• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NASTASIA ZÜRCHER: «VIVO POLAS EMOCIÓNS, POR SENTIR, POR AMAR, POR COMPARTIR»

NASTASIA ZÜRCHER: «VIVO POLAS EMOCIÓNS, POR SENTIR, POR AMAR, POR COMPARTIR»
20 XUÑO 2022

Afirma que «os artistas temos como don, e tamén como responsabilidade social, facer sentir á xente, facelos conectar». E ela acádao. Nastasia Zürcher (Xenebra, 1988) ten a capacidade de transmitir ese optimismo innato, ese «superpoder para ser feliz», a través de todas e cada unha das súas composicións, da súa interpretación, da súa posta en escena.

A súa marabillosa voz e expresión corporal son unha constante entre a multitude de beats de neo-world-soul-music; e R&B; e afro-funk. Ese eclecticisimo sonoro, xa inconfundible, é o que mellor define o seu novo traballo discográfico, But Life Is Beauty Full (2022), un álbum que aposta pola positividade e polo florecemento, pola resiliencia e, por enriba de calquera cousa, polas emocións e polos sentidos.

 

 

Foto © Bruno Baw 

 

Naciches e medraches rodeada de música, e músicos; do violín aos 6 anos a recibir clases de canto aos 11, como lembras eses inicios?

Nastasia Zürcher: «Lembro ese desexo de probar, de xogar, esa curiosidade por darlle a diferentes instrumentos e como cada un “abríame” as orellas. Tomei tamén clases de batería aos 9 anos!

O canto, a voz, é o instrumento que máis cedo captou a miña atención; alucinaba coa variedade de texturas, dinámicas e sentimentos que se podían meter nunha mesma frase. Lembro que cando comecei as clases de canto, pensei: “agora si, aquí me quedo!”».

 

Ademais de ser o teu lugar de nacemento e de residencia ata os 12 anos, canto hai de Xenebra (e de Suíza) no ADN musical de Nastasia Zürcher? E de Galicia?

Nastasia: «Penso que hai algo así como 60%-40%. 40% de Suíza, Xenebra; unha cidade internacional onde medrei rodeada de moitas culturas, linguas e tradicións, de xentes moi distintas. Quizais é por iso, seguramente, polo que tamén escoito, me gusta e fago música influenciada por diversos estilos.

E un 60% Galicia; a liberdade que sinto en Galicia, en España, achégame o espazo que preciso para atoparme internamente e crear. Logo, a nivel profesional supuxo para min a posibilidade de realizarme, a sensación de que é posible facelo, tanto a nivel económico como polo contorno profesional e a gran cantidade de músicos cos que traballar e aprender».

 

Debutas co longo My Flight (2015), que contén temas xa clásicos no teu repertorio como “To Be Cool” ou “Ready”. Que significou para ti este primeiro traballo?

Nastasia: «Foi o gran paso! Con toda a emoción e aprendizaxe que supón facer e publicar un disco. Mostrarte ao público, literalmente, cos teus temas e letras, cos teus sentimentos, dá tanta emoción como pudor.

Logo, a nivel traballo, é enorme! Ademais da creación e gravación do disco, tes que montar a banda, levala e promocionala, aprender a comunicarte, a xerar contidos de calidade cos vídeos... É unha profesión que involucra moitísimos departamentos. A min iso encántame, pero é un currazo colosal que poucas veces se coñece realmente fóra das e dos que o facemos».

 

 

Só un ano despois dese primeiro disco, gañas o Premio Martín Códax da Música na categoría Blues/Funk/Soul. De que xeito afectou este recoñecemento aos comezos da túa carreira?

Nastasia: «Foi unha alegría sideral! Deume moitísima motivación e forza para seguir con todo ese gran paso que supón arrancar unha carreira artística. Permitiume tamén chegar a novas programacións e concertos grazas ao aval que son os premios.

Ademais, é outorgado polos compis de gremio; foi un tremendo subidón sentir e recibir o apoio e, dalgún xeito, a aprobación dos meus compañeiros e compañeiras de profesión».

 

Xa que os nomeamos, blues, funk e soul... como definirías ti o teu estilo?

