• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GUEZOS: «PROCURAMOS FACER CANCIÓNS QUE SEXAN MOI CANTABLES»

GUEZOS: «PROCURAMOS FACER CANCIÓNS QUE SEXAN MOI CANTABLES»
25 XULLO 2022

En 1999 nacía como proxecto de música tradicional e, aos poucos, foi evolucionando cara ao folk, músicas do mundo, ska e rock. Guezos é esa banda que mestura improvisación —ten por nome a primeira palabra que lles «tocou» ao abrir ao chou o dicionario barallete-galego— e profesionalidade: melodías directas, cancións de compás rápido, ritmos variados e estilos diversos caracterizan o seu repertorio, que recollen en máis de media ducia de referencias.

A última delas, Faíscas (2022), vía a luz en xuño; un traballo onde grupo ourensán representa o paso fugaz do tempo, da vida, nunha colección de tres versións —unha de ‘Wish You Were Here’ con gaita, outra da ‘Danza de Meirol’ de Berrogüetto e ‘Light of Day’ orixinal de The Silent Comedy— e catro temas propios.

 

Foto © Aitor Victor  

 

Levades máis de dúas décadas «enchendo de lume os corazóns» e os escenarios de cancións. Como xurdiu a xuntanza, aló por 1999?

Anxo Fernández: «Pois como suceden as cousas cando es un rapaz: sen plans previos e coa única pretensión de pasalo ben, neste caso coa música».

 

Guezos significa «rapaces, cativos» en barallete, antiga fala dos afiadores ourensáns. Por que este nome? E por que en barallete?

Anxo: «Como case todos os grupos había que ter un nome para actuar. Collemos un dicionario que había no local de ensaio, abrimos ao chou, puxemos un dedo enriba e saíu “guezos”. Pareceunos moi sonoro e quedamos co nome».

 

Comezastes como un grupo de música tradicional que, aos poucos, foi evolucionando cara ao folk, músicas do mundo, ska e rock. Como describiriades esta evolución? Porque o momento de incluír a guitarra eléctrica entre gaita e whistle debeu ser ben curioso!

Anxo: «Foi unha cousa gradual. Primeiro decidimos que había que meter unha batería e chamamos ao noso amigo Puntxa; pouco despois, pensamos que a sonoridade pedía a berros unha guitarra eléctrica, e así entrou Rafa «Abuelo» Ullán.

Pode ser que hai 20 anos en Galicia chamase un pouco a atención, pero nós tiñamos como referentes a grupos dos noventa como Wolfstone, Levellers ou The Pogues, que xa facían iso dez anos antes. Non inventamos nada!».

 

Actualmente, Guezos son Adrián Beiroa (voz), Anxo Fernández (coros, teclados), Roberto Reboiro (baixo eléctrico), Modesto Cid (gaita), Xabier «Mortadelo» Domínguez (whistle, gaita), Fran Díaz (batería, percusión) e David Quintas (guitarra acústica, eléctrica), pero pola banda pasaron máis de media ducia doutros músicos. Influíron dalgún xeito os cambios na formación na redefinición do voso son?

Anxo: «Por suposto, cada entrada e cada saída cambiou ao grupo para coller un rumbo ou outro. Somos xente que nos gusta dar cancha aos músicos, mesmo se non son parte do grupo; gústanos ver como enfocan as cancións xente nova».

 

Foto © Aitor Victor  

 

E, agora, como definiriades o voso estilo? Canto hai de folk, canto hai de rock...?

Anxo: «Nunca nos importou moito o estilo, imos canción a canción. Loxicamente, co paso do tempo vas acadando o “teu son”.

Podemos dicir que ultimamente estamos nunha onda folk, entendida como que procuramos facer cancións que sexan moi cantables. Que a puidese cantar un neno ou un vello, que dea a sensación como de que esa melodía estivo sempre aí, que é a maxia que ten a música máis popular, a que sae da xente; buscamos moito nos xeitos da música popular, aínda que teña autor recoñecido. Dese pensamento xorden cancións como “Faíscas” ou “O meu barquiño”».

 

En 2002 gravastes a vosa primeira maqueta, convertida logo no voso álbum debut, Guezos. Que vos fixo abrirvos camiño no mercado discográfico? Que significou para vós, como grupo, dar ese paso?

