BATTOSAI: «PARA NÓS, A MÚSICA É O MÁIS IMPORTANTE NA BANDA, A LETRA É A GUINDA DO PASTEL»
Non son nin samurais, nin xaponeses, nin veñen dos primeiros anos da Era Meji (1857-1878). Creado en 2018, Battosai é un power trio compostelán formado por Héctor Ojea (voz, guitarra), Roque Sampedro (baixo) e Nolo Chazo (batería); tres millenials máis afíns á Xeración X —«polas bandas de rock que máis nos molan»— inspirados por estilos dos noventa como o grunge, o punk ou o rock alternativo.
Cun par de sinxelos no seu haber, e logo de tres adiantos, Battosai lanzaba o seu primeiro longo homónimo (Spinda Records, 2021) a principios de outubro. Dispoñible nas principais plataformas dixitais, ademais dunha edición limitada en formato físico (CD ou vinilo de 12”), o disco é unha regresión sonora aos noventa... guitarrazo a guitarrazo.
Aínda que en 2018 Battosai nace como cuarteto, hoxe sodes un power trio formado por Héctor Ojea (voz, guitarra), Roque Sampedro (baixo) e Nolo Chazo (batería). Cal é o xermolo da banda?
Héctor Ojea: «Pois somos tres colegas que querían facer música desde unha perspectiva algo diferente do que xa viñamos facendo con outras bandas».
Logo dalgunhas pescudas, atopamos que [Hitokiri] Battosai é o alcume de Kenshin Himura, personaxe do manga e anime xaponés Rurouni Kenshin (Shūeisha, 1994-1999). Por que escollelo como nome da banda? Agochades algo en común cos samurais que non saibamos ou...?
Héctor: «Eu persoalmente vía o anime cando era pequeno e deixoume flipado tanto a personaxe como a música do anime. Escollémolo porque como é unha serie dos 90 encaixaba co discurso da banda. Tamén é certo que era o nome menos malo que tiñamos [risos].
E ben, non somos samurais, pero gústanos a comida xaponesa, así que se queredes convidar un día... xa sabedes!».
A vosa bio reza «millennials que quixeran pertencer á Xeración X». Que ten a X que non teña a vosa, musicalmente falando?
Héctor: «Pois as bandas de rock que máis nos molan. Ademais, tamén está ese compoñente romántico do analóxico que lembra a cando eras máis novo e a vida era máis sinxela».
Grunge, punk, emo ourock alternativo son algúns dos xéneros musicais dos 90 e a primeira década deste século nos que vos inspirades, ata que punto inflúen estes no desenvolvemento do voso son? Se tiverades que poñerlle unha etiqueta (ou varias!), cal sería?
Héctor: «Pois diriamos rock alternativo, basicamente porque engloba todos os outros [risos]. Non sabería dicir que estilo inflúe mais; ao final, cando compós cancións déixaste levar bastante e tampouco analizas de onde saen as cousas».
Falemos agora de influencias, a quen admira Battosai á hora de compoñer? Alguén en particular que nos poida sorprender?
Nolo Chazo: «Tomamos como exemplo ás bandas máis míticas da MTV, Nirvana, Silverchair, etc., aínda que tamén nos serven de exemplo bandas nacionais como Kannon».
Héctor: «Tamén miramos de preto a bandas máis actuais que están a renovar a escena do rock, como por exemplo BALA, Agoraphobia, Cala Vento, Viva Belgrado, Gyoza... penso que había tempo que non había propostas tan interesantes. E ben, tamén unhas boas cumbias non poden faltar».
Un ano despois da vosa creación debutades con Cuánto tiempo (2019), un single gravado e mesturado por Iago Pico en Pousada Son (Ames). Que vos empurrou a entrar en estudio, a materializar a vosa música por vez primeira?
Nolo: «As ganas de acadar o noso [propio] son. Aínda que procuramos soar ás nosas bandas referentes, gustaríanos ter o noso propio son, que a xente ao escoitar a intro dunha canción diga “Coño! Os Battosai!”. Ao igual que pasa cando escoitas a Billy Talent ou a The Offspring».
