• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MÅI: «É MÚSICA QUE ARRAIGA EN RITMOS E SONORIDADES TRADICIONAIS, PORQUE SEN RAÍCES NON SE MEDRA ALTO»

MÅI: «É MÚSICA QUE ARRAIGA EN RITMOS E SONORIDADES TRADICIONAIS, PORQUE SEN RAÍCES NON SE MEDRA ALTO»
13 MARZO 2023

Iseo Agilda é «bastante poliédrica» e, como resultado de explorar cada unha desas caras que a conforman, escoitámola en Sacha na Horta como Iseo, en Blues do País como Bieitta James e, agora, tamén como Måi. O seu máis recente álter ego preséntase cun rexistro diferente e sorprendente a partes iguais; unha fusión electrónica-pop nórdica estruturada, musicalmente, en tres piares: voz, percusión tradicional e violoncello. Conceptualmente? Un ritual. Un canto á vida, ao fío que a tece. E ao amor. E a natureza.

Måi materializábase en Nigredo (2023) a finais do pasado mes de febreiro. Composto por oito temas de son minimalista e produción coidada, o disco descobre o seu universo persoal a través dunha proposta urbana e ecléctica, creada xunto ao produtor Tomás Ageitos e a violoncellista viguesa Margarida Mariño.

 

 

Foto © Judith Adataberna

 

En maio de 2022 xorde Måi, aínda que, segundo sabemos, ti invocáchela varios anos antes. Como naceu, e medrou, a idea deste proxecto ata facela realidade?

Måi: «Eu levaba un tempo escribindo esas cancións coa necesidade de buscar un espazo no que cantar e expresar desde outra sensibilidade que, ata o de agora, nunca saíra do ámbito máis íntimo. Quería compartir isto porque para min é música medicina; axúdame a entrar nunha calma onde transformar o que doe para comprendelo, facelo meu e que me faga máis forte e máis libre. Apetecíame compartir o que sinto, que é do mellor que teño.

Custoume dar coas persoas que puidesen axudarme cos arranxos, non foi doado atopar o son no que isto quería saír á luz. Sabía que levaba percusión tradicional, voz e violoncello. Ata que petei na porta de Tomás Ageitos e resultou que el estaba a traballar xa nesa dirección, e a sintonía foi absoluta. Margarida Mariño era exactamente o que necesitaba, e tamén ela leva tempo tecendo nas cordas coa electrónica cunha sensibilidade moi especial. Xa todo estaba aí».

 

Por que «Måi» e, máis concretamente, por que a elección do «å», letra propia dos idiomas escandinavos?

Måi: «Pois chegou un momento no que entendín que ningunha palabra do dicionario, como tal, ía encaixar con este proxecto, así que fun buscando letra a letra, son a son, ata que cheguei a Måi.

O ‘m’ por mol, acolle, ondula, como as ondas de auga e de son, como a luz, como as montañas... O ‘a’ por aberto; é a apertura cara á cova, deixándonos completamente vulnerables e expostas. O anel enriba da ‘a’ para min foi como unha consagración, como poñer esa porta ao servizo de algo elemental e máis grande, algo poderoso. Pode ser a Terra, o todo, a vida, a Deusa... cada quen o representa ao seu xeito. O círculo é o elemento de identidade de Måi, polo ciclo, o proceso, a falta de xerarquía entre os elementos que conforman o todo. E o ‘i’ é a humildade, é o xermolo que espora, algo que reverdece o mundo desde o máis pequeno. A evocación da nai aquí, da “mai” en tantos lugares de Galicia, pensei que lle acaía ben, porque había algo diso tamén. Un espírito maternal universal».

 

Måi non ten nin un ano, pero a Iseo Agilda levámola escoitando desde hai bastantes máis en Sacha na Horta e Blues do Paísdous proxectos dun rexistro bastante afastado ao de Måi. De que xeito conviven Måi, Iseo e Bieitta James? Nútrense unhas das outras?

