• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

N.E.O: «‘PUNTO DE NO RETORNO’ É MÁIS DIRECTO, MÁIS ESCURO, MÁIS CRU»

N.E.O: «‘PUNTO DE NO RETORNO’ É MÁIS DIRECTO, MÁIS ESCURO, MÁIS CRU»
1 NOVEMBRO 2021

Hai só un par de anos que presentaban o proxecto, e facíano coa premisa de «seguir a facer o que nos gusta». Hoxe, veñen de publicar o seu segundo disco, ademais de recoller o Premio Martín Códax da Música na categoría Metal. Seica a N.E.O ese «facer o que lles gusta» —entre nós: música— se lle dá demasiado ben. Liderada polos exmembros de Los Suaves Alberto Cereijo (guitarra) e Tino Mojón (batería), xunto ao Diego P. Castro (baixo) e a voz de Pedro Regueira, a banda galega de hard rock demostra, unha vez máis, que está aquí para quedarse.

Punto de no retorno (Maldito Records, 2021) é o seu novo álbum; unha colección de dez cortes que, ademais de amosar unha evolución desde o seu anterior disco, prodigan virtuosismo en todos os seus elementos, con amálgamas e brillantes seccións instrumentais que elevan os temas a outra dimensión sen perder un ápice de enerxía.

 

 

 

N.E.O foi fundado en 2003 por Alberto Cereijo (guitarra), Tino Mojón (batería) e Diego P. Castro (baixo), sobre as cinzas de ECO, ao que máis tarde se uniría Pedro Regueira (voz). Cal foi o xermolo do proxecto e que obxectivo procurabades ao crealo?

Diego P. Castro: «O proxecto naceu porque, unha vez rematado o proxecto de ECO, seguiamos tendo ganas de tocar xuntos e os temas seguían a xurdir. Foi algo natural, sen máis obxectivo que seguir a tocar e a facer a música que nos saía».

 

Por que o cambio de nome e por que este acrónimo en inglés (Near Earth Object)?

Diego: «O cambio de nome foi por unha cuestión bastante prosaica: Roberto, o vocalista de ECO, tiña rexistrado o nome.

O acrónimo é un termo astronómico. É como se chaman os asteroides próximos á órbita terrestre. Cando estabamos buscando nome para o grupo tiñamos moitísimos candidatos, pero algo que tiñan en común os que nos gustaban era que estaban relacionados con termos científicos e astronómicos, e preferentemente nomes curtos. Tamén nos gusta que neo- significa “novo”, para indicar que era un cambio de aires, novidade... O feito de que se lle poidan buscar varios sentidos é algo que nos rematou de convencer aos catro».

 

Alberto e Tino compartiron filas durante moitos anos en Los Suaves, banda da que foron unha parte importante. Que hai de Los Suaves en N.E.O?

Pedro Regueira: «Está claro que tendo en conta que o 50% de N.E.O formaba parte de Los Suaves, a presenza de elementos comúns é innegable. Cada un achega o seu, tanto en Los Suaves como en N.E.O, e, se os señores son os mesmos, está claro que hai partes do son de N.E.O que poden chegar a sonar “familiares”».

 

 

Alberto e Tino por unha banda, e Diego e Pedro pola outra, sodes de diferentes xeracións. Que credes que achega esa relación interxeracional ao voso son?

Diego: «Musicalmente non vemos que haxa moita diferencia interxeracional; temos os mesmos referentes musicais, escoitamos grupos parecidos. No persoal, si que temos diferentes experiencias vitais, que sempre enriquecen, e fan que o ambiente de traballo sexa sempre moi agradable e construtivo».

Pedro: «Creo que lle aporta riqueza e un certo punto de “diversidade”, aínda que se falamos de “influencias musicais xeracionais”, ao final pode ser que Alberto escoite cousas máis modernas que Pedro...».

 

Como foi a gravación do voso álbum debut, Objeto cercano a la Tierra (Maldito Records, 2019)? Porque temos entendido que non tocarades xuntos antes ao vivo...

Diego: «Penso que non influíu no proceso de gravación o feito de non ter tocado xuntos; levabamos os temas moi traballados do local de ensaio.

