NOVOS LANZAMENTOS. FEBREIRO 2023
Dark Heavy Metal, Dark Embrace
O título é xa toda unha declaración de intencións, dá igual que sexa a súa cuarta referencia, Dark Embrace reforza a súa escuridade en Dark Heavy Metal (Massacre Records, 2023). Como un manifesto sobre a súa música e o seu xeito de vivila, a banda coruñesa presenta un longo no que melodía e agresividade asolagan o seu universo sonoro; un espazo composto por nove cortes onde forxan o heavy metal convencional ata convertelo na súa versión máis escura e malvada. Gravado e producido por eles mesmos, para a masterización e mestura do longo contaron con Mike Exeter —produtor de artistas do talle de Black Sabbath, Cradle of Filth ou Judas Priest— e con Snowy Shaw para a gravación dalgunhas das baterías. Envolto en artwork de Gustavo Sazes, Dark Heavy Metal redefine as raíces do heavy metal clásico, chamando (berrando, máis ben) a espertar as bestas metaleiras a golpe de martelo melódico.
Nó, Carabela
Carabela é o proxecto no que embarcaron Ana Moas, Alba Vázquez e Pablo Agra na busca dunha identidade sonora, que agora arriba en Nó (2023), o seu EP debut. Un disco que eles mesmos produciron, mesturaron e masterizaron «con moitísimo cariño» e que baila entre o pop e o indie;entre ritmos e melodías tradicionais, e sons máis alternativos e experimentais coa electrónica como bandeira. Os catro cortes que compoñen o EP avanzan entre clarescuros. Como eles mesmos afirman: «É o que somos en todas as nosas versións. É escuridade e lucidez a partes iguais, un pouco de ruido e outro de dozura, e moito de loucura». Nó é foliada 2.0.
Nigredo, Måi
Måi, nova proposta de Iseo Agilda (Blues do País, Sacha na Horta), debutaba a principios de mes con Nigredo (2023). Composto por oito cortes, o álbum ofrece unha simbiose do orgánico e o artificial, que vai do folk á electrónica; unha proposta que parte dun son moi persoal, urbano e ecléctico, creado xunto ao produtor Tomás Ageitos. O cello de Margarida Mariño fúndese coa electrónica mestra de Ageitos, que actúa sobre as percusións tradicionais resultando en atmosferas densas e cálidas sobre as que sobrevoa a voz de Måi. No seu conxunto, Nigredo presenta o universo persoal de Iseo a través de elementos tradicionais, indie experimental, e ritmos urbanos e electrónicos.
The Pond: Audio Files, Pálida
Un traballo por ano; desde 2020, Pálida publicou un traballo por ano... polo de agora, porque, como quen di, 2023 acaba de comezar. O 10 de febreiro saía The Pond: Audio Files (Menta Records, 2023), un repertorio creado para a coreografía da artista contemporánea Rosana Antolí. Neste disco, o produtor vigués afástase do tópico da música electrónica e afonda na súa vertente máis íntima e conceptual a través de cinco pezas que mesturan varias disciplinas artísticas, pero sempre coa coreografía e a danza como nexo. As augas de The Pond móvense entre o ambient e a música experimental, cinco cortes que sitúan ao oínte en cinco paisaxes diferentes que contan a súa propia historia.
Na Marxe, Sinestesia
O último que escoitamos deles foi un EP que homenaxeaba o presente en cinco temas que xa cruzaban as fronteiras do seu rock de autor. Daquela pasaron catro anos, e moitas cousas, pero Sinestesia grupo está de volta cun novo álbum no que seguen a explorar o rock alternativo en galego. Gravado por Hevi (Novedades Carminha, Néboa, Grande Amore, Ortiga) en Laboratorios Soyuz, Na Marxe (Raso Estudio , 2023) evoca algúns dos mellores álbums de rock de autor español publicados nas últimas décadas, pero tamén escóitanse ecos do rock e soul de Tom Petty & The Heartbreakers e do son contemporáneo de grupos como Alabama . Aos tres adiantos xa presentados —o máis recente “Imaginar”, coa colaboración de Antía Muíño— únense outros seis cortes nos que predomina o castelán, sen esquecerse da súa idiosincrasia lingüística e do rock de autor feito en Galicia. En Na Marxe, a banda galega revela un exercicio impecable cun son ás veces próximo ao soft rock, outras ao indie rock, que convida a convivir entre o clásico e o vangardista, a estender e amplificar as «marxes» do rock de autor galego e estatal.
Soños da floresta, Sergio Franqueira
No seu último traballo discográfico, o guitarrista ourensán interpreta músicas orixinais de Xosé Chas García (1902-1947). Chas García é unha das figuras máis interesantes da Galicia de principios do século XX; escribiu unha gran cantidade de música, centrada na guitarra clásica, cultivando un estilo que afondaba nos xéneros daquela en auxe pertencentes ás músicas de salón, algo que facían tamén Reveriano Soutullo ou Juan Montes. Gravado nos estudios da RTVG por Pablo Barreiro, en Soños da floresta (Dos Acordes, 2023), Franqueira recupera unha ducia de obras de Chas García como homenaxe polo 75 aniversario do seu pasamento.
🎧 Sigue a nosa lista de Singles 2023 en Spotify para estar ao día das novidades discográficas dos artistas e grupos de galiciantunes.com!
🎧 E se es dos maximalistas que o queren todo, tamén podes seguir a de Álbums 2023 cos discos completos!