• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

ÁLVARO IGLESIAS: «O CONTRABAIXO É MOI VERSÁTIL E COA TÉCNICA PRECISA PERMÍTECHE FACER COUSAS MARABILLOSAS»

ÁLVARO IGLESIAS: «O CONTRABAIXO É MOI VERSÁTIL E COA TÉCNICA PRECISA PERMÍTECHE FACER COUSAS MARABILLOSAS»
14 FEBREIRO 2022

Da guitarra ao baixo eléctrico, deste —e pola «súa equivalencia no elenco acústico-sinfónico»— ao contrabaixo. Para Álvaro Iglesias (O Porriño, 1974), que roza os 30 anos enriba dos escenarios, o seu instrumento é case como unha prolongación máis do seu corpo. Gran parte da súa carreira como músico profesional pasouna acompañando a artistas como Carlos Núñez, Pancho Álvarez ou Anxo Lorenzo; ou formando parte e colaborando con grupos como TRES, Entre Trastes, Ardentía, SonDeSeu, Rodrigo Romaní ou, actualmente, TOR.

Pero o seu contrabaixo comeza a brillar por si mesmo co seu debut en solitario, Alma (Zouma Records, 2018), o primeiro disco na historia da música celta con este instrumento como solista; un álbum onde Iglesias defendía a singularidade e sonoridade que achega o contrabaixo ás nosas melodías tradicionais. Na súa nova referencia, Vagalume (Zouma Records/Inquedanzas Sonoras, 2021), o músico e compositor galego reafirma esa capacidade solista do contrabaixo na decena de pezas que o compoñen; dez pezas instrumentais que parten dun repertorio integramente galego e para as que, en ocasións, contou con Xosé Liz (bouzouki, guitarra acústica, frauta) e Luís Peixoto (mandolina, zanfona, bouzouki).

 

 

Con case tres décadas detrás do contrabaixo, poderíamos aceptar o instrumento case como unha prolongación máis do teu corpo. Como lembras os teus comezos na música?

Álvaro Iglesias: «Veño dunha familia moi musical en todos os sentidos, e de estar escoitando todo tipo de música desde que nacín, tanto en vinilos ou casetes como tocada ou cantada, o cal non significaba nada en especial para min, senón simplemente algo que formaba parte natural da miña contorna.

Cuns 9 anos comecei en clases de guitarra na escola, e xa máis de adolescente collía de cando en vez algún instrumento que andaba pola casa, basicamente para entreterme un ratiño tocando ou, mellor dito, tentando facelo por enriba da música de calquera disco que puidese estar a escoitar. Cando estaba a rematar os meus estudios de secundaria no instituto do Porriño, que de alí veño, se me cruzou dun xeito totalmente inesperado na miña vida a posibilidade de formar parte do grupo de folk rock TRES, unha banda formada naquel ano (1994) por compoñentes de Matto Congrio como Diego Bouzón, Isaac Palacín, Marcos Legazpi, ou, o artífice de tal arriscada fazaña de subir a un escenario cun baixo eléctrico a un rapaz de 19 anos que nunca se lle pasara pola cabeza ser músico, como foi Pancho Álvarez.

A partir de aí, co apoio e forte convencemento da miña familia, quedou atrás o meu camiño cara aos estudios universitarios e tomamos o da música profesional xa co contrabaixo. Comecei logo a miña “especialización” nas nosas músicas xa en máis en profundidade, aprendendo e tocando na casa cos mellores mestres posibles, como Os Alegres, Os Morenos, Os Campaneiros, Os Areeiras, etc., aos que tanto lles deberei por sempre. O mellor comezo na música que puiden ter neste sentido, e tamén no que se refire aos grupos que viñeron logo, como Arán, Pancho Álvarez, ou os concertos que fixen con Carlos Núñez presentando o seu primeiro disco».

