• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TREGUA: «‘LO URGENTE ES VIVIR’ FALA DO TEMPO COMO VALOR PREZADO»

TREGUA: «‘LO URGENTE ES VIVIR’ FALA DO TEMPO COMO VALOR PREZADO»
8 NOVEMBRO 2021

Con máis de dez anos de traxectoria, centos de concertos e cinco traballos discográficos, Tregua é xa toda unha referencia dentro da escena rock estatal. Composta por Mario García (voz, guitarras), Rubén Rodríguez (piano, Hammond, sintetizador), Adrián Torreira (guitarras), David Ruiz (baixo, coros), Miguel Vieites (batería, percusión) e Iván Aguado (guitarra eléctrica), a banda coruñesa vén de presentar o seu novo álbum, Lo urgente es vivir (Maldito Records, 2021), nove cancións de emocións, sentimentos e, sobre todo, moito rock.

 

 

En vez de cun pan, Tregua naceu en 2009 cunha maqueta baixo o brazo, Nunca es tarde (2009). Pero como xurdiu a xuntanza previa, o xermolo do grupo?

Mario García: «Todos formabamos parte doutras bandas da cidade que quizais non nos terminaban de encher. Coñecémonos nos locais de ensaio, empatizamos ben e decidimos montar un proxecto común».

 

 

Esta maqueta lánzavos a xirar por máis de 60 escenarios dentro do territorio estatal, táboas que compartides con artistas como Rosendo, Sôber, La Fuga, Medina Azahara, Revólver e Barón Rojo, entre outros. Que supuxo para os vosos inicios esta experiencia, rodeados de «grandes» da música?

Mario: «Pois foi algo moi especial. Imaxínate, de tocar nunha escena local a pasar aos grandes escenarios acompañando a artistas que sempre escoitamos. Unha aprendizaxe moi positiva para a banda».

 

Xa no voso primeiro álbum, Luces y sombras (2011), contades con dous invitados especiais: Carlos Escobedo de Sôber e Pedro de La Fuga; dúas contribucións que sentan precedente no resto das vosas referencias. Como xorden estas colaboracións? Porque son xa unha tradición!

Mario: «Xorden de xeito espontáneo. A de Carlos xurdiu alí mesmo: estabamos gravando no seu estudio e saíu del participar en “Volver a sonreír”; a de Pedro xurdiu porque compartimos xira nese momento e fixemos esa canción xuntos [“Andar al revés”]».

 

 

Ao fío, ofrecédelles vós o tema ou o escollen eles?

Mario: «Penso que para facer una colaboración ten que existir unha relación previa de amizade; a partir de aí, se a canción gusta á outra parte, todo é máis doado».

 

Para o voso segundo álbum, Tregua (2017), recorrestes a unha campaña de micromecenado, vía Verkami, que acadastes pechar con éxito. Agardabades esta boa acollida?

Mario: «A verdade é que non sabiamos o que ía acontecer! Viñamos de pasar unha época dura por un problema contractual coa nosa anterior oficina, que nos tivo parados un tempo. Decidimos probar o mecenado para ver se alguén aínda se acordaba de nós... e foi unha pasada porque cumprimos o obxectivo en moi pouco tempo».

 

Este disco supoñía «o final da procura que toda banda se propón ao iniciar a súa carreira»: dez cortes que reflicten a música que sempre quixestes amosar. Como o definiriades vós?

Mario: «Supoñía un antes e despois por ese punto de inflexión para a banda, polo tanto, fixemos o que nese momento pensamos que era o mellor para a banda. Penso que é un disco moi completo, con moita verdade».

 

 

Musicalmente falando, quen diriades vós que son as vosas influencias? Algunha referencia en particular que nos poida sorprender?

Mario: «Nós escoitamos moita música, e de todo tipo. Non nos gusta moito falar de estilos porque moitas veces isto xera prexuízos que poden facer que a xente non chegue a escoitarte. Gústanos falar de cancións e niso centrámonos, en escoitar e facer cancións que transmitan, que emocionen».

 

O voso anterior traballo, Kilómetro a kilómetro (2018), é un recompilatorio para celebrar o voso décimo aniversario como grupo, eses dez anos de estrada que así é «como se forxan as bandas de rock»... e que máis? Na vosa opinión, que ten que ter unha banda de rock para manterse no tempo?

Mario: «A música é traxectoria, a iso referímonos; ninguén regala nada neste mundo e Kilómetro a kilómetro reflicte o traballo dunha banda durante dez anos, os mesmos tipos que arrincamos e toda a xente que se vai sumando a esta viaxe».

 

 

Por fin,o 15 de outubro publicabades o voso novo disco, Lo urgente es vivir (Maldito Records, 2021), que estaba previsto para hai dous anos, pero: a pandemia... De que xeito afectou a emerxencia sanitaria ao desenvolvemento do álbum?

