• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. MAIO 2022
5 XUÑO 2022

 

 

Ranaeira, Boyanka Kostova

O mesmo día que anunciaban un novo disco, e a súa data de lanzamento, publicaban o primeiro, e único, adianto: “A quincena do Apóstol”. Boyanka Kostova, o dúo responsable de difuminar a liña entre o folclore e os sons contemporáneos e electrónicos en Galicia, presenta o seu cuarto álbum, Ranaeira (Mushroom Pillow, 2022), dispoñible nas principais plataformas dixitais desde o pasado 27 de maio. Composto por unha ducia de temas orixinais, e un remix de ‘Muinheira de interior’ xunto á gran Pili Pampín, o LP chega con máis trap, máis textos explícitos, máis retranca, máis muiñeira... e un par de colaboracións: Dios Ke Te Crew e FØ Records. Definido como «novo himno galego», en “A quincena do Apóstol”, o dúo que se caracteriza por cantar á tradición galega rende tributo sonoro á festividade máis importante do verán en Santiago de Compostela, os quince días de homenaxe ao Apóstolo.

 

 

 

 

 

 

Axexan, espreitan, MOURA

O novo de MOURA eríxese como exuberante homenaxe sonora ao patrimonio inmaterial do pobo galego. Gravado durante o verán pasado nunca casa da parroquia de Moruxo (Bergondo, A Coruña) por J. Gutiérrez, Axexan, espreitan (Spinda Records, 2022) marca o segundo traballo da banda coruñesa; un longo onde, ademais da mitoloxía galega do seu debut, introducen lembranzas persoais ou costumes populares sobre os que constrúen novas paisaxes sonoras, máis coloridas. Ao longo das oito cancións que compoñen o álbum, MOURA explora historias da nosa terra, tanto tradicionais como particulares, coa intención de preservar a nosa identidade a través da música. Viaxan cara ao pasado das súas orixes e, mergullados nesa experimentación de psicodelia e rock progresivo, engaden o uso de instrumentos autóctonos ou mesmo versos da zona dun xeito tan fermoso como complexo. Ademais de estar dispoñible nas principais plataformas dixitais, Axexan, espreitan preséntase tamén en tres formatos físicos diferentes de cantidades limitadas: casete branca, cedé e vinilo (marmóreo, morado transparente e negro).

 

 

 

 

 

Histórias cativas, Ukestra do Medio

O terceiro disco de Ukestra do Medio chegaba a finais de maio, un traballo no que a banda de ukeleles de Compostela presenta seis temas orixinais e dúas versións. Baixo o título de Histórias cativas (Ukelixo, 2022), o álbum é resultado dun «proceso de madurez do grupo no que quixeron apostar polas composicións propias» mantendo, aínda así, dous trazos característicos da banda: a heteroxeneidade de estilos musicais e o peculiar son dos seus ukeleles. Histórias cativas inclúe dúas homenaxes, unha a Carvalho Calero co poema “Tanto se amavam” musicado e unha versión de “Somos”, orixinal de Ruxe Ruxe. A estas dúas pezas súmanse seis máis que bailan por distintos estilos, desde o swing jazz dos anos 20 ata o surf instrumental que abre o disco.

 

 

 

 

 

 

All The Gods, Valentín Caamaño

O derradeiro venres de maio, Valentín Caamaño rompía un lustro de silencio discográfico coa publicación de All The Gods (Tiny Moon Records, 2022). O álbum, que marca a súa cuarta referencia, é o primeiro gravado completamente en formato cuarteto xunto a tres dos músicos máis recoñecidos do jazz estatal: Xosé Miguélez (saxo), Alfonso Calvo (contrabaixo) e Miguel Cabana (batería). Con gravación, mestura e máster de José Trincado (Savik Sound), o novo de Caamaño recolle cinco cortes de composición propia, máis un composto por Alfonso Calvo e unha versión de Bronislau Kaper, que soan «como o mellor west coast jazz» e fan de All The Gods o traballo máis persoal do guitarrista e compositor galego; un escrito coas súas principais referencias musicais en mente e coas melodías como protagonistas absolutas.

 

 

 

 

 

Small Universe, Two Faces

Case un mes despois da súa presentación oficial no Garufa Club, por fin podemos desfrutar do novo traballo de Two Faces ao completo, tanto en edición física como nas principais plataformas dixitais. O dúo formado polo pianista Ismael Berdei e o batería Bruno Couceiro lanza Small Universe (2022), unha colección de 11 cortes que xiran ao redor da natureza, «incidindo en Galicia, pero como metáfora do mundo enteiro», para os que contaron con varias colaboracións. Así, aínda que a combinación de piano e batería segue a ser a esencia do proxecto, desta vez escoitamos tamén o saxo de Miguel González, a guitarra de Paul Álvarez (Paul Álvarez Project), a eléctrica de José Luis Couceiro, e a voz de Icía Varela (Arredores), xunto con quen mesturan o canto tradicional cunha música máis instrumental. As composicións de Two Faces teñen, ademais, a súa parte visual, «tiran a que che imaxines situacións», unha faceta que comparten con María Maquieira, artista responsable da arte da portada e do interior da edición física.

