LOS ETERNOS: «SONORA TIVO TEMPO MÁIS QUE DABONDO PARA REPOUSAR E ASENTARSE ATA CHEGAR A SER O QUE É»
Dunha «noite calquera» hai case 20 anos, á eternidade; duns inicios marcados polo rock e polo garage a facerse un oco no panorama estatal do country e do americana. No seu particular deserto, entre balas de rock and roll clásico e country puro, Los Eternos levan anos afiando o seu son e puíndo as súas letras, ás que minuciosamente lles sacan brillo como se fosen un revólver a piques de ser desenfundado.
Composta actualmente por Chewis (guitarra, coros), Cudi (voz, guitarra), Torres (baixo, coros), Álvaro Lamas (pedal steel guitar) e Adrián (batería), a banda pasou por varias etapas, un parón e mesmo foi parte dun par de proxectos paralelos, pero sempre soubo que ían volver como Los Eternos. Logo daqueles Vientos solitarios (Cascaballo Records/Ferror Records, 2019) do seu regreso, chega Sonora (Milana Música/Ferror Records, 2021), un novo traballo discográfico onde os de Cedeira se alzan como uns auténticos cowboys do rock and roll.
Foto © Martín Prada
A creación de Los Eternos remóntase a «unha noite calquera» de 2003, a unha mestura do rock and roll clásico e country puro. E, aínda que houbo cambios na formación, como lembrades as vosas orixes como grupo? E, individualmente, o voso primeiro contacto coa música?
Chewis: «Protoplosmios foi o primeiro grupo que tiven eu xunto a Paco Rufus e Javierito cando aínda eramos uns nenos. Tocabamos con paus e latas, e a guitarra era un anaco de madeira ao que atabamos unas cordas ata que conseguiron unha guitarra vella que non sabiamos que tiñamos que afinar. Xa na adolescencia comezamos Cudi e máis eu a tocar xuntos; chegarán os Reboiras, Studebakers, Malos Tragos, Rock-a-hulas e Os Maruxa —banda que tivo moita repercusión na escena underground, chegando a fichar por Subterfuge Records e facendo moitos concertos por salas de todo o país—.
Xa daquela falaban de formar un grupo baixo o nome de Los Eternos, que toma forma polo 2003, data na que Torres, peza fundamental na banda desde entón, entra como baixista. Nos nosos inicios como Los Eternos faciamos rock e garage, e sacamos dous discos autoeditados.
Para facer un concerto na Sala Universal (Cedeira) preparamos un repertorio con versións de Johnny Cash, Willie Nelson, Kris Kristofferson, clásicos do country, cun toque cañero e actual. Todos nós escoitabamos ese estilo e gustabamos dos clásicos do country e tamén das bandas que bebían deles, e como a cousa funcionaba, e en Galicia apenas existían grupos deste estilo, comezamos a compoñer temas propios. Foi así tomando forma o Back on the Road, editado e distribuído por Warner Music Spain, no que colaborou xa Álvaro Lamas, que finalmente quedou na banda.
Álvaro Lamas é un clásico do panorama musical; Alvarito é música e, como todos sabemos, leva toda a vida dedicado a tocar, estivo sempre cos mellores. Adrián, o actual batería, acaba case de chegar á banda, aínda que xa o coñeciamos de tocar con el nun grupo que temos varios amigos en Cedeira (Os Ardecasas) cos que facemos un par de concertos ao ano, coa única intención de pasalo ben no escenario e facer desfrutar á xente que vén a vernos».
Logo dun par de maquetas, debutabades con Back on the Road (Warner Music Spain, 2010); así, ao grande: distribución internacional e 11 nomeamentos aos Premios da Música. Esperabades tal acollida?
Chewis: «Sempre dicimos que foi o punto de inflexión da banda. O patrocinio de Warner fixo que moitos medios de comunicación reparasen no disco e na banda, e iso nos fixo máis visibles no panorama musical. A verdade é que obtivemos moi boas críticas de medios especializados; foron momentos moi bonitos e que lembramos con moito agarimo, pero vímonos obrigados a parar por circunstancias laborais de Torres, que nese disco era a voz e o baixista do grupo».
Tres anos máis tarde, o guitarrista e compositor australiano Chris Masuak chega ás vosas vidas e comezades unha carreira na que «suades rock and roll», cruzando a meta cun vinilo de 7”. Que achegou Masuak a Los Eternos daquel entón?
Chewis: «Los Eternos nunca deixamos de traballar, e sempre soubemos que o noso parón viña obrigado por determinadas circunstancias, pero sempre coa vista posta nun retorno. Como non nos gusta estar parados, aproveitamos ese tempo para facer colaboracións con outros músicos.
