NOVOS LANZAMENTOS. OUTUBRO 2021
A banda coruñesa está de celebración, por partida dobre! Tregua vén de publicar o seu novo disco, Lo urgente es vivir (Maldito Records, 2021), que vén acompañado dun DVD ao vivo polo seu décimo aniversario no que participan 14 invitados do panorama estatal. Producido por Javi Sanmartín no estudio Sonido XXI, Lo urgente es vivir soa a o que ao que sinten, aos días nos que soñaban con el; un soño que o 15 de outubro se fixo realidade. Nove cancións, unha colaboración especial —Kutxi Romero—, un sinfín de lembranzas e, sobre todo, moito rock coroan o disco «que querían facer».
Aqueles Vientos solitarios (Cascaballo Records/Ferror Records, 2019) acadaron levantar areas de desertos musicais infinitos, debuxando un camiño aberto cara ao que, dous anos e unha pandemia despois, podemos desfrutar agora. Sonora (Milanamúsica Records/Ferror Records, 2021) é o novo traballo discográfico de Los Eternos, un longo no que a banda de Cedeira amosa a súa constante evolución; melodías en castelán, un son que trascende da americana e abrangue outros estilos como o pop, o country alternativo ou o western, e eses característicos acordes da steel guitar son un claro exemplo diso. Composto e producido por Los Eternos, con gravación e master de Víctor Gacio en Estudios Bajocero, o LP —e as súas dez cancións— baila entre coidadas harmonías e melodías, entre emocións e sentimentos envoltos en nostalxia, nun carácter atemporal que combina folk, raíces americanas e pop. De lírica brillante e instrumentación magnífica, Sonora alza a Los Eternos como uns auténticos cowboys do rock and roll.
Con la muerte di, Néstor Pardo
Lanzouno un domingo e presentouno un luns, na Sala Clamores (Madrid), xunto a Doug MacLeod. Dispoñible nas principais plataformas dixitais e nunha edición limitada a 300 copias en vinilo, Con la muerte di (Carajillo Records, 2021) é o primeiro 7” de Néstor Pardo. O músico coruñés presenta dous cancións crúas nas que nos descobre o seu lado máis sincero e introspectivo, máis íntimo. Desta vez, a voz esgazada de Pardo apóiase nunha afiada guitarra resoadora e unha antiga navalla, protagonistas do espectacular baile entre dedos en cordas; e para a Cara B, ‘La pena tiene su final’, colleu «prestada» a voz de Leticia Rey.
Por fin! Tres adiantos, e moitos meses de agarda, despois xa podemos desfrutar do primeiro longo de Battosai ao completo. O power trio de Santiago de Compostela publicaba Battosai (Spinda Records, 2021) o venres 1 de outubro. Dispoñible nas principais plataformas dixitais, ademais dunha edición limitada en formato físico (CD ou vinilo de 12”), o disco é unha regresión sonora aos noventa... guitarrazo a guitarrazo. A decena de temas que o compoñen son un claro exemplo da potencia que poden chegar a ter guitarra, baixo e batería cando o trío que está detrás deles amosa «a súa mellor versión». Riffs afiados e retrousos pegadizos destacan entre harmonías fondas e melodías cativadoras; letras que falan do desacougo xeracional, de enerxías vitais cargadas de ansias, de oportunidades extraviadas e miradas cálidas de realidade. Coa mesma forza que calquera outra tendencia noventeira, Battosai lévanos de regreso a esa época «onde o alternativo si era alternativo [...] onde os algoritmos non mandaban» e na que se confiaba nas recomendacións (e bo gusto) boca a boca.
Semina Rerum: Italian Baroque Violin Sonatas, Roberto Alonso Trillo, Aglaya González & Brais González
Gravado no Teatro Jofre (Ferrol) en xullo de 2020, o novo traballo de Roberto Alonso Trillo recolle veinte sonatas para violín e baixo continuo compostas por oito compositores italianos, entre os que se atopan Vivaldi, Geminiani ou Corelli. A maioría destes compositores eran tamén virtuosos do violín, exploradores e coñecedores do seu instrumento, como o é o músico vigués que, para este Semina Rerum: Italian Baroque Violin Sonatas (2021), contou coa viola de Aglaya González e o clavicordio de Brais González.
Y Da4s, Nüca
O mes pasado sorprendía cun split xunto a Legítimo Polvo e este faino con outra colaboración. O produtor galego estreaba o mes de outubro publicando Y Da4s (2021), sétima referencia da súa carreira en solitario, unha que xa o lanzou aos brazos do amplo abano da música club e electrónica. A que marca a súa segunda colaboración con Prinzedom recolle catro novas pílulas de claras influencias breakbeat e DNB, que Nüca executa maxistralmente a través de tempos e texturas. O tamén produtor Speed Gonzales acompañouno na produción, ademais de encargarse do mix e master, e no remix que pecha o álbum.
We Raised a Tower, Pálida
O seu último EP, Effects of Sunlight (2020), foi composto en 2017 e, por varias razóns, non viu a luz ata mediados do ano pasado; é por iso polo que dicía que, daquela, era un traballo que non acababa de representalo do todo. Con todo, no seu novo traballo, We Raised a Tower (Deep Different, 2021), Pálida catro cortes orixinais nos que a súa electrónica fía elementos do rock electróxeno e o shoegaze, algo de techno e, sobre todo, moita experiencia; a mesma coa que conxuga baile e emoción nos seus directos.
A pandemia colleunos na porta do estudio, entrando a gravar o que agora —por fin— é o seu segundo traballo discográfico, Punto de no retorno (Maldito Records, 2021). E, como un buraco negro, o álbum fai exactamente iso: atráenos e arrástranos ata o seu terreo. A banda galega de hard rock non só mostra unha evolución desde o seu anterior traballo, senón que, ademais de recoñecer as súas influencias do hard rock máis clásico, escoitamos tamén como N.E.O se aproxima ao rock máis progresivo. Dez cortes onde os riffs da guitarra vense arroupados por unha base rítmica contundente, composta por baixo e batería, sobre a que se constrúen unas letras comprometidas. Gravado entre Estudio Planta Sónica 2 (Vigo) e Pouland Studios (Ames, A Coruña), Punto de no retorno destaca polo virtuosismo dos seus compoñentes, cando se poñen ao servizo das cancións e aparecen así amálgamas de brillantes seccións instrumentais que elevan cada un dos temas a outra dimensión.
🎧 Sigue a nosa lista de novidades en Spotify!