• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

COCHAMBRE: «OS ASTROS SABEN QUE IMOS PETALO E TENTAN IMPEDILO!»

COCHAMBRE: «OS ASTROS SABEN QUE IMOS PETALO E TENTAN IMPEDILO!»
21 MARZO 2022

Unha broma. Dúas bandas. Tres minutos. 1997. Sobre estes datos clave emerxe Cochambre da noite viguesa, hai xa 25 anos; das cinzas de dúas bandas metaleiras rexorde este quinteto na cidade olívica. Composta por David «Weah» García (voz), Kevin Méndez (baixo), Koldo Rivas (guitarras), Óscar Rodríguez (batería) e Brais Koecklin (guitarras), Cochambre asina un death metal con toques tanto melódicos como, mesmo, punk; «puro ruído cheo de podremia» que vomitan en versións de grandes como Judas Priest, Led Zeppelin e The Offspring, entre outros, e recompilan en dúas demos.

Cun son definido, en febreiro de 2020 a banda publica o seu primeiro álbum, Doom Über Alles (2020), con repertorio orixinal. Un longo que foi recibido cos brazos abertos por crítica e público e que, dada a situación provocada pola crise da COVID-19, non puido ser presentado como se merecía. Lonxe de decaer —lembremos que eles son tan metal que non foron fundados, senón forxados—Cochambre comeza a traballar no que sería o seu vindeiro disco. Entre composicións propias e versións varias, rematan por ter suficiente material para lanzar un novo LP, The Face of All Your Fears (2022), que recolle oito covers de trallazos de bandas míticas como Anthrax, Slayer ou Dead Kennedys.

 

 

 

Cochambre nace «como unha broma de tres minutos en 1997». Precisamos saber, que fixestes para que a broma dure xa 25 anos (e os que lle quedan!)? Como foron os vosos inicios como banda?

Brais Koecklin: «Koldo e mais eu tiñamos una banda por aquel tempo, chamada Powermorfers, que evolucionou tempo despois a Freedom Xlave, coa que tivemos unha pouca repercusión na escena metaleira galega. Nun concerto de Powermorfers subimos a Weah a berregar no micro mentres os demais aporreabamos todo o aporreable... así naceu Cochambre, e morreu.

O proxecto decidimos retomalo cando Freedom Xlave desaparece e, case ao mesmo tempo, a banda que tiña Weah no momento, 23 Ways to Hell. Xuntámonos de novo, como tantas outras bandas, para tocar algunhas versións; unha cousa levou a outra e... xa temos dous fillos».

 

O equipo gañador está formado na actualidade por David «Weah» García (voz), Kevin Méndez (baixo), Koldo Rivas (guitarras), Óscar Rodríguez (batería) e Brais Koecklin (guitarras); a título persoal, como lembrades o voso primeiro contacto coa música? Foi unha disciplina que sempre vos interesou?

Brais: «En liñas xerais a música sempre estivo moi presente nas nosas vidas. Desde a infancia escoitamos moito rock, blues, músicas étnicas, ata clásica... Pero creo que falo por todos cando afirmo que foi no instituto cando os gustos maduraron e comezaron a apuntar máis cara ao metal.

Koldo, Weah e máis eu estudamos xuntos no instituto. Case sempre era Weah o noso camelo musical.... de aí coñecemos a Entombed, Carcass, Cannibal Corpse, e tantas outras bandas que non eran tan mainstream coma outras.

No caso de Óscar e Kevin, aínda seguen a escoitar os casetes de CantaJuegos e o Xabarín Club».

 

 

Na RAE, «cochambre» («porcallada», en galego) significa «suciedad, cosa puerca, grasienta y de mal olor»; non semella exactamente o nome máis atractivo para presentar unha banda. Por que Cochambre? Porque ben podería ser un xogo de palabras entre thrash, variedade do heavy metal, e trash (lixo)...

Brais: «A quen non lle gusta facer porcalladas?

Agora en serio, non houbo intención de facer xogos de palabras, simplemente era para darlle na boca a todos os que pensan que “o metal é una merda que non ten musicalidade e que calquera pode facer”. OK, que tenten facer o que facemos nós! Seguro que poden facelo, pero non serán tan simpáticos coma nós».