Héctor: «Tiñamos moitas ganas de ter unha carta de presentación como banda para ensinarlle á xente a nosa proposta antes de embarcarnos nun proxecto máis ambicioso, como foi o noso primeiro disco».
Da enerxía nostálxica de Cuánto tiempo pasamos ao son directo e contundente de 12:21 (2020), o voso segundo sinxelo que, a diferenza do primeiro, foi gravado no voso local de ensaio e producido por vós mesmos. Por que recuperar o DIY (Do It Yourself)? Como afectou este ao voso son?
Nolo: «Pois foi toda unha experiencia; apenas temos material profesional e a idea... a xustiña! Só que ninguén como nós sabe como queremos soar, aínda que, como dixemos antes, nos faltan medios. Con todo, foi unha experiencia moi guay cun resultado máis que satisfactorio».
Héctor: «Pódese dicir que soa a Battosai nun local de ensaio; apetecíanos vivir esa experiencia e aprendemos moitas cousas de como nos mola soar».
Entre estes dous primeiros sinxelos hai un ano de diferencia, por que escoller o formato sinxelo en vez de, por exemplo, agardar e publicar un EP?
Nolo: «Digamos que son como pequenos adiantos do que é o noso primeiro traballo; preferimos ir adiantando pequenos estalos antes do estouro final».
Héctor: «Ademais deunos tempo de seguir madurando as composicións e o noso son».
Fostes gañadores do Xuventude Crea 2020 por Cuánto tiempo e “Deixa xa de molestar”. Que supuxo este recoñecemento para os inicios da vosa carreira?
Héctor: «Sentir que estamos a facer as cousas ben e que a xente se dá conta diso».
Nolo: «Por suposto, polo menos no ámbito galego! Fíxonos moita ilusión poder participar e gañar un certame dese pau».
Vides de lanzar Battosai (Spinda Records, 2021), a vosa posta de longo! Unha colección de dez temas orixinais que falan sobre o desacougo xeracional, enerxías vitais cargadas de ansias, oportunidades extraviadas e miradas cálidas de realidade. Canto teñen de autobiográfico e canto de, digamos, ficción?
Héctor: «Pois 50% biográfico, 50% ficción [risos]. A ver, tal e como eu o vexo, son temas bastante universais, polo que a todos nos ten pasado nalgún momento (e a min tamén, por suposto!). Entón creo que é bastante fácil que a xente se poida sentir identificada nese sentido».
Ao fío, como adoita ser o proceso creativo? Escribides a letra para despois compoñer a música, veñen primeiro os acordes ou, como bos galegos, depende?
Héctor: «Normalmente procuramos unha progresión de acordes e una melodía de voz que nos enganche; despois é cando se fai a letra. Para nós, a música é o máis importante na banda, a letra é a guinda do pastel.
Logo hai casos como o de “6 AM”, no que a estrofa xa estaba feita dunha canción que nunca se rematou... aquí non se tira nada [risos]».
Adiantabádelo con “Idiota”, un corte que tira ao hardcore melódico, un emocore que representa unha sensación de angustia existencial. Foi premeditado, como resposta a un confinamento, a unha pandemia global?
Héctor: «Máis que premeditado foi premonitorio, porque ese tema xa estaba composto desde antes da pandemia. Pero a verdade é que encaixa moi ben para toda esta situación que estamos a vivir».
“Mentira” marcaba o voso último adianto antes da saída á venda do LP o pasado 1 de outubro; o máis directo, acelerado e cargado de melodía e forza a partes iguais ata o de agora. Seguindo a liña da pregunta anterior, é esta a actitude coa que Battosai afronta a «nova normalidade», musicalmente falando?
Héctor: «Por suposto; sabemos que a situación é a que é, pero nós imos facer todo o que poidamos para presentar o noso traballo e tocar en todos os sitios que se poida».
O LP está gravado, producido e mesturado por Santi García, e masterizado por Víctor García, nos recoñecidos Ultramarinos, estudio convertido en templo para calquera músico que se prece. Como foi a experiencia?
