VIDEOCLIP CLUB. EDICIÓN DE AGOSTO
Sementeira, Lucía Pérez ft. Eva Iglesias
Publicada orixinalmente por Fuxan os Ventos, “Sementeira” foi, e segue a ser, un emblema do compromiso social e a defensa da identidade galega. Hoxe, máis de 40 anos despois, Lucía Pérez e Eva Iglesias recuperan este himno no seu último sinxelo, unha versión de ‘Sementeira’ que ten as notas precisas para coarse nas listas de cancións do verán... e nas verbenas estivais. O videoclip, dirixido por Fede Asencio e producido por MammaMusic Visual & JJ Production, ilustra esa parte interxeracional do sinxelo a través da relación entre unha avoa e o seu neto; planos que se intercalan con outros do dúo interpretando o tema de día ao aire libre, mentres flores debuxadas van medrando ao seu redor, e de noite facendo do The Capital Latin Bar (Santiago de Compostela) o seu escenario particular.
No Fear, Allova
Cando escoitamos “No Fear” por vez primeira no seu álbum debut, Hope & Despair (2021), foi como unha dose de moral feita canción. Agora volve presentala... e por partida dobre; como adianto dun remix do tema, Allova publicaba o orixinal en formato videoclip. Dirixido e protagonizado por ela mesma, con Alberto Castaño detrás da cámara, o vídeo amosa como a cantante e compositora intenta escapar, liberarse das catro paredes nas que está encerrada, literal e metaforicamente. Hipnótico, con acordes que oscilan entre unha suxestiva e fráxil escuridade e un esperanzador escintileo pop, “No Fear” é un tema moi especial para Allova, xa que é o corte que abre o álbum e todos os seus concertos, polo que ela considera que lle «dá seguridade e forza para seguir adiante», sen medo!
Carvalheirinha escura, Os d’Abaixo
Seica son pedra... e carballo. Un día antes de pechar con éxito a campaña de micromecenado que lanzaron para financiar o seu último disco, Somos a pedra (2021), Os d’Abaixo publicaban o videoclip de “Carvalheirinha escura”. O grupo folk compuxo a letra desta peza sobre unha copla das irmás Juana, María, Manuela e Maruxa Lema Santos e a súa curmá María Lema Vigo, que Alan Lomax recolleu nunha parroquia de Corcubión, alá polo 1952. Cántanlle ao monte Pindo en Carnota (A Coruña), alcumado «olimpo sagrado dos deuses celtas» polos historiadores románticos do país, unha homenaxe que continúan Os d’Abaixo. Abríndose camiño entre pedras, dúas bailarinas —Marta Alonso Tejada e Onda Reboleiro Alonso, danzan libres, desobedecendo ás linguas murmuradoras, fuxindo dos estereotipos que as someten desde o principio dos tempos.
Volvo de volta, Enxeito
“Volvo de volta” supuxo un novo sinxelo, un novo videoclip e toda unha declaración de intencións: Enxeito estaba de volta. Con Bueu como base de operacións, o grupo regresaba hai uns meses coa súa mestura de funk, soul e rap nun tema que serve como adianto do vindeiro disco que están a argallar, «cargado de frescura e funk», e que ten previsto ver a luz este 2022. Gravado en Estudios Mafia, “Volvo de volta” é unha fusión de letras e flows do rap con melodías soul, e de influencias do rock coas propias do blues coa que Enxeito «busca volver con moita forza ao panorama musical galego». Para o vídeo, firmado por Seispés Producións Creativas, a banda contou con Matías Cioffi, que percorreu a vila mariñeira sobre patíns, dándolle veloz perspectiva tanto á «volta», con maleta e todo, de David (voz), como á actuación que se marcaron ao aire libre ao lado do mar.
Déjà vu, Erin (Comando Katana)
Este single clip de Erin (Comando Katana) soa a amor e a verán, que non a amor de verán, grazas á letra da canción e as localizacións do vídeo. “Déjà vu” canta ás dificultades do amor e a distancia, unha canción «moi especial» para o rapeiro compostelán quen, de novo, conta coa colaboración de Noize Burner como produtor. Dirixido por Damián Pazos e producido por Pixelecer, nos máis de tres minutos que dura o vídeo, Erin convídanos a unha romántica viaxe en coche onde presente e pasado son «socios e cómplices» entre paisaxes do norte e do sur... porque «as cousas no son doadas, pero non existen límites».