SUPEROITO, 10 ANOS: «SOMOS UNHA BANDA DE ROCK»
Coñecíanse desde nenos e, en 2013, decidiron formar unha banda de rock en Ordes (A Coruña). E sobre eses dos piares, a amizade e a música, nacía Superoito hai xa dez anos. Nesta década de traxectoria, cuarteto —non, non son oito— suma xa tres discos, dous sinxelos e centos de concertos por salas e festivais. O seu repertorio está cheo de composicións con influencias do rock clásico, baterías e guitarras crúas, e letras en galego. Os seus directos son potentes, cunha posta en escena que reflicte o seu espírito «animal».
Actualmente composta por Iván R. Paderne (voz, guitarra), Diego Falque (baixo), Diego Fernández (guitarra solista) e Glenn G. Carbajal (batería), a banda está a presentar o seu último traballo discográfico, A mala vida (2022); un longo que destila madurez cun son máis definido, adaptado á nova liña sonora da banda.
Hai dez anos —noraboa por esta primeira década!— que Superoito nace en Ordes (A Coruña). Daquela, como xurdiu a xuntanza? De que xeito foi evolucionando o grupo ata chegar a ser o Superoito que é agora?
Glenn G. Carbajal: «Bos días! Pois xurdiu como supoño que o fan todas as bandas: un grupo de amigos do mesmo lugar ou da mesma aldea cos mesmos gustos musicais».
Iván R. Paderne: «Exactamente, iso é o máis importante: ser un grupo de amigos. As cousas van cambiando co tempo e veñen do dereito e do revés, pero a amizade que temos está aí desde o primeiro día».
Glenn: «E estará ata o último!».
Iván: «Amén».
Actualmente, a banda está formada por Iván R. Paderne (voz, guitarra), Diego Falque (baixo), Diego Fernández (guitarra solista) e Glenn G. Carbajal (batería). A título individual, cal foi, e como lembrades, o voso primeiro contacto coa música? Tiñades algún tipo de experiencia musical previa ao chegar á banda?
Iván: «A título persoal, eu penso que Kastomä foron o principio de todo».
Diego Falque: «Na miña casa sempre se escoitou moita música cando eu era pequeno, pero o que máis se escoitaba eran grupos de rock. Sempre o tiven presente aínda de forma inconsciente».
Glenn: «Claro, a música sempre forma parte (ou debería facelo) da vida da xente... Logo o empuxón a formar un grupo pode ter diferentes motivos. Kastomä foi decisivo, si».
Iván: «É que son os mellores; a mellor banda de rock que houbo en Ordes!».
Glenn: «Ben, en Ordes sempre houbo moitas e moi boas!».
Iván: «Si, é verdade, pero daquela para min Kastomä eran os Rolling Stones galegos. Eran un grupazo e aínda por riba veciños cos que podías falar calquera día. Oxalá volveran!».
Ata onde sabemos, nunca fostes oito membros na banda... de onde vén «superoito»? Algún cinéfilo ou amante de Los Planetas na sala?
Iván: «A pregunta maldita!».
Glenn: «É que é moi clásica!».
Iván: «E non hai un motivo moi guay en realidade... Cada vez que nolo preguntan inventamos algunha historia que teña un mínimo de interese, pero non ten nada de especial».
Diego: «Eu a verdade é que aínda hoxe non sei porque nos chamamos así».
Glenn: «Foi espontáneo, non tiñamos nome e no primeiro concerto Iván dixo algo como: “boas noites, somos Superoito e somos unha banda de rock”... e ata hoxe!».
Iván: «Dixen “superoito” como podía ter dito calquera outra cousa!».
Alén de etiquetas, a que soa Superoito?
Glenn: «Outra clásica!
Iván: «A pregunta adecuada sería: “soa ben Superoito?”».
Glenn: «Esa sería unha boa pregunta! E a resposta sería “depende do día”!».
Iván: «Ímolo resumir en que somos unha banda de rock. Intentamos soar cada vez mellor ou, polo menos, distinto. Depende o que nos apeteza facer con cada canción».
Diego: «Máis “xuntos”, por dicilo dalgunha forma».
Glenn: «Si, non temos obrigación de soar a nada. A única presión é facelo dun xeito digno. Imos probando cousas e aprendendo, pero a base é o rocanrol; sen máis etiquetas».
Por quen vén influenciado este son? A quen sinalariades como referentes?
