• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SAMUDRA TRIO: «O QUE COMEZOU COMO TERAPIA TOCANDO XUNTAS ACABOU TRES ANOS MÁIS TARDE CUN MARTÍN CÓDAX»

SAMUDRA TRIO: «O QUE COMEZOU COMO TERAPIA TOCANDO XUNTAS ACABOU TRES ANOS MÁIS TARDE CUN MARTÍN CÓDAX»
2 XANEIRO 2023

Tres augas, tres timbres e tres mulleres intérpretes. Laura Lorenzo (frauta), Jimena Andión (cello) e Yamini T. Prabhu (piano) son Samudra Trio, un proxecto que nace coa intención de amosar unha visión renovada da música de cámara cunha formación pouco común. Así, desde as súas orixes, bagaxe e experiencias xorden os tres timbres cos que procuran explorar as posibilidades sonoras dos seus instrumentos; mestura maxistral que baña un repertorio que percorre ritmos do continente americano, pasando polas sonoridades da Europa clásica ata as moitas e variadas músicas de África e Asia.

Esta intrépida viaxe musical de Occidente a Oriente con Europa como eixo, recollido no seu recente debut discográfico, Odisea (2022), levounas a gañar o Martín Códax de Música Clásica e Contemporánea.

 

 

Samudra Trio. Foto © Alberte Peiteavel

 

Aínda que Samudra significa unión das augas, o trío, disque, naceu baixo a unión dunhas cañas, na praza de Alfredo Brañas (Cambados) no verán de 2019. Como foi este primeiro encontro e de que xeito evolucionou ata converterse en grupo?

Yamini T. Prabhu: «Estabamos moi desilusionadas coa nosa volta da vida académica do estranxeiro, con expectativas do mundo laboral moi diferentes á realidade e, nesa incerteza, acabamos atopándonos. O que comezou como terapia tocando xuntas acabou tres anos máis tarde cun Martín Códax».

Laura Lorenzo: «Si, as tres volviamos das nosas etapas no estranxeiro e coincidiu que estabamos nos mesmos círculos. A formación frauta, violonchelo e piano pareceunos moi interesante e conxeniamos moi ben desde o principio, así que decidimos embarcarnos.

Nun principio non estaba en mente facer de aquilo algo profesional, senón simplemente descubrir nova música e explorar a sonoridade tan poderosa que ten o trío».

 

Cal foi, e como lembrades, o voso primeiro contacto coa música?

Yamini: «Tiñamos claro que aprendería un instrumento porque veño dunha familia moi musical na que sempre se cantaba e se harmonizaba sobre a marcha en todas as festas. Ao final escollín o piano por uns debuxos de Tom e Jerry nos que me fascinaba o que se podía facer con aquel instrumento. Despois do primeiro contacto era difícil separarme do piano ata para durmir!».

Laura: «Na miña casa sempre se escoitou música variada, pero non foi ata que me apuntaron no conservatorio cando empecei a vivila dun xeito máis directo. A frauta acompañoume desde o principio. Sorprendíame o conectado que estaba o instrumento co canto e encantábame soprar a través del; era un xogo».

Jimena Andión: «Comecei en clases de música desde que teño memoria, con tres anos. Ao pouco tempo xa estaba a tocar o piano e non paraba de escoitar todo tipo de música. O cello chegou máis ben de casualidade cando tiña oito anos, pero namoroume desde o primeiro momento».

 

Frauta, cello e piano; se tiverades que definir o voso instrumento cunha soa palabra, cal sería?

Laura: «A frauta é voar. O aire é o elemento principal do seu son e co seu control permite elevarse ata lugares marabillosos».

Jimena: «O cello é emoción. É incrible como a profundidade e calidez do seu son poden comunicar tantos sentimentos».

Yamini: «O piano é imaxinación. É pensar nunha paisaxe, unha orquestra, unha agrupación, un sentimento... É viaxar desde a súa potencia ou a súa lixeireza para plasmalo».

 

Samudra Trio: Jimena Andión (cello), Yamini T. Prabhu (piano) e Laura Lorenzo (frauta). Foto © Cristina Padín

 

Cada unha de vós vides de formación e experiencias musicais diversas. Cales son?

Yamini: «Eu fixen a carreira en Barcelona e tiven unha formación como moitos pianistas, de solista. Fixen un posgrao en Maastricht (Holanda) e despois o mestrado entre Moscova (Rusia) e Barcelona.

Nos anos de limbo entre carreira e mestrado, facía de pianista acompañante, participaba nos certames de banda de Valencia, compoñía música para espectáculos de teatro... Unha chea de cousas que me fixeron ver que o que máis me gustaba era tocar con xente.

Sempre digo que a música de cámara foi a miña salvación. Abriume as portas á música do meu país de orixe e deume o valor de dedicarme á investigación sobre a música carnática desde o punto de vista da formación europea».