 

 

 

 

 

En que ano estamos?!, Dios Ke Te Crew

Tres anos despois de publicar o seu último longo, O ciclo da serpe (2019), Dios Ke Te Crew volve á carga cun novo, e agardadísimo, traballo. A banda de Ordes lanza En que ano estamos?! (2022), un EP que recolle seis cortes cheos de dinamismo lírico e musical, cada un máis fresco e contundente que o anterior, e capaces de arrincar sorrisos incómodos a través de grandes verdades cantadas sen filtros. Baixo un título que reflicte a situación de incerteza vivida durante estes dous últimos anos, o disco preséntase como un exercicio de reflexión, sinceridade e espontaneidade no que Mou, Sokram, Jamas e DJ Murdock sacan lo mejor de si mesmos achegándose a varios xéneros, sen deixar de lado o inconfundible hip-hop; diversas texturas vocais desbordan sobre unha instrumentación ecléctica e letras enxeñosas, humorísticas e poéticas. Dios Ke Te Crew contou, ademais, cun par de colaboracións especiais: High Paw en “A_Molar” e Boyanka Kostova en “OG”.

 

 

 

 

 

A incrible historia dos homes minguantes, Minguante

Levan anos publicando traballos por separado, pero agora deciden unir as súas forzas para lanzar o seu primeiro disco, A incrible historia dos homes minguantes (2022), dispoñible tanto en plataformas dixitais como en edición física. Gravado integramente nos seus estudios caseiros e masterizado por Arturo Vaquero en Abrigueiro Estudios (Friol), o disco inclúe nove cancións inéditas de temáticas variadas, asinadas e en solitario ou en conxunto por Óscar e Miguel, que se moven entre a canción de autor e o pop con toques indie e sons acústicos. A autoxestión e autoprodución da súa música é un dos pilares fundamentais de Minguante, que tamén participa no guión e realización dos seus videoclips, dirixidos por Adrián González.

 

 

 

 

 

K.I.C.K Radio, The Soul Jacket

Se no seu anterior traballo The Soul Jacket envolvíanos entre capas e capas de pracer sonoro e lisérxico, no seu novo longo convídanos a unha viaxe musical a través dos sons e o espíritu que levaron á eclosión das emisoras FM na Norteamérica de finais dos sesenta. A banda vén de lanzar K.I.C.K Radio (2022), a súa sexta longa duración e primeira obra conceptual concibida para escoitar de principio a fin, sen pausas ou saltos entre cortes. Gravado entre agosto de 2020 e xaneiro de 2021 en Radar Estudios e mesturado en The Dub Yard, con este novo traballo The Soul Jacket acada a madurez plena, reinventando de xeito revolucionario ese R&B, rock ‘n’ roll e soul sureño que leva conquistando a crítica e público desde os seus comezos; unha volta á súa esencia máis pura e, ao mesmo tempo, un paso xigante na súa evolución. Ao longo dos 11 cortes que o compoñen respírase un ambiente cargado, resultado do compacto e directo que reflicte o tempo frenético e incerto no que vivimos. Con ilustracións de Raúl «Flako» Maya, esta K.I.C.K Radio única e vibrante, soa a soul de Memphis, funk rabioso con guitarras punzantes, acid jazz, garage, Tex-Mex, sons xamaicanos... sintonízaa, pisa suavemente o acelerador e desfruta da viaxe.

 

 

 

 

 

Understanding, Mr. Magoo

Tres anos (e unha pandemia!) despois daquel Hidden Port (Clifford Records, 2019), Mr Magoo volve á carga cun novo traballo discográfico. Dispoñible nas principais plataformas dixitais, o quinteto pontevedrés lanza Understanding (2022), un EP composto de tres cortes rock e power pop, con raíces na música dos 60 e 70, e brillantes letras en inglés. Rock on! 🤘🏼

 

 

 

 

 

Salvado Piano Works, Andrea González

Oito anos. Oito anos foron os que Andrea González dedicou a descubrir, estudar e interpretar a música do monxe español Rosendo Salvado. O resultado pode escoitarse no seu novo traballo discográfico, Salvado Piano Works (Warner Music Spain, 2022), un álbum onde a pianista recupera a fascinante música desta figura icónica do século XIX, recoñecida por ser o primeiro compositor e intérprete de música para piano en Australia, mesmo chegando a transcribir música indíxena. Gravado entre PKO Studios e Estudios Uno, e producido por Eugenio Muñoz, o longo recolle seis pezas —unha delas de máis de 15 minutos— e conta con varias colaboracións, como a da soprano Leonor Bonilla ou a deseñadora Agatha Ruiz de la Prada. En palabras da pianista tudense, con Salvado Piano Works «quería dar a coñecer un tesouro da nosa historia e reivindicar valores importantes para a nosa sociedade como a música como ferramenta social».

 

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

 

  noticias