GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2021. VOL I
Hoxe, penúltimo luns de 2021, comezamos repasar os Artistas e Grupos da Semana que pasaron pola nosa cabeceira. Agradecemos que compartiran o seu tempo con nós, non só a través dos acordes das súas composicións, senón tamén a través das teclas do ordenador, contestando a todas, e cada unha, das nosas preguntas.
Unha delas —non sempre a máis difícil de contestar— era: «se tiveras que escoller só unha canción da túa discografía, cal elixirías e por que?»; coas respostas fixemos esta listaxe na que, ademais, recordamos as súas verbas.
Iago Banet
Entrevista en galiciantunes (11/01/21): «Nunca me centro nun só estilo, gústame a mestura, expresar ideas de xeitos diferentes»
Iago: «Escoller unha é difícil, porque todas elas significan algo para min e, ademais, resúltame difícil xulgar o meu propio traballo porque iso é tarefa do público. Dito isto, se tivera que escoller unha supoño que escollería “A Sunset Wine” polo que representa na miña carreira; é a canción que lle deu título o meu primeiro disco e representa un momento que creo que todos necesitamos no momento actual.
A canción chámase así porque a escribín mentres tomaba unha copa de viño no xardín da casa na que vivía daquela, nun atardecer de verán. Creo que a canción captou ese intre e a melodía ten un pouco desa sensación de benestar e positivismo, exactamente o que precisamos logo de 2020».
Transilvanians
Entrevista en galiciantunes (18/1/21): «Somos uns amantes destos ritmos e seguidores da cultura xamaicana».
Transilvanians: «Esta custou moito, pero nos quedariamos con “1968” do noso novo disco Soulful Space (Liquidator Music, 2020). É imposible non mover o cú co seu contaxioso ritmo rocksteady e resume perfectamente a paixón que sentimos pola música sesenteira de Xamaica».
Nüca
Entrevista en galiciantunes (25/1/21): «Compoñer Niké foi como pintar un bodegón, pero a base de notas e ruídos».
Nüca: «Escollo “The Game” do Y Da4s, por incluír breaks de jungle en contraste con pads atmosféricos, trátase dun tema dinámico e relaxante ao mesmo tempo».
Ith
Entrevista en galiciantunes (1/2/21): «En Frear o momento tiramos cara a un estilo máis semellante, todos pilotamos nun mesmo sentido».
Ith: «“Aloumiños que festexan”, porque é o tema que presenta o novo disco —Frear o momento (2021)— e porque é tamén o primeiro tema que compuxemos coa actual formación desde a incorporación de Rama á banda».
Os John Deeres
Entrevista en galiciantunes (8/1/21): Cinzas, o EP que xorde de «remexer nas ascuas para prender lume de novo».
Os John Deeres: «“Rancor”, porque é o que máis representa os camiños que estamos experimentando».
dA Trío
Entrevista en galiciantunes (15/2/21): «Inmersión no baileiro cuántico é persoal, interior e exclusivo a cada oínte».
Narci: «“Balada dos vixiantes”, que é o terceiro corte do disco e que se está a revelar como unha fermosa historia que agora vai ser contada en formato de animación. Canto máis a escoito, máis vai madurando e madurando ben. Así que si, hoxe namentres dura o día, o tema é “Balada dos vixiantes”...».
Presumido
Entrevista en galiciantunes (22/2/21): «É bonito ver como podemos ler a historia da banda, y del mundo, a través de las canciones».
Tarci: «“D.E.P”».
Nacho: «“Los árboles nunca lloran (otoño)”».
trajedesaliva
Entrevista en galiciantunes (1/3/21): «A dor é o fío condutor non só do noso traballo, senón da experiencia».
trajedesaliva: «Ten que ser “Mamá es un animal morado”. É unha canción que o ten todo e mostra ben quen somos, na nosa vida e na música. Foi o tema que máis custou gravar de Ultratumba (2021), ao que máis tempo lle adicamos e no que tivemos a maior recompensa. Porque por riba dunha composición moi sólida xurdiron moitos momentos máxicos na gravación, despois de tentar moitas cousas distintas, moitas veces. Transmítenos tanta emoción e é algo tan persoal que nos custa moito non botar a chorar cada vez que a escoitamos».
