• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. MARZO 2022
3 ABRIL 2022

 

Demasiado..., Radio Zapa!

Fíxose de rogar, pero, por fin, o primeiro longo de Radio Zapa! vía a luz o pasado 25 de marzo. O potentísimo trío de rock lanza Demasiado... (RequeSound Records), dispoñible tanto nas principais plataformas dixitais como en vinilo —unicamente en vinilo— composto por oito cortes e construído a golpes de fuzz, suor a todo volume, mareas de emocións e demasiado empeño; sete deles son propios, que se suman a “O que non sabe”, versión adaptada a partir da orixinal de NARF. Gravado practicamente ao vivo en Pouland Studios (Ames) por Iago Pico, o LP ofrece un son cru, cunhas baterías moi dinámicas, unha liña de baixo protagonista e uns riffs afiados que evocan a bandas do pasado. Así, escoitamos rock, stoner, psicodelia... e bailes ao borde do abismo.

 

 

 

 

 

Luz/Sombra, DEVALO

O seu debut en solitario, Noites Contadas (Ferror Records, 2020), asentaba unhas bases de dream pop e synth pop en galego que David Miranda continúa a desenvolver neste Luz/Sombra (Ferror Records, 2022). Pero o son non é único aspecto continuista do novo de DEVALO, Luz/Sombra é un traballo cargado de mensaxes e poesía, con letras nas que se entrelaza o persoal e o político, o presente e o pasado, a luz e a sombra: «aínda que pareza que o título establece unha dicotomía, en realidade ambas están entrelazadas. De feito, as cancións máis escuras teñen referencia á luz e ao revés». Gravado en Belmont Road (Bangor, Gales), o longo e os 14 temas que o compoñen combinan electrónica e guitarras, cun maior protagonismo destas últimas como un xeito de expresar a escuridade, ademais de experimentar, «aínda que sexa unha chiscadela», coa música tradicional. DEVALO presenta un álbum altamente emocional onde, si, hai luces e sombras, pero tamén esperanza.

 

 

 

 

APOLLO III Ad Infinitum, Narci Rodríguez dA Trío

Non hai dous sen tres! Narci Rodríguez dA Trío volvía á carga a finais de marzo cun novo disco, o terceiro. Logo da publicación de Reflexións (2019) e Inmersión no baleiro cuántico (2021), chega o agardadp APOLLO III Ad Infinitum, que completa o ciclo dos dous anteriores; gravados co obxectivo de «manter a mente dos oíntes alerta, aberta e á espera de que calquera posibilidade sonora xerada no transcurso das seis novas cancións que o compoñen». Con portada ilustrada polo lendario Steven Yoyada, APOLLO III é unha viaxe espacial con máis electrónica, sons futuristas e impresionistas, e revisións do R&B e soul.

 

 

 

 

 

Poiro, Ortiga ft. High Paw

O ano pasado fixo dobrete, Sabes el camino que elegí (Ernie Records, 2021) y Ortiga & Grande Amore presentan: Los Rastreadores (Ernie Records, 2022), e este, Ortiga volve repetir a fórmula de gravar cun artista amigo e presenta Poiro (Ernie Records) xunto á viguesa High Paw. Os dous artistas galegos asinan catro temas estéticos e divertidos —creados a través dun imaxinario común, próximo a Brasil e á música brasileña en xeral, e a bossa nova en particular— pensados para ser bailados, cantados e desfrutados ao vivo. Creativa Mutant está detrás do traballo visual e artwork do EP, que reflicte o seu espírito na portada. Cor, enerxía ou vitalidade son algunhas das bases de Poiro, que reivindica o bo momento de Ortiga e High Paw e a súa determinación por buscar sempre un novo xeito de facer música.