 

Como describirías o contrabaixo? Sempre tiveches preferencia por este instrumento ou tocaches antes outras cordas... teclas, quizais?

Álvaro: «Como vos comentaba antes, comecei coa guitarra como actividade extraescolar cuns 9 anos, e adoitei logo o tocala sempre simplemente para pasar o rato. Grazas á actividade musical na casa, tiña certos instrumentos á miña disposición, entre eles o baixo eléctrico, que foi o que finalmente ficou comigo; co que tomei un primeiro contacto e aprendín a tocar a música galega que tanto me marcou naqueles primeiros discos de Na Lúa ou Milladoiro nos anos 80, e que fixeron de min gran parte do músico que son hoxe en día. Facía tamén cousiñas con outros instrumentos, aínda que a día de hoxe podo confesarme case puramente cordista de nacemento!

Cando comecei os meus estudos no conservatorio escollín, por equivalencia ao baixo eléctrico no elenco acústico-sinfónico, o contrabaixo. Foi un instrumento que nunha primeira toma de contacto visual me impactou, me impuxo un profundo respecto, o cal manterei intacto polo resto da vida e que considero fundamental para poder tocalo ben. É moi versátil (moito máis do que parece) e coa técnica precisa, a pesar da súa aparencia, permíteche facer cousas marabillosas e sumamente belas, sempre que o trates co cariño que precisa e respondas á súa exixencia, que vai a ser moi intensa sempre.

Describiríao, a partir do dito, como unha especie de ser non inerte especialmente sensible sen o que non podería amosar, transmitir ou vivir como o músico pleno que el acadou de min».

 

 

Gran parte da túa carreira como músico profesional pasáchela acompañando no escenario a artistas do talle de Carlos Núñez, Pancho Álvarez e Anxo Lorenzo, entre outros, cos que pisaches importantes festivais como o Festival do Mundo Celta de Ortigueira ou o Festival Intercéltico de Lorient. Hai algunha lección ou ensinanza que resuma estas experiencias xunto a eles?

Álvaro: «Moitas cousas podes aprender con músicos de tal nivel, cousas que formarán parte da túa personalidade e profesionalidade dun xeito natural, ademais, mesmo sen querer aprendelas, tanto dentro coma fóra do escenario.

Na miña experiencia traballando con algún deles aprendín algo que é fundamental para min, e que te define dunha maneira moi notoria ao meu entender: o saber sempre cal é o teu lugar dentro dunha banda, ter claro que é o que tes que facer, o que podes achegar, entender que ocorre en todo momento e saber adaptarte a iso. Cada grupo é distinto dos demais, aínda que estean dentro do mesmo tipo de música, co que o teu papel nunca vai a ser exactamente o mesmo».

 

Actualmente formas parte do grupo de folk céltico TOR, aínda que pasaches e colaboraches con outros moitos como Entre Trastes, Ardentía, SonDeSeu ou Rodrigo Romaní. Que diferenzas destacarías entre traballar en grupo a facelo en solitario?

Álvaro: «De súpeto, absolutamente todo recae sobre ti. Pasar a ser o único responsable do proxecto, ser o centro de atención fóra e dentro do escenario ou, por poñer un exemplo, no caso desta mesma entrevista, na que nalgún intre te das de conta de que a estás a facer ti só.

O traballo multiplícase por tres ou por catro, e debes saber que dirección vas tomar e cando, onde e como tomala. É totalmente distinto todo. Podes levar feitos unha infinidade de concertos que cando tes que facer o primeiro en solitario, este vai ser como se non contaran todos os anteriores; saes ó escenario case coa mesma tensión que tiñas na túa primeira vez! Pero logo, cando todo repousa, polo menos no meu caso, sentes que todo este traballo é do mellorciño que fixeches na túa carreira e quedas recompensado con creces».

 

 

Debutas en solitario con Alma (Zouma Records, 2018), o primeiro disco na historia da música celta no que instrumento solista é un contrabaixo. Na túa opinión, por que pensas que nunca ninguén antes o intentara?

