DOEN: «‘SAUDADES’ É UN DISCO MÁIS ARRISCADO EN CANTO A ESTILO»
En 2015 nace DOEN, da man de Víctor Karallada e Manuel Seixas (Korosi Dansas, Neuroband) quen, xunto a Nico Leal á batería e Borja Torrado ao baixo, eran autores de temas frescos e orixinais que amosan un son roqueiro con xiros inesperados e innovadores. Letras escritas por Seixas —recoñecido agora como membro eterno do grupo— cobran vida ao ritmo dos acordes grunge con chiscos ao rock progresivo e a psicodelia.
O DOEN actual está composto de Víctor Karallada (guitarras), Matías Leiro (voz, guitarra), Borja Torrado (baixo sintes, bases), Isi Baúlo (batería) e, a última incorporación, David Falcón (teclados, guitarra), todos músicos da zona de Arousa (Pontevedra) cunha ampla experiencia sobre as táboas… e un obxectivo común: sorprender. E sorprenden con Saudades (2022), o seu novo traballo discográfico; oito cortes que matizan e definen un metal alternativo que xa se podía albiscar no seu debut, pero que agora abre camiño cara a onde queren tirar como banda, cara a un estilo máis instrumental e con poucas estruturas tradicionais.
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
O DOEN que coñecemos na actualidade é o resultado dunha serie de metamorfoses... De casulo a bolboreta, como, e con que obxectivo nace DOEN?
Víctor Karallada: «Ben, o da metamorfose vén por dúas causas: unha sería polo cambio de membros, que afecta directamente á segunda, que é o estilo. Comezamos co proxecto Manuel Seixas e eu, logo sumáronse Nico Leal e Borja Torrado; con esta formación faciamos un estilo máis dos noventa, pero coa incorporación de Matías Leiro substituíndo a Manuel, e a de Isi Baúlo… cambia formación e tamén o estilo, que agora achégase máis ao posrock ou ao progresivo».
Xa a título máis individual, como foron os vosos comezos na música? Viñades con experiencia previa, xa con táboas «feitas»?
Matías Leiro: «Todos tiñamos certa bagaxe no mundiño (Noite Fechada, Neuroband, La4pared, Borderline79, Treboada, Gypsy Souls, etc.). No meu caso, viña de estar tocando moito con Noite Fechada, o que facilitou as cousas á hora de comprender como funciona isto».
Presentádevos como un grupo de rock/metal «alternativo» así, entre comiñas, e por poñer algunha etiqueta; agora, entre nós e non entre comiñas... a que soa DOEN?
David Falcón: «Se ben a nosa instrumentación ten a súa base no rock e no metal, [nós] imos máis alá; fuxindo dos clixés e das estruturas tradicionais, buscando ofrecer algo fresco e diferente. É o que escoitamos, artistas que rompen os moldes preestablecidos, e gustaríanos seguir esa mesma liña».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
«Se o que buscades é innovación, eses somos nós», afirmades. Como definiriades vós esa innovación, conceptual e musicalmente falando?
Borja Torrado: «A mellor resposta a esta pregunta é que a xente veña a un concerto noso. Agora mesmo temos dúas cousas moi claras: levar unha proposta musical diferente —diferente aquí na nosa terra, non inventamos nada— e acompañala con medios visuais que van da man de Xoán Tourís.
Hoxe en día todo está en constante cambio e a música non ía ser menos; a xente xa está acostumada a ir a un concerto de “rock” e toparse sempre co mesmo. Nós queremos ofrecer algo máis, por iso queremos coidar tanto a proposta musical como a visual, intentar “innovar” e facer todo o máis profesional posible dentro das nosas posibilidades. Penso que, polo de agora, estamos cumprindo ese obxectivo. Sorprendemos!».
Se falamos de influencias, destacariades algunha referencia en particular que impacte especialmente na vosa música?
Borja: «Penso que a “referencia particular” que impacta na nosa música é que temos moitas influencias, moi distintas e variadas.
En DOEN nunca pechamos a porta a nada e o que intentamos é facer unha mestura de todo o que escoitamos. O nexo común é facer algo diferente, sobre todo na escena galega».
