• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2022. VOL I

GRUPOS E ARTISTAS DA SEMANA 2022. VOL I
19 DECEMBRO 2022

Hoxe, penúltimo luns de 2022, comezamos repasar os Artistas e Grupos da Semana que pasaron pola nosa cabeceira. Agradecemos que compartiran o seu tempo con nós, non só a través dos acordes das súas composicións, senón tamén a través das teclas do ordenador, contestando a todas, e cada unha, das nosas preguntas.

Unha delas, —non sempre a máis fácil de contestar— era: «se tiveras que escoller só unha canción da túa discografía, cal elixirías e por que?». Coas respostas, fixemos esta listaxe na que, ademais, recordamos as súas palabras.

 

ÁNGEL NOVCAD

Entrevista en galiciantunes (24/1/22): «UN DIRECTO NON SÓ É MÚSICA; É AMBIENTE, INSTALACIÓN, LOCALIZACIÓN, ATMOSFERA»

Ángel Novcad: «“A Ghost in the Light”. Paréceme o tema máis comercial; ademais o seguinte traballo que publique vai seguir esa liña, cun aire máis clubbing tendo a Marta [Varela] e Alejandro [Terror Erótico Adolescente] como compañeiros no escenario».

 

 

 

 

 

MALDITO MURPHY

Entrevista en galiciantunes (31/1/22): «'HORIZONTES' CHÁMASE ASÍ POR MOITAS COUSAS, UNHA DELAS É ESE HORIZONTE SONORO QUE CRUZAMOS»

Juan Castro: «Agora mismo “Todos mis males”, pola colaboración de Mikel [Erentxun] e porque é unha canción que nos está a abrir moitas portas».

 

 

 

 

ÁNGELES DORRIO

Entrevista en galiciantunes (7/2/22): «PODER DEDICARME A MÚSICA FOI, SEGUE A SER, UN SOÑO FEITO REALIDADE»

Ángeles Dorrio: «A primeira que me ven así sen pensalo moito é un tema de Ten Soul (2013) que se chama “Eu non sei”. Converteuse na miña favorita co paso do tempo, é un tema que xa nos primeiros acordes me transporta a outro mundo. Penso que ten unha capacidade evocadora e unha sensibilidade moi especial».

 

 

 

 

ÁLVARO IGLESIAS

Entrevista en galiciantunes (14/2/22): «O CONTRABAIXO É MOI VERSÁTIL E COA TÉCNICA PRECISA PERMÍTECHE FACER COUSAS MARABILLOSAS»

Álvaro Iglesias: «Pois posiblemente o "Canto de malla" en Vagalume, polo tipo de arranxo que leva en base a unha peza de corte tan tradicional, e que a fai quizais un tanto diferente ás demais. Tamén pola interpretación tan única dos irmáns Félix e Cástor Castro Vicente xunto con Xosé Liz, músicos eles tres que son cos que máis tempo levo traballando e aos que lles profeso un profundo respecto e cariño».

 

 

 

 

SERTUCHA

Entrevista en galiciantunes (21/2/22): «Á HORA DE COMPOÑER SON MELANCÓLICO, PERO SEMPRE CON CERTO OPTIMISMO»

Aritz Sertucha: «Buf, é como dicir a que fillo queres máis... Creo que “Cosecha”, gústame moito ese tema. É o que abre o meu primeiro traballo en solitario e engloba un pouco todo o que fago musicalmente; é unha canción que fala de esperanzas, de respecto polo traballo, de amizade, de cariño á terra, de perseverar... Supoño que é un tema que me representa bastante».

 

 

 

 

MALTINE

Entrevista en galiciantunes (28/2/22): «INTENTAMOS FACER CANCIÓNS QUE NOS MOLEN E NON POÑERNOS CANCELAS»

Rocío: «Como cada un ten as súas propias favoritas, a única coa que temos consenso é con “Non sei”».

Pepe: «Para min é a canción máis espontánea, destas que nacen dunha sentada. E ademais é moi gamberra».

Rocío: Foi como un vómito. É a derradeira canción que compuxemos para Interior Noite e penso que abre camiño ao que fixemos despois en Saliva».

 

 

 

 

DOEN

Entrevista en galiciantunes (7/3/22): «‘SAUDADES’ É UN DISCO MÁIS ARRISCADO EN CANTO A ESTILO»

DOEN: «Pensamos que esa canción é “Xeo”. Por que este tema? Pois temos moitos motivos, pero resumindo: por ser o primeiro tema que fixemos pensando no “novo camiño”, o tema co que máis nos sentimos identificados en canto a estilo e por ser ese “punto de partida”».

 

 

 

 

GARCÍA MC

Entrevista en galiciantunes (14/3/22): «NA MÚSICA RENACES A CADA PASO, SEMPRE É UN GRAN MISTERIO QUE CRECE CO TEMPO»

García Mc: «“Flamante”. Fixen unha boa letra e unha boa interpretación, e ten un beat moi power; todo redondeado coa mellor voz coa que colaborei, Nastasia Zürcher, unha auténtica xefa».

 

 

 

 

COCHAMBRE

Entrevista en galiciantunes (21/3/22): «OS ASTROS SABEN QUE IMOS PETALO E TENTAN IMPEDILO!»

Cochambre: «“Bright Lights”, sen moita dúbida. É un tema que nos define bastante: caña e groove bailongo».

 

 

 

 

 

MAGIA BRUTA

Entrevista en galiciantunes (28/3/2022): «TODA REVOLUCIÓN É FROITO DUNHA EVOLUCIÓN»

Magia Bruta: «Vou elixir “Un día nuevo” porque agora mesmo é o sentir xeral de todo o mundo: estamos a caer e téndonos que levantar constantemente».

