• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

EL CONTRABAJO. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 24

EL CONTRABAJO. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 24
30 OUTUBRO 2021

Sen restricións de capacidade e con ampliación do horario de apertura, as salas tocan a volta á normalidade coa punta dos dedos; o que significa que estamos a un sábado menos de que a música ao vivo tamén se poida volver desfrutar como antes. Mentres, deixámosvos unha nova entrega de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.

 

 

EL CONTRABAJO

Vigo tivo a sorte de contar cunha sala como El Contrabajo, un referente galego xa non só da música en vivo, senón tamén do panorama musical do jazz e do blues. Os seus concertos ao vivo semanais e as súas librarías repletas de libros viaxeiros foron seus cuños persoais. Ubicado na rúa Venezuela, abriu as súas portas en 2006 e pasou por diversas mans, sempre en pé, conservando o seu espírito e mesmo logrando acadar o Premio Martín Códax á Mellor Sala en 2019. Se ben a súa personalidade se forxaba en torno ao jazz, outros xéneros como rock, pop ou reggae tamén tiñan cabida no Contrabajo, xa unha lenda da música galega e de Vigo. Saúde, cubalibres e rock ’n' roll!

 

Facebook: https://www.facebook.com/elcontrabajovigo

 

 

 

 

MOON CRESTA

Con xa máis de 20 anos de traxectoria musical, esta banda viguesa formada por Manu «Doble L» (guitarra), Manu Ares (batería), David «Mr. D.» Vázquez (voz, teclados) e Antón F. «Piru» (baixo), soborda rock e acción por todas partes. Baixo o lema «power & funk»sacaron xa catro discos, mais a súa verdadeira esencia emana cando soben ao seu ecosistema por excelencia, o escenario; dos seus directos fan esta promesa: «haberá baile, suor e xúbilo!» Tras dúas décadas en escena, a Moon Cresta segue a gustarlle experimentar e evolucionar. Para eles, estancarse non é unha opción. Veñen de recoller o Premio Martín Códax da Música na categoría Rock!

 

 

 

VÍCTOR COYOTE

Entrou no mundo da música pola porta grande nos 80, en pleno boom da Movida, co seu grupo Los Coyotes, presentando un primeiro estilo punkabilly, que logo substituirían polos ritmos latinos. Renovarse ou morrer é un dogma para Víctor Coyote. En 1992 o tudense comeza a súa carreira en solitario e, desde aquela, transitou os camiños de numerosos estilos: funk, música brasileira, electro rock, power pop, glam folk, etc. A súa proposta musical desmárcase de todo esquema tradicional, mantendo a súa esencia e logrando crear un selo persoal sólido.Por se fora pouco, tamén é ilustrador, escritor e, ocasionalmente, actor. Todo un home polifacético e curtido no mundo das artes.

 

 

 

LOS NAIPES

Un cuarteto curtido no rock, o blues e «outras malas artes», dispostos a demostrar o seu dominio sobre o escenario cada vez que montan unha das súas timbas. O grupo confórmano excompoñentes de bandas tan simbólicas como Siniestro Total ou The Soul Jacket: Andrés Cunha (baixo), Mauro Comesaña (batería), Óscar Avendaño (harmónica, guitarra, voz) e Toño López (voz). Nos seus concertos se poderá desfrutar de versións de cancións de iconas como Johnny Cash ou Neil Young, entre outros moitos! Está claro que non lles fai falla ser un full de ases para reinar na escena musical, estes catro naipes son unha maza gañadora.

 

 

 

AAF’ 60

Este trío formado por Alberto Cunha (guitarra, voz), Rafael «Feluco» Otero (batería) e Andrés Cunha (baixo), naceu en 2016, pero todos eles xa contaban cunha gran traxectoria por separado, compartindo escenario e cartel con grandes grupos galegos. AAF’ 60 crease coa intención de facer un percorrido pola mellor música pop das décadas dos anos 60 e 70, tanto a nivel estatal como internacional, facendo versións e mesmo engadindo algúns arranxos en clave de humor. Todo iso se pode desfrutar nos seus directos, onde rememoran esa mítica música coa clase que caracteriza ao grupo.

 

  noticias