MARYLAND: «DESPOIS DE CINCO DISCOS, MARYLAND SOA A MARYLAND»
Sabes quen soa ao primeiro guitarrazo, dá igual onde o escoites; nos auriculares? no tocadiscos? ao vivo? Eses primeiros segundos son inconfundibles. E é que MARYLAND leva case 15 anos esculpindo o seu son como mestres artesáns de letras e melodías, a través de emocións, con agarimo. A banda viguesa, formada por Rubén Castelo (voz, guitarra), Pablo Castelo (baixo), Erick Puccioni (guitarra) e Álex Penido (batería), é coñecida por un power pop de riffs de guitarras explosivas e melodías frescas, de letras emotivas e directas.
Cinco discos e dous EP avalan unha traxectoria na que rexurdiron, volveron nacer... e que, agora, lles leva a atopar e compartir as súas Cataratas del Paraíso (Subterfuge Records, 2022). MARYLAND volve cun disco auténtico, sensible e enérxico. E si, comeza con guitarras.
Foto © Martín Rodríguez
Hai case 15 anos que irrompiades no panorama musical co voso power pop americano de guitarras. Como nace MARYLAND?
Rubén Castelo: «Pois nace sobre 2008. Eramos Jaime, Arturo, Pablo e máis eu e. A inicios de 2009, co primeiro disco xa gravado, incorporouse Iván Patiño».
Pablo Castelo: «Posteriormente apareceron Alex e Erick».
Actualmente, a banda está composta por Rubén Castelo (voz, guitarra), Pablo Castelo (baixo), Erick Puccioni (guitarra) e Álex Penido (batería). Tirando aínda máis do fío da memoria, a título individual, cal, e como, foi o voso primeiro contacto coa música?
Rubi: «A lembranza do meu primeiro contacto é dunha guitarra que tiña a miña madriña; foi collela e comezar a investigar sobre acordes, etc. Todo o que levo feito polo de agora é grazas a esa guitarra e, por suposto, á miña madriña».
Pablo: «No meu caso, ao ir á par que o meu irmán, recordo que non faciamos máis que descargar tablaturas de Internet das cancións que máis nos gustaban e practicalas sen parar. Logo o seguinte paso xa era sacalas de oído… A verdade é que todo foi autodidacta».
Todos viñades de tocar noutras bandas (de feito, a Álex seguimos a escoitalo en Helen & Shanna), que achega a vosa experiencia previa ao proxecto en común?
Rubi: «Quizais os gustos moi parecidos que temos todos do xeito de concibir a música. Eu son dos que penso que, despois de tantos anos nisto, non sei absolutamente nada. Cada día apréndense cousas novas».
Pablo: «É unha profesión onde a reciclaxe é necesaria e debe ser continua. Comezamos sen saber tocar un instrumento e agora temos nocións de social media, gravación, montaxe e edición de vídeo e audio…[risos]».
Foto © Isaura Docampo
Por que ese nome, «MARYLAND»?
Rubi: «Vigo ten mar e montaña :)».
Pablo: «[Risos] Touché!».
Aínda que nomeabamos o voso power pop, preferimos que sexades vós quen describades a vosa música. Sen etiquetas, a que soa MARYLAND?
Rubi: «Eu son antietiquetas, hoxe en día adoitamos a cualificar todo; despois de cinco discos penso que Maryland soa a Maryland.
Esta é unha das cousas das que quizais me sinto máis orgulloso, de que xente que escoita unha canción nova nosa é capaz de identificala».
Pablo: «Maryland soa a todo o que nos gusta».
Weezer, Nada Surf ou Fountains of Wayne son algúns dos nomes que lemos ligados ás vosas influencias, pero a quen sinalariades vós como referentes musicais?
Rubi: «Podería dar unha longa lista —desde grupos, solistas ata compositores de bandas sonoras— pero me quedo con calquera que non deixe de lado a unha guitarra :)».
Pablo: «A un pedal de distorsión!».
Debutades con Surprise (Ernie Records, 2009), producido por Jaime G. Soriano, líder de Sexy Sadie tamén coñecido como Sr. Nadie ao que, por certo, contactastes vía myspace.com (que tempos...!). Como pasa de ser unha «proposta de colaboración» a produtor do voso primeiro disco? Como lembrades aquela experiencia?