Outra cousa diferente é que cando empezamos a ter os primeiros bolos, xa vimos que a sonoridade dos temas se dirixía cara a outro lado, e iso foi o que intentamos replicar na gravación de Punto de no retorno. Nos concertos de presentación que imos facer por Galiza —e que imos anunciar en breve— poderedes comprobar que o son do disco está moito máis próximo ao directo do que estaba o primeiro».

Pedro: «Para min foi toda unha experiencia, xa que era a primeira vez que gravaba nun estudio profesional; todo o que fixera antes foran “maquetas” en home studios. Foi unha grande aprendizaxe, como o foron todas as primeiras veces” ao carón destes monstros».

 

 

Entre a colección de temas que o compoñen, escoitamos unha versión de “Land of Confusion”, orixinal de Genesis. Que ten esta canción para incluíla no debut?

Pedro: «Gústanos facer covers de temas que ao mellor non están moi próximos ao noso estilo; darlles a volta, poñelos “co de dentro para fóra” e darlles unha interpretación persoal. Facer algo así como: “como soaría este tema se fose noso?”».

Diego: «Os catro temos uns gustos bastante similares no referente aos grupos pioneiros do rock progresivo, así que temos a Genesis como un referente. A historia deste tema é que xa o tiñamos gravado con letra en castelán, que ten unha temática moi na liña das letras do resto do noso disco, cando nos chegou unha notificación de que non nos concedían permiso para editala coa letra traducida. Polo que tivemos que gravala de novo a toda présa para que dese tempo á saída do disco; decidimos que xa non tiña sentido levala dentro do set list, que era mellor metela como bonus track.

De todas formas, nos nosos concertos seguimos cantándoa coa nosa versión da letra, así que se queredes escoitala, teredes que vir a un deles!».

 

 

 

Vides de lanzar Punto de no retorno (Maldito Records, 2021), que chega logo de dous anos de moito traballo, «accidentes de bici»... e, engadimos, unha pandemia. De que xeito afectou esta ao desenvolvemento do disco?

Diego: «Estabamos a piques de entrar no estudio de gravación cando se decretou o estado de alarma. Así que, o que ía xa a un bo ritmo de produción, de súpeto se paralizou en seco. As datas previstas de publicación fóronse dilatando e nunca era un bo momento para sacar nada; todo eran complicacións, e iso facía que o estado anímico non fose o mesmo que cando todo vai segundo o planeado. Pero houbo que botarlle profesionalidade e oficio para sacar o disco adiante sen que todo o persoal influíse no artístico; pensamos que o resultado foi bastante satisfactorio tendo en conta todo o sucedido.

Afortunadamente, semella que xa estamos chegando ao final e que se poden volver a facer concertos con certa normalidade».

Pedro: «A pandemia pillounos entrando pola porta do estudio, como quen di, e retrasouno todo. A gravación espazouse moito e os temas maduraron e maduraron e maduraron. Penso que se o disco saíse cando tiñamos pensado, sen pandemia, sería un disco moi diferente. É imposible que a pandemia non afectase á interpretación que cada un fixo no estudio de gravación; penso que imprimiu un carácter especial nos temas.

Nunca saberemos se ese hipotético disco sen pandemia sería mellor ou peor...».

 

 

Unha intro, oito temas propios e unha bonus track é o que podemos atopar en Punto de no retorno. Como lembrades o proceso creativo, a composición e o arranxo dos temas?

Diego: «Non temos un método estandarizado para facer os temas. Algúns parten dunha estrutura musical de Alberto e lle poñemos letra Pedro ou eu. Outros, levo eu un esquema básico da música, pero chegados ao local de ensaio participamos todos no proceso de darlle forma, cambiar partes de sitio, engadilas ou quitalas, facer algún cambio nos textos... É algo conxunto que fai que, aínda que o xermolo dos temas veña dunha ou doutra parte, todos temos parte de culpa no resultado final».

 

A diferenza do traballo anterior, neste escoitamos dúas pezas instrumentais, “Horizonte de sucesos” e “Sagitario a*”. Por que incluír agora temas só cos instrumentos como protagonistas?