Álvaro: «É un proceso no que penso que hai unha serie de cousas que son complementarias entre todas elas e que, ademais, deben darse conxuntamente nun momento dado; aínda que isto pode ir sucedendo tanto progresiva como simultaneamente no tempo.

No meu caso foi máis progresivamente, ao comezar moi novo a escoitar e tomar un lixeiro contacto instrumental coa música galega, ampliado logo cara ás demais músicas europeas do seu estilo como a irlandesa, escocesa ou bretoa, por exemplo. E anos máis tarde, ao estudar contrabaixo para logo ir integrándoo paseniñamente tanto no estudo especializado e no desenvolvemento da técnica precisa, como nos concertos en directo ou nas gravacións discográficas que se foron sucedendo.

Alma foi a primeira mostra e resposta a todo este proceso en solitario; a solidificación de complemento e conxunto da que falaba ao principio. Para poder tentar materializar algo como isto, primeiro teñen que darse esta serie de factores ou similares nun músico, e que simplemente non ocorrera con anterioridade con estas músicas».

 

 

Como é arranxar unha peza para acadar o equilibro que permita que o rexistro grave do contrabaixo leve a melodía? Porque na música celta e tradicional estamos acostumados a que a leven instrumentos con sons máis agudos, como a gaita, e a que, en xeral, o contrabaixo se ocupe máis do harmónico que do melódico. Ten algo que ver con iso que escolleras un contrabaixo de cinco cordas en lugar do de catro?

Álvaro: «Pois penso que o equilibrio principal está entre a tonalidade que escollas para tocar esa peza e a tesitura onde decidas facelo. Normalmente, cando non hai acompañamento do contrabaixo tes máis amplitude frecuencial para esa melodía, o que significa máis áreas onde poder tocala. Mentres que cando ese acompañamento aparece, ben como contrabaixo ou ben como calquera outro instrumento que puidese aschegar frecuencias similares, debes afastarte melodicamente cara a unha tesitura maior, precisamente para evitar que estas poidan coincidir e "pelexar" entre elas nun momento dado; o que provocaría unha perda de calidade tímbrica nalgún destes instrumentos, ou en ambos, segundo onde puidese ocorrer isto.

O ter unha corda máis aguda fai que este problema practicamente desapareza, e tamén, no camiño, achega o instrumento cara ás tímbricas máis familiares para nós nas melodías».

 

 

O contrabaixo adoita ser un instrumento que escoitamos en xéneros como a música clásica ou o jazz, pero o teu soa a trad e folk... Con Alma querías reivindicar a capacidade do contrabaixo como instrumento solista. Cres que acadaches, ou estás a acadar, o teu obxectivo?

Álvaro: «O contrabaixo xa desde un primeiro momento me encaixaba marabillosamente dentro da música galega e o folk en xeral. Pero falamos de tocar na casa sobre as sonoridades dos cuartetos galegos máis tradicionais, ou sobre outros grupos folkies de diversos estilos daqueles anos 80 e 90, algúns deles con baixo eléctrico, pero ningún con contrabaixo facendo as melodías.

As miñas dúbidas e temores xurdiron cando comecei a pensar en facer o meu primeiro traballo en solitario, xa que non tiña nin idea de que podería ocorrer cando mesturase, ao mesmo nivel, un contrabaixo melódico cos demais instrumentos que pretendía utilizar; ademais de pensar, xa nun futuro máis afastado, que resposta ía a dar o público ao que estaban a piques de escoitar. Nisto último non podería dar unha resposta de todo nítida, xa que considero que aínda é moi cedo para sabelo, pero si que as miñas dúbidas máis primitivas quedaron totalmente disipadas e me deron a tranquilidade e seguridade de continuar facendo traballos como ese, tanto ao vivo como en estudio, cara ao meu actual futuro e agardando que no afastado tamén».