Rubi: «Pois para min algo marabilloso. Enviámoslle unha mensaxe para ver se lle apetecía cantar unha canción no disco; logo enviámoslle parte do disco e gustoulle. Todo aquilo pasou de facer unha colaboración a producirnos o disco íntegro, irnos a Palma de Mallorca a mesturalo e a gravar parte del durante unha semana.
Para un grupo que non tiña nin discográfica nin oficina, penso que foi un verdadeiro regalo; non só que fixese iso por nós, senón tamén de ter a sorte de poder telo como un bo amigo para o resto de vida. Ademais dun pedazo músico e compositor é unha persoa marabillosa».
Pablo: «De feito, recordo que daquela tiña unha foto súa de pequeno como foto de perfil, e claro, cando vimos que isto se nos ía das mans ata pensamos se non se trataba dun perfil falso ou algo así [risos]».
Los años muertos (Ernie Records, 2013) marca o primeiro «antes e despois» da vosa traxectoria e, aínda que seguimos a escoitar un pop rock explosivo, pasades do inglés ao castelán. Por que o cambio de idioma?
Rubi: «Foi un cúmulo de cousas. Creo nas bandas que evolucionan e arriscan e nós, co cambio de idioma, arriscamos non só a nivel linguaxe; penso que tamén a nivel compositivo.
Cada disco noso soa totalmente diferente en canto á formulación, pero manteñen unha liña coherente. Moita xente dinos que nós fixemos ese cambio e que non se notou apenas con respecto a outras bandas que fixeron o mesmo, pero non foron capaces de manter a súa identidade».
Pablo: «Xa nos propuxeramos facelo no segundo disco; de feito, chegouse a comentar a opción de gravalo nos dous idiomas pero, ao final, non tiñamos moi madura a idea. Pensamos que ten que xurdir de xeito natural e non imposto. As cousas feitas con cariño non fallan!».
Diciamos que o primeiro, porque pensamos que o voso seguinte punto de inflexión chega cinco anos despois coa publicación de Resplandor (Subterfuge Records, 2018) e a firma con Subterfuge. Que significou para vós como banda e para a vosa música ese cambio?
Rubi: «Pois outro paso máis para nós como banda. Lembro que o meu primeiro concerto de festival foi para ver a varias bandas de Subterfuge. Firmar con eles —un selo do que teño centos de discos nos meus andeis!— pois é outro soño cumprido.
Somos un grupo que fomos dando pequenos pasiños e afianzándonos con traballo, e Resplandor foi un máis; deunos a oportunidade de chegar aínda a máis xente (e a oficina é marabillosa)».
Pablo: «Notouse en moitos factores. Os números en escoitas, reproducións nas plataformas de streaming, etc. aumentaron con fartura respecto aos outros traballos; para nós significou un salto bastante grande.
Ao final o que nos reconforta é, ademais de sacar cancións, que á xente lles gusten e que cada vez o público sexa maior».
Abre o longo “Ave Fénix”, que tamén servira de adianto, que canta: «aquí estoy otra vez. Nada espero, nada sé, el ave fénix resurgió». Tomastes este rexurdimento das cinzas como unha declaración de intencións cara ao futuro da banda?
Rubi: «Si, vai por aí a idea. Resplandor, o disco enteiro, é unha “homenaxe” a eses anos atrás; fala do estado da banda e de meu nese momento. Con Los años muertos xa deramos un pasiño mais, pero coa marcha de Iván e Arturo… pois decidimos parar un ano e ver por onde iamos tirar.
Eu persoalmente quedei cansado do ámbito musical; lembro que estiven sobre seis meses sen coller unha guitarra, pero pasado ese tempo volveunos a entrar o bicho no corpo e, en cuestión de dous meses, tiñamos o disco escrito para entrar a gravar».
Pablo: «Igual é unha parvada que desde fóra non se aprecia, pero para unha banda como a nosa resulta vital ter as ganas e o sentir pola música intactas; se non estás ao 100% nótase en todas facetas, pero nesta profesión aínda máis. Hai que estar con moitas forzas. O esforzo é máximo e sacrificas moitas cousas da túa vida diaria».
