FANNY & ALEXANDER: «QUERIAMOS FACER UN DISCO REPARADOR, QUE CADA CANCIÓN RECONFORTE AO OUVINTE»
Tecen melodías con versos ata acadar un pop electrónico persoal e intimista, en galego e, ás veces, con certas tinguiduras indietrónicas e folkies. Efi Arias (voz, guitarra acústica, frauta traveseira) e Noel Feáns (voz, guitarra eléctrica e midi, teclados, baixo, batería electrónica, gaita midi, sampling, arranxos, programacións) son Fanny & Alexander, dúo compostelán que naceu «un pouco por casualidade» hai case dúas décadas. A poesía e a experimentación son dous dos grandes piares das súas composicións, que desprenden romanticismo posmoderno e nudez a partes iguais e enchen xa catro traballos discográficos, o último deles, A túa ausencia neste ar (A Regueifa Plataforma, 2022), publicado o pasado novembro.
Logo de máis de dez anos de silencio discográfico, o dúo volve a escena cun longo de querenza conceptual no que todas as súas cancións xiran arredor da perda, da ausencia, do que se pode perder nun simple xiro argumental da vida... e que, malia eses anos ausentes, «segue a soar 100% Fanny & Alexander».
Fanny & Alexander leva compartindo o seu pop experimental e intimista desde hai case 20 anos. Como xurdiu o dúo?
Noel Feáns: «O certo é que Fanny & Alexander naceu un pouco por casualidade. A comezos de século, o Festival de Benicàssim, do que eramos habituais, organizaba un concurso de maquetas no que o gañador entraba no cartel. Todo un soño. Eu tiña algúns temas a medio gravar que eran descartes de Arte(facto), unha banda de posrock na que andaba metido naquela altura, así que decidimos rematalos, darlles un novo enfoque —máis indietrónico— e mandalos.
Efi Arias: «E incribelmente chegamos á fase final. Non tiñamos moitas esperanzas porque naquela altura cantar en galego e facer indie era como mesturar auga e aceite, e ao ser o xurado de Madrid —organizaba Radio 3— e varios centos de grupos a escoitar, pensamos que nin se molestarían en pasar dos primeiros 15 segundos. Pero o certo é que fomos seleccionados na quenda final e, aínda que non gañamos, si que foi un pulo importante para amosarnos a nós mesmos que era posíbel facer música indie e cantar en galego».
Efi e Noel, ademais da voz, entre os dous tocades unha ampla variedade de instrumentos que dan forma a un son de difícil clasificación. Como describiriades vós a vosa música?
Noel: «Tocamos bastantes e todos bastante mal. Somos a viva imaxe dos aprendices de todo, mestres de nada [risos]. É complicado describir a nosa música.
A esencia sempre é o pop, evidentemente; partimos dunha melodía de voz pegañenta con tendencia a ficar a vivir no cerebro do que a escoita e, a partir de aí, xa imos engadindo capas e arranxos.
Ás veces tiramos polo pop máis acústico, ás veces polos ritmos e arranxos electrónicos, ás veces polas orquestracións. O que digan as musas, que para iso están. O bo de poder gravar na túa casa é que non tes o tictac do reloxo dun estudio presionándoche, polo que a sensación de liberdade é total».
Efi: «E tampouco tivemos nunca aspiracións de vivir da música; iso deunos sempre moita liberdade de facer o que nos petaba en cada disco, sen preocuparnos de nada que non fose quedar nós satisfeitas do resultado».
Ao ler Fanny e Alexander non podemos evitar pensar en Ingmar Bergman e a súa oscarizada película que, con 312 minutos de duración, é unha das obras cinematográficas máis longas da historia. Por que collestes prestado o título?
Noel: «Sempre fomos moi cinéfilos; de feito, o primeiro disco está cheo de samples cinematográficos, pero o nome ten máis que ver cun dos nosos grupos favoritos na época en que nolo puxemos, Belle & Sebastian.