Silvia Penide
Entrevista en galiciantunes (8/3/21): «Para min, esta profesión non é só un soldo; cantar é unha necesidade».
Silvia Penide: «“El Efecto Boomerang” con Víctor Manuel, polo que significou para min pechar así 2020 e porque é unha canción para “dicir adeus cando non queres dicir adeus, pero hai que facelo” e paréceme moi significativa para o momento que estamos a vivir».
Escuchando Elefantes
Entrevista en galiciantunes (15/3/21): «Creo que non somos músicos e, polo tanto, escribimos cancións; escribimos cancións e, polo tanto, somos músicos».
Escuchamos Elefantes: «“Valiente disonante” porque é a primeira canción de ¿Por qué siempre cantáis en inglés? (2021). É moi rotunda e dinámica, cremos que é unha boa introdución da banda. Un bo comezo :)».
Carmen Penim
Entrevista en galiciantunes (22/3/21): «Cantos de terra e sal era unha débeda coa miña xente, coa memoria da miña infancia».
Carmen: «Que dificilísimo! Se son todas os meus bebés…pero teño que mimar máis á meniña máis pequena, así que dígoche un tema de Cantos de terra e sal: “Aí vén o barco do mare”».
Guadi Galego
Entrevista en galiciantunes (29/3/21): «Todas as músicas reparan, unhas consolidan e outras rachan, algunhas doen e outras calman».
Guadi: «“Cedeira”, pola vida vivida e a que queda por vivir».
Cloaca
Entrevista en galiciantunes (5/4/21): «Os infraseres cos que cohabitamos son unha fonte de inspiración inesgotable».
Bento: «“Anormal”. Supoño que pola frescura do momento no que a gravamos, sen saber sequera o que queriamos facer».
Ray: «“Cavernícola” un pouco polo mesmo motivo. Hoxe segue a ser a que máis desfruto tocando en directo».
Tincho Fernán
Entrevista en galiciantunes (12/4/21): «Cara B xurdiu por facer algo diferente; é, sen dúbida o meu favorito».
Tincho Fernán: «Creo que a canción que hoxe en día elixiría é “Aprender a volar”, non é tanto polo persoal, pero esta canción fíxena para deixar a mensaxe de que se un quere, pode, de que ás veces acadamos o imposible. “Aprender a volar” de que hai momentos difíciles na vida, pero que moitas veces poden cambiar, e só depende de nós, lograr os nosos obxectivos ou simplemente ser felices co que temos.
Creo que é a mensaxe máis positiva e necesaria hoxe en día, o mundo necesita ser positivo ante esta crise mundial».
Garza
Entrevista en galiciantunes (19/4/21): «A música, como linguaxe universal que é, tampouco debería explicarse de todo».
Garza: «Escollería “Cravos”, foi a primeira grande canción de Garza, con esa voz de Manuel Seixas, non podo escoller outra de momento!».
Dioivo
Entrevista en galiciantunes (26/4/21): «Temos moitas ganas de volver subirnos ás táboas, aínda que estamos mentalizados de que vai ser moi diferente».
Dioivo: «“Lobishomes”, por ser a canción que pecha o noso álbum, que condensa boa parte das influencias e o estilo de Dioivo e da que ademais fixemos un videoclip, dirixido por Brais Gómez Salvador. Ademais, é das cancións que mellor resposta teñen cando as tocamos en directo, e xa se bota de menos facelo!».
Chicharrón
Entrevista en galiciantunes (3/5/21): «Unha fogueira intacta é unha mensaxe de amor e, polo tanto, de esperanza e vida».
Alberto: «Escollería “Outono de fíos eléctricos” porque é moi especial para min. Unha vez Alberto Gende pediume un título para un cadro que acababa de facer e non fun quen; era un cadro moi escuro e sentín unha intuición moi chunga, pero non conseguín poñerlle título. Anos despois estaba nunha praia de Portugal con Mara e Xoán á tardiña e, de lonxe, había unha tormenta, e sentín a mesma intuición que sentira ao ver o cadro. Ao chegar a casa escribín esa canción, que foi a primeira do disco».
