonora aos poetas das súas noites máis longas, Imprescindibles (2020). Agora, despois dun traballo «ilusionante, pero duro e difícil», Pablo Vila está de volta cun novo álbum, o terceiro xa na dúa discografía. Producido por Miguel Ángel «Lichis» Hernando (La Cabra Mecánica) en Madrid, Velas rotas (2021) recolle cinco temas orixinais de corte existencial, persoal e social. O EP, dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado día 10, soa máis Pablo Vila que nunca cun estilo que baila entre o pop, o rock e a canción de autor. “El árbol de los ahorcados” foi escollido como single presentación, cunha actuación feita videoclip en Villa Solita (Vigo).

 

 

 

 

Basado en hechos reales, Quant

Despois de Tales of the Unexpected (Ferror Records, 2020), publicado en pleno confinamento de 2020, Quant decide reformular o grupo, aproximarse ao castelán e cambiar a súa dinámica co obxectivo de non estancarse, de non volver a facer o mesmo disco outra vez. O resultado chega con Basado en hechos reales (Ferror Records, 2021), unha nova colección de cancións que teñen bastante de autobiográfico, desde o contexto sociocultural ata a supervivencia, pasando por experiencias e obsesións propias de Óscar Quant, autor das letras menos “Mis ángeles van de negro”, orixinal de Carrero Bianco. Aínda que o pop segue a ser o xénero base, para Basado en hechos reales Quant experimentou con caixas de ritmo e secuenciadores, instrumentos pensados para sacarlle todo o partido aos temas ao vivo. Íntimo, sincero e do máis persoal, este LP «fala de subidas e baixadas, de excesos e defectos... da vida e as súas instrucións de uso».

 

 

 

 

3, Búfalo Vil

Do primeiro ao segundo non deixou pasar nin un ano... e do segundo ao terceiro deixou pasar, exactamente, tres meses e 17 días. Búfalo Vil aproveitou «uns días do mes de xullo» para gravar 3 (2021) no seu estudio caseiro de Ouzande (A Estrada). Composto por cinco temas —todas do puño e letra de Xurxo Esquío agás “Terra Chá”, orixinal de Radio Océano— esta nova entrega discográfica amosa a vertente máis guitarreira e directa de Búfalo Vil con cancións que, como el mesmo avisa, «non te poderás sacar da cabeza».

 

 

 

 

Legítimo Polvo x Nüca: WRB Split, Legítimo Polvo, Nüca

Poderiamos dicir que é un reencontro feito canción(s) qure, ademais, xorde durante corentena. Legítimo Polvo e Nüca unen as súas forzas nun split editado en casete por Ferror Records no que cada un achegou tres cortes. Na Cara A, Legítimo Polvo amosa o seu synth punk intenso, de letras directas, coidadas e explosivas tinguidas de sintes sen vergoña algunha. Nüca fai o propio na Cara B e contrarresta o electropospunk de Mack Páramo coa súa dose de electrónica densa, que escapa da estrutura clásica do house club e se aproxima máis ao acid house, IDM ou Drum&Bass.

 

 

 

 

 

Cantigas trashumantes, Miriam Sandoval

Hai case un ano que o adiantaba, presentando as súas tres compañeiras desta viaxe sonora, pero a idea tralo disco a tiña xa desde hai tempo. Por fin, logo de anos de investigación e traballo, Miriam Sandoval presenta Cantigas trashumantes (Inquedanzas Sonoras, 2021), un álbum que chega con nove novas cancións, gravadas en Arroutada Records por Alberto «Mincho» Alejos, que teñen como nexo a emigración galega do século XX. Acompañada por tres guitarras, a súa banda habitual —José «Pabero» Troncoso na sección rítmica e Juan Santomé na guitarra e baixo— e unha morea de colaboracións, a cantautora arxentina afincada en Vigo musica poemas de autores e autora que difundiron o galego alí onde residiron, como Celso Emilio Ferreiro, Eduardo Blanco Amor, Pura Vázquez e Lorenzo Varela, entre outros. Unha vez máis, Sandoval leva ao seu terreo estes versos a través do folclore, a instrumentación e os ritmos autóctonos das rexións onde foron escritos, mesturándoos cos propios de Galicia.

 

 

 

  noticias