Fanny & Alexander tiña esa mesma maxia na entoación e viña perfecto ao ser un dúo home e muller, malia ser irmáns na película».
Desde os vosos inicios, sodes fieis defensores do Do It Yourself (faino ti mesmo); desde a autoprodución dos discos á realización dos videoclips. Que destacariades deste xeito de traballar?
Noel: «Nós vimos dunha época na que o DIY non era opcional. Se facías música non comercial non quedaba outra, porque ninguén ía financiar un produto imposíbel de vender. Só quedaba a autoxestión.
Entendemos que hoxe en día, coa industria musical que ten xermolado na última década en Galiza a nivel de axencias, produtoras e produtores, o conto ten cambiado moito mesmo para os grupos que comezan. Pero daquela ese espírito era practicamente o único camiño, especialmente se cantabas en galego».
Efi: «Aínda así, a liberdade que che dá o DIY é impagábel; poder facer o que che peta e ser o autor absoluto da túa obra non ten prezo. Se volveramos comezar fariámolo exactamente igual. E coa inmediatez que hai hoxe en día, as vantaxes son aínda maiores: poder compoñer unha canción un venres á tarde, gravala na fin de semana e tela en plataformas dixitais o luns é un soño feito realidade».
Tamén, desde un primeiro momento, os vosos traballos veñen editados por A Regueifa, netlabel galego desde 2006 a 2011 detrás do que tamén estabades vós. Como describiriades esa primeira versión da Regueifa?
Noel: «Inicialmente ía ser só un pequeno netlabel no que editar o noso primeiro álbum, pero co tempo chegou a ser un escaparate de moito do que estaba acontecer a nivel musical no país. A rede galega naquela altura —antes das redes sociais e as plataformas dixitais— estaba moi moi viva e o certo é que A Regueifa chegou a se converter nun dos alicerces de todo aquilo».
O proxecto rexurdiu en 2022 como A Regueifa 2.0, plataforma de difusión cultural... Por que retomala agora? Que diferencias hai entre a versión 1.0 e a actual?
Noel: «Levabamos tempo con ganas de sacar nova música e pensamos que, xa que reviviamos F&A, tamén podiamos revivir o proxecto d’A Regueifa. En certa maneira repetiuse a historia porque, de novo, non queriamos poñernos a buscar un selo e preferimos facelo nós mesmos.
O consumo cultural tiña cambiado moito nesta década, polo que o enfoque tiña que ser distinto. Existindo Spotify ou YouTube non ten sentido un netlabel que permita a descarga directa das obras como pasaba coa Regueifa orixinal. Así que o enfoque veu máis polo lado de crear un lugar común de difusión, un lugar de referencia, sen ánimo de lucro, desde onde centrifugar as obras autoeditadas.
E abofé que funcionou o novo enfoque; aínda non se cumpriu un ano de vida e nestes dez meses xa van unha ducia de discos publicados ao abeiro da Regueifa 2.0, alén dun par de libros de fotografía e varias referencias de videopoesía».
Efi: «E as Miudiño Sessions, claro».
Noel: «Si, desta volta queriamos crear contido audiovisual propio desde ese espírito DIY absolutamente indie e esas son as Miudiño Sessions; microconcertos de grupos galegos filmados e gravados coa máxima calidade en localizacións singulares. Outra pata do proxecto que está a ter moito éxito e que, malia dar moitísimo traballo, xa levamos 15 Miudiño Sessions filmadas nestes nove meses. É moi gratificante xa que, ademais de poñer o foco nos grupos, tamén inmortaliza unha escena —a galegófona— que está a vivir unha idade de ouro que precisa ser documentada».
Belle & Sebastian, Beach House, Slowdive ou New Order son algunhas das formacións que, musicalmente, poderían xogar na vosa liga. A quen sinalariades vós como referentes?
