• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CRÓ!: «A IMPROVISACIÓN PODE SER PLANIFICADA E OS PLANES IMPROVISADOS»

CRÓ!: «A IMPROVISACIÓN PODE SER PLANIFICADA E OS PLANES IMPROVISADOS»
27 XUÑO 2022

Digno de moitas etiquetas a nivel musicolóxico —rock, jazz, música clásica, free, hardcore, músicas del mundo— Cró! é ra e príncipe destes estilos, algo que levan demostrando desde hai máis de 15 anos con todos, e cada un, dos seus traballos. Baixo o formigón do Vigo industrial, o cuarteto ruxe a medio camiño entre King Crimson, Dillinger Escape Plan, Huun Huur Tu, Radiohead, Fugazi, Igor Stravinsky, Atomic ou The Bad Plus, asimilando todas as linguaxes, destilándoas pinga a pinga, nun esforzo sintético e inigualable dentro do panorama musical español.

Logo de seis anos de silencio discográfico, a banda viguesa composta por Xavier Núñez (teclados, voz), Rubén Abad (guitarra, voz), Cibrán Rey (batería, voz) e David Santos (baixo, voz) está de volta con Buah! (Spinda Records/Kill Vinyl, 2022), un novo universo sonoro totalmente vangardista e dificilmente clasificable.

 

 

Foto © Beris Photography

 

Desde as profundidades da ría de Vigo, como emerxe Cró! cara á superficie hai xa máis dunha década? Cal foi a onda definitiva que xuntou a Xavier Núñez (teclados, voz), Rubén Abad (guitarra, voz), Cibrán Rey (batería, voz) e David Santos (baixo, voz)?

David Santos: «Coñeciámonos todos máis ou menos por pares/tríos e un día coincidimos nunha jam session e dixemos: “mmm, isto pode molar... e se facemos un grupo de rock!?”».

 

«Berran Cró! E ese é o seu nome». Xa, pero... por que «cró»?

David: «Un día erguinme con esa palabra na cabeza, penso que foi un sinal místico ou un toque de atención do médico. Aos días fixen un tema ao que lle puxen o mesmo nome e no cal berrábamos con bastantes ganas “cró!”. Isto apoderounos bastante e coincidimos en que “cró!” tanto valía para onda vital sónica como para nome».

 

Alternativo, psicodélico, progresivo... lemos que o voso rock é complicado de clasificar. Sen etiquetas, pois, como describiriades Cró! musicalmente?

David: «Dicimos moitas veces rock porque queremos entender que iso inclúe todo o que nos gusta e porque, máis que nun estilo, pensamos nun estado enerxético ou modo vibracional á hora de tocar. Algo semellante ao que representa a onda vital sónica con respecto ao nome da que falabamos antes».

 

Foto © Beris Photography

 

Respecto ás vosas referencias musicais, quen diriades que ten un particular impacto ou influíu dalgún xeito á hora de crear a vosa música? Algunha influencia que nos poida sorprender?

David: «Somos moi de escoitar de todo, pero de verdade da boa; desde trap cotroso ata Monteverdi ou Cavalieri, pasando por Zappa, Soft Machine, The Bad Plus ou Venetian Snares, Apparat, Steve Reich ou Aphex Twin. Tamén somos moi da xente de aquí, como a homenaxe que facemos aos diola en “Diola Gigante”.

Tentamos plaxiar de moitos sitios e facer música que nos guste e que non teñamos feito, por iso somos lentos...».

 

Desde o voso debut, instrumental, fostes «progresivamente» incluíndo letra nas vosas composicións. A que se debe este cambio? Para vós, de que depende que uns temas pidan letra e outros non?

David: «Nun principio ninguén de nós considerábase cantante, así que todas as achegas eran tipo coros ou rollo instrumental. Aos poucos gañamos en confianza e comezamos a desfrutar máis de facer cancións; e agora é unha das cousas que máis buscamos, facer cancións».