 

Alma é un álbum instrumental, agás un tema: “Alalá do Pai Iglesias I”, no que escoitamos a voz de Xabier Díaz. Que fai que esta peza leve letra? Tendo en conta que lle segue “Alalá do Pai Iglesias II” sen ela...

Álvaro: «Esta primeira peza, que non podería estar mellor interpretada que por Xabier, en realidade deriva da súa segunda parte, que foi a que realmente compuxen como tema instrumental para o disco.

O seu desenvolvemento foime levando sixilosamente cara a unha primeira parte totalmente ad libitum, na que soamente precisaba que se escoitasen a dúas persoas; un diálogo cantado entre un pai e o seu fillo representados con esa fermosa sinxeleza. Será por sempre unha das pezas máis especiais que compoña na miña vida, xa non porque sexa un primeiro alalá cunha primeira letra, senón por estar dedicada á memoria do meu pai».

 

 

O teu segundo traballo discográfico, Luarada (ZinemusiK, 2020) é a banda sonora do filme homónimo, de Óscar Doviso, sobre o coñecido Lobishome de Esgos. Como afrontaches a súa composición, onde a música ten que completar as imaxes e os sons da película?

Álvaro: «Luarada é o primeiro filme feito sobre este personaxe que está baseado en feitos reais, en paisaxes reais, en localizacións, en vestiario... E en absolutamente todo o que vai nel, meticulosamente documentado baixo o asesoramento principal dos irmáns Félix e Cástor Castro Vicente, os maiores estudosos na causa contra o noso lobishome Manuel Blanco Romasanta.

En base a iso, foime relativamente sinxelo decidir que música e que tipo de instrumentación concreta querería para a composición da súa banda sonora, unha música que se integrase totalmente con toda esta realidade dos e das personaxes, da contorna ou da época na que se desenvolve toda esta historia. Fixen logo un pequeno recompilatorio de cancións tradicionais na área dos concellos de Esgos, Allariz e Vilar de Barrio principalmente, xunto cos seus instrumentos musicais máis característicos, utilizando tamén en varias ocasións a mestría dos meus queridísimos compañeiros de TOR, aos que considero parte importantísima nesta banda sonora.

Luarada atópase agora mesmo nun proceso de preparación para a continuidade da súa rodaxe, xa que do que estamos a falar é dunha primeira parte duns 37 minutos, cuxa montaxe se fixo especialmente coma un pequeno adianto para o peche do OUFF 2020. Do mesmo xeito que o disco desta banda sonora, dispoñible polo momento en formato dixital ata que se complete coa estrea do filme, cando posiblemente pasaremos a telo en formato físico tamén».

 

 

Estás a presentar o teu novo disco, Vagalume (Zouma Records, 2021), que chegou cun chisquiño de demora, algo propio destes tempos pandémicos. De que outros xeitos afectou a situación actual no desenvolvemento do álbum?

Álvaro: «Nun principio, o disco tiñámolo programado para que saíse a mediados do mes de novembro, pero a situación que vivimos cos problemas dos transportes nesa época fixo que nun primeiro momento chegase o 24 de decembro, e xa definitivamente con algunhas modificacións feitas por problemas coa fabricación, o 18 de xaneiro.

Foi no único que afectou, xa que respecto á produción foi todo sobre rodas; desde o proceso de gravación, no que os artistas invitados desde os seus propios estudios me enviaban todo moi ben feitiño e respectando, ademais, con certa exactitude os prazos de entrega das súas gravacións, ata o meu traballo máis intenso no meu estudio, onde todo ía tamén fluíndo segundo o previsto, pasando alí pechadiño practicamente todo o pasado verán, iso si!».

 

 

A decena de cancións que recolle Vagalume mestura pezas tradicionais con orixinais túas como, por exemplo, “Acuneiriña”. Á hora de compoñelas, que, ou quen, che inspira?