Anxo: «Para nós foi un paso natural. Sempre tivemos claro que iamos gravar discos e xirar todo o posible. De feito, non nos parou nin a pandemia; fixemos un concerto online dende o noso estudio e publicamos tres cancións novas en plena pandemia!

E o primeiro disco, no tempo que o sacamos, foi un pequeno golpe na mesa. Custaba moito e non había case ningún estudio onde gravar; foi unha aventura, pero unha aventura marabillosa.

 

 

En O histérico latexo (2012) contastes con outras voces, as de Xabier Díaz, Lamatumbá e Aid. Como xurdiron estas colaboracións?

Anxo: «Non estaba de moda o featuring e nós sempre quixemos compartir as nosas cancións con artistas que admiramos. Neste caso, Lamatumbá eran amigos, Aid unha rapaza que comezaba moi forte e Xabier Díaz era un referente. E segue a ser o noso cantante favorito!».

 

Para o voso anterior traballo, Zapatos Novos (2018), abristes unha campaña de micromecenado vía Verkami, que superastes con case unha centena de achegas. Agardabades tal apoio? Repetiriades a experiencia?

Anxo: «Pois neste caso temos o “Corazón partío” [risos]! Porque recibimos moito cariño por parte da xente, pero a vía do mecenado é un pouco ardua, e non sabes onde te metes ata que o fas.

A verdade é que sempre notamos moito o cariño do público; non somos un grupo de masas, pero cada vez máis a xente achégase a contarche o que tal canción significou ou significa na súa vida. E iso é moi, moi importante para nós».

 

 

Adiantabádelo co gran “Pepiño Malasangre” polas rúas de Ourense. Sempre quixemos saber... é homenaxe a algún figura recoñecido ou un personaxe froito da vosa imaxinación?

Anxo: «O autor baseouse nunha noticia de hai anos dun señor que traficaba con augardente por toda Galicia; gardaba na casa miles de litros de baixa calidade que servía a centos de bares de Galicia. A nós fíxonos gracia enfocalo como se fose un narcocorrido en plan galego e por iso lle demos ese aire de persecución, de velocidade e, sobre todo, humor».

 

En febreiro de 2020 lanzabades a canción “Luces do Norte”, xunto á Banda de Gaitas Nova Fronteira & Cartelle, como apoio á Asociación Pequeños Superhéroes para nenos con enfermidades raras. Na vosa opinión, que papel pensades que pode xogar a música neste tipo de accións solidarias de sensibilización?

Anxo: «Basicamente a música pode acompañarte, pode facer que vexas que non estás só, que outra xente sente o mesmo que ti. Neste caso era chamar un pouco a atención coa campaña sobre as enfermidades raras, pero tampouco pensamos que unha canción poida cambiar o mundo, senón desde “Imagine” o mundo sería magnífico».

 

 

Amenizastes o confinamento cunha triloxía audiovisual publicada en YouTube: “Comezar de cero”, “Eu son”... e un concerto online! Afectou dalgún xeito (máis) a pandemia ao traballo que estaría por vir?

Anxo: «O parón afectou nos prazos, pero nunca sabes que poderías facer sen ter máis tempo de reflexión. Penso que afectou máis á música en directo que á composición; creo que para que xurdan cancións tes que vivir, e estar encerrado nunha casa non é vivir moito...».

 

Vides de publicar un novo disco, Faíscas (2022), definido como «o mellor de nós mesmos». Por que? Como foi o seu proceso creativo?

Anxo: «Sabemos que sempre se di esa frase, pero pensamos que é verdade. Estamos moi orgullosos das letras, das melodías e de como enfocamos todo».

 

Foto © Miguel Cañedo  

 

Dos sete cortes que o compoñen, catro deles son de composición propia. Que, ou quen, os inspirou? Como pasaron de idea a canción?

Anxo: «Pois ultimamente funcionamos tentando preservar moito a idea orixinal. Pode ser que antes, ás veces, a revestiamos moito; dúas voltas de melodía mellor que catro, poucos instrumentos mellor que moitos, poucos arranxos e máis efectivos mellor que demasiados... Así pensamos agora.

A idea adoita xurdir de min, Anxo, e tamén de Adrián, pero logo todo vai ao grupo e todos achegan; non só nas melodías e nos arranxos, tamén as letras, nas que, por exemplo, Roberto Reboiro é moi bo».