Laura: «Eu estudei primeiramente a miña carreira en Galicia. Tiven a oportunidade de formar parte da Joven Orquesta Nacional de España e Xoven Orquestra da Sinfónica de Galiciavarios anos, que foron os meus primeiros contactos co mundo orquestral e tamén coa música de cámara.

Posteriormente estiven en Friburgo (Alemaña) realizando o mestrado especializado en repertorio de solista e música de cámara, viaxando moito a Madrid xa que estaba de academista na Orquesta Nacional de España. Neses anos comecei a colaborar con agrupacións e orquestras sinfónicas xa de xeito profesional e, por outro lado, intereseime en proxectos interdisciplinarios, en outras músicas e, tamén, no mundo da musicoloxía».

Jimena: «Despois de rematar a miña carreira na Coruña, pasei tres anos vivindo en Cracovia (Polonia), onde tiven a oportunidade de estudar o mestrado en interpretación. Durante eses anos puiden participar en numerosos proxectos orquestrais e de música de cámara que me motivaron a seguir ese camiño. Logo de rematar o mestrado, formei parte da orquestra da Accademia Teatro alla Scala en Milán, onde puiden participar en gran cantidade de programas orquestrais e operísticos».

 

Que pensades que achegan cada unha delas a este novo proxecto conxunto?

Samudra Trio: «Cada unha estudou nunha escola con diferentes tradicións interpretativas que suman entre elas.

Vivir no estranxeiro permitiunos abrir a mente a diferentes culturas, coñecendo xente de todo o mundo; as tres volvemos de lugares que teñen a cultural nun pedestal —en particular a musical— e o contacto con iso deunos ganas de intentar cambiar as cousas aquí».

 

Logo de tres anos, e unha pandemia, de andanzas musicais, debutades con Odisea (2022) o pasado mes de novembro. Como xurdiu a idea do disco?

Samudra Trio: «O disco é un resumo do que viñamos facendo desde a concepción de Samudra. Queriamos plasmar unha parte deses anos de traballo para deixar a nosa pegada e seguir a viaxar».

 

 

Por que «odisea» como título? Referencia literaria, resultado dunha serie de catastróficas desditas no seu proceso de creación...?

Samudra Trio: «[Risos] É un pouco das dúas cousas, xa que ao principio foi unha referencia literaria a esa viaxe que fai Odiseo/Ulises, e que facemos nós coa música que tocamos, pero en 2020 foron sumándose unha serie de catástrofes que complicaron a volta a Ítaca».

 

En Odisea conflúen varios compositores de distintas épocas e, tamén, de diversas procedencias. Repasemos un pouco o repertorio; abrides con Ravi Shankar (1920-2012), música clásica con aires da India. Por que Shankar e esta peza en concreto?

Yamini: «Escollemos Ravi Shankar porque é a cara máis coñecida da música clásica indostaní en Europa. Co proxecto queriamos amosar a diversidade que existe na música clásica e comezamos coa corrente académica do norte de India. Nesta peza transformamos os nosos instrumentos de tradición occidental para recrear as sonoridades dos instrumentos indios».

 

Despois da India viaxamos a Cuba con “Danzón” de Paquito D’Rivera (n. 1948), considerado o maior expoñente do jazz latino. Unha peza de jazz, con moito sabor á illa caribeña, nun disco de clásica (e non é a única)? E iso?

Laura: «Paquito D’Rivera sempre tivo interese na música clásica, non son poucas as súas colaboracións con músicos do ámbito clásico. Partindo da sonoridade da súa terra e do jazz, o compositor escribe para estes tres instrumentos dun xeito maxistral, acadando unha esencia única na súa peza. O “Danzón” componse de partes moi melódicas, ademais de seccións máis rítmicas que inducen á improvisación».

 

 

Tamén incluídes dúas pezas de 24 Negro Melodies do británico Samuel Coleridge-Taylor (1875-1912). Desa obra dicía que pretendía facer coa música africana e afroamericana o que Brahms fixera coa música húngara, Dvořák coa de Bohemia ou Grieg coa norueguesa. Que vos empurrou a incluír a súa música no disco?

Yamini: «A súa música representa moito o que queremos amosar desde Samudra, unha música clásica que parte das orixes e as referencias dos compositores. Tiñamos ganas de engadir a música de Coleridge porque non nos gustan as comparacións que se facían con el, chamándolle o Mahler africano; pensamos que é un pensamento un pouco simplista.

Decidimos incluír as pezas deste compositor para revisar un pouco a tradición académica europea, que non tería existido de non ser pola colonización e o patrimonio que resultou dela».

 

“Nemetanos: III. Muiñeira”, escrita en 1987 por Rogelio Groba (n. 1930), marcaba o segundo sinxelo. E, de novo, música clásica con tinguiduras de música popular, galega neste caso. Que vos chamou a atención desta peza?