 

Aos poucos, tamén fostes variando en idiomas (galego, español, inglés). Como é a escolla dunha lingua ou doutra?

David: «Segundo saia a letra, non temos límites nin parcelas nese sentido. Aínda que, a verdade, é que do inglés si que pasamos xa bastante».

 

Algo que segue a ser unha constante son eses títulos, peculiares e orixinais a partes iguais. De onde saen?

David: «Pois de que somos bastante parvos todos e, ao mesmo tempo, gústanos moito o crapuleo intelectual... o que resulta nunha mestura curiosa, como Chomsky de furancheo por Espasante (A Coruña)».

 

 

Logo de seis anos de silencio discográfico, a finais de abril publicabades Buah! (Spinda Records/Kill Vinyl Records, 2022), a vosa sexta referencia. Quitando os dous anos «pandémicos»... por que a demora?

David: «Como xa dixen antes, somos bastante lentos compoñendo pero, ademais, durante esta época tivemos moitos concertos/xiras non soamente de Cró!, senón de proxectos paralelos dos nosos compoñentes (Fritanga, Peña, Trilitrate, Corvax, Es un Árbol,...), que tamén fixeron que tardásemos en poder xuntarnos única e exclusivamente para compoñer.

Ademais, buscabamos cousas distintas ao que xa fixeramos, polo que o tomamos con calma. Algo penso que se conseguiu, ou como o vedes? (Está permitido facer preguntas nunha entrevista? Está permitido parénteses na resposta dunha entrevista? Isto xa parece Miguel Noguera, “moi tolo todo, non..?”)».

 

Como foi o seu proceso creativo? Afectaron, dalgún xeito, eses tempos pandémicos dos que falabamos ao seu desenvolvemento compositivo?

David: «Afectaron en que non nos deixaron xuntarnos polo menos durante unha boa temporada, e tampouco nos deixaron gravar durante outra. Aínda que tocar na casa sen presión tamén tivo o seu lado bo; modo barbeito on, nutrirse desde a calma e facer cada día o que che apeteza».

 

 

A diferenza dos vosos traballos anteriores, gravados en Estudios Brazil (Madrid) por Javier Ortiz, Buah! foi feito «na casa»: en Radar Estudios con Pablo Iglesias como produtor. Como foi a experiencia de traballar aí, xunto a el?

David: «En realidade non acudimos a Pablo como produtor, aínda que lle compramos moitas cousas que nos propuxo. Acudimos onde Pablo porque nos apetecía gravar coa calma e na casa, e tamén ter tempo para producir máis o disco. Levantarse e en 5 minutos estar no estudio, poder mesturar deixando uns días de marxe e facer todas as correccións, overdubs é fantasía, con calma foi unha marabilla! Traballar con Pablo foi moi sinxelo e acadamos algo distinto, que era o que buscabamos».

 

Buah! é outra magnífica entrega onde xogades, perigosa e brutalmente, cos límites do rock progresivo. Como evitades que a experimentación non remate en... caos? Onde trazades a liña entre a improvisación e o planificado?

David: «Ao compoñer improvisamos moito e imos gardando e estruturando as cousas que nos gustan e logo, á hora de interpretar, pois xa que o reparta o corpo; non pensamos en límites a verdade.

A improvisación pode ser planificada e os planes improvisados, algo semellante ao que dicía Wayne Shorter de “compoñer é improvisar lento e improvisar é compoñer rápido”. Ah, e ás veces un pouquiño de caos éche bo, que se non, imos quedar parvas!».

 

 

En Lille” cantades á cidade francesa testemuña do voso «mellor/peor bolo nunha pizzería karaoke». Que pasou para que ese concerto non só mereza tal definición, senón que, ademais, lle dediquedes unha canción? Hai algún outro tema que teña unha historia detrás digna de ser contada?

«Modo resumo da anécdota:

1º. Non tiñamos bolo en 2.000 km... Alguén nos pasa o contacto desta pizzería-karaoke a medio camiño.