Resplandor presentábase como o voso disco máis valente. Por que definilo así?
Rubi: «Porque quizais falaba máis de nós como grupo. As letras quizais son un pouco máis directas. Teño a sensación de que foi como gravar un segundo “primeiro disco”; lanzámonos de novo sen prexuízos e coa premisa de sentirnos como unha banda novel que ficha por un selo discográfico. Penso que iso quedou moi ben plasmado no disco».
Pablo: «Xuntáronse moitas cousas: cambios de discográfica, cambio de oficina e formas de traballar. Foi un xeito de saír da zona de confort e pensamos que iso se reflicte no disco».
Foto © Isaura Docampo
Un ano e medio despois deste longo sorprendiades con Una pequeña galaxia (Subterfuge, 2019), un sinxelo de dúas caras en acústico para o que contastes con Vega e Sr. Nadie (Jaime G. Soriano). Como xurdiu este traballo de colaboracións tan especiais?
Rubi: «Primeiramente a formulación era regravar o disco enteiro con diferentes colaboracións, pero ao final vimos que por cuestións de axenda era moi difícil poñer de acordo a tanta xente; preferimos realizar algo máis curto, pero que, sobre todo, dese a sensación de estar feito con moito mimo.
Con Jaime era algo que tiña pendente; a súa evolución a nivel compositivo foi parecida á nosa. El ten con Sr. Nadie o seu proxecto en castelán e apetecíanos que participase. Sempre digo que é un máis de Maryland: para min é como ter o noso Steve Van Zandt (sen pano) :).
Con Vega foi outro regalo máis que recibimos desta cousa tan marabillosa chamada música. Coa saída de Resplandor xa nos escribira algunha mensaxe dándonos o parabén e que lle gustaba “Ave Fénix”, así que cando xurdiu a idea dixo un “si” con maiúsculas. Foi marabilloso como a fixo súa. Ter a oportunidade de poder colaborar con ela é un luxo; oxalá poida volver facer algo así nun futuro».
O voso novo traballo Cataratas del Paraíso (Subterfuge Records, 2022) chegaba o pasado novembro, un agardado longo co que pretendedes que o público viaxe a través das 11 cancións que o compoñen. Cal foi a idea tras el?
Rubi: «Pois está escrito en nome de familiares, amigos, etc. É a primeira vez que escribo integramente as letras pensando ou dedicando as cancións a xente determinada. Ao principio dábame algo de apuro, pero con isto da pandemia, o parón que tivemos, deime conta que era bonito tamén abrirse e plasmar todo o amor ou o afecto que sentes polas persoas que che rodean. Para min iso é suficiente para chegar a esas Cataratas del Paraíso».
Tamén comentades que é unha viaxe que realizan «tres protagonistas moi importantes para vós». Quen son... se se pode saber? Foron eles a única inspiración das vosas letras ou houbo outras variables?
Rubi: «No disco falo de moita xente, pero tres de elas son o meu sobriño, o meu avó e o meu can».
Pablo: «Menudo tridente! :)».
Descubrimos que realmente existen unhas Cataratas do Paraíso en Brasil, pero tamén hai unhas ficticias, as da película Up (Pete Docter, 2009), inspiradas no Salto Anxo en Venezuela... e as vosas? De onde vén o título do longo?
Rubi: «Tanto o meu irmán como eu somos moi cinéfilos, entre os dous poderiamos montar un videoclub!
Neste disco hai moito chisco a toda a cultura popular e o título vén efectivamente da película Up. Como comentaba antes, hai unha canción dedicada ao meu sobriño, que naceu en pandemia (en pleno confinamento), e outras dúas dedicadas ao noso avó e ao meu can que, lamentablemente, faleceron antes e durante a pandemia.
Precisamente no meu salón teño o póster orixinal desa película; nel aparecen xustamente eses tres personaxes e parecíame unha bonita homenaxe aos tres».
Xa que nomeamos unha delas —que, por certo, é a mesma que abre o videoclip de “El chico de oro”, do que falaremos máis adiante—, non imos pasar por alto o resto de referencias cinematográficas que sabemos que hai. Cales son? O de incluír referencias cinéfilas nas vosas cancións é xa unha tradición?