Nastasia: «Hai unha etiqueta estilística que “inventei” coa que me sinto bastante representada: neo-world-soul-music; unha fusión de neosoul e world music, aínda que tamén habería que engadirlle pop folk de autora, R&B contemporáneo e afro-funk :)».

 

Foto © Bruno Baw  

 

E as túas influencias? Quen dirías que tivo, ou ten, especial impacto no teu xeito de entender e facer música?

Nastasia: «Educáronme coa ensinanza de ter as orellas sempre abertas, de ser curiosa, de querer entender as músicas e a desfrutalas e, sobre todo, a respectalas alén dos meus gustos. Iso é unha base férrea sobre a que construír un universo musical variado. É a semente. Medrei con esa necesidade de estímulo e hoxe en día é xa algo vital para min.

Son algo peculiar como persoa, pero penso que acadei atopar o xeito de conxugar esa personalidade emotiva coa miña expresión artística. Os ingredientes son puros».

 

O teu segundo disco, Beat (2017), recolle «dez cancións, dez maneiras de mover o corpo». É habitual ver como o teu corpo flúe ao ritmo da túa música, non só nos vídeos coreografiados, senón tamén ao vivo enriba do escenario. Para ti, que importancia ten a expresión corporal na túa posta en escena, na interpretación das túas pezas?

Nastasia: «É fundamental; preciso do movemento libre para que todo flúa no mesmo sentido. O corpo enteiro é o instrumento, polo tanto, expresión. Para min é fundamental conectarme a todos os niveis para estar no punto artístico xusto para cantar, sentir e transmitir. Levo traballando o meu corpo desde pequena, indo a clases de danza: ballet, contemporáneo, moderno, flamenco desde hai tres anos...

O movemento é imprescindible no meu equilibrio e procesos creativos. Tanto é así que, na fase da produción do disco, me poño os temas para bailar soa no estudio e teñen que levar ao corpo a ese movemento emocional. Cando non chegan, hai que seguir puíndo a mestura, ou o que sexa, para acadar ese efecto directo. É un baremo».

 

 

En 2018, acadaches o segundo posto e o Premio dos Músicos no festival Liet International, o Eurovisión das linguas minoritarias, coa canción “Espertos”. Que supuxo para ti levar o galego alén das nosas fronteiras e recibir un galardón cantando na nosa lingua?

Nastasia: «Foi incrible, unha vivencia realmente feliz. A nosa lingua é adorada tamén fóra de Galicia: á xente gústalle como soa, como se pronuncia, ten curiosidade por esta lingua e a súa musicalidade.

Toda a experiencia do festival e de viaxar a Holanda foi estupenda. Coñecemos novos artistas, linguas fermosas. Pasámolo xenial Adri máis eu nesa semana “comodín” que nos deu a vida. O feito, ademais, de traer para a casa dous galardóns foi unha pasada, na vida o imaxinaría. Foi un agasallo profesional, como un bálsamo entre todas as emocións e altibaixos que toca xestionar cando es músico».

 

 

Un nome que adoita lerse ao carón do teu é o de Adrián Saavedra, o teu produtor musical e compañeiro de batallas. Como describirías o proceso de darlle forma aos temas con el? De que xeito inflúe a súa experiencia na túa música?

Nastasia: «Traballar con Adrián é o mellor que che pode pasar como profesional. Ten tanto coñecemento como sensibilidade nas súas grandes virtudes; é resolutivo, creativo e ama e coida a música por riba de todo. Ademais, temos unha afinidade musical realmente alta, unha especie de conexión cósmica que fai que nos entendamos moito e moi ben cando traballamos e creamos. Sabemos dos talentos doutro e procuramos potencialos sempre. Tamén nos coñecemos desde hai máis de 10 anos currando en diferentes proxectos e desenvolvendo unha amizade real (e compartindo moitas horas de coche escoitando música).

Aínda que escribo e compoño todos os meus temas, son absolutamente consciente e feliz de que o meu “son” sexa froito dese binomio Saavedra-Zürcher. Son quen son como artista grazas a el».

 

 

“Lo estoy soltando”, “Revelation”, “A sentirlo”, “El hilo”, “Lord, I’m Alive!”... desde novembro de 2020 fuches publicando single clips, adiantos do que sería o teu seguinte traballo discográfico. Foi esta unha decisión marcada pola pandemia ou por ir alimentando a expectación?