Jimena: «Queriamos tocar algo de Galicia e pensamos que Rogelio Groba fixo moito polo panorama clásico galego. Ao vivo sempre explicabamos que as pezas de Groba tiñan unhas sonoridades chocantes, xa que veñen do vangardismo e a que máis chamaba a atención entre a xente era sempre a “Muiñeira”».

 

 

Joaquín Turina (1882-1949), que combinaba a música clásica con elementos da música popular española e Béla Bartók (1881-1945), que facía o propio coa música popular húngara van completando o disco. Por que eles?

Laura: «A personalidade de Bartók é moi admirada e recoñecida dentro da musicoloxía e da etnomusicoloxía, principalmente grazas á súa investigación da música folclórica do seu país. Nós quixemos homenaxear o seu labor facendo a nosa versión de dúas das súas seis danzas romanesas.

Doutra banda, Turina sempre estivo en mente desde que comezamos o proxecto. Eu, en particular, tiña moita curiosidade por probar como resultaba con frauta a súa música para trío (habitualmente formado por violín, violonchelo e piano). O brillo e cor da frauta e as melodías e harmonías do Trio en Si menor, persoalmente, creo que fan que encaixen á perfección».

 

E cando xa estabamos convencidos de que combinar música académica con música popular de diferentes partes do mundo era o fío condutor do disco, pechades co ucraíno Nikolái Kapustin (1937-2020) e unha peza fortemente influenciada, non pola música popular de Ucraína (daquela parte da Unión Soviética), senón polo jazz, unha música, por certo, prohibida durante moito tempo na URSS. Por que el e por que este xiro final?

Laura: «No disco amosamos compositores que recolleron na súa obra elementos extraídos de outras músicas, músicas que conviven nas súas vidas, músicas coas que se identifican, músicas das súas culturas».

 

 

O pianista e compositor vigués Brais González foi o encargado da gravación, edición e mestura deste traballo. Como lembrades a experiencia? Que aprendizaxes levastes no peto?

Laura: «Estamos moi agradecidas de que Brais se sumase ao noso proxecto. O trato con el foi moi próximo e moi agradable, sentíndonos así supercómodas desde o primeiro momento que comezamos a traballar con el. O disco gravouse nunha fin de semana, así que foi moitísimo esforzo concentrado, do que estamos orgullosas».

Yamini: «Brais é un artista integral cun talento para facer marabillas, sexa coa composición, coa interpretación, coa gravación, coa produción... Tivemos a enorme sorte de gravar con alguén que coñecía de primeira man a idiosincrasia da música de cámara e o seu resultado sonoro, e que, dese xeito, tivese tanto gusto co seu criterio de edición e mestura. A súa santa paciencia máis a súa dispoñibilidade para escoitarnos e traballar connosco foron claves para Odisea».

 

Gravación de Odisea con Brais González. Foto © Alberte Peiteavel

 

En outubro subiades ao escenario do Pazo da Cultura de Pontevedra para recoller o Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Clásica e Contemporánea. Que significou para vós este recoñecemento? Na vosa opinión, que papel pensades que teñen este tipo de galardóns á hora de impulsar a música do país?

Laura: «Penso que estamos as tres de acordo en que o máis importante que nos levamos do premio foi a motivación que nos xerou para seguir a apostar por Samudra Trio; que o empeño e dedicación no noso xeito de facer música está a chegar aos corazóns da xente».

 

Como afrontades o proceso de adaptación? Partides duns arranxos xa feitos ou comezades desde cero? Porque hai algunhas pezas que nin sequera foron compostas para trío...

Laura: «Pois un pouco de todo! Hai algunhas obras que son orixinais para a formación, outras que xa están arranxadas e editadas para trío e, tamén, partindo da partitura orixinal facemos os nosos propios arranxos, que se crean entre as tres durante os ensaios. Son un proceso de escoita, diálogo e creatividade».

 

Como alumnas de conservatorio que fostes (e como docentes que sodes), pensades que precisan de certa «actualización» ou teñen vitalidade dabondo para seguir atraendo e formando novos talentos?

Jimena: «Eu considero que é moi necesaria unha actualización nas programacións dos conservatorios xa que, segundo a miña opinión, están moi centradas en crear instrumentistas/intérpretes e non músicos con autonomía. Ademais, penso que debería explorarse outro repertorio fóra da tradición de compositores eurocentrista».

Yamini: «Subscribo as palabras de Jimena e engado que a música debería ser máis accesible, aínda máis nos tempos que corren. Desde axudas para a compra de instrumentos ata unha oferta de formación alcanzable e de calidade sen necesidade de saír do país».