Rubi: «Si, como dicía, nos discos sempre tratamos de meter algo; neste quizais foi algo máis aberto. Para nós o cine e a música van moi ligados.
Hai multitude de referencias a películas dos oitenta, como Calles de fuego (Walter Hill, 1984), La historia interminable (Wolfgang Petersen, 1984), Indiana Jones y el templo maldito (Steven Spielberg, 1984) ou Blade Runner (Ridley Scott, 1982), por citar algunhas».
Pablo: «Sae de xeito natural; ao final, non paramos de escoitar música e de ver películas, seguramente se tivésemos outras inquietudes, pois falariamos doutras cousas :)».
Os adiantos do álbum —“Volver a nacer”, “El chico de oro”, “Mi emperatriz infantil”— xa brindaban felicidade, alegría; unhas emocións que contrastan co aire agridoce, melancólico quizais?, do anterior. Que propiciou este xiro emocional na temática das cancións?
Rubi: «Tiñamos claro que queriamos un disco que fose optimista, aínda que a letra estivese contando todo o contrario, e que fose un disco para desfrutar ao vivo».
Pablo: «Pode ser tamén que, ao falar de xente á que aprecias e queres, iso quede reflectido nas melodías e nos arranxos dos temas».
Chegados a este punto, arriscámonos a dicir que sodes unha banda que compón movida por emocións e que, ademais, acada transmitilas con éxito ao público. Na vosa opinión, que vantaxes ou desvantaxes pensades que ten compoñer, digamos, a corazón aberto?
Rubi: «No momento que escribes unha canción supoño que é necesario que sexa o máis sincera posible, porque iso é o que se transmite á persoa que a estea a escoitar. Eu son bastante tímido (aínda que non o pareza), pero penso que cos anos perdín ese medo a contar o que sinto e como o sinto».
Pablo: «As emocións moven a vida diaria».
Foto © Mónica González
Tanto na gravación como na mestura e máster —Pancho Suárez de Lis en Planta Sónica II (Vigo) e Santi e Víctor García de Ultramarinos Costa Brava (Barcelona), respectivamente— volvestes confiar en xente coa que xa traballarades en anteriores traballos. Por que eles?
Rubi: «Pancho é outro membro máis da banda practicamente. El gravou con nós catro dos cinco discos editados, non sei se haberá grupo que teña gravado máis discos con el que nós, o que si sei é que para min Pancho é “casa”. O mesmo ocorre con Santi e Víctor. Penso que son do mellor do país e, sobre todo, xente cun gusto similar a nós; e, o máis importante nesta vida, xente nobre e boa».
Pablo: «Seguramente se nos preguntas dentro de 50 anos con quen imos gravar o seguinte disco responderiamos o mesmo equipo :)».
En outubro lanzabades o videoclip de “El chico de oro” (si si, Eddie Murphy, 1986) cun esquío viaxeiro como protagonista e que ben podería ser o vídeo promocional da Ruta 66. Poderiamos facer mil e unha preguntas ao respecto (Por que un esquío? Como acadastes case a totalidade de planos sen xente?), así que optaremos por unha algo máis vaga: que nos podedes contar do vídeo?
Rubi: «O disfrace mercouse en Chicago, nunha tenda que é como un gran mercado de disfraces. En principio ía ser un lobo, pero non o tiñan e, entre os centos que había, quedou en esquío. Pareceume idóneo para o vídeo, xa que a idea era plasmar a viaxe a modo de conto; a canción está dedicada ao meu sobriño e parecíame bonito que tivese unha boa lembranza.
O video gravouse facendo a Ruta 66, percorrendo desde Chicago aos Ánxeles, e o disfrace ía no maleteiro do coche. A premisa era non ter nin pensado onde gravar. Viamos un sitio que fose bonito ou factible e gravabamos. Eu poñíame o traxe e a miña moza gravaba.
Para nós tamén supuxo ter algo diferente como lembranza da nosa viaxe, e penso que o lembraremos toda a vida. Ademais de que tivemos miles de anécdotas!