Noel: «Sempre fomos moi melómanos, polo que a lista sería demasiado longa. Cando naceu F&A os referentes podían ser Notwist, The Postal Service, Lali Puna ou Ms John Soda, polo da indietrónica. Pero a día de hoxe, logo de varios discos nos que avalamos moitos estilos, xa é imposíbel fixarse en ninguén en concreto».
Efi: «Ademais sempre andamos a escoitar cousas novas; non somos deses puretas ancorados no que escoitaban na adolescencia [risos]».
Debutades con Lusco e Fusco (A Regueifa, 2006), un disco que destaca polo doce tecido dunha senlleira indietrónica. Que significou para vós esta primeira gravación?
Noel: «Foi un salto ao baleiro absoluto. Naquela altura o de cantar en galego e facer música indie era impensábel. Daba moitísima vertixe».
Efi: «Por sorte, pouco tempo despois tivemos compañeiros de xeración como The Homens, Ataque Escampe e Projecto Mourente que nos fixeron sentir un pouco menos raros».
É neste primeiro traballo onde inaugurades a vosa tradición de introducir textos de poetas galegos entre as vosas composicións orixinais. Así, escoitamos versos de Manuel Antonio en “Sós/S.O.S”. Como xurdiu a idea de introducir poesía nas vosas pezas?
Noel: «Eu sempre fun moi fan de toda a xeración de Voces Ceibes e de discos como o Ahí ven o maio (Fonomusic, 1975) de Batallán ou o Rosalía de Castro (1975) de Amancio Prada, polo que facer o mesmo nun estilo máis contemporáneo tiña toda a lóxica do mundo».
Efi: «Nese sentido si que é certo que arriscamos, porque daquela o de musicar poemas era cousa de cantautores, impensábel en músicas “modernas”».
Tamén escoitamos samples... Seica a conexión cinematográfica vai alén do voso nome, non?
Noel: «Si, o primeiro disco está cheo de samples cinéfilos. Nos seguintes xa nos autolimitamos máis porque no primeiro hai demasiados [risos]».
No voso segundo disco, Finais dos 70’s, Comezos dos 80’s (A Regueifa, 2007) subides un chanzo máis na vosa experimentación e, partindo dunha base pop electrónica, explorades unha morea de estilos. Musicalmente, o disco sitúase aí, na reinterpretación de sons a cabalo entre os 70 e os 80?
Noel: «No disco hai moitos estilos, a maior parte deles nacidos nesa época. Pero o certo é que o título ten máis que ver cunha reivindicación xeracional —a nosa— a dos nacidos neses anos».
Efi: «Si que é certo que temos certo fetichismo musical e cultural con esa época. E a xulgar por fenómenos coma Stranger Things tantos anos despois, o fetichismo segue [máis] vivo que nunca».
Desta volta escoitamos a poetas galegos contemporáneos, como María Lado, Lois Pereiro, Elvira Riveiro ou María do Cebreiro. Tamén unha versión de The Smiths e varios remixes. Que influíu tan variado repertorio?
Noel: «Neste disco xa fomos á percura de poetas contemporáneos e contemporáneas que, nalgúns casos, ademais coñeciamos persoalmente. Ese foi un salto importante á hora de compoñer; unha canción cambia moito ao coñecer ao autor da letra ou non».
Efi: «Por certo, a versión dos Smiths (“Merda de DJ” AKA “Hang the DJ”) por desgraza non puido ir no disco físico e tampouco está en Spotify por tema de dereitos de autor, así que é unha rareza que só teñen os que se descarregaron o disco no seu día».
Un par de anos despois tiñamos a oportunidade de escoitar Alfaias (A Regueifa, 2009), onde atopamos un maior número de colaboracións: como Banin (Los Planetas), Carlos Valcárcel (Projeto Mourente), Martin Wu (The Homens) e Alex Charlón (Ataque Escampe). Por que este aumento? Que diriades que achegaron estes colaboradores ao traballo de Fanny & Alexander?