Debutades con DOEN (2017), un longo que completa a vosa primeira maqueta e, de catro temas de rock en galego, pasades a dez escritos, na súa maioría, por Manuel Seixas (Korosi Dansas, Neuroband). Como xurdiu esta colaboración de altura, tendo en conta que era o voso primeiro traballo?
Víctor: «Manuel e eu temos unha amizade de moitos anos e, desde que compartimos acordes na Neuroband, todas as semanas nos xuntamos.
Empezamos a quedar para montar DOEN, xa que a Neuroband estaba no aire e acababa de desaparecer La4pared; eu estaba sen banda, pero coas ganas intactas de facer música. Como comprenderedes, tendo un escritor e músico como el… ninguén mellor para facer as letras!
Nun determinado momento, Manu decide abandonar de forma activa o grupo, pero sigue a botar unha man coas letras».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
Grunge, experimental, rock clásico, metal… DOEN era carne de directo. Como lembrades a súa acollida entre o público nos concertos?
Matías: «A acollida sempre foi boa, non recordo ningún concerto “malo”. É certo que facemos un estilo complexo e sabemos que temos un público, entre comiñas, limitado… pero é o que nos gusta, nos sae facer e nos enche».
Nos VIII Premios Martín Códax da Música, a pasada edición, chegastes a ser finalistas na categoría Metal, xunto a NEO e Nuada. Como vivistes a experiencia? Na vosa opinión, que papel pensades que xogan este tipo de galardóns á hora de difundir e dar a coñecer a música da terra?
Borja: «Primeiro, dicir que non somos moito de concursos, pero bueno, foi unha boa experiencia e sacamos moitas cousas positivas. Poder dar visibilidade á túa banda é moi importante se non te podes permitir meter pasta nela; os concursos son unha boa forma para poder darte a coñecer e que a xente vexa que estás aí.
Co que nos quedamos foi co ambiente; poder botar unhas charletas con moitos colegas da escena, coñecer novas bandas... e unha honra compartir categoría con xente como NEO —parabéns, son unha bandaza!— ou Nuada, que tamén intentan facer estilos máis minoritarios como nós. E o viño! O viño si que prestou na cerimonia de nomeados».
Estades a presentar o voso último traballo discográfico, Saudades (2022), dispoñible desde o pasado mes de xaneiro. Como foi o proceso creativo, tendo en conta a situación na que se desenvolveu?
Matías: «Como non podía ser doutra maneira, foi moi complexo, palabra que se repetirá hasta a saciedade en calquera entrevista de DOEN [risos]. Parecía que nunca estaría acabado e, por fin, cando estaba a punto de ver a luz... golpeounos unha pandemia de cheo. Foi algo bastante traumático para a banda».
Definiádelo como «unha metamorfose, un encerro, unhas penas e moitas partes dos DOEN». Que vivencias, ou sensacións, agocha esta definición e de que xeito as trasladastes ás cancións?
Víctor: «Durante o período que abrangue o encerro, que durou máis de tres anos, as nosas vidas cambiaron totalmente, e a banda e a súa música tamén.
Imos cumprindo anos e cremos que se nota na madurez dos temas. Como dicía, a vida e, sobre todo, o día a día cambiou moito; amigos que marcharon, relacións que remataron e outras que comezaron; non poder estar coa xente, a dependencia da tecnoloxía para non perder o contacto e o paso do tempo… Penso que iso, a grandes liñas, é o que se pode ver reflectido nas cancións».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
Ao fío, é seguro dicir que, de non ser pola COVID-19, escoitariamos un disco diferente?
Isi Baúlo: «Pois... a parte das baterías seguramente sería diferente, porque eu entrei no grupo e xa comecei a gravar; eles xa tiñan os temas case rematados e eu deille o meu toque coas baterías e tamén con algunhas voces».
O traballo foi adiantado en tres sinxelos: o primeiro en novembro de 2020, o segundo en febreiro de 2021 e o derradeiro en agosto dese mesmo ano. Este timing foi estratéxico, para ir creando expectativas, ou simplemente sacabades os temas conforme ían saíndo do forno?