 

Letra e melodía a partes iguais fan que estes temas emocionen ao oínte. Á hora de compoñer, que sae primeiro, letra ou melodía?

Anxo: «Pois a min persoalmente sáenme unha melodía cunha frase ou unha palabra e logo, se me gusta, tento darlle sentido; xa despois póñoa en común para que me axuden os demais.

Un exemplo: “Nordés” é unha canción que naceu de sentarse ao piano, tocar un acorde e poñerse a cantar: “que me leve o nordés, e que me pouse no mar...”. Non sabes que pasou, pero si que quedas pensando que igual está ben a idea e, se me segue a gustar ao día seguinte, entón seguimos con ela.

E no caso de Adrián podo dicirche que é o mesmo. Arde o WhatsApp eses días! [Risos]».

 

 

Afirmabades que as faíscas que dan título ao disco representan «o paso fugaz do tempo, das vida, de como todo pasa moi rápido case sen decatarnos [...]. Pode simbolizar o paso da vida». Por que escollestes este concepto?

Anxo: «Porque me parece unha palabra preciosa que temos en galego. Á parte do seu significado; algo que brilla, que non dura nada, pero que é importantísimo, unha chispa prende a outra, unhas brillan moito, outras pouco... Como concepto e analoxía coas vidas humanas pareceume moi bonito.

Logo vendo a súa etimoloxía vin que viña das linguas antigas xermánicas (supoño que dos suevos) e dicíase “falwisco”, que quería dicir “cinsa sobre ámbar ardente”; pareceume moi bonito».

 

Foto © Miguel Cañedo 

 

Tamén escoitamos tres versións que levan anos acompañándovos; dous delas en inglés, “Light of Day”, orixinal de The Silent Comedy ou a “Wish You Were Here” de Pink Floyd... con gaita! Que teñen de especial estas pezas para incluílas no voso repertorio e, agora, no disco?

Anxo: «Temos que dicir que a versión de “Wish You Were Here” con gaita é cousa de Alpha Blondy, un grupo de reggae que o facía así con gaita. Un día escoitamos esa versión nun bar mítico despois dun concerto e flipamos.

Tamén dicir que a versión de The Silent Comedy é moi folk, aínda que a versión deles non teña ningún instrumento tradicional. Por certo, gústalle, porque nos comentaron que adiante!».

 

A única delas en galego é “Meirol”, versión da “Danza de Meirol” de Berrogüetto. Nesta ocasión, que primou máis, o grupo, referente do folk galego, ou a canción, que adoitaban dedicar nos concertos a todos os que están relacionados dalgún xeito coa música popular?

Anxo: «Nesta ocasión primou a canción e Berrogüetto é un grupo do que escoitamos os seus discos miles de veces...

Pero temos que dicir que nós somos amantes da música tradicional, escoitamos e coñecemos moita, ademais de acudir a concertos de grupos tradicionais. Non temos ese problema que teñen algúns (poucos) tradis coas cousas que se saen do seu estándar; que, por outra banda, quen marca o estándar?».

 

 

Como abordades este labor, o de reinterpretar temas alleos para facelos propios?

Anxo: «Pois agora adoitamos respectar a letra moito. Normalmente cantámola no idioma que estea e coa letra orixinal, pero somos un grupo de facer as nosas cancións; se facemos unha versión é normalmente de cara ao directo, para enganchar á xente. Porque entendemos que ir a un sitio onde non te coñece ninguén é moi difícil, como espectador, tragarte 20 cancións que non coñeces para nada».

 

O día do lanzamento do álbum estreabades o videoclip da canción que lle dá nome; unha emocionante peza audiovisual que materializa o inmenso traballo de rodaxe, marcada por unha chea de situacións adversas. Poderiádesnos contar a experiencia?

Anxo: «A gravación do videoclip foi máxica. Desde o lugar, A Edreira, no macizo ourensán da zona de Laza, como todo o que pasou; desde unha nevada coa que ninguén contaba, ata a elección do equipo e os actores. Pero podemos dicir que é un dos recordos máis bonitos que temos destes 20 anos!».

 

 

O vídeo de “Faíscas” vén asinado por Aitor Uve, con quen xa traballarades antes en varias ocasións. Como se desenvolveu o traballo creativo tras el?