Nastasia: «Un pouco das dúas. Tiña en mente publicar o disco en 2021 pero, obviamente, co xiro de guión de marzo de 2020 todo mudou de ritmo e había que adaptarse. Para min non tiña sentido sacar o disco se non había posibilidade de facer concertos co formato de gran banda previsto. Así que reorientei o temón e puxen como rumbo sacar novo tema e videoclip cada 2-3 meses para ir desvelando a nova sonoridade.

Foi superemocionante e un currazo considerable, pero deunos moita vida e motivación nun momento complexo».

 

 

Ao fío, de que xeito afectou a pandemia ao desenvolvemento deste novo disco? É dicir, escoitariamos, por exemplo, unhas letras diferentes? Outra selección de temas?

Nastasia: «Non, en absoluto está inspirado neste episodio da historia. Influenciou na cronoloxía de lanzamento como che dicía, nada máis».

 

 

Por fin, a finais de abril podiamos escoitar o álbum ao completo, But Life Is Beauty Full (2022), un disco que se presenta como toda unha declaración de intencións... belas, positivas? Cal é o concepto que une estas 13 coloridas pezas?

Nastasia: «É unha exaltación de amor á vida, á beleza da vida, á vontade de atopar felicidade nos procesos vitais; de florecer en vida, de poñer en valor a liberdade e o desfrute como formas de vida, e de conectar cos elementos da natureza como rede de seres vivos.

É un disco emocional, sensitivo e reflexivo baseado na experiencia e nos sentimentos, coas profundidades, complexidades e extremidades que son ás veces as emocións; algunhas lixeiras e agradables, outras difíciles e destrutivas. Pero todo iso é vida, é o proceso de estar vivo, e está ben! Temos moito que coñecer e recoñecer das nosas emocións para aprender dun mesmo, navegar con dozura e amor propio polas fases dos pasos. É un disco creado no sentir que desexa achegar alegría e motivación, luz, paz e ganas de avanzar, de desfrutar. Hai resiliencia e libre albedrío, sen fuxir do negativo, pero reorientándoo nun sentido de aprendizaxe vital necesario.

A música inflúe directamente no noso estado anímico, axúdanos a transitar polas dunas do ser; iso é But Life Is Beauty Full, unha guía nos sentires».

 

Foto © Bruno Baw 

 

Como foi o seu proceso creativo? Á hora de compoñer, como cobra vida esa idea que nace na túa cabeza para acabar convertida en canción?

Nastasia: «A miña semente creativa sempre é a melodía, a música. Logo busco unha letra e unha temática que encaixe nesas melodías, sendo ás veces tan incriblemente axustadas aos bosquexos que me convencen de que xa existían nalgún mundo musical paralelo [risos].

Para min, as e os artistas somos intermediarios; temos como don, e tamén como responsabilidade social, levar á xente a sentir, facelos conectar. Por iso tamén coido e procuro desfrutar moito ao longo do proceso creativo para que quede impregnado. Preciso de estar todo o tempo nese xerar ideas, imaxinar, crear e dar vida; teño unha mente moi activa e coa arte aprendín a canalizar toda esta enerxía dun xeito san».

 

Foto © Bruno Baw  

 

A afirmación do título, «pero a vida é bela (está chea de beleza)»... malia que? É o disco unha resposta de resiliencia sonora fronte á situación que estabamos — que aínda estamos a vivir por diferentes circunstancias— ou é outra entrega do teu positivismo innato?

Nastasia: «Ser feliz é unha elección, unha oportunidade que tes en cada momento. Podes, se queres, facer ese clic interno e optar por manterte na boa onda, ser agradable, boa persoa, respectarte, ser leal a ti mesma, sincera. Claro que é complexo e leva moito traballo interno de autocoñecemento, pero sabes? Ademais da miña clara natureza alegre, pasei por momentos tan difíciles na vida onde sufrín e vin sufrir tantísimo á miña xente que penso que desenvolvín unha especie de superpoder para ser feliz!