Borja: «Principalmente foi por nós, queimou moito o tema pandemia e non poder sacar un disco que xa estaba case feito.
Por iso comezamos a compartir, con moita calma, tema tras tema para poder ver que algo fixeramos. Ao final penso que foi algo produtivo, xa que creamos algo de expectación entre os nosos seguidores e tamén demos máis tempo para “dixerir” ben os temas».
Composto por oito cortes, Saudades supón un punto e aparte na vosa carreira; afirmades que é o disco co que establecedes o camiño cara ao que queredes tirar como banda. Por que agora? Este cambio de rumbo foi planeado ou froito dunha evolución natural?
Víctor: «Sinceramente, penso que é unha evolución lóxica e consensuada. No primeiro disco fixemos as cancións como viñan, no ensaio e entre todos; así fomos vendo que estilos nos unían, pero sen unha dirección concreta.
Desta volta, xuntámonos para gravar o disco sen ter todas as cancións, así que as expuxemos, repensamos e probamos diferentes cousas ata chegar ao que se pode escoitar en Saudades. Aínda hai varios temas que poden recordar máis ao primeiro disco, pero agora temos máis claras as músicas que nos unen e o camiño a seguir».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
A vosa intención é achegarvos a un estilo moito máis instrumental, afastándovos de estruturas tradicionais. Como pensades que afectará o darlle máis peso á instrumentación ao voso proceso compositivo?
Isi: «Pois non creo que afecte moito, porque nós usamos a voz como se fose un instrumento máis. A nosa intención é non ter un frontman, que non haxa unha persoa que destaque, ser un grupo basicamente».
Falando de composición, que, ou quen, inspirou Saudades?
Borja: «Respecto á parte instrumental, quitando un par de temas que están feitos por Víctor e [el] ten outro punto de partida a nivel compositivo, o resto están baseados nas miñas ideas; e veñen dun momento no que escoitaba moito a Toundra e a Hans Zimmer.
Pode que sexa unha resposta sorprendente o feito de nomear a un compositor de bandas sonoras, pero penso que grazas a súa influencia podemos escoitar cousas moi diferentes neste Saudades. Como vedes, o tema é sorprender».
Este Saudades saíu de xeito algo curioso: Freddy Krueger anunciaba a prevenda dunha edición limitada a 30 copias en formato físico (cedé) que, obviamente, se esgotou. Que vos levou a lanzar unha primeira tirada física tan limitada antes de subir o disco ás plataformas?
David: «Para ter un cariño cos nosos seguidores de sempre, principalmente. O formato físico a día de hoxe está obsoleto, pero sempre é bonito facer unha pequena tirada, facer o deseño do disco… é case un xesto nostálxico».
Ademais, o cedé viña presentado nunha caixiña de cartón, emulando ás das pizzas. Por que coidar tanto o formato físico cando o consumo dixital da música está en constante aumento?
David: «O de ser unha tirada tan pequena [foi porque] queriamos que fose algo especial. A caixiña de cartón foi un pouco para facer a coña polas redes, aínda que algún deses primeiros afortunados levou unha caixiña de recordo. O de coidar o formato físico, pois é como todo: para facer algo, hai que facelo ben».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
Cinco anos, e unha pandemia, separan estes dous traballos. Que similitudes e diferenzas atopades entre ambos?
Matías: «Hai unha evolución clara; é un disco máis arriscado en canto a estilo, que torna cara ao progresivo en busca de harmonías máis complexas. Neste novo traballo gustaríanos arriscar unha chisca máis se cadra; en certo xeito xa deixamos entrever cara a onde nos diriximos, e crear certa intriga sobre que pasará no seguinte disco sempre está ben».
Xa desde o primeiro disco —que chegaba tan só un par de anos despois da vosa creación— acadastes un público fiel e entregado, ademais de críticas moi positivas. Xa non é un concepto de moda pero, calquera diría que sodes un grupo de culto...
Borja: «Penso que nos queda moi grande iso de “grupo de culto”, pero grazas polo piropo!».