Måi: «Si, nútrense todas do mesmo, claro. Son bastante poliédrica, como a maioría da xente. Poder explorar ata o fondo dunha desas caras e ver que hai nela e con que cousas conecta é un traballo catártico. Pero no fondo todas arraigan nun mesmo centro.

Elas axúdanme a coñecerme e expresarme dun xeito máis coherente, máis consciente. Nunca se sabe o que podes atopar dentro cando unha diva rural se pon a incendialo todo, ou a forza do amor colectivo que reborda cando pos a bata de sachadora. Son aspectos da mesma Iseo namorada da vida e do amor».

 

 

Como comentabamos, Måi sorprende polo seu son, dun xénero máis próximo á fusión electrónica-pop nórdica que ao do aghroglamour bluseiro ao que nos tiñas acostumados. Que che levou a explorar estas novas sonoridades? Chámalo «boregal», pero como describirías ti a música de Måi?

Måi: «A min resúltame moi complicado establecer categorías, en xeral. Penso que é música que arraiga en ritmos e sonoridades tradicionais, porque sen raíces non se medra alto, pero que non ten ningún tipo de compromiso formal con ningún estilo; só toma o que se axusta para expresarse dun xeito orgánico e poder abordar emocións e evocacións un pouco a cabalo entre varias dimensións. A electrónica permite desenfocar esas fronteiras e facelas —aquí o paradoxal— máis naturais. É pop porque tentamos que todos os elementos cheguen a unha sala común, na que todas poidamos atoparnos».

 

Se alguén pensa en pop electrónico escandinavo probablemente pensaría en Björk. Foi unha referencia ao dar forma ao son de Måi? Hai outros?

Måi: «Desde logo Björk é un portal para min, sempre o foi e non deixa de selo. Non quixen emulala, non podería nin se trata diso. Tampouco a mencionamos conscientemente como referencia ata que comezaron a chegar as comparacións con ela, pero ela abriu un camiño de liberdade creativa moi potente; un compromiso coa emoción, coa tensión propia de cada canción. Como producila é a maña da artesá que toma distintas ferramentas e se pon a traballar nela.

Eu identifícome en moitas desas tensións emocionais que o pop nórdico trae, con Sigur Rós e Jonsi ou Aurora Aksnes e o non tan pop como Eivør Pálsdóttir, Hedningarna, ou non tan nórdico como Jocelyn Pook, Lisa Hannigan, Billie Eilish, Bonobo, Bon Iver, Radiohead. Nin tan frío como Lido Pimienta, Lhasa de Sela, Perotá Chingó, nin tan afastado como Mercedes Peón, MounQup, LaMontagne & PicoAmperio, Baiuca, Xosé Lois & Aliboria...

 

Foto © Judith Adataberna

 

Con todo, tamén atopamos algunhas diferenzas respecto á idea que temos na cabeza desas músicas: En Måi o ton semella máis esperanzado (ás veces mesmo optimista) e o son algo menos electrónico, máis orgánico. Como o ves ti?

Måi: «Neste primeiro disco o ton é certo que non se recoñece abertamente optimista nun primeiro momento. Penso que a mensaxe é absolutamente optimista; en xeral, nunca vai ser unha escuridade tan incómoda como a dalgúns dos proxectos mencionados arriba porque nace doutro lugar. Non hai ansiedade nin desesperación aquí. Todo vén dunha calma conquistada, dunha comprensión e aceptación total do que vén. No nigredo imos cara á escuridade só para volvernos luz».

 

Sobre unha base de pop, electrónica e folk, inclúes —ao mesmo nivel— sons da música tradicional galega, unha práctica moi en alza nos últimos anos (Baiuca, Tanxugueiras, etc.). Cal é a túa opinión sobre esta renovación, ou modernización, da nosa música?

Måi: «O que está a acontecer na música galega é un big-bang creativo. Sempre fomos pobo de artistas e gozamos dunha tradición e unha cultura moi rica. A xeración anterior con Fuxan os Ventos, e tantas outras, abriron o camiño á valoración desa riqueza, puxérona en algo asible e cotián, pop, para que todas tiveramos onde agarrarnos.

