• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2022

NOVOS LANZAMENTOS. DECEMBRO 2022
8 XANEIRO 2023

 

Rexurdir, QFB

En outubro deste ano cúmprense 30 anos desde que QFB nacía na Coruña e, logo da súa disolución a finais dos noventa, o agora quinteto rexurdía en xaneiro de 2020. Durante o confinamento, aproveitaron para reactivarse con novos temas, recuperando cancións de tempos pasados, reinventando e adaptando letras en castelán e galego. Todo este traballo materializábase a mediados de decembro co lanzamento de Rexurdir (2022), unha revisita dos seus clásicos nos que as letras cantan, desafortunadamente, os temas que seguen a ser actuais, como o machismo ou o racismo. Coa publicación do disco, dispoñible nas principais plataformas dixitais, a banda anunciaba unha xira que comeza xa este 21 de xaneiro, sábado, coa presentación de Rexurdir en Pelirroja Merchi (A Coruña)

 

 

 

 

Roibén, Guadi Galego

Segundo o dicionario da RAG, «roibén» é a «luz radiante en tons vermellas que tinxe as nubes no horizonte ao abrir o día ou ao atardecer, cando lles dá o sol»; a mesma luz que, segundo ela, sempre nos salva e pola que titulou o seu novo disco. Guadi Galego presenta Roibén (2022), o seu traballo máis arriscado e o que supón un paso máis na súa particular visión da canción de autor, desde un punto de vista pop con ecos de electrónica. Composto por unha decena de temas, este álbum nace da colaboración e experimentación da artista con Iván Ferreiro; non foi premeditado, nin pensado, as cancións «foron saíndo soas, case sen querer» e uníronse a outras que ela tiña gardadas. En Roibén, Guadi canta poemas, como o “Penélope” de Xohana Torres ou “Alegoría” de Antía Otero, e ás veces, escoitamos a súa voz acompañada da de Mabü e Pau Brugada. Dispoñible en formato dixital e físico, en CD e vinilo cor vermella, o LP foi concibido durante o inverno pasado, xunto a Ferreiro e Sergio M. Puga en Nigrán, e rematado en verán, en Olivera Estudi por Brugada e Vic Moliner. Del diriamos que é experimental, diferente, único; pero a propia Guadi di que «non quixera que tivese unha etiqueta única», así que queda no oínte decidir, logo da súa escoita, como describilo.

 

 

 

 

 

Rituals, Cora Novoa

Cora Novoa pasou os últimos meses do ano entre obradoiros, concertos e sesións de DJ; entre España, Alemaña, Reino Unido, Francia, Canadá... e o estudio; a artista e produtora galega publicaba a principios de decembro o seu novo EP, Rituals (Second State, 2022), primeiro co selo berlinés. Abre o disco o corte que lle dá nome, “Rituals”, unha peza coa que Novoa marca ritmo do resto do traballo: unha combinación latexante de bombo e baixo, palmas, un sintetizador nebuloso e unha voz recorrente e frenética que desestabiliza o vento e leva a percusión ao seu punto álxido. Elementos industriais, sons desordenados, riffs eléctricos, samples repetitivos e voces superpostas repártense ao longo do EP, composto por catro temas—tres orixinais e un remix de Nur Jaber.

 

 

 

 

WOAH!, Kings of the Beach

A escasos días de cumprirse un ano desde que pechase con éxito a súa campaña de micromecenado, Kings of the Beach presentaba, por fin, o seu novo disco. Costou, pero conseguírono: WOAH! (2022) é xa unha realidade. Gravado en Metropol Studios (Madrid) con Francisco Meneses como enxeñeiro de son, o segundo longo do trío vigués mantén a onda enérxica e guitarreira do anterior, sen perder esa eterna marca de batería, melodías rotundas e un punk rock do máis asilveirado. Escoitamos hits potentes, arranques frenéticos, cancións que pasan por diferentes etapas sen una estrutura típica, que van evolucionando con cada segundo que pasa... e ata unha voz feminina, a de Elena Nieto (Yawners) en “How Likely Is It?”. Ademais de nas principais plataformas dixitais, WOAH! está tamén dispoñible en formato físico, en casete e nunha edición limitadísima en cedé —«así, para o coche»— envolta en deseño de Tábata Pardo.