Claro que practico cada día, e píllome cada vez máis rapidamente nos meus lares escuros procurando remontar como un foguete. Teño claro que estamos aquí para ser felices. Son unha persoa intensa emocionalmente; vivo polas emocións, por sentir, por amar, por compartir. É o que me move, pero como ben di Edgar Morin: “as persoas con alta capacidade para desfrutar o son tamén para sufrir”. Sinto as cousas tan profundamente que, ás veces, paréceme que son demasiada profunda para este mundo... E iso está xenial para escribir cancións e ser empática, pero pide unha autoxestión emocional minuciosa para, xustamente, conseguir manter ese estado de ánimo construtivo.

Por iso fago música feliz, para sentir e achegar alegría. Penso que é unha especie de misión divina: achegar alegría e emocións positivas; sempre o sentín».

 

 

En But Life Is Beauty Full volvemos escoitarche cantando en varios idiomas: galego, castelán, inglés e francés. De que depende a escolla dun idioma ou doutro?

Nastasia: «Os temas adoitan levarme naturalmente nese sentido; probo ás veces todas as linguas que manexo, pero a primeira idea sempre é a boa».

 

Tamén escoitamos un par de voces novas! As da cantante e compositora madrileña Miryam Latrece e a do músico e multinstrumentista vigués Pablo Lesuit. Como xurdiron estas colaboracións e como foi a experiencia xunto a eles?

Nastasia: «Foron toda unha experiencia e un gustazo. É unha honra para min que formen parte do disco.

Levaba un tempiño desexando facer algo a dúo con Lesuit. Un día “chegoume” esa melodía de “El hilo” e díxenlle a Adri: “creo que teño algo”... Aí comezou a festa. Con Pablo fixemos ademais un videoclip fantasía que foi unha verdadeira tolemia de rodaxe (moito aprendizaxe e alegría nun mesmo día [risos]).

Con Miryam foi un agasallo inesperado que a vida teceu fermosamente. En principio, ese tema, “Just”, ía ser con outra artista, pero por motivos persoais seus non foi para adiante e nos atopamos na tesitura de reformular o featuring. Tiña clarísimo que quería que fose un tema a dúo cunha voz feminina. Fixemos brainstorming e chegamos a ela (penso que foi Adri, de feito, quen a propuxo), púxenme en contacto con ela, xa que levábamos tempo conectadas por redes, e aceptou; fomos a Madrid a gravar as voces principais en Estudio Uno... e o agasallo estaba servido. Miryam é para min das voces máis fermosas e interesantes do panorama estatal actual».

 

 

Esta terceira referencia é a máis ecléctica, tanto na instrumentación como na produción, un traballo cargado de variedade de estilos: neo soul, afro pop, pop folk, R&B contemporáneo... Como foi a evolución ata definir este son?

Nastasia: «A clave é facer, probar, escoitar, confiar, e cantar, cantar, cantar! É certo que teño esa arteria central de neo-pop-soul que define moitos temas e coa que me sinto cómoda, pero bebo e amo as sonoridades de tantas músicas do mundo que procuro, e procuramos, reflectir iso nas creacións. Hai tanta música que desexo facer, tantos estilos, tantos discos, tantos artistas cos que confluír... É un dos meus grandes alimentos!».

 

A gran maioría dos teus videoclips están dirixidos por Jairo Moreno, unhas pezas audiovisuais que destacan pola súa impecable fotografía e coidada produción. Como se desenvolve o traballo creativo tras eles? Traballades man a man ou ten total liberdade?

Nastasia: «As dúas cousas; traballamos sempre xuntos en todo o proceso e tamén sabe que ten vía libre para achegar arte! Adoro a súa visión creativa e temos gustos estilísticos moi parecidos (sempre rimos ao ver que coincidimos nas listas de pulidos).

Coñecino por un vídeo de Davide Salvado e namoreime da sensibilidade das imaxes; pregunteille por el e desde entón fixemos máis de 15 vídeos xuntos! Jairo é un dos piares fundamentais do meu equipo creativo, xunto a Adrián; levo moitos anos traballando con eles e sinto que somos un verdadeiro equipo. Todo é fluído, agradable, emocionante, hai respecto... e somos bastante frikis todos [risos]!».