Coñecemos a Masuak por casualidade, nunha churrascada que organizamos en Cedeira á que veu coa súa muller. Nós sempre fomos fans de Radio Birdman e aínda que xa levabamos tempo suando rock and roll, tocar con el, facer unha xira, e gravar un disco foi, ademais dun reto, unha satisfacción».
Despois da «Experiencia Masuak», algúns de vós —Cudi, Chewis e Marcos Sánchez— dades forma un novo proxecto xunto a Carla de Figueredo: The Hellbuckers. Que vos levou a crear un proxecto de rock & soul en vez de, por exemplo, explorar este estilo con Los Eternos?
Chewis: «Los Eternos foi desde sempre o noso proxecto máis persoal e polo que apostamos desde que se formou a banda, e nada ten que ver co tipo de música que fixemos con The Hellbuckers. Xa levabamos tempo falando con Carla de facer unha colaboración con ela, que finalmente tomou forma ao estar daquela máis libres. A verdade é que foi unha banda que tivo tamén moita repercusión, e os dous traballos que presentamos tiveron moi boa acollida».
Vientos solitarios (Cascaballo Records/Ferror Records, 2019) chegou despois dunha década de silencio discográfico e con dous cambios principais: o idioma, pasades do inglés ao castelán; e o son, pasades do country a un que coquetea sen vergoña coa americana. Por que e por que daquela?
Chewis: «Como xa dixemos, e aínda que desfrutamos moito con todos os proxectos nos que estivemos inmersos, sempre tivemos presente a nosa volta; así que en canto puidemos tomamos a decisión de presentar ese novo traballo, no que, mirando cara aos nosos orixes, retomamos o castelán e a Cudi na voz.
Para nós este traballo foi unha continuidade do iniciado con Back on the Road. Apetecíanos volver ao castelán, idioma que nos permite máis marxe para expresarnos, facendo que os temas se sintan máis pretos. Vientos solitarios foi unha evolución natural con respecto ao traballo anterior, pero sen abandonar de todo a esencia do country clásico.
A verdade é que non foi algo premeditado encamiñarse cara ao americana, todo veu rodado. Simplemente os temas que foron xurdindo eran máis íntimos, máis melancólicos, con predominio das melodías, harmonías, e tanto os arranxos da steel de Álvaro como os das guitarras máis coidados; as letras pasaron a ocupar un lugar moi importante, xa que aínda que sempre as coidamos ao máximo, ao ser en castelán o traballo é máis intenso, pois tentamos escapar do fácil á hora de contar as nosas historias. Supoñemos que tamén inflúen as circunstancias de cada un e, sen lugar a dúbida, a música que por aquel entón escoitabamos cada un de nós».
Vides de lanzar o voso novo traballo, Sonora (Milanamúsica Records/Ferror Records, 2021), que ve por fin a luz despois de «meses de duro traballo nunha situación de pandemia na que tivestes que reinvertarvos». Sobrevivistes... pero de que xeito? Ata que punto afectou a crise sanitaria ao desenvolvemento do álbum?
Chewis: «Cando estabamos presentando Vientos solitarios xa comezaramos a traballar nos novos temas. Queriamos sacar un novo traballo en 2020, de feito xa presentaramos un adianto en novembro do 2019, “Dioses en la pared”. A chegada da COVID botou ao traste á nosa idea e tivemos que atrasar ata agora a publicación do álbum.
Antes da pandemia tiñamos moi claro cara a onde ía o noso novo traballo e despois da obrigada parada, aínda máis. Tivemos tempo dabondo para preparar o disco aínda que algúns dos temas foron “vítimas” dalgún que outro cambio, e tamén caeron outros ante a aparición dalgunha novidade que encaixaba máis no álbum. Sonora tivo tempo máis que dabondo para repousar e asentarse ata chegar a ser o que é. Así que, cando chegamos por fin ao estudio de gravación, sabiamos exactamente o que buscabamos e pensamos que o conseguimos, resta por saber se ten a acollida que esperamos e desexamos!».
Sonora trascende da americana e abraza o pop, o country alternativo e mesmo o western. Seguides, pois, afondando na evolución que comezastes en Vientos solitarios?
Chewis: «Pois si, con Sonora apostamos por manter a senda do americana pero tendo sempre presente o country clásico, xa que é noso referente. É verdade que desde Back on the Road tivemos unha evolución, quizais influenciados pola música que escoitamos. O country abrangue unha gran diversidade de estilos, pasando polo rock, folk, western e mesmo o pop, e nós non renegamos de ningún!
Sonora é un disco más eléctrico, árido, máis “fronteirizo”, que nos transporta desde a música da costa oeste estadounidense ata o rock máis texano. As melodías e harmonías seguen a primar, e seguimos a mimar os arranxos e as letras, aínda que as guitarras collen máis presencia sen roubarlle protagonismo á steel do mestre Álvaro Lamas».