 

 

 

 

OS D’ABAIXO

Entrevista en galiciantunes (4/422): «‘SOMOS A PEDRA’ É MÁIS CORAL E MÁIS RICO, TANTO A NIVEL RÍTMICO COMO MELÓDICO OU HARMÓNICO»

Os d’Abaixo: «“Somos a pedra”, de Somos a pedra (2021)».

 

 

 

 

 

TREINTAÑERAS CAÑERAS

Entrevista en galiciantunes (11/4/22): «NON TEMOS MEDO A EXPERIMENTAR E MESTURAR, SEMPRE E CANDO SE CONSERVE A NOSA ESENCIA»

Manel López: «É moi difícil, xa que hai moitas que están decentes... pero creo que me quedo con “Festiguay”».

Adrián «Champi» Rodríguez: «“Festiguay”! É un poema urbano; unha letra que todos pensamos, pero ninguén quixo facer».

 

 

 

 

 

CUARTETO CARAMUXO

Entrevista en galiciantunes (16/4/22): «‘REVIRAVOLTAS’ REPRESENTA ESE INCONFORMISMO E PRACER QUE SUPÓN O FEITO DE TRABALLAR COMO TRABALLAMOS»

Xoán Carlos Vázquez: «Eu, se me pedides un tema, penso que me quedo con “Santa Porta”. Quizais porque é un dos últimos en montar e está máis fresquiño, ou polo toque gamberro co que conta e que tanto nos gusta. En calquera caso, o que si está claro é que pode representar unha porta aberta para fedellar nun campo no que, ata agora, nin pola mente se nos ocorría entrar».

Óscar Prieto: «Pois eu me vou ao primeiro e elixo “Entre Vigo e Pontevedra”. Tráeme moi boas lembranzas de Vento Mareiro e paréceme un temazo!».

 

 

 

 

 

NEBRA

Entrevista en galiciantunes (25/4/22): «A NOSA MÚSICA É MÁIS EVOCADORA QUE NARRATIVA»

Sara Pérez: «Cada un de nós di unha distinta, pero negociamos e imos dicir “Meigallo”».

 

 

 

 

 

RADIO ZAPA!

Entrevista en galiciantunes (2/5/22): «‘DEMASIADO’ FOI TODO O VIVIDO, ‘DEMASIADO’ É TODO O QUE TEMOS PARA CONTAR»

Zapa: «Pois imos escoller “Esquimotaje”, que é un tema instrumental, bastante psicodélico que nos acompaña no local de ensaio e nos palcos desde unha época moi temperá da banda. Finalmente foi rexistrado para o noso último traballo, e o certo é que lle temos un aprecio especial, polo que supón que o momento máis intenso do concerto sexa durante unha canción instrumental que ten chegado aos 10 minutos... non hai xeito máis indicado para refutar a escena do consumo comercial».

 

 

 

 

 

SHEILA PATRICIA

Entrevista en galiciantunes (9/5/22): «‘ORIXE’ QUERO QUE SEXA UN ABRIR DE BOCA PARA O QUE VIRÁ NOS PRÓXIMOS ANOS»

Sheila Patricia: «Escollería o propio “Orixe”, penso que é unha marabillosa carta de presentación do que eu son, de onde veño e cara a onde vou. É un tema que compuxen unha madrugada ao chegar á casa dunha foliada, realmente impresionada polas voces que alí escoitara. Sigo crendo que temos unha música que impresiona, traspasa e non deixa indiferente a ninguén, e sigo crendo na potencia do rito da música ao vivo, onde pode traspasarche como non o fai gravada nin de ningún outro xeito.

Todo isto fíxome, e faime, reflexionar sobre quen son e que quero contar; é unha constante no meu pensamento e na miña música. Esta reflexión continua, e ese querer achegar a miña visión particular e única, pois como compositora responde xenuinamente á miña historia persoal que, realmente, podería ser a historia de calquera galega ou galego de preto do mar. Así naceu “Orixe”».

 

 

 

 

 

FUXAN OS VENTOS

Entrevista en galiciantunes (16/5/22): 50 ANOS

Fuxan os Ventos: «“Sementeira” case por aclamación».

 

 

 

 

 

SNST

Entrevista a galiciantunes (23/5/22): «‘CANCIONES MALTRATADAS’ É UN DISCO MÁIS SOFISTICADO, MÁIS SERIO, QUE FALA DE HISTORIAS MÁIS PROFUNDAS»

Diego Varela: «Eu diríache “Inés” porque, aínda que pareza unha canción de amor (que tamén o é, aínda que non do tipo de amor que pensas), realmente fala da miña filla Inés e como nun día chungo no que parece que todo sae mal, simplemente unha mirada pode cambiarche o espírito».

Iñaki Blanco: «É un tema que é un bo exemplo do traballo en equipo da banda; ten algo de todos nós».

 

 

 

 

 

OLLO, LÓSTREGO!

Entrevista en galiciantunes (30/5/22): «‘HÁBITAT’ É UN TRABALLO MÁIS MEDITADO E REPOUSADO»

Ollo, Lóstrego!: «“Colonia clonal”; combina todo o que nos define como banda, tanto musicalmente como nas letras. Hai de todo: pasaxes melódicas, harmonía vocal, partes máis cañeiras, compases pouco comúns, unha letra relacionada coa natureza e a nosa contorna...».

 

 

  

Os temas elixidos polos 19 artistas e grupos da semana de xuño a decembro podes atopalos aquí.

 

  noticias