En canto a coller planos sen xente, a verdade é que é tan grande Estados Unidos que penso que é moi fácil [risos]».
Pablo: «Penso que temos material para gravar vinte videoclips. O proceso resultou bonito: eles gravaban e enviaban o material que tiñan cada día; logo eu levantábame e ás 08:30 h tiña sempre o Google Drive cheo de arquivos para descargar; ao día seguinte un WhatsApp comentando as mellores xogadas… Así durante quince ou vinte días. Toda unha aventura! :)».
Cataratas del Paraíso vén envolto nun deseño de Nuvi & Exfico no que unha ficha de acceso a unha atracción está a punto de mollarse nun vaso de leite (con braciños). Que significado ten? Traballaron os deseñadores baixo algunha dirección vosa ou tiveron total liberdade?
Rubi: «Eles tiveron total liberdade á hora de facer o deseño. Confianza cega neles. Como sucedeu con Resplandor, enviámoslle o disco. Eles escóitano e plasman visualmente o que lles evocan as cancións. Hai multitude de cousas, pero basicamente a portada ten certo “aroma” aos discos dos noventa, e o vaso de leite e a ficha de atracción é unha volta á nosa infancia».
Pablo: «A portada onde aparece o vaso coa ficha é de cor verde, a contraportada é de cor laranxa, logo cae no vaso, e o vinilo é de cor branco. A verdade é que traballar con eles é una gozada».
Foto © Martín Rodríguez
Cataratas e Surprise están separados por 14 anos. Que diferencias atopades entre eles? Sabendo o que sabedes agora, cambiariades algo daquel álbum debut?
Rubi: «Son dos que pensa que o feito ben feito está, porque se quixésemos facer Surprise agora sería totalmente diferente. Pola miña banda non cambiaría absolutamente nada. En canto a diferenzas, si podo sinalar a inocencia do primeiro disco».
Pablo: «Surprise ten toda a inocencia que non ten Cataratas e Cataratas ten toda a experiencia que non ten Surprise :)».
Vides de presentar Cataratas en La Fábrica de Chocolate (Vigo). Como foi a experiencia xa que, ademais, xogabades na casa?
Rubi: «Pois a verdade que o do venres na Fábrica foi moi bonito. Tocar na Fábrica é xogar en casa, pero tamén tes certa responsabilidade; ademais era a primeira data da xira. Eu por min repetiría este fin de semana!».
Pablo: «Pasarán anos e os nervios dos arranques de presentación dun novo traballo non nolo quita ninguén».
O vindeiro 4 de marzo baixaredes a Madrid a facer o propio en El Sótano. Que pode agardar o público dun concerto voso? Logo desta conexión Vigo-Madrid, tedes algunha outra data pechada?
Rubi: «Pois imos con moitas ganas xa que as visitas a Madrid son moi agardadas. Ademais, é a primeira vez que visitamos El Sótano e imos como se fose a primeira vez que tocamos en Madrid».
Pablo: «É unha cidade que sempre nos tratou de marabilla. Temos moitos amigos e xente coñecida alí, e moitas ganas de presentar os novos temas».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Rubi: «Pois podo dicir unha morea deles! Moito! ou Isius por exemplo, que sacaron auténticos discazos. Abofé que en Galicia temos moi boa canteira; só fai falta algo máis de visibilidade».
Pablo: «Estou de acordo co que comenta Rubi. Eu particularmente estou moi orgulloso do que se fai en Galicia agora mesmo. Moitas veces miramos escenas doutras comunidades por encima da nosa e… Galicia calidade».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Rubi: «Vou poñer directamente os dez últimos escoitados: Bleachers, The War on Drugs, Courtney Marie Andrews, Triángulo de Amor Bizarro, The Midnight, John Williams, Soledad Vélez, Ryan Adams, Taylor Swift e Cala Vento».
Pablo: «Veña vai! L.A., Springsteen, Triángulo de Amor Bizarro, Feeder, Rosalía, YAWNERS, Journey, Reo Speedwagon, La Oreja de Van Gogh (ollo a isto que me aparece, pedirei explicacións na casa), Snow Patrol, Ballena, Iván Ferreiro, e un recompilatorio de cancións para durmir de Rosa León».