Desde o voso debut traballades as letras xunto a Arantza Navarrete; como adoita ser este proceso creativo conxunto?
Chewis: «Con Arantza empezamos a colaborar en Back on the Road. A nosa relación facilitou que nos axudase coas letras en inglés e, a partir de entón, foi converténdose nunha máis do grupo e unha peza clave á hora de poñer letras aos nosos temas.
Sempre dicimos que Los Eternos, ademais dun grupo, somos unha familia na que non só estamos os rostros visibles; a boa conexión e a complicidade que todos e todas temos facilita o traballo e o que se ve no resultado final.
Á hora de traballar con Arantza, unha vez que temos feito o tema trasladámoslle a idea que temos e o que nos fai sentir a canción; a partir de aí, ela dálle forma aos textos tentado trasladar o noso sentir á letra do tema. Ás veces dámoslle algunha idea de algunha estrofa ou retrouso para que traballe a partir de aí. A verdade é que despois de tantos anos xuntos é moi doado traballar con ela, apenas fai falta indicación algunha. De cando en vez temos algunha rifa por poñer ou quitar algunha palabra ou frase, pero ao final sempre chegamos a un acordo».
Os retrousos son emoción e sentimento; as cancións, nostalxia envolta nun carácter atemporal. Que, ou quen, inspirou esta sensación, digamos, de saudade que escoitamos ao longo do disco?
Chewis: «A melodía en si, a música, é a que inspira o tema, a historia a contar. Cada un de nós imprime o seu carácter e, evidentemente, as súas influencias musicais están presentes en cada composición. Cada tema agocha unha pequena historia; é como é un proxecto conxunto, vai medrando e tomando forma ata que finalmente acadamos o resultado que a todos nos satisfai».
Foto © Martín Prada
Todas as cancións que recolle Sonora son orixinais agás “Inexorable”, adaptación de “One Hundred Years From Now”, composta por Gram Parsons para The Byrds. Que ten esta canción para ser a escollida para adaptala?
Chewis: «Parsons tal vez sexa o músico americano que máis nos influíu ao longo de todos estes anos, e tiñamos claro que máis cedo que tarde iamos facer unha adaptación dun dos seus temas.
Ademais de ser un dos nosos referentes, Gram foi un namorado do deserto; para el era un lugar máxico a onde fuxía na procura de si mesmo. De feito, cumprindo os seus desexos, cando morreu, os seus compañeiros da banda roubaron o seu cadáver para queimalo no seu adorado Joshua Tree, e celebrar a súa morte en estado de embriaguez como seu amigo lles pedira.
Nosa adaptación comeza cun chamamento ao inexorable tempo, que pasa sobre os mortais sen posibilidade algunha de paralo, e que nos fai pensar no insignificantes que somos na inmensidade do deserto que ás veces é a nosa propia vida. Iso é o que para nós simboliza a canción de Gram Parsons, pero esa é a nosa interpretación cando nos adentramos no noso particular deserto.
Xa vén sendo unha tradición! Nos tres últimos discos incluímos unha adaptación dun dos nosos músicos de referencia: en Back on the Road foi Hank Williams, en Vientos solitarios foi Ian Tyson e en Sonora foi a quenda de Gram Parsons».
A peza que lle dá título ao disco é completamente instrumental, menos un par de uhs-ahs cara ao final. Para vós, que fai que unha peza pida letra ou non?
Chewis: «Para nós a orde dos temas é importante. Tiñamos claro, e estivemos de acordo desde o principio, que o tema instrumental tiña que pechar o disco. “Sonora” non precisa de verbas, soa por si mesma e reflicte todo o que queriamos transmitir no disco.
Debiamos “pechar o círculo”; poñerlle punto final ao traballo sen interferencia algunha, só música e, como dis, un par de uhs-ahs sen significado algún, pero que imprimen forza ao tema coa intención de que cadaquén teña total liberdade para interpretar o traballo que aí remata».
Entre a estética da portada, o título, esa «noche de los muertos» que canta “El vals de los quebrantos”, seica hai moito México en Sonora, non?
Chewis: «A verdade é que si. A idiosincrasia da cultura mexicana é moi próxima á galega. No corte “El vals de los quebrantos” falamos da morte como a viven naquela cultura, como unha celebración da vida e do amor que transcende á eternidade. Este xeito de enfrontarnos á morte está moi arraigado no nosa cultura galega, que obviamente está moi presente en todo os compoñentes da banda».
Ao fío, a portada, con ilustracións de Esther Stramb, semella chea de simboloxía: o voitre, un ollo cun raio, un compás... agochan algún significado especial?
Chewis: «Coñecemos a Esther nunha xira por Euskadi hai uns anos e, despois de ver a súa obra, a verdade é que quedamos prendados, xa que é unha artista extraordinaria.