Noel: «Basicamente a admiración. Cando admiras a un artista queres colaborar con el. É humano. E así foi como saíron todas elas: por pura devoción».
Efi: «Quedounos a pena de non ter colaborado con nengunha muller, pero o certo é que naquela altura a representación feminina na música galegófona era escasa. Por sorte, nestes 15 anos a situación ten cambiado por completo».
Yolanda Castaño, Xiana Arias, Pedro Lamas, Diego Ameixeiras... os autores dos textos son poetas galegos cos que compartides xeración e, por esta razón, mesmo inquedanzas. Foi este o criterio de escolla?
Noel: «Si, este disco xa foi xeracional ao 100%. Tiña todo o sentido a evolución».
O son deste disco é, en xeral e comparado cos anteriores, algo máis suave, máis intimista. Por que este xiro?
Noel: «Experimentación inversa [risos]. No primeiro e no segundo hai moita electrónica bastarda e neste queriamos facer o camiño inverso, facer cancións que soasen 100% orgánicas. E iso derivou en cancións moito máis próximas ao pop acústico ou mesmo ao neofolk americano».
En novembro publicabades A túa ausencia neste ar (A Regueifa, 2022), un traballo que rompía, no voso caso, unha ausencia de 13 anos. Por que os anos de silencio? Que propiciou a volta?
Noel: «A nostalxia, principalmente. Todos estes anos seguimos a tocar na casa por puro divertimento, pero botabamos de menos poñernos a facer músicas novas. Ademais nestes anos a escena galegófona multiplicouse por cen en calidade e cantidade, e sentiamos a necesidade vital de facer parte dela de novo».
Efi: «O complicado foi recuperar o mesmo son, porque 12 anos sen gravar son moitos anos, e tivemos que volver armar un home studio decente e adaptarnos a todas as novidades tecnolóxicas, que non foron poucas!».
Ben, abrimos unha pequena paréntese, tecnicamente foron 12, porque en 2010 compuxestes “Illa Pedra”, canción feita para a curtametraxe homónima de Adriana Páramo, e tamén puxestes música a Xogo de nenos, curta de Pachi Baranda. Tendo en conta que xa colaborarades nas bandas sonoras de Sanatorio (Jacobo Paz, 2006) e Nemo (Miguel Mariño, 2008), como afrontades a composición para cine?
Noel: «Senta moi ben saír da zona de confort. Non tanto en Illa Pedra, onde son cancións estándar, pero en Nemo, onde son pezas instrumentais, si que foi un reto».
Efi: «De todos xeitos, é un campo no que estamos cómodas. De feito, “Berlín” ou “Mentres todos os meus libros arden” xa as formulamos como bandas sonoras absolutamente cinemáticas para eses spoken words».
A túa ausencia neste ar preséntase como un disco de «querenza conceptual», con todo, o disco xira arredor da perda. Como navegastes ambas emocións, unha positiva e outra negativa, no proceso compositivo?
Noel: «Non queriamos facer un disco dramático, máis ben un disco reparador. Que cada canción reconforte ao ouvinte ante esa ausencia. Enfrontando a perda e, ao mesmo tempo, albiscando con alivio a luz ao final do túnel».
Efi: «Desde logo non queriamos caer no vitimismo nin no elexíaco. O disco é máis ben un manual de autoaxuda ante distintas situacións de ausencia».
Os anos puideron pasar, pero a tradición segue aí. Nesta nova entrega a listaxe de poetas é 100% feminina e máis longa que nunca (Antía Otero, Ledicia Costas, Arancha Nogueira, etc.). Como foi a selección do repertorio?
Noel: «Desta volta a escolma foi moi distinta, xa que percurábamos unha temática concreta, non é algo necesariamente xeracional. Foi un proceso longo e de moito ler, pero ao final atopamos material suficiente para sustentar liricamente o disco».