Diego: «Non foi algo demasiado planificado; pareceunos que o disco precisaba unha intro instrumental e entre Pedro e Alberto a armaron no estudio. E “Sagitario a*” tiña unha parte con letra que no último momento decidimos que non achegaba melloría ao tema, que funcionaba perfectamente de xeito instrumental. É algo que sucede con todos os temas do disco, fixemos o que nos parecía que os temas pedían, sen pensar en estruturas ou formas predeseñadas».

 

 

Ao longo do álbum recoñecemos as vosas influencias do hard rock máis clásico, pero diriamos tamén que coqueteades moito co metal e un chisquiño co rock progresivo. Como describiriades vós a música?

Diego: «Eu estou encantado con esa descrición que acabades de facer, pero se teño que poñer unha etiqueta simple, diría que somos un grupo de hard rock. Aínda que a realidade é que facemos o que nos sae, sen pretender buscar ningún estilo determinado».

Pedro: Eu diría que somos un grupo moi ecléctico. Cada un ten as súas influencias, algunhas moi diferentes entre si, pero mesturamos todo na pota, poñémola ao lume, engadimos un pouco de apócema máxica, e sae o que sae!

Podemos dicir que facemos o que queremos, sen poñernos barreiras estilísticas, e somos felices facéndoo».

 

Cales diriades vós que son as vosas influencias?

Pedro: «Pois como dis, o hard rock clásico está presente, pero tamén o metal máis moderno, ou o rock progresivo. Todo o que escoitamos nos inflúe, xa sexa de maneira consciente ou inconsciente».

Diego: «A min me inflúe todo! Gústame escoitar todo tipo de música, de todo se aprende. Pero no noso ámbito sempre me fixei nas bandas de rock nas que o baixo ten un papel máis destacado, como poden ser Led Zeppelin, Deep Purple, Iron Maiden, Red Hot Chili Peppers, Rage Against the Machine, Audioslave... Dos actuais escoito moito a Mastodon e Tremonti, tanto en solitario como con Alter Bridge».

 

De novo, pechades o álbum cunha versión, “Synchronicity II”, orixinal de The Police. Quere dicir isto que se vai converter en norma nos vosos futuros traballos?

Pedro: «Comezou por accidente... pero vai camiño de converterse en tradición».

Diego: «Despois da experiencia con “Land of Confusion”, decidimos gravalo directamente en inglés para non enredar e que nos volvese pasar o mesmo. Pero non sabemos se seguiremos a gravar temas dese estilo ou non, preferimos non levar ningunha idea preconcibida de que facer ou deixar de facer. Se hai un tema que funcione, gravarémolo. É algo que nos gusta facer, pero non nos imos obsesionar con buscalo a propósito».

 

 

Ao fío, por que escoller temas de rock progresivo ou new age para versionar e non hard rock ou metal? Xa tedes algún outro en mente, algún que vos apeteza especialmente versionar?

Pedro: «Como dixen antes, gústanos coller temas que, a priori, non encaixarían co noso son e traelos a el, darlles o noso estilo e noso xeito de interpretalos. Algo temos pensado, pero vai ser sorpresa!».

 

As vosas letras falan de temas sociais, como “Demasiado tarde”, “Neolengua” ou “Norte”; pero tamén de temas máis existenciais, como, por exemplo, “Terapia”. Como elixides a temática? Procurades algún equilibrio entre o actual e o universal?

Diego: «Pola miña parte, as temáticas das letras están a bulir dentro da cabeza, algunhas durante anos, e chega un momento no que atopan un lugar por onde saír, por atopar unha música ou unha melodía coa que encaixan ou porque de repente van encaixando as frases, e as estrofas van tomando forma.

De novo, non nos fixamos en se temos demasiados temas intimistas e hai que facer algún de temática social. É algo que vai xurdindo, e se funciona vai para adiante, e se non, pois se cambia. De feito, un dos temas do disco, “Sin red”, comezou cunha letra máis introspectiva que non remataba de gustarnos; cambiamos algúns versos que lle deron un carácter máis combativo e, de súpeto, todo encaixaba moito mellor».