A miña xeración xa medrou con iso de serie e tamén co uso cotián da tecnoloxía, o sinte xunto ao punteiro. Todo está xa ao mesmo nivel. É tan culto o alalá como o reguetón, o pandeiro como as bases. Hai novos materiais para construír novas ferramentas e a xente nova ten moitas habilidades niso. O que nace de aí é este big-bang cultural. Xa todo estaba aí contido na nosa cultura, na nosa antropoloxía, na relación coa terra.

Agora é de moitos xeitos diversos e chega moito máis lonxe; é marabilloso poder vivilo en directo. Pero, en síntese, esta renovación paréceme o máis natural e o máis desexable para a nosa música, porque é síntoma de que está viva».

 

 

 

En febreiro, Måi materializábase en Nigredo (2023), o teu primeiro disco. Hai un nome fortemente asociado ao seu «nacemento», o de Tomás Ageitos, encargado da produción, os arranxos... e que aparece nos créditos tamén como coautor. Que papel xogou Ageitos á hora de dar vida a Nigredo?

Måi: «Pois foi absolutamente esencial. Buscou incansable como había de ser o son para este disco e, realmente, penso que o atopou moi rápido. Ao comezo eu paseille as cancións que eu fixera e el fixo os arranxos, gravou instrumentos, mesturou... Pero deseguido vimos moita afinidade con outras cousas que el estaba a facer e pasoume esas bases para eu xogar con elas; así naceron outros temas como “Cando volvan as baleas” ou “+”. Tamén houbo algún encargo. Pedinlle algo especial para “Big Bang”, un tema disco orgásmico que non para de subir ata a explosión final, e aí o tedes. Foi unha cocreación en toda regra. El é o pai de Måi».

 

 

Despois falaremos de alquimia, pero Tomás Ageitos ten algo de alquimista do son, con ese labor case obsesivo de experimentación para facer que os instrumentos «soen como teñen que soar». Gravar con el debeu ser toda unha experiencia, non? Como a describirías?

Måi: «É un alquimista do son. Absolutamente. Entrégase con absoluta devoción a el e sen ningunha relixión, deixando que cada son se exprese do xeito máis puro e significativo no conxunto. É incrible velo traballar, e moi divertido.

Xa gravara con el con Blues do País e a verdade é que a experiencia sempre foi inmellorable. Non deixo de aprender. É moi didáctico, ademais, e iso nos produtores e nos mecánicos é un don absolutamente necesario para o planeta. Pero non deixa de arrimar a orella ao que eu teño que dicir, nin un minuto. Todo o tempo busca que me vibre lindo e que estea representando esa tensión emocional da canción da que antes falabamos. Gravar con Tomás é unha viaxe iniciática».

 

Un dos piares da armazón instrumental do disco é a percusión, cun característico (e singular) emprego de elementos da música tradicional (“Serpe de son”), ás veces combinados con outros alleos a ela, provenientes do pop (“Big Bang”) ou mesmo... do reguetón!? (“+”). De onde xorde esa idea de darlle esa volta á percusión tradicional e combinala dese xeito, que tamén ten algo de alquímico?

Måi: «Pois unha vez máis o acordo aquí foi cousa de maxia. Eu probaba na miña casa con pandeiretas e pandeiros a facer cousas así, moi libres, para que prestasen o arraigo sen constrinxir a liberdade. Despois dunha breve conversa sobre as referencias e o que quería para o proxecto, Tomás púxose a facer tolerías coa pandeireta, sacando ritmos de diferentes tradicións e estilos, mesturándoos para que falasen o mesmo código que a canción. De novo o lema é “sen relixión”, e rematou por ser algo absolutamente identitario. En “Serpe de son” a pandeireta asubía e en “+” son ferreñas tropicais, se arrimas a man, quentan».

 

 

Outro piar que sostén a armazón instrumental é o violoncello de Margarida Mariño coa súa abraiante versatilidade habitual. Como chegou ao equipo e cal dirías que foi a súa achega?

Måi: «Tomás xa leva anos traballando con Margarida, e cando lle ensinei os temas e comentei a idea do cello e a electrónica non houbo máis que falar. Para a miña sorte e abraio ela quixo meterse no proxecto e foi, unha por unha, mandando liñas de cello para cada tema, que Tomás teceu montando e mesturando de xeitos distintos.