A voz feminina asolaga tamén as spoken words que escoitamos durante o longo (Lara Dopazo, Lucía Aldao, Alba Cid, Luz Fandiño, Xela Arias). Como foi o proceso de engarzar estes versos nas vosas cancións?
Noel: «Foron xurdindo con bastante naturalidade a medida que avanzaba o disco. Algunhas foron gravadas ad hoc, pero a maior parte xa existían, e ían encaixando como pezas dun crebacabezas».
Xa que estamos a falar delas, como vedes o papel actual da muller na música?
Efi: «Claramente estamos a viver a idade de ouro da música “moderna” galegófona, pero simultaneamente estamos a viver a normalización da muller na música galega. Hai dez ou vinte anos eramos excepción, e agora a lista de mulleres na escena non ten fin».
Musicalmente, en A túa ausencia neste ar escoitamos sons próximos ao shoegaze e a música de cámara, con chiscos ao folk e á música tradicional. Algúns deses elementos xa estaban presentes dalgún xeito en Lusco e fusco. Comparando ambos álbums, como describiriades a evolución do voso son?
Noel: «É curioso porque na nosa cabeza non evolucionou nada [risos]. A intención “rupturista” segue a ser a mesma, simplemente nalgunhas cancións imos máis por uns regos que por outros».
Efi: «Pero o que si segue a soar é 100% Fanny & Alexander. As voces e o ton soidoso seguen aí. Ese era un tema que nos preocupaba; despois de tantos anos ter perdido o son característico, pero polo que temos escoitado non é o caso. Menos mal! [risos]».
Somos conscientes de que non é exactamente o mesmo, pero o de mesturar folk galego con música doutros xéneros, sobre todo a electrónica, é unha corrente en auxe na nosa música (Baiuca, Tanxugueiras...). Vós levádelo facendo desde o primeiro tema do primeiro disco, “Lene”. Como vedes vós esta tendencia?
Noel: «Con moito orgullo. Xa en 1998 eu sacara un disco baixo o nome de Fusquenlha onde mesturaba nun dos temas, penso que a primeira vez que se fixo, pandeiretas, samples e caixas de ritmos.
E cinco anos despois seguía a ter esa teima na cabeza de mesturar folk galego e electrónica. De aí naceu “Lene”, un tema que vai cumprir 25 anos, pero que podería ser perfectamente unha novidade semanal en Spotify desta mesma semana porque é o que se está a facer agora».
Nunha crítica definen A túa ausencia nesta ar como un traballo «melancólico, catártico, terapéutico». Sentídelo así? Diriades que este disco tivo, para vós, unha función reparadora?
Efi: «Si, para nós o disco ten esa función e agardamos de corazón que tamén o sexa para quen o escoite».
O formato físico do disco vén dentro dun marco de madeira co lenzo da portada, a modo de cadro para poder colgar, cun código QR por detrás con acceso directo á súa escoita. Como xurdiu a idea de presentalo neste formato tan singular?
Noel: «Non queriamos sacar CD nin vinilo, pero si queriamos ter algo para agasallar, sobre todo ás autoras que participaron no disco, así que era unha cousa fermosa que servise un pouco como memorabilia musical».
Efi: «Moita xente colga capas de vinilos a modo de cadros na casa, por que non colgar directamente o disco?».
Cando teremos a oportunidade de poder desfrutar de Fanny & Alexander ao vivo? Que pode agardar o público dun concerto voso?
Noel: «Pois non o temos nada claro. Temos moi pouquiño tempo libre e temos que optimizalo. Imos preparar unha Miudiño Session e a partir de aí decidiremos.
O que si podemos adiantar é que xa estamos a gravar temas novos».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Noel: «Buf, son lexión: Filloas, Lontreira, Mondra, Måi, Breogán Xague, Holgado…».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Noel: «The National, Familia Caamagno, Damien Jurado».
Efi: «Dua Lipa, The Cure, Lana del Rey».