 

 

 

 

 

Errante corazón (OST), Nico Casal

Nico Casal volve ás súas orixes —das que, realmente, nunca se foi— co lanzamento de Errante corazón (OST) (First Artists Recordings, 2022). Esta nova banda sonora chega pouco máis dun ano despois do seu último traballo para televisión; foi el quen compuxo os temas para a ficción orixinal de TNT Maricón perdido (2021), un traballo para o que o compositor e pianista galego tivo que compoñer 60 bloques de música «algúns con piano, cello e clarinete, outros electrónicos, roqueiros... e ata varias cancións con voz». Desta vez, para a película arxentina dirixida por Leonardo Brzezicki e protagonizada por Leonardo Sbaraglia, Casal firma media ducia de pezas instrumentais que tinguen una historia visceral e pasional con verdades tan puras como punxentes.

 

 

 

 

gotas, Roura

O novo EP de Roura, gotas (2022), é xa unha realidade. Seis meses despois de finalizar a campaña de micromecenado con éxito, o cantautor coruñés publicaba o traballo que recolle as súas cancións favoritas desde que comezou a compoñer; son catro, creadas entre 2013 e 2019, e que «por algún tipo de maxia funcionan moi ben xuntas»: unha canción-conto, un tema de amor arrevesado e un par de pezas «dun tipo que vai observando á vez cara a fóra e cara a dentro». Roura quixo darlle unha sonoridade de banda a estes textos, é por iso que, a diferenza do seu anterior traballo, escoitamos baixos eléctricos, contrabaixos, batería, violíns e violas, saxos, varias guitarras... e a súa voz. Con Toni Brunet como produtor, e envolto nun deseño da ilustradora Dolores Garrido, gotas preséntase como «unha habitación de lados desiguais que ten as súas esquinas en distintos tempos», pero construída para acougar aos oídos máis inquietos.

 

 

 

 

El Maldecido, Telmo Fernández

Logo de cinco anos de silencio discográfico, Telmo Fernández volve á escena con máis forza, e máis produtividade, que nunca. O guitarrista e compositor galego remataba o ano co lanzamento de El Maldecido (2022), o primeiro longo dos tres que ten previsto publicar; adiantábao con “Nereida, La Facultosa”, unha explosiva e vibrante peza de salsa, bolero e latin jazz. O álbum revisita a salsa brava e a música afrocubana dos anos setenta a través de 11 cortes compostos e arranxados por el mismo, e interpretados xunto a The Latin Soul Beat, un ensemble dalgúns dos músicos cubanos máis aclamados do panorama español.

 

 

 

 

 

DEEP, BABYKATZE

Por terceiro ano consecutivo, BABYKATZE despide o ano cunha nova referencia na súa referencia na súa discografía. Se en 2021 sorprendía cunha colección de remixes, diciembre de 2022 foi o elixido para recompilar os sinxelos publicados durante o ano nun EP: DEEP (2022). Ao longo dos tres cortes que o compoñen, a artista e produtora descóbrenos as profundidades do seu propio imaxinario, cheo de matices, harmonías e melancolía.

 

 

 

 

A túa ausencia neste ar, Fanny & Alexander

Fanny & Alexander levaban ausentes 12 anos, unha ausencia obrigada polo destino e á que poñen fin coa publicación dun novo álbum, o cuarto xa na súa discográfia. A túa ausencia neste ar (A Regueifa, 2022) é un traballo de querenza conceptual no que todas as cancións xiran arredor da perda e da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida: pais, avós, fillos, o amor, a consciencia dun mesmo, a individualidade como persoa... Este é o fío argumental que tece as nove pezas que abrazan, sen drama nin remordemento, esa nostalxia que xorde da perda e fai da música unha ferramenta reparadora. En A túa ausencia neste ar, o dúo compostelán continúa coa tradición dos seus anteriores traballos tinguindo versos co seu pop experimental; desta volta, a listaxe de autoras é 100% feminina e máis longa que nunca, tanto nas letras das cancións (Antía Otero, Arancha Nogueira ou Ledicia Costas) como nos spoken words (Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño ou Xela Arias).

 

 

 

🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2022 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!

 

 

🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2022 cos discos completos!

 

  noticias