Pedro: «Pola miña, todo depende da inspiración do momento. Un non pode elixir que vai ser o seguinte que vai escribir... Simplemente sae... Ás veces pola inspiración da música, ás veces porque acabas de ver unha nova na tele que te marcou».

 

 

Punto de no retorno foi gravado entre Estudios Planta Sónica 2 (Vigo) e Pouland Studios (Ames, A Coruña), e producido por Alberto. Como é telo ao outro lado? De que xeito se retroalimentan ambas facetas, a de músico e a de produtor?

Diego: «Non podo falar por Alberto, pero ter no grupo ao produtor —e a un produtor tan bo— é moi cómodo, porque sempre está buscando darlle ese punto aos temas que os fagan brillar. Tamén debo dicir que como produtor é o máis esixente co que traballei nunca, pero ao traballar con el dáste conta de que o altísimo nivel de esixencia que ten contigo é o mesmo que o que ten para si mesmo».

 

Agora, cos dous traballos na man, que diferenzas e similitudes atopades entre ambos?

Pedro: «Creo que son dous traballos que se complementan moi ben. É certo que o primeiro disco, gravado antes de ter saído a tocar en directo, pode pecar de “ambicioso”; este segundo é máis directo, máis escuro, máis cru. De feito, creo que despois de escoitar o segundo disco con detemento, se pode chegar a apreciar moito máis o primeiro».

Diego: «A diferenza é sobre todo na sonoridade, xa que cando entramos a gravar Punto de no retorno xa levabamos uns cantos concertos xuntos, e xa sabiamos a que soabamos cando saiamos a tocar; intentamos plasmar iso no disco e penso que nos aproximamos bastante.

No estético, procuramos darlle unha certa continuidade, tanto na parte gráfica coma na compositiva, xa que hai varios temas que se compuxeron á vez que algúns de Objeto cercano a la Tierra, só que desta volta soubemos atoparlle o seu oco (ou tivemos máis tempo para buscarllo!)».

 

 

Por que o título? Está N.E.O, efectivamente, nun punto de non retorno, musicalmente falando, ou é doutro tipo?

Pedro: «Ao fin e ao cabo, todos estamos nun punto de non retorno. O mundo está nun punto de non retorno... Pode ser... Pode ser que alguén pensase que N.E.O era un proxecto caduco, cun único disco, algo así como un pasatempo para os seus membros, e con este segundo atravesamos ese punto para dicir que estamos all in, que imos con todo e que de aquí non imos marchar».

Diego: «Buscabamos un fío condutor que conectase en certa forma este disco co anterior e, seguindo cos conceptos astronómicos, pensamos nun buraco negro. O punto de non retorno é o lugar na órbita dun buraco negro a partir do cal nada pode escapar, nin sequera a luz, que tamén se chama horizonte de sucesos.

Estivemos valorando os dous títulos pero, aínda que o segundo podería ser máis evocador, o primeiro dá lugar a que a xente poida darlle outras interpretacións, o cal tamén nos gusta moito. Por iso os dous temas instrumentais do disco teñen nomes relacionados cos buracos negros: un é “Horizonte de sucesos” e o outro “Sagitario a*”, que é o buraco negro do centro da nosa galaxia.

Curiosamente, despois de decidir o nome do disco, decatámonos de que todos os temas poderían levar o título de “Punto de no retorno”, xa que, nun sentido ou noutro falan dun momento no que, por motivos propios ou alleos, xa non hai volta atrás».

 

Cando presentabades N.E.O, hai xa un par de anos, afirmabades que a vosa pretensión era seguir a facer o que vos gusta. Seguides a manter ese mesmo espírito?

Pedro: «Por suposto! Tal e como están as cousas, se o que fixésemos non nos gustase, non seguiriamos, pero somos felices, facemos o que nos gusta e como nos gusta, así que...».

Diego: «A proba é que sacamos un segundo disco. Moitas veces chanceamos nós mesmos con que se non nos gustase o que facemos, quedariamos na casa. Facemos a música que nos sae, sen pretensións, e se hai algo que non nos convence, intentamos darlle voltas ata que lle atopamos o sitio ou o momento. Pero nunca temos en mente: “imos facer isto ou aquilo porque seguro que á xente lle gusta máis”; se non nos parece algo natural, non vai ir para adiante».

