NOVOS LANZAMENTOS. XANEIRO 2023
O corasón como un after, The Rapants
Aquel primeiro adianto xa deixaba entrever quen sería o protagonista do álbum: o corazón; músculo que nos mantén con vida e, segundo eles, «centro do universo, máximo responsable do amor, as festas e infortunios ocasionados por ambos». O venres 26, The Rapants descubría o disco ao completo; O corasón como un after (2023) é o novo dos de Muros, un longo no que «hai de todo» e co que a banda pretende afianzarse no panorama musical galego. Gravado, mesturado e masterizado por Iago Blanco en Drum&Roll Studios (A Coruña), o traballo móvese entre o indie e o garage, coquetea coa música disco e a electrónica descaradamente sen deixar de lado o rock ‘n’ roll, e lanza unhas letras frescas e xenuínas. Corazón, festas e amores únense nun álbum creado para espremer nos directos... ata chegar ao after.
Héroes que nadie ve, Principia
O luns 26 saía o novo disco de Principia, Héroes que nadie ve (2023), dispoñible en plataformas dixitais e nunha edición física limitada a 100 copias. Gravado entre Madrid e Vigo, e producido por Carlos Gil, este segundo traballo de estudio amosa un pequeno xiro no seu son; escoitamos máis guitarras, aínda que os sintetizadores seguen a predominar, e letras máis directas. Ao longo da decena de cortes que compoñen o álbum, o dúo vigués achega ao oínte ao pasado, para que se volva atopar co neno que foi e así aprender de medos e erros. Pero, como indica o título, as súas cancións son tamén un berro ao presente, «ao momento de cambio tan crucial para o ser humano e a vida no planeta»... e a eses heroes que non se ven, tan necesarios e, moitas veces, tan esquecidos.
Altospeaker, Sandford Music Factory
A personalidade de Sandford Music Factory forxouse nos máis de cen concertos realizados por España e norte de Portugal, e queda reflectida nunha discografía composta, polo de agora, por un EP presentación, un acústico en directo e catro discos de estudio. O último é Altospeaker (Radix Records, 2023), pero primeiro producido por eles mesmos, masterizado en MetroMastering (A Coruña) e dispoñible en vinilo, CD e plataformas dixitais. Preséntano como unha viaxe vibrante por tres anos de pandemia e futuros incertos, melodías envolventes, grooves poderosos e riffs mastodónticos. Influencias de grupos como Black Sabbath ou Alice in Chains salpican unha sonoridade propia xa definida que, aínda afondando en melodías máis contundentes e escuras, demostra a evolución sonora que a banda coruñesa tivo ao longo de todos estes anos.
Claustrofobia, Rodrigo Ramos
Tres sinxelos máis tarde... por fin podemos desfrutar do disco ao completo! O venres 13, Rodrigo Ramos publicaba Claustrofobia (Esmerarte, 2023), o seu novo álbum e terceiro de estudio. Composto na gran parte durante o confinamento, cando o mundo exterior era un perigo”, o longa duración cumpre coas expectativas que o músico e compositor silledense puxera nel desde o lanzamento daquel “Para decir adiós”. Bailando entre o pop rock alternativo e o folk, Ramos crea un universo propio de cancións íntimas onde, unha vez máis, guitarras e Hammond achegan un toque clásico sen renunciar ao contemporáneo. Gravado en Planta Sónica (Vigo) e Estudios Mans (A Coruña), entre a decena de temas que compoñen Claustrofobia, seis en castelán e catro en galego, escoitamos un poema de Xosé Neira Vilas musicado e esta colaboración con Lucía Pérez, “Nada máis”.
Chove en Galicia, Mr. Vieito
Mr. Vieito presenta o seu proxecto máis persoal, con cancións feitas por el mesmo —desde a composición e arranxos ata a mestura e o mastering— nas que combina varios estilos de música electrónica como EDM, electroswing ou Lo-Fi. O día de Reis debutaba con Chove en Galicia (2023), un longo que recolle nove temas Lo-Fi instrumentais inspirados na súa terra, nas paisaxes e no clima que pretenden provocar no oínte unha sensación de benestar; para iso, o músico e compositor partiu de melodías recoñecibles e improvisou sobre elas influenciado polo jazz, outra das súas grandes paixóns.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!