 

E, xa que mencionamos o subxénero thrash, como definiriades vós o voso estilo? A que soa Cochambre?

Brais: «Cochambre non é thrash, pero non había categorías máis axustadas dentro da páxina [risos].

O que facemos é death metal cunha rabia e despreocupación que fan que deixemos lembranzas de punk e incluso grindcore; pero se tivésemos que catalogarnos de forma simple: death metal».

 

Comezades facendo versións, que rematades por recompilar nas vosas primeiras demos, Covered in Blood (2015) e Recovered in Blood (2018), á vez que iades construíndo un repertorio propio. Por que publicar estas covers e non agardar a debutar cos vosos temas orixinais?

Brais: «E por que esperar? Como xa dixemos, o proxecto comezou como unha broma, para pasar o tempo. Quedabamos na casa coas guitarras, o ordenador, gravamos unhas pistas, programamos unhas baterías… ao domingo desa fin de semana xa tiñamos o disco gravado.

E que facemos con el? Fixemos unhas 50 copias dese primeiro Covered in Blood para vender de forma local a amigos e próximos. Era máis como unha tarxeta de presentación que algo a ser tido en conta: “Somos Cochambre e soamos así”».

 

 

Nestas demos escoitamos adaptacións de Judas Priest, Led Zeppelin e The Offspring, entre outras. Ademais destas, que outros artistas ou grupos diriades que inflúen na vosa música?

Brais: «Carcass, Entombed, Metallica, Megadeth... podemos aprender, inspirarnos e roubar de moitos grupos, pero se hai un que goberna por riba de todos na pirámide alimenticia do metal, só pode ser Black Sabbath».

 

Por fin, en febreiro de 2020 lanzades Doom Über Alles (2020), o voso primeiro disco con repertorio orixinal. Como foi o proceso creativo? Fostes primeiro pola letra, saíu primeiro a música... ou viceversa?

Brais: «A música sempre vai por diante. Unha vez temos as ideas dos temas, facemos unhas gravacións no estudio e encerramos a Weah na casa con outros 499 chimpancés e unha libreta; ten completa liberdade, ninguén lle discute.

Cando Weah ten as cousas claras, probámolas no local de ensaio e gravamos unha primeira toma de contacto. É nese intre cando imos perfilando as melodías, probamos cambios, etc.».

 

 

Á hora de compoñer as vosas propias pezas, que ou quen, vos inspira? Neste aspecto, pensades que a inspiración vén ou hai que saír procurala?

Brais: «Como diría A. Rivera, “a aspiración hai que saír procurala”. Espera, dixeches inspiración... vaia erro máis tonto!

A inspiración chega, pero tamén hai que ir por ela. Podes espertar unha mañá cunha melodía na cabeza e a cantaruxas rápido no móbil para non esquecela. Podes estar vendo unha película e unha frase ou escena lévache irremediablemente a pensar nun verso ou noutra melodía. E tamén podes estar toda a fin de semana escoitando unha banda determinada para intentar compoñer “algo do estilo”.

E logo está Óscar, que é capaz de compoñer xenuinamente cancións que xa existen, e mesmo tentar convencerte de que non se parecen».

 

O death-grindcore-punk da ducia de pezas reflicte rabia envolta en voces «anxelicais», guitarras demoledoras e unha impoñente sección rítmica, que foi recibida cos brazos abertos por parte dos medios especializados. Esperabades tal acollida?

Brais: «Queriámola, pero non a esperabamos. Queriámola porque deixamos moito na composición e gravación do Doom Über Alles. Gustábannos moito as cancións; gustounos moito o proceso de gravación e produción, e nese último momento é cando íamos vendo que nos estaba a quedar un disco ben feitiño.

O Doom é como ese primeiro fillo que queres que medre, que se relacione, que faga algo grande. Mira como son as cousas que, ao pouco de sacalo, nos encerraron dous anos na casa… Os astros saben que imos petalo e tentan impedilo!».

 

 

Pouco máis dun mes despois do seu lanzamento declarábase o estado de alarma, polo que non puidestes presentalo ao vivo como se merecía. Como levastes as cancelacións, aprazamentos, etc.?

Brais: «Sentounos igual que lle senta a matanza a un porco, case berramos igual! Todos sabemos o que pasou con todos os concertos; aínda hoxe se están a cancelar bolos e non temos demasiada clara a situación. Parece que xa se comeza a ver a luz ao final do túnel, pero...».