Cando pensamos no deseño do disco, decidimos falar con ela para ver se se animaba a facer a portada, xa que os temas encaixaban co seu estilo. Foi falar con ela e xa aceptou no momento.
Esther coñece a nosa música e apenas fixo falta dicirlle nada, xa que sabía exactamente o que queriamos. O resultado fala por si mesmo, para nós é unha obra de arte feita por unha gran artista».
Foto © Martín Prada
O traballo publícase baixo o selo estremeño Milanamúsica Records e o ferrolán Ferror Records, que nace co propósito de dar saída as propostas musicais e culturais desde a militancia e a autoxestión. Como xurdiu a alianza discográfica e como está a ser a experiencia?
Chewis: «Todo foi unha fermosa casualidade, unha das poucas cousas fermosas que nos regalou a pandemia. Xunto con Óscar Avendaño, e para amenizar o confinamento, acordamos que el faría unha versión de algún dos nosos temas, e nós dun tema seu. Aritz [Sertucha], amigo de Óscar de hai tempo, escoitou a versión que el fixera e, a través da mesma, acercouse ao noso traballo e sorprendeunos cunha fermosa versión de “Déjame entrar”; nós devolvémoslle o agasallo e a partir de aí todo veu rodado.
Uns meses despois forxouse Milanamúsica Records e ao pouco tempo xa nos propuxo editar Sonora, sen escoitar ningunha peza. Foi unha aposta persoal coa que estamos eternamente agradecidos e moi ledos por forma parte da familia Milana, xa que é moi fácil traballar con eles, pois non poñen máis que facilidades, apoio e respecto absoluto ás nosas decisións e traballo. Desde entón temos unha magnífica relación tanto con Aritz como con Milanamúsica.
Algo parecido sucede con Ferror Records, somos amigos desde hai anos, moito antes de que xurdise o selo, e sempre que podemos intentamos colaborar conxuntamente en todos os proxectos.
É unha sorte estar rodeados e contar co apoio de xente tan valente como a que forma parte de Milanamúsica e Ferror Records, xa que nestes tempos tan convulsos crean un selo para apoiar ás bandas nacionais e a cultura musical».
Presentastes o traballo en SalaSon (Cangas), «a vosa segunda casa». Logo de tanto tempo sen poder subir a un escenario, como foi a volta ás táboas, tendo en conta que volviades con novo disco?
Chewis: «Simplemente BRUTAL, aínda que había moitos nervios por volver subir a un escenario e máis presentando disco, sumado coa sensación de que por un par de horas o mundo parouse e volvemos ser os de sempre.
Elixir Cangas para presentar Sonora non foi fortuíto; tiñamos moitas ganas de devolverlles a entrega, a amabilidade coa que nos tratan cada vez que vamos a SalaSon. Levamos moitos anos indo a Cangas a tocar e todas elas tratáronnos como uns máis da familia, por iso sempre dicimos que é a nosa segunda casa.
Ademais, parece que ese día os astros alienáronse, xa que era o primeiro día que se permitía asistir aos concertos de pé. Unha noite inesquecible!».
Foto © Martín Prada
Se de vós dependese que algún músico, compositor ou grupo fose «eterno», a quen escolleriades?
Chewis: «Difícil elección… na que non conseguimos poñernos de acordo! Para Cudi sería o Rei, Elvis. Para Torres o home de negro, Johnny Cash. Eu decántome por Joe Strummer, Álvaro polos Beatles, e Adrián por John Bonham».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Chewis: «Tamén difícil resposta, e pedimos perdón de antemán porque seguro que esquecemos a moitos artistas que de seguro escoitamos e que merecen recoñecemento. Tirando para casa, non podemos deixar de recomendar á nosa Guadi Galego, e tamén o novo proxecto de Carlos Abal con Moel.
Que dicir de The Soul Jacket, cos que xa compartimos xira fai un tempo. Noso irmán do sur de Galicia, Óscar Avedaño, Sanny, que anda agora por Vigo e do que proximamente teredes noticias con nós. Non podemos esquecer a Aritz Sertucha, que aínda que vive fóra de Galicia, sinte morriña por esta terra na que naceu e á que regresa sempre que pode.
Poderíamos seguir nomeando artistazas, como Carolina Rubirosa, etc., pero sería un non parar!».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Chewis: «Courtney Barnett, Cristina Vane, Adrianne Lenker, Iron and Wine, Lucas Nelson».
Álvaro: «The Beatles e Poco».
Cudi: «Brent Corbb, Vincent Neil Emerson, Bruce Robinson, Zephaniah Ohora, Wilco, Jason Isbell, etc.».
Torres: «Supersuckers, The Hellacopters, The Byrds».
Adrián: «James Brown, Mike Ness, Alabama Shakes, Charles Bradley».