NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2022
La muda, Xackal
Logo dun primeiro ano frenético, Xackal tomou un longo descanso co obxectivo de «cambiar os procesos compositivos, interpretativos e produtivos». Deste necesario asueto nace La muda (Ferror Records, 2022), un novo traballo que rompe coas premisas do artista arousán en beneficio do propio Xackal, como o punto e final dun longo «proceso de posesión». Composto por catro cortes capaces de mergullarnos nos submundos máis escuros para acabar saíndo airosos e riseiros, o EP é un ambicioso labor que incorpora unha boa selección de músicos: desde as percusións e sintetizadores de Adrián Charlín (Garza) ata un asubiador solista ruso, frautas nativas americanas, sitares, laúdes, bouzoukis... De temática complexa, que reflicte «a vileza, o sarcasmo, a prepotenica e a vaidade» de Xackal, La muda convértese nun lugar onde a música é ritual, el é o xamán e a beberaxe deixará uns 20 minutos dunha paisaxe pintoresca e imposible. Ademais, deixa tamén un par de colaboracións de dúas grandes artistas vocais: Pura Mesura (Yolanda Pose) en “Altagracia”, e Ruth Abramowicz en “Mala esperancita”, que xa escoitaramos no sinxelo Bellezza (2021).
The Face of All Your Fears, Cochambre
Hai solo dous anos que debutaron con aquel Doom Über Alles (2020), xusto un mes antes de que o mundo parase; dese parón obligatorio, e o correspondente confinamento, xurdiu a idea e posterior materialización do seu novo traballo discográfico. Cochambre lanza The Face of All (2022) —titulado por un verso de ‘Blinded by Fear’, da banda sueca At the Gates— como tributo a algúns dos seus heroes. Gravado durante a pandemia, o longo recolle oito versións de trallazos de bandas míticas como Anthrax, Slayer ou Dead Kennedys, nunha selección onde o thrash e o death metal máis clásicos chocan con ese son «cochambre» tan característico.
A mala vida, Superoito
O último que escoitamos deles foi un EP de cinco cortes, gravados en ao vivo... en xaneiro de 2016. Desde entón pasaron xa máis de cinco anos —case dez desde que escribiron a súa primeira canción— pero Superoito está, por fin, de volta, e con novo disco! O venres 7 de xaneiro, a banda de Ordes (A Coruña) lanzaba “A mala vida” (2022), un LP composto por dez temas que chegan logo dun longo camiño, moitas horas de ruído, traballo e discusión pero, sobre todo, moitas alegrías. Gravado e mesturado en Cimática Studio por Mahí Ferradás (Broa), no longo conflúen experiencias vividas durante os últimos «case cinco anos» de vida da banda bañadas de punk rock alternativo; cancións nas que puxeron todo o seu corazón para tocar e soar mellor que nunca. Para bailar, para saltar, A mala vida son una decena de trallazos que procuran manter a ilusión daqueles primeiros días, a pesar das circunstancias.
Saudades, DOEN
Algúns afortunados —30 exactamente—puideron escoitalo antes, grazas á prevenda do formato físico que fixeron, xunto a Freddy Krueger e Chucky, en outubro. Pero agora xa está dispoñible para todos e, do mesmo xeito que as súas maxestades de oriente, a banda de Arousa deixou o seu novo traballo discográfico baixo a árbore das principais plataformas dixitais o 6 de xaneiro. Saudades (2022) recolle oito novos cortes que matizan e definen aquel metal alternativo que xa se podía albiscar no seu debut, homónimo. Para eles, Saudades é «unha metamorfose, un encerro, unhas penas e moitas partes dos DOEN» que abre o camiño cara a onde queren tirar como banda, con composicións frescas, máis duras e algo máis instrumentais, afastándose das estruturas tradicionais. El LP contou cunha morea de colaboracións, como Manuel Seixas, Santi Frutos, Xurxo Romero e Los Jinetes del Trópico, entre outros.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!