 

Outra constante nos teus vídeos é a estética de inspiración oriental: no fluír da expresión corporal da que falabamos antes, na danza ou no vestiario. De onde vén esa fascinación por Oriente?

Nastasia: «Pois supoño que das influencias... ou será doutras vidas [risos]. Non é algo que faga realmente a propósito, é máis como unha conxunción estética coa que me sinto a gusto.

Tamén sei que teño trazos faciais e corporais que tiran para aí; moito me preguntan se son libanesa ou mesmo grega, pouco parezo suíza-galega [risos]».

 

 

Agora, cos tres álbums na man, que semellanzas ou diferenzas atopas entre os tres?

Nastasia: «Véndoo con perspectiva, alégrame ver que os tres son variados a nivel estilístico, que cada canción ten a súa propia aura, ambiente e sonoridade. Tamén vexo unha boa evolución a nivel de produción, vocal, calidade e desenvolvemento da miña pegada artística. Pero sempre hai por pulir e mellorar, iso é o divertido!».

 

Cunha voz tan poderosa e versátil a túa discografía podería dicirse que é un catálogo de expresión vocal. Dáslle moitas voltas, probas moitas cousas á hora de definir como interpretarás cada un dos temas?

Nastasia: «Penso que son unha vocalista moi xoguetona á que lle gusta coquetear coas posibilidades do instrumento. Isto, sumado a que ensino canto desde hai máis de 10 anos, co manexo e estudo que implica tal tarefa, fai que fose desenvolvendo unha serie de rexistros que soan xa como propios.

A versatilidade da voz sempre me conmove, e aprender a xestionala é un mundo apaixonantísimo, o universo no que máis tempo paso. Síntome ben cando canto, de feito, ás veces penso que é onde mellor me sinto, onde máis pura son».

 

Foto © Bruno Baw  

 

Formas parte da directiva de Músicas Ao Vivo, na túa opinión, como ves actualmente o sector musical galego?

Nastasia: «Pois véxoo tanto luminoso a nivel creativo, con variedade e de calidade, como caótico e ata precario nas partes de contratación, programación e administrativas. Parece, ademais, que sempre hai que estar loitando para que se valore aos artistas de aquí, independentemente do estilo que se faga, aínda que, claro, algúns teñen maior cabida.

Boto e botamos moitísimo en falta un circuíto profesional estable, realista, favorable, variado e de calidade. A sensación é que sempre estamos rozando o cutrerío e o oportunismo; que as institucións pecan de non interesarse pola realidade da profesión musical e fan cos cartos o que lles veñen ben a elas e, (isto xa é un sentir persoal) case sempre, coas etiquetas sociais “de moda”.

A calidade e variedade dunha programación cultural son clave para que a cultura viva, para que as e os artistas creen e acheguen arte ao mundo, así como para que o público, que somos todos, teñamos oportunidade de medrar como persoas desenvolvendo a nosa intelixencia emocional».

 

Que papel dirías que xoga no sector a asociación Músicas Ao Vivo?

Nastasia: «É absolutamente imprescindible! O que pasa é que moita xente, mesmo profesionais do gremio, aínda non é consciente diso. Como non temos un referente que nos ensine o importante e favorable que é ter unha asociación profesional activa, que vele e defenda a música e aos seus traballadores e traballadoras, non lle damos importancia e perdemos a oportunidade de mellorar o noso sector; é pura ignorancia (e ás veces individualismo, tamén hai que dicilo). Cando miramos outros países e nos contan a realidade de alí flipamos, pero o vemos como algo “de fóra”. Aquí tamén o temos, ou podemos telo, pero debemos darlle forza, moitísima máis atención e confianza, unificar frontes e traballar na mesma dirección... É un proceso.

Ademais, Músicas Ao Vivo son os creadores dos premios da música galega, os Premios Martín Códax da Música, que son clave para visibilizar os proxectos en activo e darlles o recoñecemento que se merecen para que poidan expandir a súa arte polo mundo. Reitero, os premios son tamén un aval, axudan na carreira.

Estando dentro da directiva dáste de conta de que é complexo, de que hai moitísimo por facer e mellorar, por sandar. De verdade que convido a todo o mundo a que se implique máis na vertente colectiva para conseguir esas melloras, que todas e todos temos os mesmos problemas profesionais. De nada serve querer conquistar a título propio desgastando enerxías e frustrándose para logo vivir da queixa; a clave está no colectivo organizado!».