Mario: «Afectou de fronte! Tiñamos todo listo para lanzalo ao rematar a xira conxunta que estabamos a facer con Gritando En Silencio mais a Desbandada e, de súpeto, o mundo detívose».

 

Porque notamos certa nostalxia, título a título: Para no volver”, Promesas olvidadas”, Agua pasada”... non?

Mario: «Conceptualmente é un disco que fala do tempo como valor prezado, que non podemos mercar, e da importancia de vivir o presente, o momento. En todas cancións está ese reflexo de “espabila, que a vida pasa moi rápido!”».

 

 

Á hora de compoñer, como adoita ser o proceso creativo? Veñen primeiro as letras sobre as que compoñedes logo a música, chegan primeiro os acordes ou, como bos galegos, depende?

Mario: «Eu comezo o proceso de composición recompilando ideas que vou anotando; a partir de aí voulles dando forma xunto coa melodía ata chegar a canción. Logo presento o tema á banda e xuntos traballamos nos arranxos e na produción».

 

 

Falando da composición en xeral e as cancións do disco en particular, que, ou quen as inspirou? Sodes dos que pensa que a inspiración vén ou é preciso saír procurala?

Mario: «Penso que compoñer non é algo que poidas aprender como se de un instrumento se tratase; é un proceso natural e ten que vir. Se o procuras, normalmente non ocorre nada. Por iso, cando escribes desde a verdade, as cancións chegan á xente de maneira especial».

 

«Lo urgente eres vivir»... poderiamos coller o título como unha declaración de intencións?

Mario: «Si, esa é a idea. Como dicía antes, aproveitar o momento, desfrutar do que se ten ou do que se é, sen estar pensando no que non tes ou desexando ser o que non es».

 

 

Na maioría dos vosos traballos contades con produtores de renome (Carlos Escobedo, Juan de Dios Martín, Fernando Montesinos, Bori Alarcón, Javi Sanmartín...), quen semella ter un peso importante tanto na creación e gravación do disco, como fóra dela. É así? Como adoita ser esa relación?

Mario: «Xogan un papel fundamental. Pensa que un produtor é a visión máis obxectiva dun traballo. A banda, despois de levar tanto tempo ao redor das cancións, perde a perspectiva do que lle pode ir mellor; por iso é moi importante o papel que cada un deles achegaron en cada disco».

 

Cinco referencias en máis dunha década de traxectoria, que diferencias e similitudes atopades entre o primeiro e o último disco?

Mario: «Moitísimas! A madurez da banda, o percorrido, a aplicación da aprendizaxe de ter a sorte de traballar con profesionais como os que mencionaches... unha evolución moi positiva para nós».

 

 

Estades de parabéns, por partida dobre! O novo disco vén acompañado por De puertas padentro (2021), un documental e un DVD en directo no que participan 14 artistas convidados, como Miguel Costas (Siniestro Total), Javi Maneiro (Heredeiros da Crus) ou Alberto Cereijo (Los Suaves, N.E.O). Como xorde esta idea? E por que o formato DVD, tendo en conta que as tendencias de consumo dixital están en alza, tanto para contidos musicais (Spotify, Bandcamp) como para audiovisuais (Netflix, HBO)?

Mario: «Logo de presentar o recompilatorio e ir todo tan ben, pensamos que materializalo nun DVD sería a guinda, así que puxémonos mans a obra e démoslle forma. Por que lanzalo? Porque somos uns nostálxicos que aínda valoramos o feito de ter ese formato físico na casa, esa lembranza, ese tacto que che dá un traballo ben feito».

 

 

A vosa xira Tocaremos hasta morir” deu o pistoletazo de saída o pasado venres, 5 de novembro no Garufa (A Coruña), para logo cruzar a fronteira cara Bilbao, Madrid ou Mayorga (Valladolid). Como estades a afrontar os concertos da «case-xa» normalidade? Que poderemos agardar dun directo de Tregua?

Mario: «Presentamos en primeiro lugar estas poucas datas a expensas de como ía ir todo, porque está claro que arrincar hai que arrincar, non podemos estar máis tempo parados. Confiando en que todo vai ir ben dentro desta seminormalidade!

No directo, a xente vaise encontrar cunha banda moi enérxica, que conecta co público desde a primeira canción».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Mario: «Hai que dar a oportunidade de ser escoitado a todas as bandas. A calidade das bandas está aí, quen cambia a situación dunha banda é a xente, por iso hai que escoitar ás novas bandas e apoialas ao máximo».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Mario: «Boa música, de calquera estilo, pero boa música seguro».

 

 

  noticias