Iván: «É que non se trata de fixar referentes de outras bandas, que os hai, claro, pero é algo que nos acompañou sempre. Sempre tiramos polas guitarras e as baterías en cru. Sen dixitalismos».
Glenn: «Escoitamos moitas bandas e mólannos moitas. Grandes e pequenas».
Diego: «Eu escoito de todo, pero a cabeceira sempre é o rock. É imposible citar bandas concretas porque cada época ten as súas bandas sonoras. Poderiamos dicirche moitas bandas a título mundial, pero non é nada orixinal. Aquí hai bandas igual de boas e igual de influentes para nós, e nomear non sería xusto polas que se me poidan esquecer».
Iván: «Eu opino igual. O que une é o rocanrol. Temos a idea dunha proposta analóxica, sen samplers nin nada máis dixital do necesario. O que escoitas é o que hai: tres instrumentos e tres voces; poucos efectos e tirando. A intención é que sexa real, todo ao vivo».
Un ano despois da vosa creación, e despois de lanzar o single Non sabes bailar (2014), debutades con Todo me dá voltas (2014). Que vos empurrou a dar o salto ao mercado discográfico?
Iván: «Ben, o salto... máis ben o tropezo!».
Glenn: «Non é ningún mérito! Fas unhas cancións e grávalas nun disco. E pagar todo, claro.
Diego: «Dito así soa como a éxito total e rotundo e para nada!».
Iván: «A intención é proporcionar un medio para que quen queira poida escoitar as cancións que escribes, pero tampouco hai un mercado discográfico... nin ánimo de lucro, en realidade».
Glenn: «E se o hai, nós non estamos nel. Non vendemos moitos discos nin nos interesa moito, a verdade. Facemos uns poucos por nostalxia máis que por rendibilidade».
Iván: «O obxectivo son os concertos, a música ao vivo... Facer discos é un medio, para utilizar de carta de presentación».
Diego: «A min mólame moito ter discos físicos, pero gravalos non é o que máis».
Glenn: «Eu penso que a todos nos gusta mil veces máis os concertos que os estudios».
O longo recolle unha ducia de temas intensos, con letras irónicas e divertidas, en galego. Diriades que son estas características as que sentan as bases desta primeira etapa do grupo? Algunha máis talvez?
Iván: «Si, claro. Foi unha etapa bonita; eu acórdome dela con cariño».
Glenn: «A máis bonita de todas!».
Iván: «E a menos profesional tamén».
Diego: «Son os recordos que levamos á tumba!».
Iván: «Ese conxunto de cancións non eran moi boas nin sonaban moi ben. Non tiñamos medios para mercar instrumentos nin para horas de estudio, pero tiñamos ilusión e iamos co corazón por diante, moitas veces sen cabeza ningunha».
Glenn: «Agora non faríamos esas cancións, nin esas letras, nin poñeriamos tan pouca atención en detalles técnicos ou de son, pero é verdade que nos deron moito nos primeiros anos e temos que ser agradecidos con elas».
Iván: «Tiveron o seu momento e foi un momento moi guay, pero hai que mirar cara adiante!
Diego: Sempre adiante, como din os Ruxe!».
Nesta época gañades o Correlingua, proxecto de normalización lingüística en prol dos dereitos da lingua galega. Na vosa opinión, que papel pensades que xoga a música á hora de divulgar o uso do noso idioma?
Iván: «Pouco podemos achegar a este debate que non estea dito xa mil veces. É importante, por suposto, pero tampouco queremos meternos demasiado no tema porque non temos ningún tipo de controversia nin loita interna con isto. Que cada quen cante ou escriba o que sinta no idioma que o sinta. Para nós é así porque facemos cancións do que somos, pero sen máis discurso.
O do Correlingua estivo ben, pero non o fixemos con intención de ensinar nada. Intentamos facerlle pasar unha boa mañá aos rapaces e rapazas, nada máis».
Glenn: «Non queremos adoutrinar a ninguén tampouco... Nós só somos unha banda de rock!
Diego: «Iso está ben. Somos unha banda de rock. E punto!».
En directo – PMTour (2016) é o voso segundo disco, gravado, como ben especifica o título, ao vivo. Como xurdiu a idea de gravalo deste xeito?
Glenn: «Porque non tiñamos tempo para facelo por pistas!».