 

 

 

Como músicos que xa levades moito tempo nisto, como vedes a evolución da industria musical, coas novos formas de consumo, coa alza do dixital e, á vez, a «volta» do vinilo…?

Pedro: «A aparición das plataformas dixitais cambiou por completo o panorama. As vendas de formatos físicos son mínimas e o retorno monetario do formato dixital para os autores é irrisorio. Hoxe en día, para un artista novo sacar discos é unha ruína. Si, é certo que Internet supón unha gran vantaxe para darse a coñecer, pero o mercado está tan saturado que a maior parte da xente que escoita playlists prefabricadas de Spotify se perde unha inmensidade de proxectos interesantísimos.

Para un friki como eu, o vinilo é o formato perfecto; coa súa carpeta, as súas portadas grandes, e a mística do erguerse, sacar o disco da carpeta e poñelo, baixar a agulla, escoitar o pum e empezar a escoitar a música... todo un pracer. Pero frikis non hai moitos...».

Diego: «Nós tamén pensamos que estamos a vivir un cambio de paradigma, pero que a quen lle vai afectar en maior medida é máis á industria musical que ao labor dos músicos. Non sabemos como vai acabar a cousa, se se volverá de novo a publicar singles en lugar de discos completos, se os hábitos de consumo de música cambiarán... pero ao final, seguro que non vai funcionar nada se non está alguén compoñendo e tocando ao outro lado do altofalante».

 

O que está a retornar, malia que lentamente, é a música ao vivo, aínda con restricións de capacidade, protocolos, máscaras... Como o estades a levar? Que podemos agardar dun concerto de N.E.O? Algunha data próxima que nos podades revelar?

Pedro: «Levamos desde xaneiro do 2019 sen dar ningún concerto, así que xa podedes imaxinar as ganas que temos, a necesidade que temos dese intercambio de enerxía co público. Estamos desexando subirnos a un palco! Podemos adiantar que o vindeiro 7 de novembro estaremos tocando en Oviedo, e proximamente anunciaremos unhas cantas datas por Galiza. Estade atentas ás nosas redes!».

 

 

O pasado mércores 27 de outubro fostes galardoados co Premio Martín Códax da Música na categoría Metal. Parabéns! Que se sinte ao traer a Melómana para casa?

Diego: «Graciñas, de verdade! Estamos moi contentos co premio; sempre gustan este tipo de recoñecementos e moito máis se é un premio como este, que está outorgado por compañeiros e compañeiras do mundo da música.

Parécenos tamén que foi un certame dun nivel altísimo en todos os proxectos finalistas, que calquera podía ter gañado e, na nosa opinión, ten máis mérito aínda. Ademais, non nos podía ter chegado nun mellor momento, co segundo disco acabado de saír e a piques de comezar a xira de presentación. Agardamos que este premio sexa un verdadeiro “punto de non retorno”!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Diego: «Penso que estamos nun momento en que están saíndo cousas en galego de todos os estilos posibles e de moita calidade; estou seguro de que calquera persoa pode atopar un grupo galego que lle guste. Pero se nos centramos en música algo máis próxima ao que nós facemos, paréceme moi interesante o que está a facer BALA agora mesmo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Pedro: «Eu non teño Spotify, pero na miña conta de Apple Music o último que aparece son os novos discos de Dream Theater e The Pineapple Thief, e algo de Whitney Houston».

Diego: «Pois eu uso Spotify sobre todo para descubrir cousas novas, escoitando diferentes listas de reprodución segundo o ánimo que teña no momento. Ademais de rock —ultimamente teño escoitado bastante Soen, Five Finger Death Punch, Intervals, á parte dos meus favoritos: Mastodon e Tremonti—tamén me tira bastante o country; o último que teño escoitado é Chris Stapleton, Larkin Poe e algo de Johnny Cash. E de música estatal gústame moito o último que teñen sacado Quique González e Morgan. Pero tede en conta que o meu Spotify tamén o usan meus fillos, así que ademais atopariades moito K-pop, openings de anime, unha selección de temas de Eurovisión e os temas máis usados en TikTok!».

 

 

  noticias