 

Samudra Trio no Krazzy Kray (Cambados). Foto © Cristina Padín

 

Hai quen di que son tempos difíciles para a música clásica nesta época de atención dividida e consumo rápido. Pero tamén semella vivir un momento de transformación. O repertorio, o deseño que envolve o disco, o videoclip... o voso enfoque do xénero é renovador. Como vedes vós o momento da música clásica?

Laura: «Quizais non estea pasando polo mellor momento, pero cremos que sempre haberá oco para persoas que estean abertas a escoitar. Desde Samudra sempre tivemos en mente aquela xente que non adoita escoitar música clásica; se lle dan a oportunidade, a través de nós quizais se embarquen a descubrir nova música».

Jimena: «Penso que estamos totalmente nun período de transformación. Parece que ata agora a única forma de vender a música clásica era sendo un intérprete cun gran nome e xa está. Na actualidade, comprobamos que é necesario influenciarse doutros estilos de música para promocionar o teu proxecto (importancia da difusión en redes sociais, da imaxe, da marca, etc.).

Eu vexo que cada vez son máis os artistas do mundo da clásica que lle dan importancia a estes outros aspectos, ademais de ás súas interpretacións».

 

Resulta curioso como a vosa «unión de augas» está a provocar unha marusía na escena galega da música clásica, levando o xénero a escenarios pouco convencionais para este tipo de música (salas de concertos, pubs). É tamén un xeito de renovar, de chegar a públicos diferentes?

Laura: «Falando persoalmente penso que é necesario que toda a sociedade teña oportunidade de escoitar todo tipo de música. Non falo da música clásica, falo en xeral de todos os xéneros (folk, rock, jazz, electrónica, world music...). Para iso, os programadores deben dar oportunidade a música diversa, sen prexuízos de ningún tipo».

Jimena: «Está máis que comprobado que o noso formato funciona en lugares moi variados. Aos nosos concertos achégase xente que pensaba que non lle gustaba a música clásica e facémoslles cambiar de opinión. Soamente hai que estar disposto a escoitar, coa mente aberta e, como dixo a miña compañeira Laura, sen prexuízos».

Yamini: «Convidamos á xente (público e programadores) a darlle unha oportunidade á música clásica. Desde o noso lado da orela é unha música moi diversa, moi divertida e moi sorprendente. Engancha máis do que se pensa e non fai falta ter coñecementos previos!».

 

Presentación de Odisea no Museo de Pontevedra. Foto © Cristina Padín

 

No concerto presentación de Odisea en Pontevedra contastes coa pintura ao vivo da ilustradora Alba Troiteiro, quen debuxou un mural duns seis metros cadrados. Que procurabades con esta conversa ao vivo entre as dúas disciplinas?

Laura: «A nosa música, debido ao seu carácter instrumental, é unha arte abstracta. Buscabamos conectar con outra disciplina co obxectivo de realizar unha experiencia única e inesquecible ao vivo para cada persoa do público.

Doutra banda, para nós era importante colaborar cunha artista da cidade para crear vínculos e sinerxías, xa que en xeral os artistas quedamos relegados [só] á nosa disciplina. Que Alba se sumase foi toda unha alegría porque admiramos o seu traballo desde hai tempo. Estamos desexando repetir».

 

 

Que poderemos agardar dun concerto de Samudra Trío? Podedes adiantar xa algunha vindeira data?

Yamini: «Un concerto de Samudra Trio sempre trae sorpresas. A xente entra con algún que outro prexuízo e sae con ganas de escoitar máis música clásica!».

Laura: «Si, e ademais están cargados de dinamismo (conseguido mediante o xeito no que se suceden as pezas que interpretamos) e de reflexión.

As datas irémolas anunciando sempre nas nosas redes sociais así como na páxina web».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Samudra Trio: «Nesta terra hai moitísimo talento! Nastasia Zürcher, Banda Bacana, Antía Muíño, Abraham Cupeiro, Caamaño&Ameixeiras, e Iván Fernández».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Laura: «No meu Wrapped 2022 de Spotify están artistas como Jorge Pardo, Rita Payés, Nathy Peluso, Chet Baker, Royal Concertgebouw Orchestra, Juan Luis Guerra, Stromae, Taracea, Vulpeck, Barthold Kuijken...».

Jimena: «Glass Animals, Tash Sultana, Stromae, Kasabian, Aurora, Gorillaz, Jorja Smith, Angel Olsen, Lorde, Django Django, HAIM, Foo Fighters e, e por suposto, a nosa artista en común Nathy Peluso».

Yamini: «Spice Girls, Prince, Johnny B Zero, Lizzo, Stevie Wonder, Nathy Peluso, Alita Moses, Münchner Philarmoniker, Grigory Sokolov, Pink Floyd, Strawberry Alarm Clock, Samuil Feinberg, White Stripes, Jascha Heifitz...».

 

  noticias