Iván: «Efectivamente, pero ollo! Está gravado en directo de forma simultánea, á caída! É dicir, que non corriximos erros nin nada. Chegamos, déronlle a gravar e o que saíu é o que hai.
Glenn: «Ben, si que ecualizamos algo e tal, pero non se editou nada».
Iván: «Eu creo que engadimos algunha guitarra por enriba, pero a intención do título era facelo de primeiras, como nos concertos. E de feito algún erro quedou por aí polo medio!».
Diego: «Os discos ao vivo non nos molan moito. O que queira escoitar calquera banda en directo que vaia a vela! E se non foi, mala sorte; hai que estar!».
Este disco regalounos varios «himnos»: “Eu quero ser indie”, “Joven, tierno y español”, “Licor café”... Levamos anos agardando este momento, precisamos sabelo: ¿que historias hai detrás destes tres temas?
Iván: «Ben, chamalos “himnos” é algo pretensioso ou, polo menos, esaxerado!».
Diego: «A min non mo parecen [risos]».
Glenn: «Son cancións, sen máis! Cada quen converte en himno calquera canción que lle faga sentir algo, pero tampouco son temas emotivos!».
Iván: «Son cancións para o desfrute momentáneo, para escoitalas e estar feliz un anaco. Non hai que buscarlle a interpretación nin o sentido. “Eu quero ser indie” é un pouco de vacile; nesa época todo era indie e cheiraba un pouco. Pero nós tamén nos faciamos un pouco os guays, así que non está mal; non é unha crítica, é unha apreciación».
Diego: «Todo de bo rollo! Tamén a de “Joven, Tierno y Español”».
Glenn: «Claro, non é un puteo a ninguén. Son situacións que nos parecen graciosas, non van dirixidas a ninguén en concreto, pero poderíamos ser todos e todas».
Desde aquela pasaron sete anos —dos que dous foron pandémicos— ata a publicación dun novo traballo (do que falaremos máis adiante). Sen presión e, obviando ese par de anos, por que a demora?
Iván: «Porque había que facelo ben —ou polo menos mellor— e para iso había que aprender».
Glenn: «Estabamos tocando moitísimo pero todo a eito».
Diego: «O de ir co corazón por diante... pero sen cabeza».
Iván: «Que non estaba mal, eh! Pero precisabamos aprender, en todos os sentidos».
Glenn: «Decidimos parar despois do festival Loro Facu de Miño».
Iván: «Necesitabamos deixar de lado o grupo uns meses e dedicarlle tempo a banda de portas cara a dentro. A ensaiar, pero a ensaiar para ser mellores, non para preparar nada en concreto».
Diego: «As cancións novas viñeron despois, pero chegaron solas. Non quixemos facer un disco».
Iván: «Non tivemos intención de facer disco ata que sentimos que estabamos facendo algo ben feito. E que tiñamos a cabeza fresca e ganas de volver a ir aos sitios».
Glenn: «Xa non temos a intención de “petalo” nin de ser os mellores en nada. Xa somos os mellores amigos. Agora só nos importa desfrutar do que haxa, e para iso necesitabamos un pouco de calma; ir a tocar tranquilos sen estar esperando nada. As expectativas son perigosas».
“Animal” era o tan agardado adianto, un temazo cun videoclip salvaxe gravado e editado por Denis Carballás (The Riggos). Que ten este corte de especial para que fose o elixido como presentación desta «nova» etapa?
Iván: «Que é a primeira canción que gravamos!».
Diego: «Estamos moi contentos de como quedou, pero tampouco a vemos superior ás demais».
Iván: «Saíu de primeira porque tiña que saír unha, pero podía ter sido calquera!».
Glenn: «Creo que foi a primeira que mesturou o Mahí e nos gustou como a deixou á primeira».
A espera remataba o 7 de xaneiro do ano pasado, cando por fin publicabades A mala vida (2022). Logo de tanto tempo, como foi a concepción deste traballo?
Iván: «A concepción foi lenta e coidada. Neste disco puxemos a atención que non puxemos nos anteriores... e un pouquiño máis de esforzo, tempo e cartos».
Glenn: «Esforzámonos máis e levámolo con máis calma, pero tampouco nos propuxemos promocionalo demasiado. Foi bastante discreto cando saíu porque queriamos que fose así».
Diego: «Subímolo ás redes e pouco máis, era o que queriamos; facer un disco chulo co que estar satisfeitos nós, e a quen lle apeteza escoitalo aí está!».