 

Tamén es profesora de canto en Estudio, Escola de Música (Santiago de Compostela), se na pregunta anterior preguntabamos polo panorama musical galego en xeral, agora queremos saber como ves ti as novas xeracións da música galega?

Nastasia: «Véxoas sedentas de crear! Hai unha canteira de novos músicos que chega con ganas, formación e con facilidades tecnolóxicas e económicas. O feito de que hoxe en día poidas autoproducirte na casa, que as redes sociais posibiliten amosar o que fas como artista... Todo é positivo!

Logo, por suposto, está o filtro natural do talento, da vocación, da calidade e, supoño, que da misión de cada quen. Pero que a arte sexa tan fácil de crear e mostrar, para min é favorable!».

 

Foto © Bruno Baw 

 

Para a presentación ao vivo deste traballo, escolliches un sexteto composto por Adrián Saavedra (baixo, teclados), Mon Orencio (guitarra, coros), Carmen Rey (piano, coros), Bruno Couceiro (batería) e Félix Rodríguez (percusión). Por que eles? Que pensas ti que achegarán, ademais do musical, ao But Life Is Beauty Full enriba do escenario?

Nastasia: «Ademais de ser tremendísimos músicos aos que admiro, son boas persoas e saben traballar en equipo; teñen experiencia na profesión e son versátiles. Sinto tamén que entenden a miña música e personalidade, que podo ser natural. Levámonos superbén entre todos, temos un gran sentido do humor e iso, para min, é vitalísimo!».

 

Que poderemos agardar deste novo espectáculo? Tes algunha data estival xa pechada que poidas adiantar?

Nastasia: «Estamos montando un show enérxico, potente e dinámico. Queremos que soe a música, que a xente poida moverse a gusto e conectar cos sentimentos para bailalos.

Estamos afinando ese compasamento que é levar ao directo novos temas cunha nova banda, definindo o rol de cada instrumento, ordenando toda a información. Está sendo supergratificante. Sentimos que temos unha boa sonoridade e que a banda é un bombazo para o directo!

Estamos desexando ter oportunidades para compartir toda esta música e boa enerxía. Certo é que está costando arrancar a contratación este ano porque está todo bastante desaxustado polos dous anos anteriores (nos que paralelamente si tiven moitos concertos...), pero levamos meses traballando niso e ten que dar os seus froitos nalgún momento. Estamos desexando compartir as primeiras confirmacións oficiais e montar a festa!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Nastasia: «Recomendaríache escoitar a Carlos Ares, os últimos discos de Momboi e Blanco Palamera, a Pablo Lesuit sempre, CALDO son tremendos. Sorprendinme para ben escoitando o traballo de Madalena Gamalho; García MC ten unha lírica estupenda e sempre arroupado por boas bases e ritmos; Two Faces e Ghost Beast soan de fábula; Guadi Galego sempre é un acerto; Banda Bacana ten un directo espectacular, así como Brais Morán e Narci Rodríguez, Sumrrá son unha das biblias, Baiuca dos imprescindibles, Sheila Patricia canta fermosísimo...Haiche tanto talento que me emociono!!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Nastasia: «Vaia, pois un pouco de todo a verdade! Son un pouquiño adicta a escoitar música e paso moitas horas no coche [risos]. Escoitaríamos desde Hiatus Kaiyote, Lianne La Havas, Nicola Cruz, Alabama Shakes, Lido Pimienta, Laura Mvula, Portico Quartet, Leifur James, Mariem Hassan, Anne Paceo, Oum, Kimbra, Melody Gardot, Buika, My Baby, Adult Jazz, Ibeyi, Fuel Fandango, Fat Freddy’s Drop, Angelique Kidjo, Masego, Chet Faker, Céline Dion, Nastasia Zürcher por suposto [risos], Bon Iver, Ben Howard, Waaju, Newen Afrobeat, Adele, RY X, Nathy Peluso, música árabe, africana, electrónica, jazz... e algunhas frikadas guapas seguro. Todo sexa desfrutar!».

 

 

  noticias