O pasado sábado 19 de febreiro volvestes subirvos a un escenario (por fin!). Como foi a volta, tendo en conta de que, ademais, xogabades na casa?
Borja: «O día 19, esa ansiada volta, foi algo máxico. Pola nosa parte foron uns días de moitos nervios, xa que iamos a volver a tocar xuntos despois de catro anos; o primeiro concerto de Isi e David nesta nova formación; presentar un disco bastante diferente ao primeiro; tocar nun auditorio que se encheu para poder ver a nosa volta; o equipo pasou de ser de cinco rapaces que tocan a nove persoas para poder levar unha proposta de directo a nivel iluminación; son e vídeo tamén diferente...
Por parte da xente, penso que a “crítica” máis soada foi a de “algo diferente”; a xente non se esperaba o que ía ver. Queremos deixar atrás a imaxe de grupo de rock, guitarras e distorsión, que está ben, criámonos e seguimos escoitando grupos así; pero DOEN é outra cousa.
Ao final, foi un xute de adrenalina brutal para todo o equipo, penso que cumprimos o obxectivo: ser diferentes».
E xa que estamos «ao vivo», que poderemos agardar dun concerto de DOEN? Algunha vindeira data que poidades adiantar?
Isi: «Pois si me deixan chivarvos a seguinte data: tocamos o 22 de abril no Pub Gatos (Melide). Eu convidaríavos a vir vernos, porque creo que temos unha proposta moi diferente que a maioría de grupos e estou seguro que vos gustará!».
© Foto: Jose das Patas (https://musicaengalego.blogspot.com/)
A derradeira... (e marchamos!), como se presenta o futuro, non moi afastado, para DOEN?
David: «Pois preséntase un futuro moi ilusionante! Acabamos de facer o concerto presentación cunha acollida impresionante e nesta primavera percorreremos grande parte da xeografía galega levando as nosas Saudades, tentando chegar a máis público. Ben sabemos que o que facemos non está feito para todo o mundo, pero queremos chegar a esa xente que, como nós, busca algo diferente na música galega».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
David: «A día de hoxe, artistas como Mounqup, Garza ou Xackal paréceme que teñen unhas propostas moi interesantes e transgresoras coa música que se vén facendo na nosa comunidade».
Borja: «Primeiro vou tirar para casa e recomendar ao power dúo Mascada. Logo paso a outro power dúo que é GRIMA; aos colegas Superoito, Cró!; os brutalísimos Mastodon galegos, Mano de Piedra, e como última recomendación, os punks máis punks de tódolos punks, os Copa Turbo».
Víctor: «En canto aos artistas recomendables, creo que a escena musical galega —a pesar de todo o que ten en contra— a nivel bandas goza de moi boa saúde, e hai bastantes recomendables. Eu persoalmente recomendaría Machina, Broa, Igmig, Quilma, Battosai… Estes son por gusto persoal, pero hai moitos máis».
Isi: «Pois un dos grupos que máis me gusta é Aphonnic, podo dicirche outro que non é tan coñecido, que son os colegas de Prima Nocte, que son uns musicazos».
Matías: «Unha das bandas máis brutais que temos na nosa terra, BALA».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
David: «Ultimamente estou escoitando moita música electrónica coma Kiasmos ou Robot Koch, aínda que sempre hai oco para Steven Wilson e Andrew Bird».
Borja: «Pois 100% sinceridade: 25% música electrónica (Max Cooper, Forest Swords, Kiasmos), 25% compositores de bandas sonoras (Hans Zimmer, Steve Jablonsky, Christopher Young), 20% metal (Unprocessed, BMTH, Kvelertak) 20% rock (os putos Rolling, Pink Floyd, King Crimson) e 10% jazz (Marcus Miller, Snarky Puppy, o mestre Jaco). Todo isto a modo resumo!».
Víctor: «Respecto ao Spotify, para ser sincero, ata hai uns días non o tiña instalado, prefiro escoitar música noutras plataformas. Así que nos poucos días que hai que o teño, só teño na lista a DOEN, Tool e A Perfect Circle».
Isi: «Pois o que máis escoito agora é metal, funk e trap; pero a verdade é que escoito un pouco de todo».