Iván: «Non queremos venderllo a ninguén. Nós estamos felices só co feito de ter chegado a acabalo. É un bo disco para nós, unha reafirmación de que estamos aquí, xuntos. Sen máis!».
A mala vida... por que este título? Baseado en feitos reais?
Glenn: «A mala vida é a contradición. Asociamos a mala vida á nocturnidade, aos vicios e a saír de concertos, e é todo o contrario. Ter unha banda, tocar por aí e estar coa xente é a boa vida!».
Diego: «O confinamento, a cancelación de eventos... iso era a mala vida!».
Iván: «A vida sen música ao vivo é a mala vida!».
As letras deste disco semellan máis combativas, con moita máis rabia, afastadas daquela retranca pillabana dos vosos inicios. Que diriades que provocou este xiro?
Iván: «Home, combativas tampouco! Pero xa non nos interesa tanto a comedia».
Glenn: «Non somos unha banda combativa, pero queriamos tomar as letras máis en serio».
Iván: «Máis metafóricas, se cadra. Contan cousas, pero non teñen un mensaxe de odio, talvez de fracaso. É un xeito de contar cousas escollendo as palabras máis bonitas».
Diego: «De decadencia! É un disco de decadencia! Sentimental, medioambiental, cultural...».
Iván: «Claro, hai un ambiente de escuridade, pero non combativos con ninguén. As nosas sensacións con todo o que nos rodeaba eran bastante pesimistas, pero tampouco somos autobiográficos. É difícil facer cancións alegres cando non estás excesivamente feliz».
Glenn: «Buscaches un pouco de variedade nos temas...».
Iván: «Claro, pero todos teñen un nexo en común. A única rabia é a musical, as guitarras afiadas e as voces, pero non temos unha mensaxe agresiva cara a ningún tema. Son formas de contar as cousas segundo as sentimos, pero non esconden intención nin ideoloxía por bandeira».
Pechades o longo con “Arde”, un potente duelo instrumental xunto a Mahí Ferradás (BROA), no que, ademais, escoitamos unha colaxe de noticias de televisión como única voz. Que pretendiades con este singular mashup?
Diego: «Pretendiamos facer unha canción na que a voz non fose a nosa!».
Iván: «Unha mensaxe xa contada pero algo breve para pechar o disco».
Glenn: «Mahí é un fenómeno da batería e fixo todo á primeira toma, sen preparalo nin nada».
Iván: «Non lle demos opción. Foi: “Mahí, tío, mete aquí unhas baterías”, e fíxoo á caída».
Diego: «É unha clausura distinta, un retrato da esencia do disco... a toda hostia!».
Case unha década separa o voso debut deste último traballo. Botando a vista atrás, cambiariades algo daquel Todo me dá voltas? Que diferenzas, ou similitudes, atopades entre ambos?
Iván: «Cambiamos moito! Tamén se non cambiamos nada, mal asunto!».
Diego: «Eramos un pouco macarras de máis... e iso que eu cheguei tarde!».
Glenn: «Aprendemos moito (e o que aínda nos queda), antes eramos moi descoidados».
Iván: «Estamos máis tranquilos tamén, antes faciamos todo con moito nervio e cometiamos errores. Flipámonos un pouco algunhas veces, outras eramos uns impresentables...».
Glenn: «Seguímolo sendo moitas veces [risos]».
Diego: «Fala por ti; eu son o máis responsable da banda».
Iván: «Nestes dez anos aprendemos de nós mesmos, de moitas cousas que non hai que facer. E de algunhas que hai que facer máis, como calar a boca e dedicarnos a tocar!».
Glenn: «Volvemos ao de que somos unha banda de rock e punto».
Iván: «O que nos interesa é facer cancións, ser mellores en cada disco e non querer aparentar ser nada. Hai épocas mellores e peores e o que queda son as persoas. Procuramos ser boa xente con todos e todas e, sobre todo, ser mellores con nós mesmos».
Diego: «Eu dos primeiros discos non cambiaría nada. Non os faría así agora, pero non os cambiaría; perdería a esencia daqueles tempos».
Iván: «Se se fixeron así foi porque así o sentiamos. Os cambios sempre cara ao futuro, o pasado está escrito e non hai de que avergoñarse».
Glenn: «Ben, depende da noite!».
Pregunta de rigor, tanto pola época na que estamos como pola que estades a atravesar vós: cales son os vosos propósitos (musicais) para este novo ano? E para os vindeiros dez?