Nolo: «A experiencia foi a hostia! Estivo moi guay ir en pleno confinamento ata a Costa Brava e coñecer peña guay como Santi. Tamén é verdade que fomos na mellor das compañías con Gus e Deivi. Foi unha gran excursión.
A parte técnica estivo moi ben tamén. Á parte de ir a un estudio referente cun técnico do melloriño da escena estatal, o feito de estar tan lonxe da casa axuda a que te centres no traballo que estás a facer. Nin quedas con colegas, nin andas a recados, nin de curro en curro. Vas para o que vas».
Héctor: «Ademais, Santi gravou a peña como Berri Txarrak, BALA, Cala Vento, Gyoza ou Viva Belgrado. Estar no mesmo sitio que esas bandas... pois a verdade é que é como estar nun parque de atraccións comendo algodón de azucre».
Ademais de estar dispoñible nas principais plataformas streaming, Battosai publícase nun formato físico limitado —cedé, vinilo negro e vinilo vermello translúcido— especialmente coidado. Por que apostar por unha edición física cando o consumo dixital non fai máis que medrar?
Nolo: «Xa que todo o mundo escoita a música por Internet, queda máis bonito no andel un vinilo cun cedé [risos]».
Héctor: «E porque co dixital non dá para financiar discos [risos]».
Un sorriso adolescente e un Kojak comparten protagonismo na portada, con fotografía de Santi Pajón. Que representa?
Héctor: «Esa foto fíxose hai 13 anos nunha noite de verán; forma parte dunhas fotos que fixo Santi cando tiñamos 15 anos e a vida era máis doada. Un par de meses antes da saída do disco falamos desas fotos e ocorréusenos utilizar esa para o disco. É o noso amigo Abel, que vén moitas veces aos concertos a axudarnos a montar e a subministrar boa cervexa».
Os vosos temas inéditos “Auténtico” e “Entiéndeme” formarán parte do Split #10 de Grados. Minutos. Segundos (Spinda Records, 2021), un recompilatorio que convida a descubrir bandas do máis fondo do underground estatal. Cóntadenos máis!
Héctor: «Cando falamos con Berto, de Spinda Records, para editar o noso primeiro disco tamén nos propuxo participar neste proxecto, e por suposto apuntámonos de cabeza! Así que “Auténtico” e “Entiéndeme”, ademais de ser dúas palabras esdrúxulas, son a nosa achega a esta iniciativa única no panorama estatal».
Este verán subistes a algún que outro escenario, que sentistes ao volver ás táboas? Que poderemos agardar dun directo de Battosai? Algunha vindeira data que poidades revelar?
Héctor: «Pois a verdade e que tal e como están as cousas desfrutámolo mogollón. Nos nosos concertos intentamos desprender toda a enerxía que podemos e transmitirlla ao público».
En canto a datas, estamos aínda a pechar a xira, pero podemos adiantar que en outubro temos dúas datas pechadas: o 22 en Santiago de Compostela, no Mo_Cidade que se fai na Cidade da Cultura; e o 29 na Krazzy Kray de Cambados».
Nese DeLorean que mercastes para escapar deste mundo HD, viaxar no tempo e traer ao presente a música de vosa infancia... a quen subiriades?
Héctor: «Pois traeriamos a Kurt Cobain para que nos fixese outro discazo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Nolo: «Unha das bandas que están currando a tope é DOEN, uns colegas da Illa de Arousa. Fan unha movida moi currada, con sons atmosféricos e harmonías moi rebuscadas. Moi recomendables!».
Héctor: «A min flípanme Turbo Kraks, posthardcore “del bueno”. Aquí en Galicia non hai nada igual».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Nolo: «Na miña de todo, desde Mastodon a La Yegros, Charlie Parker, Blowfuse... na variedade está o gusto, e se é variedade sen gusto, polo menos tes onde elixir [risos]».
Héctor: «Na miña tamén, e ultimamente Spotify recoméndame cousas random como pop dos 2000 porque estiven escoitando “A Thousand Miles” de Vanessa Carlton, e hardcore polo último disco de Turnstile».