Álvaro: «Pois precisamente esta mesma peza foi composta expresamente para facer o meu terceiro videoclip na promoción de Vagalume, no Mosteiro de Carboeiro (Pontevedra). Tiña a localización, tiña tamén o formato clarísimo a dúo, tiña tamén pechada a data da gravación, pero aínda non tiña nin idea de que ía tocar.

Que me inspirou aquí? Pois unha das cousas que me axudou moitísimo foi a de situarme neste espectacular lugar, imaxinando a súa sonoridade e adaptándoa a un arranxo instrumental en concreto, como un dúo de contrabaixo e frauta no que ademais teño a inmensa fortuna de ter a Xosé Liz; o que fai tamén que, despois de máis de vinte anos tocando xuntos, sexa moito máis sinxelo compoñer algo que el vai tocar.

É como unha combinación de varias cousas dentro das que me sitúo mentalmente, tanto para compoñer coma para arranxar; dentro das que principalmente están os instrumentos e os instrumentistas, e o tipo de repertorio no que a peza se integrará».

 

 

Respecto ao repertorio tradicional, con cancións como “Xota de Riotorto” ou o “Pasarrúas dos Trintas de Trives”, como escolliches os temas?

Álvaro: «No caso en concreto da "Xota de Riotorto", xurdiu coa idea de facer un vídeo mentres estabamos confinados, previo todo isto ao comezo da gravación do disco, pero coa elección do seu repertorio xa iniciado. Propúxenlle logo a Pancho Álvarez facelo como dúo, simplemente para publicalo nas redes sociais e tamén porque, logo de ter formado parte da súa banda e ter colaborado reciprocamente nuns cantos discos, me facía unha ilusión enorme facer algo así xuntos e gardalo coma unha fermosa lembranza.

Non lle din demasiadas voltas a que tema sería o idóneo cando me decatei de como soaría esta fermosísima xota do repertorio de Florencio López, arranxada e dada a coñecer ademais por Pancho. Pasado o confinamento, deixei atrás a idea de que simplemente ficase como un vídeo para redes sociais e ambos acordamos que formase parte de Vagalume, e que fose el —quen mellor que semellante figura— o que fixese o arranxo definitivo tanto para o disco, como para un vídeo de promoción, xa coa produción do mestre Diego Bea Besada.

El foi quen máis tarde fixo tamén o "Acuneiriña" e o “Pasarrúas dos Trintas de Trives”, peza que técnica e timbricamente me funcionaba estupendamente e que, ademais, xa coñecía e adoraba de tocala con outra gran mestra, a miña querida Begoña Riobó. Decidín incluíla, ademais, por facer unha agarimosa deferencia á miña familia da Pobra de Trives, á que tanto queremos.

Partindo da mesma idea que Alma, quería que este Vagalume fose tamén un repertorio integramente galego e, en base a iso, fun traballando cancións que xurdiron de xeito espontáneo e outras que, de tanto escoitar a nosa música en todos estes anos, sempre me encandearon; e as fun gardando para repartir entre todos os traballos discográficos que poida chegar a facer. Temos moitísima música en Galiza para facer e por facer aínda!».

 

 

Nalgúns temas do disco escoitamos a Xosé Liz (bouzuki, guitarra acústica, frauta) e Luís Peixoto (mandolina, zanfona, bouzouki), que conforman a túa formación a trío. Como é traballar con eles? Que dirías que achegan aos temas, ademais dos seus instrumentos?

Álvaro: «Ás veces dígolles chanceando que tiña que volver gravar algúns temas de Alma soamente con eles dous! Son músicos excepcionais, músicos que entenden xa desde un primeiro momento o que queres e precisas, que sempre responden ás túas necesidades moi por enriba do que deles agardas e que fan que todo soe e encaixe dun xeito marabilloso e espectacular. Sempre saben estar no seu lugar, algo que para min é fundamental, sabendo en todo momento cando deben poñerse nun primeiro plano e cando volver cara atrás no momento preciso.