Anxo: «Pois a Aitor Víctor coñecémolo desde hai case 10 anos. É moi novo pero ten moita experiencia, ademais é músico e entendémonos moi ben.

A idea foi deixarlle liberdade total. El, a súa vez, deulle un par de ideas a Ana Gil, a guionista, quen desenvolveu o seu guión con liberdade e de aí xurdiu a idea do vídeo».

 

 

 

 

A imaxe gráfica dos vosos traballos máis recentes é limpa, directa, coidada; desde a tipografía ata a elección das cores. No mundo da música actual, pensades que se lle dá a suficiente importancia a esta parte estética, a como vén presentados os discos, merchan, etc.?

Anxo: «Temos a sorte de contar cun gran deseñador e artista no grupo, Roberto Reboiro; o deseño é algo no que confiamos tamén plenamente nel. E por suposto que coidamos a arte, hoxe entra todo polos ollos. Igual o que cambiou foi a duración das cousas, pero o deseño segue a ser moi importante».

 

Máis de vinte anos de carreira dan para moito, que momento ou momentos destacariades como inesquecibles? E enriba do escenario, algunha experiencia (boa, mala, regular) que queirades compartir?

Anxo: «Pois a presentación do videoclip “Faíscas” e a súa rodaxe foron moi especiais. E momentos no escenario... diriamos o Festival de Ortigueira e moitos outros onde a xente participou con nós; iso é o mellor».

 

Hai uns anos que, xunto aos nenos do CEIP Otero Novas (Cortegada) presentastes “Quixera”, como o «desexo dun mundo ideal». Como lembrades a gravación? Confiades nas novas xeracións para construír, musicalmente, este mundo ideal?

Anxo: «Os alumnos do cole de Cortegada son alumnos meus, polo que puiden facer a letra conxuntamente con eles. Enfocámolo como un proxecto tamén escolar, que remataba nunha gravación en Xílgaro Estudio, o videoclip, unha actuación en Luar e varios concertos.

A verdade é que o desfrutamos moitísimo, e os nenos e as familias teñen un recordo indeleble».

 

 

Como describiriades o panorama musical galego en xeral e, en particular, esa tendencia a mesturar folk e música tradicional galega con outros xéneros musicais?

Anxo: «Pois o que diciamos antes; esa “tendencia” en Galicia ten polo menos 30 anos, desde que saíu o disco de Matto Congrio. Se nos imos a Irlanda, Francia ou a América do Sur, xa nos poderiamos remontar a finais dos sesenta.

O que pasa é que antes se mesturaba moito con instrumentos de rock e agora faise moito con bases electrónicas. E por suposto moi contentos do éxito dos grupos galegos; penso que gañamos todos cando as Tanxugueiras van a Cádiz e enchen a praza. É curioso que non coñecemos música catalá en Galicia e viceversa, por poñer un exemplo, a ver se pouco a pouco imos cambiando isto. Por certo, somos máis escoitados en Madrid que en Ourense...».

 

Foto © Miguel Cañedo  

 

Xa con varias datas estivais ás costas, como está a ser a acollida de Faíscas ao vivo? Que podemos agardar dun concerto de Guezos?

Anxo: «Desde enriba do escenario notamos como cambia a atmosfera cando cantamos “Faíscas”, “O meu barquiño”, “Nordés”, “Motor”... Estamos moi contentos, a verdade».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Anxo: «As rapazas sobre todo! Mi madriña, como cantan e como compoñen Carolina Rubirosaou Antía Muíño. Grupos novos como Mai e, noutra onda, grupos como TanDub de Ourense. Hai moitos!

Pensamos que en Galicia hai moito cabeza de cartel e logo nos festis pasa o mesmo que no resto de España; os mesmos 10-20 grupos repartidos e repetidos. Había que dar máis cancha aos non habituais, pero non adoitan apostar por grupos como nós, que non saben onde meternos e moito menos se non tes unha oficina detrás. Pero tampouco nos queixamos, só queremos chamar atención sobre isto».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Anxo: «De todo, de todo. Temos nenos todos e Disney copa o 50% das reproducións! [Risos].

Pero de todo, sen dúbida e sen vergoña. Desde Berrogüetto a grupos brutais suramericanos como No Te Va Gustar, Bersuit, música clásica, rock clásico, bandas novas, de todo... Non temos ningún problema e penso que se reflicte na nosa música».

 

  noticias