 

 

 

 

 

A ver ahora, GRIMA

Despois de tres adiantos que case colapsan as redes, o último de GRIMA saía ao completo o 23 de marzo. O duo que está a revolucionar os escenarios do panorama galego lanza A ver ahora (2022), un novo disco de estudio composto por oito cortes, enérxicos e contundentes, entre os que escoitamos as colaboracións de BALA e Kaixo, que achegan un toque fresco e mestizo ao seu punk rock. Con este longo, a banda consolídase, ademais, a nivel estatal, nunha xira que levará o seu directo explosivo a Madrid, Vigo ou A Coruña, «para destruír as caixas de calquera escenario»... ruído do bo asegurado!

 

 

 

 

 

Saraiba, Javier Otero Neira

Autodefíneo como o seu disco máis persoal, unha bomba de enerxía e explosión cara a fóra onde a liña entre clásica e electrónica desvanécese. Nos seus traballos máis recentes, Javier Otero Neira coqueteaba con acordes electrónicos, que irrompían intensamente entre os clásicos de piano. Con todo, na súa última referencia, Saraiba (2022), o pianista fusiona ambos sons ao completo, creando un equilibrio harmónico cargado de “enerxía, forza e cor” ao longo dos sete cortes deste universo musical para piano e electrónica.

 

 

 

 

Canciones maltratadas, SNST

Canciones maltratadas (2022) é o segundo traballo de estudio de SNST, primeiro con esta nova formación. Antes, a súa proposta era a dun rock potente cunha voz feminina máis melódica; agora, e sen abandonar as súas raíces roqueiras, a voz cantante lévaa Iñaki Blanco (Max & Bull). Gravado entre Litium Studios (Pontevedra) e Estereoarte (Vigo), neste disco recuperan temas que, segundo dicen, naufragaron nun mar de complicaciones: pistas que desaparecen, acoples que aparecen, cambios de formación, discos duros irrecuperables... É «un cachiño deles», de cancións recuperadas dunha época onde se repartían abrazos e se compartían cervexas, sete temas que seguen a emocionar ao cuarteto vigués á hora de subir ao escenario e que, ademais, busca que fagan o propio no público.

 

 

 

 

Xira Angústica (Live in A Coruña), Heredeiros da Crus

Seica todos os grandes do rock teñen un álbum unplugged... e eles non ían ser menos! Heredeiros da Crus lanza Xira Angústica. Live in A Coruña (2022), disco gravado ao vivo durante o seu concerto no Palexco da Coruña o pasado novembro. Os de Ribeira decidiron facer unha serie de concertos acústicos, xa que os protocolos sanitarios non casaba coa «tolería colectiva» na que se converten os seus concertos, e así comezaron a revisar temas, «descubrindo novas sonoridades e dándolles novos aires». Pero que dunha destas actuacións saíse un disco foi unha xogada totalmente inesperada. Quedaron tan contentos co resultado e coa experiencia, que a do Palexco decidiron compartila neste álbum de 13 cortes, en principio só dispoñible en versión dixital nas principais plataformas. E que viva o rock (aínda que sexa en «angústico»!).

 

 

 

 

 

PM, Grampoder

O dúo compostelán de rock portátil volve, logo de sete anos de silencio discográfico, cunha versión máis enérxica, máis eléctrica e máis escura. Grampoder presenta a súa terceira referencia, PM (2022), unha decena de novas cancións nas que exploran as texturas do pop psicodélico, a rabia do hardcore e a densidade do pospunk, pero mantendo un formato escénico mínimo. PM é todo aquilo que ocorre a partir da metade da xornada, cando comeza a facerse de noite e a inercia do día resulta cada vez máis difícil de corrixir; son dez temas dominados pola contundencia das guitarras, a enerxía das percusións e unhas letras feroces e desencantadas, que tratan a perplexidade ante a velocidade do mundo, o medo, a frustración e a repulsa ante o engano ao que nos sometemos.