Ademais, ambos son multinstrumentistas, o que me dá moitísimas opcións de interpretación, cambios tímbricos, de posta en escena, dinámicas, etc., que fan que o propio concerto vaia fluíndo sempre por onde ti queres. Somos ademais tres grandes amigos que desfrutamos enormemente tanto nos escenarios como fóra deles; teño moitísima sorte de telos comigo. É como un broche final a todo este traballo dos meus últimos cinco anos e de seguro que este proxecto meu non sería, nin de lonxe, o mesmo sen eles».

 

O vagalume é un insecto coñecido por emitir luz na escuridade. Por que titular así o disco? Considéralo, dalgún xeito, como unha metáfora: unha luz (a música) na escuridade (a pandemia)?

Álvaro: «Desde pequerrecho sempre me fascinou este pequeno animaliño que habitualmente me provocaba as mesmas fermosas sensacións cando o atopaba, ou voando preto de min ou semioculto nalgún lugar do xardín da miña casa, onde acudía a collelo con todo o coidadiño do mundo.

Quixen titular así este álbum como se fose esa pequena luz que el leva, e que puidese transmitir un pouco as mesmas sensacións dentro de varios conceptos ou situacións como, por exemplo, esta tan horrible que tivemos que vivir ou, o que sería moi modestamente, o meu pequeno lugar co meu "estraño" instrumento dentro destas músicas».

 

 

Intérprete e compositor, pero tamén produtor e arranxista. Como se ve o traballo desde a outra cara da moeda? De que xeito se retroalimentan ambas facetas?

Álvaro: «Para min, a experiencia de todos os meus anos como acompañante de tanta xente é absolutamente crucial para poder logo desenvolver o meu traballo en solitario, independentemente do tipo que poida ser. Fixen varias composicións, arranxos e algunha produción nalgúns dos seus discos que completan e fan máis sólida esta experiencia e aprendizaxe profesional.

Sempre fun un músico que memoricei todos os repertorios que tiven que facer, precisamente para ter, ao meu entender, unha boa librería mental da que poder extraer no momento que precisase o que precisase. Con todo isto, as dúas facetas levan implícita unha reciprocidade total e fundamental e, simplemente, a diferenza á hora de facer un tipo de traballo ou outro está en saber que é o que debes facer; entendendo sempre como unha prioridade ao grupo ou a quen lle fas unha produción, composición ou un simple arranxo».

 

 

Tres anos, e unha pandemia, separan os tres álbums. Agora, con eles na man, que diferenzas atopas entre os tres?

Álvaro: «A BSO de Luarada, que como comentaba anteriormente aínda está por rematar, é un traballo moi especial que considero un tanto á parte dos outros dous, aínda que teña, obviamente, moitas similitudes dado que o músico principal é o mesmo.

Alma é un disco moi íntimo no que quixen dar todo o protagonismo ao contrabaixo, e onde os músicos invitados simplemente desen certa "cor" coa súa mestría nos momentos onde eu precisase diso. Quixen levar, salvo nun par de temas, o peso total dos arranxos das cordas gravándoas eu mesmo e facendo tamén todos os arranxos e composicións posibles. Era o meu primeiro traballo e sentín que precisaba facelo deste xeito.

Con todo, Vagalume foi outra cousa. Xa viña con dous traballos anteriores e non precisaba tanta intimidade nin demostrar nada que non fixera anteriormente. É un traballo moito máis distendido onde os invitados teñen todo o protagonismo que merecen, no interpretativo e no arranxístico, como Pancho Álvarez na "Xota de Riotorto" ou Xosé Liz no "Alalá/Vinde axiña", ademais de consignarlle todos os arranxos das cordas neste disco.