2º. Aproveitando a ausencia de limitacións das autopistas alemás, e parando o xustísimo, conseguimos chegar a tempo a este “sitio” para tocar; ninguén nos recibe con moito cariño: “Ah si, ben... se queredes podedes tocar...”.

3º. O técnico tiña noite de karaoke e estamos fodéndolle a vida; fálanos de semáforos relacionados co volume e que tocamos moi alto... bla bla bla.

4º. Durante o concerto para entre dúas e cero persoas (entraban e saían) comezan a desconectarse cousas —aí entendemos o dos semáforos do volume do jicho do karaoke...— o primeiro o proxector, que pasa a poñer as Olimpíadas.

5º. Ao acabar o concerto non nos dan nin un cacho de pizza nin sequera un vaso de auga.

6º. Unha das camareiras é o único ser que nos entende e, ás agachadas, sácanos uns cachos de pan pizza e de leria; polo que nos conta, non hai sitios onde durmir abertos pola zona nin xente que nos poida acoller.

7º. Mercamos un litro de café e continuamos outros 1.000 km. Ofrecémoslle a Frida salvala e case vén con nós. Frida, se nos les, por favor, cóntanos se estás ben.

8º. Desde entón, escapar dun sitio conducindo toda a noite é “facer un Lille”.

En “Diola Gigante hai moitas anécdotas de furgoneta, como cando vimos o sinal de onda xigante e case fago unha buxaina coa furgoneta; ou cando atravesamos un par de veces a Praza de Callao (peonil...) en Madrid coa furgoneta; ou cando resolvemos que podiamos sacar a persoa máis afortunada do mundo facendo un concurso de cara ou cruz entre toda a poboación mundial, simplemente esperando á persoa que chegase ao final das 32 rondas necesarias; ou cando...».

 

 

Á hora de compoñer, ademais de experiencias previas como comentabamos arriba, que, ou quen, inspira a Cró!? Sodes dos que esperades pola musa ou saídes a procurala?

David: «Un pouco de todo! A min gústame ben saír, pero tamén son de estar ben cómodo na casa ou de viaxe».

 

A vosa Buah” é parte de Grados. Minutos. Segundos. (2022), un recompilatorio no que Spinda Records agrupa 24 bandas españolas en plena efervescencia, como unha radiografía actual da escena musical independente. E, na vosa opinión, como describiriades esta escena?

David: «É unha escena moi activa e ecléctica e que, ao estar por debaixo do chan, carece de preocupacións pailanas desas que non teñen que ver coa música».

 

Rubén, actualmente ti tamén es parte de Peña e Trilitrate; ambas formacións tamén con lanzamentos recentes que estás a presentar. Cal é o segredo para telo todo por triplicado sen enredarse?

David: «Respondo eu por Rubén tamén muahahaha: sempre a tope!».

 

 

 

O disco vén envolto na arte de Yoseba MP (Joseba Muruzábal) e deseño de Montse Piñeiro. Recoñecemos a Drácula, M.A. do Equipo A... a Rambo? e Jhonny Bravo? tocando sobre un oso verde xigante —*O* Oso Verde Xigante— e rodeados de estrelas de cores. De onde saíu a idea? Traballástela xuntos ou tiveron total liberdade creativa?

David: «A Yoseba pasámoslle o disco e démoslle toda a liberdade. Explicámoslle cal era o significado enigmático (e que non sempre contamos) sobre cal é ou podería ser o significado do Oso Verde, unha metáfora ou un mito!? Eh!? Quen sabe. A el gústalle moito facer composicións coa súa infinita colección de bonecos e, ao final, saíu a marabilla que podedes ver na portada».

 

Ademais de telo localizado como DJ do Tinta Negra (Vigo) —xuntamos proba gráfica—, nunha publicación de Facebook dabádeslle as grazas a Abel Caballero polo oso... vai en serio? Porque entón precisamos saber esa historia!