 

 

 

 

De tu casa a la mía, Uxía & Javier Ruibal

Rosalía e Lorca. Uxía e Javier Ruibal. O último álbum de Uxía, De tu casa a la mía (2022), é un retrato musical de dous poetas universais da man e do sentimento de dúas almas que tratan de poñer ás á poesía de ambos autores. Fano con novas melodías que afondan, e axudan a descubrir, a admiración que Lorca sentía por Rosalía, esa conexión norte-sur presente na súa poesía e que culminaría co seu Seis poemas galegos (1935). O longo recolle 13 cancións nas que o dúo bebe de todo ese acervo que Lorca e Rosalía trasladaron aos seus versos, pura musicalidade e inspiración que Uxía e Ruibal utilizaron como base para despois engadir sonoridades de flamenco, música magrebí, galega e lusófona nunha mestizaxe única.

 

 

 

 

Música para el programa de Bertín Osborne, Treintañeras Cañeras

Por fin! Desde aquel “Balconazis” que chegaba coa aquela nova-normalidade-pero-só-un-pouco de outubro de 2020, Treintañeras Cañeras foi aumentando as expectativas con cada single adianto que ía publicando. E o 3 de marzo púidose comprobar como, efectivamente, esas expectativas cumpríanse co lanzamento de Música para o programa de Bertín Osborne (2022), o seu terceiro traballo e primeiro longo. Gravado e mesturado por Paco Serén en Eclipsis Studios (Ponteareas), con master de Michel Venia (Sound Mixology), os oito cortes que o compoñen volven a poñer en evidencia as súas guitarras afiadas, as súas voces agresivas e persoais e un rock ’n’ roll cru e sucio que coquetea sen vergoña con punk garage.

 

 

 

 

Erosión, Chicharrón

O abril pasado sorprendíannos con Unha fogueira intacta (Ferror Records, 2021), un longo creado desde o illamento e a paranoia do estado de alarma e que, aínda que segue a estela dos seus predecesores, a nivel sonoro é máis asfixiante e esquivo. Xa non había concesións para o pop, Chicharrón metíase de cheo na música experimental e na electrónica. E o trío de Carballo segue a explorar esas novas sonoridades mentres canta á perda, á morte. Composto entre outubro e decembro de 2021 e gravado «durante varias xornadas alegres en comunidade» a principios de xaneiro de 2022, Erosión (Ferror Records, 2022) é o novo longo de Chicharrón, un traballo dedicado á nai de Alberto M. Vecino (voz, guitarra acústica), falecida hai uns meses. Son dez cancións nas que Alberto materializou todas as súas lembranzas a as fixo música; escoitamos perda, dor, enfermidade, pero tamén esperanza. Erosión é para Teresa, pero tamén para «todas esas derrotadas convertidas en heroínas».

 

 

 

 

Suelta Ø Muerde, Santi Araújo

Como si estivese a pedir un desexo (que si, probablemente fixérao), Santi Araújo escolleu o 22-2-22 para lanzar o seu novo traballo, Suelta Ø Muerde(Ernie Records, 2022) abraza a dualidade en todas as súas formas: nas letras, nas melodías, no deseño; as súas 11 cancións teñen dobre título, veñen envoltas nunha dobre portada e bailan ao ritmo de boleros, psicodelia ou valxe. Se no seu anterior disco, Catedral (Ernie Records, 2018), Araújo enarboraba a sofisticación como aceno de identidade, neste vai un paso alén e, ademais, desta vez faino acompañado, xunto ás voces de Leonor Waitling e Anni B Sweet.

 

 

 

 

Hábitat, Ollo, Lóstrego!

Ollo, Lóstrego! móvese entre o rock, o posrock e certas influencias do rock alternativo e progresivo, un son base que asentaron no seu debut, homónimo, publicado o mesmo ano da súa creación. A mediados do pasado febreiro lanzaban Hábitat (2022), o seu segundo traballo de estudio, autoproducido e con mastering de Álvaro Guerrero (Agmastering). Composto por cinco temas, o EP explora as diversas inquedanzas musicais do trío; cancións con titulos relacionados coa botánica e o universo nas que aproveitan para reflexionar sobre a natureza, a relación do ser humano coa súa contorna e a sociedade.

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

 

 

  noticias