Iván: «Seguir aquí xa é un propósito ambicioso. Remar xuntos e ir facendo o que vaia saíndo».
Glenn: «Seguir rodeados de xente tan boa como a deste último ano».
Diego: «Cando todos morramos só quedarán as cancións e a xente coa que as compartiches».
O sábado 21 de xaneiro celebrades o voso décimo aniversario cun concerto moi especial na Sala Capitol (Santiago de Compostela), no que ides contar con «dez convidadas de luxo» como, por exemplo, Anxela (BALA), Gustavo Brea (NAO), Tucho (Heredeiros da Crus), Vituco Neira (Ruxe Ruxe) ou Alberto Cereijo (Los Suaves, N.E.O). Que significan para vós estes artistas que vos acompañarán no escenario?
Iván: «Son os e as mellores. Amigos, amigas, referentes, ídolos; xente boa e xenerosa!».
Glenn: «É unha sorte ter tantos músicos e músicas desa calidade con nós».
Iván: «Non hai absolutamente nada máis que dicir de ningunha delas. Son as mellores só polo feito de compartir un anaco das súas vidas e da súa calidade musical cunha banda como nós. É unha noite distinta para nós e para eles e elas, e o rocanrol é o lazo de unión».
Sen facer spoilers, que poderemos agardar desa noite?
Iván: «Podedes agardar dez das mellores artistas galegas no mesmo escenario: cinco guitarristas e cinco voces. Iso xa é algo único. Cada unha do seu pai e da súa nai, coas súas influencias, a súa personalidade e as súas virtudes. As cancións poñémolas nós, pero só é unha escusa. O importante son eles e elas, e celebrar xuntas a música, sexa de quen sexa e onde sexa».
Xa que estamos enriba das táboas, que momento, ou momentos, destacariades destes dez anos de traxectoria? Se tiverades que describir esta década nunha soa palabra, cal sería?
Glenn: «O momento actual. Diso se trata, de desfrutar o que nos pasa agora. Do pasado apréndese, pero non se vive; hai que esquecerse de todo o que non sexa vivir o día a día!».
Iván: «Eu resumiríaos coa palabra resistencia. Diso trátase. Aquí ninguén triunfa nin ten éxito porque... que é o éxito? Vender moitas entradas? Canto son moitas? Facer cartos? Quen fai cartos? O éxito é aguantar as malas, remar na mesma dirección e ir facendo cancións e desfrutando dos momentos felices de compartilas coa xente ou coas outras bandas».
Algún saúdo ou agradecemento que queirades facer? Esta é a oportunidade!
Iván: «Temos moito que agradecer a moita xente. A quen segue aí despois de dez anos, nas redes e nos concertos; ás que están dende o principio e ás que chegaron novas. A Diego Fernández, que está nun momento complicado pero é un exemplo para todos; o mellor músico que ten esta banda. Ás dez artistas que nos acompañan na celebración do noso X Aniversario. A Amós de Plancto por guiar este tren descarrilado. A Miguel Duarte polo traballo gráfico desta última etapa. Aos técnicos de backline e son, Miguel Moure e Luis Miguel. A Acouga, porque son os nosos irmáns de batalla. A Ángela, Sara e Alicia pola paciencia. A Osián! A Luis de Arkadia, a Bocixa e a Seispés polo traballo audiovisual e de comunicación.
A todo o mundo! Quen ten o noso aprecio seguro que o sabe! A GalicianTunes por ser a nosa voz! E a ti por ler isto ata o final! Querémoste!».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza
Diego: «De todo, pero nada do que avergoñarse... Ben, eu creo que non».
Iván: Ningún estilo musical é para avergoñarse... Hai cancións que teñen mensaxes de vergonza, ou discos que están tocados de pena, pero ningún estilo debería ser crucificado a priori. No rock tamén temos algunhas meteduras de zoca importantes, hai de todo. Está claro que hai xéneros que coxean máis, pero tampouco somos nós quen de xulgalos».
Glenn: «A liberdade musical tamén é necesaria. Eu practicamente só escoito ACDC, pero tampouco me vou enfadar cada vez que soe algo que non me gusta. É lei de vida».
Diego: «Pero ti tes un problema con ACDC!».
Glenn: «Un problema do que non quero curarme macho; estou de puta madre así».
Iván: Esa é a mentalidade! Por iso te queremos!».