David: «Volvendo para casa en fin de ano coñecín a Oso. Parecía que esa noite fora vexado polos vándalos da zona e tiña unha pata rota; leveino para a casa, cureino. Un par de días despois recibín a portada de Yoseba e, entón, Oso pediume que o tinguise de verde; quería converterse na parte viva da portada de Yoseba, quería ser o noso Eddie (Iron Maiden), non puiden máis que aceptar.

Agora levámolo con nós de xira e el mándalle fotos a Abel, en plan, como facía Amélie co gnomo do seu pai».

 

Oso pinchando no Tinta Negra. Foto © galiciantunes

 

Unha das facetas que mellor vos define é o voso directo; salvaxe e desapiadado por momentos, sutil e minucioso noutros. Como acadades este equilibrio enriba do escenario? Compoñedes as pezas xa pensando na súa posterior interpretación ao vivo?

David: «A verdade é que, despois de case 15 anos e seis discos, temos unha morea de temas... así que dá para ter un pouco de todo. Aínda que ultimamente estamos máis polo baile e a risa, máis ben os concertos fan que os temas cobren vida».

 

Para os directos contades con Borja Bernárdez, tamén coñecido como «o quinto Cró!», encargado das proxeccións en tempo real. Que procurades espertar no público con este diálogo entre a música e o audiovisual?

David: «Pois un pouco ese deixarse levar, ou psicodelia, ou bailar como se non houbese ninguén mirando».

 

 

A posta de longo de Buah! ao vivo foi no Mondo (Vigo). Como foi a volta aos escenarios e, inda por riba, presentando novo disco? Cando e onde poderemos desfrutar doutro concerto de Cró!?

David: «Foi mooiii guaiii!!! Tiñamos moitas ganas e bailamos e desafogamos a gusto. A xente xa canta nos concertos e todo; xa non nos ven como aos raros do progresivo, senón que veñen aos bailes e á risa. Vai molar moito esta xira!

Polo de agora non temos programados máis concertos por Galicia no verán de festivais (Ooola!!! info@spacecro.com), pero si que en setembro faremos unhas cantas salas pola zona. Tamén xa temos pechadas as presentacións en Barcelona, Madrid, Donosti, e tamén iremos ao sur e a Portugal... En breve novas!».

 

Que momento (mellor, peor, para rir, para chorar...) destacariades destes 15 anos (xa!) de traxectoria musical?

David: «Cando gañamos o Villa de Bilbao, o noso décimo aniversario, cando cambiamos de batería, o día que coñecemos osos verdes...».

 

 

En Mounstros (2016) escoitabamos Unicró!Nibot”; en Buah,Diola gigante”... homenaxe, morriña...?

David: «Claramente homenaxe aos nosos amados diola».

 

 

Se dicimos «Metamovida»... cal é a primeira palabra (só unha, eh!) que se vos vén á cabeza?

David: «Imossssss!».

 

Que significa para vós este colectivo? Na actualidade en que punto está?

David: «Unha unión necesaria e que, vitalmente, nos deu dos mellores momentos ata o de agora. Está a recuperarse e a saír do modo pandemia; seica quedou un pouco torto, pero hai esperanza!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

David: «Pois o outro día fun ver a IGMIG —voltan, si, “como Alf, en forma de chapa!”— e foron moitísimas risas, internas e externas. Tamén chamoume ben a atención O Rabelo, pero aínda non o puiden ver; veu esta finde a Vigo, pero eu tiña bolo.

Tamén hai novos grupos paraLelos coma Leira Papaia ou Aparello que teñen moi boa pinta...».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

David: A ver, no Spotify non sei, pero na furgoneta a última vez lembro que soou Rosalía, Cecilio G, calipso de discos de pizarra, The Band, Fajardo, Apparat, Jordi Savall, Sepultura, Juana Molina...».

 

  noticias