A banda da Loba
Entrevista en galiciantunes (17/5/21): «De Xela encántanos o seu espírito transgresor, o xeito que tiña de entender a poesía e como debía ser lida».
Andrea Porto: «Aínda que podería ser calquera outra das do último EP, eu escollería “Denuncia do equilibrio”, polo ton animado e por ter sido composta neste mesmo ano, dedicado á figura de Xela. Porén, se tivese que quedarme cun tema de todos os nosos elixiría “Ti e eu”, porque teño un vínculo emocional moi forte con el por moitas razóns».
Inés Mirás: «"Morra o conto (versión con colaboracións)" por todo o que simbolizou para nós a experiencia de gravar en colaboración con tantas artistazas!».
Estela Rodríguez: «“Pepa”, por toda a historia que conta e o que simboliza para o noso grupo; é un dos nosos himnos e emocióname moito porque ten moita forza».
Marcela Porto: «É difícil escoller unha xa que depende moito do teu estado de ánimo no momento….Eu elixiría “Nunca ninguén”, xa que foi o tema co que pechabamos os primeiros concertos e ten un ritmo que da ganas de bailar, berrar e sentirse libres. Para min sempre foi un berro que me fixo moi feliz. E para cando estou melancólica, confeso que me sigue emocionando moito “Catalina”, pola historia que representa».
Xiana Lastra: «Eu quedaría con “Anagnórise” porque, ademais de ser no seu día unha homenaxe a María Victoria Moreno polas Letras Galegas, recolle dalgún xeito todas as vivencias e a evolución da banda durante a xira de “Bailando as rúas”. Foi un ano difícil pola esixencia de compaxinar os nosos traballos con tantas datas, habituarnos e coñecernos unhas ás outras ata o límite máis íntimo ao pasar tanto tempo xuntas, adaptarnos nos escenarios… Foi o ano no que máis medramos como proxecto e tamén no que nos convertimos en familia».
Peña
Entrevista en galiciantunes (24/5/21): «Amar é un proceso político, cada vez máis».
Toño: «“Bandeira”; creo que é a que mellor define o disco e o momento actual do proxecto».
Rubén: «“Bandeira”; desfruto moito tocando calquera tema de Peña, pero este creo que é o que me resulta máis emocionante».
Xurxo Fernandes
Entrevista en galiciantunes (31/5/21): «Galicia é máis mediterránea do que se explicita».
Xurxo Fernandes: «Escollo “Levaino!” porque é unha síntese dun concepto e dunha traxectoria».
crnds
Entrevista en galiciantunes (7/6/21): «A mestura entre electrónica e música tradicional deuse dunha forma bastante casual».
crnds: «“Inerte”, téñolle moito cariño a ese tema».
The Soul Jacket
Entrevista en galiciantunes (14/6/21): «Gústanos variar de estilo dentro dun disco, sen complexos».
Mauro Comesaña: «“People”, do disco Black Cotton Limited (2014). Non é a miña canción favorita, eu son unha persoa máis triste e sensible [risos], pero é o tema que máis tempo aguantou no nosos sets de directo... por algo será».
Fábrica de Espejos
Entrevista en galiciantunes (21/6/21): «Gústanos deixar a interpretación das palabras aos oíntes».
Isaac Ferreiro: «“Mundo Incierto”. Cremos que na actualidade, para unha escoita gravada, é a canción que mellor nos define como banda».
BALA
Entrevista en galiciantunes (28/6/21): «Seguimos quedando sorprendidas con todas as cousas incribles que estamos a vivir».
Anxela: «“Agitar”, polo que supuxo a estrea catro anos despois de Lume (Matapadre, 2017). É un tema moi importante para nós».
Os 23 artistas e grupos correspondentes ao segundo semestre, de xullo a decembro, publicaranse o vindeiro luns, 27 de decembro.