ATURUXO. DIRECTOS XACOBEO’21. VOL. 25
Sen restricións de capacidade e con ampliación do horario de apertura, as salas tocan a volta á normalidade coa punta dos dedos; o que significa que estamos a un sábado menos de que a música ao vivo tamén se poida volver desfrutar como antes. Mentres, deixámosvos unha nova entrega de Directos Xacobeo’21! Lembrade que as actuacións están divididas en capítulos (un por canción). Deste xeito, resulta máis sinxelo tanto acceder a calquera parte da gravación como saber exactamente que tema escoitamos en cada momento con só botarlle unha ollada á barra de progreso. Alén diso, no propio vídeo, aparece un rótulo co título ao comezo de cada tema.
ATURUXO
Desde o epicentro de Bueu, na zona das Lagoas, emerxeu hai xa máis de 20 anos un berro de alegría de mozos que segue a resoar na vila. A través de grupos musicais da zona estatal e internacional, mais tamén de propostas da mocidade local, o Atu —nome polo que os veciños de Bueu coñecen con agarimo a este local—logrou encher de música as noites dos bueuenses. Pero o Atu está aberto a todo tipo de expresións artísticas máis alá da música, desde presentacións de libros a exposicións de cadros. Conta ademais con sofás, futbolín, unha pequena biblioteca… neste lugar hai oco para diversas xeracións que gusten dun bo ambiente e unha ampla oferta musical, que vai desde o rock ao folk, pasando polo pop, entre outros xéneros.
Dirección: Pazos Fontenla, 59, 36930 Bueu (Pontevedra)
CUARTETO CARAMUXO
Pese ao seu nome, actualmente son un sexteto, composto por Felipe Agell (clarinetes requinto, soprano), Fernando Abreu (clarinete soprano, baixo, ontrabaixo), Marcos Padrón (acordeón), Óscar Prieto (clarinete soprano, baixo), Xoán Carlos Vázquez (clarinete soprano) e Xulia Feixóo (percusión). A banda, encargada de tocar música tradicional galega a través dunha perspectiva contemporánea, leva en activo máis de dúas décadas, extrapolando a música a diversos proxectos didácticos, teatrais, etc. Arrieiros somos (Nakra, 2015) foi o seu segundo e último traballo polo de agora, tras publicar en 2009 o disco Tiruriru (Falcatruada). Tamén contan cunha ampla colección de galardóns, comp por exemplo o María Casares de teatro en 2005, ou o Martín Códax na categoría Folk en 2014.
ENXEITO
Música funk onde as letras transitan os camiños do rap e mesturándose con sonoridades soul e pequenas reminiscencias rock e, mesmo, blues. Son Enxeito, unha banda con base en Bueu e cun son orixinal e fresco, formada por Adri (batería), David (voz), Marcos (baixo), Montse (saxo) e Óscar (guitarra e voz), os cales se lograron consolidar como banda en 2018, gañando popularidade e acadando unha gran conexión co público, o que lles levou a ter a cada vez maior presencia en festivais e salas.
VANDALLICA
Alá polo 2014, unha panda moi canalla decidiu arrexuntar os seus espíritos inquedos para render homenaxe á icónica Metallica. Logo dalgunhas variacións nas súas filas, froito da «mala vida» que se adxudican con moita sorna, a formación actual a compoñen: David Miguéns (voz, guitarra), José F. Fernández (batería), Pichu (baixo, voces) e Koldo Rivas (voz, guitarra). Encárganse de facer un throwback ás orixes da banda californiana, as que corresponden á súa época máis heavy. Tocando os seus maiores éxitos, non só recrean o son, os arranxos e a estética do grupo estadounidense, senón que tamén transmiten a mesma enerxía en cada concerto.