 

 

Estreabades o ano con The Face of All Your Fears (2022), un novo traballo no que volvedes ás vosas orixes, ás versións, logo do anterior co voso propio repertorio. Por que?

Brais: «Esta é sinxela. Sen poder estrear o Doom nos escenarios, nin sequera ensaiar xuntos, tiñamos demasiado tempo libre. Comezamos a compoñer cancións para o seguinte disco, e paralelamente pensando que versión ou versións iamos incluír, e gravando unhas demos.

A dúas versións, para escoller unha, se lle sumaron rapidamente outras tres, e logo outras tres máis... Rematamos con oito versións algo adaptadas ao noso estilo, e lanzámonos a producilas en canto tivemos oportunidade de reunirnos e meternos no estudio.

E todo isto é un traballo paralelo... seguimos a ter material para un novo LP, pero aínda estamos no proceso de preprodución».

 

En The Face of All Your Fears volvemos escoitar a Cochambre facendo versións de grandes como Anthrax ou Slayer. Como adoita ser o proceso de selección dos temas? É dicir, escolledes primeiro o grupo ou artista e logo o tema, ou ides directamente pola canción?

Brais: «Xusto as de Anthrax e Slayer fomos de cabeza a por elas, e posiblemente —SPOILER!— unha das dúas pase ao repertorio de directo.

Os outros temas foron escollidos pola gracia que nos facían, outros pola banda... hai un pouco de todo».

 

 

O título é un verso de “Blinded by Fear”, tema da banda sueca de death metal melódico At the Gates. Considerades o traballo como un reflexo sonoro da situación na que foi xestado, como unha metáfora do medo, a incerteza...?

Brais: «Totalmente. O medo a non saber que vai pasar, canto tempo imos a estar así, non ter máis novas que malas novas…

Por que pensar un título para o disco se un só verso dunha canción do disco resume a túa realidade?».

 

Anticipades que, «se todo se terza ben», pecharedes 2022 con outro disco. Como está a terzarse o traballo? Algún detalle que poidades desvelar?

Brais: «Sempre fomos moi optimistas e moitas veces a realidade nos pega nos fociños. Aínda é moi cedo para dar detalles; temos unha chea de cancións novas, pero nada decidido por agora».

 

Pregunta de rigor para os que son de Vigho e non o neghan, se tiverades que escoller un sitio mítico da cidade para dar un bolo, cal sería? E a que figura olívica subiriades con vós ao escenario?

Brais: «Un lugar mítico para un bolo: La Iguana. Non é o sitio máis preparado para tocar, pero é súper divertido ter xente mires onde mires.

Abel Caballero xa demostrou táboas en TeleVigo tocando panxoliñas coa guitarra; se se atreve coa eléctrica lle facemos a banda. Abel, quedas convocado!».

 

 

Xa metidos en concertos e, confiando en que a música ao vivo siga a súa recuperación cara á volta á normalidade (así, a secas), que podemos agardar dun directo de Cochambre? Algunha vindeira data que queirades adiantar?

Brais: «Temos varias datas confirmadas, pero os promotores aínda non anunciaron os eventos, polo que non podemos dicir nada polo de agora. Son datas en Galicia e Portugal».

 

 

Catro referencias —e unha quinta en mente— resumen os voso primeiro cuarto de século... como vos vedes dentro dos vindeiros 25?

Brais: «Moi vellos, pero dando moita caña. Mala herba nunca morre, e se a fertilizas cunha boa cochambre, a fas inmortal».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Brais: «Algo moi afastado do noso estilo, Rubén Reinaldo & Kely García; sacaron un disco de jazz titulado Acuarel pouco despois do noso Doom, e é unha completa ledicia escoitalo. Outra banda? Kaleikia. Banda instrumental cun directo marabilloso».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Brais: «Non gastamos Spotify, pero agora no de Óscar e no de Kevin veriamos moito metalcore moderno de xente con pelo; no de Koldo Metallica e Cacophony; no de Weah moito Misfits e pode que algo de Amy Winehouse ou Lady Gaga; e no de Brais moito Beatles, Pink Floyd e Judas Priest».

 

 

 

  noticias