Quixera destacar dun xeito especial dúas das principais similitudes que existen nos tres traballos: o repertorio integramente galego e o meu inmenso agradecemento a todos os que me acompañan neles, que aínda por riba sei de boa tinta que o fixeron con absoluta implicación e con todo o seu cariño».

 

Os acordes do teu “Alalá de Pai Iglesias II” puxeron banda sonora ao spotO único xeito de apoiar a cultura é gozala’, da Consellería de Cultura. Que significou para ti que escolleran esta peza para a campaña?

Álvaro: «Lembrareino sempre como algo moi especial, principalmente polo que aquel spot significaba. O ser un tema elixido entre todos os temas de todos artistas galegos... pois xa o podedes imaxinar. É un tema, ademais, que significa —e significará— moito sempre para min. Encantadísimo e moi orgulloso!».

 

 

Despedías o 2021 nas Illas Canarias, no marco da programación de MAPAS 2021, un encontro coa actualidade creativa internacional a través da música en directo e demais disciplinas artísticas. Como describirías a experiencia?

Álvaro: «A experiencia foi espectacular en todos os sentidos. Tanto os músicos como os representantes que son convidados a ir teñen a oportunidade de reunirse a través dunha axenda (moi ben organizada) con todo tipo de profesionais do sector musical e das artes escénicas de medio mundo, como programadores, axencias de contratación ou management, por exemplo.

Isto é algo que non pasa en moitos destes eventos, que eu saiba, e que ademais permitiu que este proxecto meu fose coñecido, e de moito interese nalgún caso, xa antes de telo presentado persoalmente nestas reunións. Logo tes tamén, baixo previa contratación, a oportunidade de poder facer un concerto a modo de showcase nun dos espazos que a organización seleccione para ti; espazos todos eles de primeirísimo nivel, como foi para nós o Auditorio de Tenerife, onde gustou tantísimo a nosa proposta. Recomendaríao a calquera sen ningunha dúbida!».

 

 

Que poderemos agardar dun directo de Álvaro Iglesias? Algunha vindeira data que poidas revelar xa?

Álvaro: «Pois a miña interpretación persoal da música que levo facendo case trinta anos, con toda a sensibilidade e cariño que dispoño cara a ela. Unha aposta por transmitir o que eu entendo como a esencia da música tradicional e da súa transmisión e perdurabilidade, o deixarme levar por ela co que teño nas miñas mans, como facían os nosos vellos; e poder continuar soprando paseniñamente na luceciña dun pequeno vagalume que nunca quere deixar de brillar.

Hai unhas poucas semanas comecei a traballar coa produtora Nalgures, ademais de Zouma Producciones, polo que temos que agardar un chisquiño por datas ata que todo o traballo se consolide para poder coñecelas, aínda que algunha pechada xa temos!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Álvaro: «Hoxe en día en Galiza temos unha calidade tremenda de grupos e solistas en todos os ámbitos. Recomendaría a maioría dos que coñezo, honestamente, así que vou limitarme a basear a miña elección simplemente nun amplo abano de estilos dentro da música galega, por exemplo: o dúo Caamaño & Ameixeiras, Xisco Feijoó, Pancho Álvarez, TOR, CALDO, Xosé Liz Cuarteto, Xosé Lois Romero & Aliboria, Obal, SonDeSeu, Os d'Abaixo, Baiuca ou Cuarteto Caramuxo».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Álvaro: «Advirto que esta é unha conta compartida coa miña muller e as miñas fillas! [Risos]. Vai logo: Bailando dos Pica-Pica, My Bluegrass Heart de Béla Fleck,BSO de Encanto, Aire! de Caamaño & Ameixeiras, BSO de Ferdinand, Slippery When Wet de Bon Jovi, unha playlist da miña muller con todo tipo de cancións, Music for Two de Béla Fleck e Edgar Meyer, e Farangi de Renaud García-Fons e Claire Antonini».

 

 

  noticias