Entre eles enténdense xenial e eu non daba crédito de que, o que na miña cabeza estaba como un ideal, se vía superado con creces cando escoitaba o que Margarida traía. O cello era absolutamente esencial. Eu sentía que a atmosfera emocional da canción viña basicamente das cordas. E a sensibilidade de Margarida conectou cen por cen coa música, fíxoa grande e creou un espazo no que a voz chega con máis sentido. E tela na banda xa é un delirio de goce».

 

E logo está a voz. Hai moito xogo coas voces nos arranxos. Como as traballastes?

Måi: «Sempre escribín estas cancións pensando en varias voces. Nas primeiras versións había mesmo moitas máis; logo hai un proceso de destilado e quedan as máis importantes cun afán minimalista. En xeral van saíndo segundo o pide o tema xa de inicio. Tomás foi pedindo ou eliminando algunha concreta no estudio; ao longo do proceso de creación e gravación foise definindo o estilo da voz para este disco e que tipo de arranxos pedía. Nada histriónico, suave, calmo, lixeiro, ás veces algo denso. O tratamento da voz que deu ao disco Tomás é espectacular. Era xusto o que quería, suave e pretiño, ben limpo».

 

Dis que «hai algo de proceso ritual nestes temas»... É así como tomaches o proceso creativo deste longo, como un rito?

Måi: «Si, certamente. Estas cancións nacen dun estado de calma, de aceptación, de conexión profunda con todo o vivo, de amor universal. Aquí non hai xuízo, nin queixa, nin ansia, nin desexo. Conecto con esa Måi, que é un ser máis vello que nós, que está desde o inicio e que nos acompaña na nosa viaxe pola Terra; acóllenos e, se a escoitamos, danos guía e acougo. Sinto que esta conexión é moi necesaria para todas nós nestes tempos, que van tan rápido, que transforman tanto. Fáltanos enraizar con este sentido sagrado da vida; ás veces conseguímolo durante un intre e nos enche de felicidade, sentímonos plenas e agradecidas. Mantelo é unha arte, un oficio, que leva toda a vida aprender.

Eu escribo e canto desde esa conexión e convido a entrar nela a quen lle inspire. Son moi consciente de que hai xente que conecta co son do motor dun coche ou con música techno. Tamén é perfecto así. Eu fágoo dende aquí e por iso me gusta compartilo».

 

Foto © Judith Adataberna

 

Ademais do estilo, as letras de Nigredo semellan máis profundas, persoais... filosóficas? que as de Sacha ou Blues. Que, ou quen, as inspirou?

Måi: «As letras deste disco xorden dese estado que antes describía, polo que son ben distintas da retranca da Diva Rural ou da rebeldía sorora da sachadora, si.

Aquí ás veces canto como nunha invocación, tratando de levarnos a un lugar e tempo distintos, como se vísemos un documental sobre a vida no planeta. Observamos nacementos e mortes entretecidos nun organismo maior que ten o seu propio tempo, a súa propia vida. E, desde esa perspectiva macro, logo mergullámonos no micro para atopar que, en esencia, é o mesmo. Viaxar ao big-bang, ao comezo dunha vida animal, ao xermolar dunha semente, ao nacemento dun amor, á viaxe da nosa especie... É todo o mesmo. E sabelo, comprendelo, axuda a levar o particular con outra calma, outra consciencia, porque absolutamente todo é inmenso e valioso nesta trama. Temos sentido e non estamos soas. Estas letras queren achegarnos durante un intre a esta perspectiva».

 

“Son verdor” era o primeiro que escoitabamos de Nigredo, unha canción acompañada dun clip cun plano fixo coa natureza como protagonista, pero no que tamén albiscabamos o fío que a conecta coa música. O bosque, o mar, as raíces... nas letras, nos vídeos ou na túa propia imaxe, a natureza semella ter unha grande infuencia neste proxecto. É verdade? De que xeito?

Måi: «Somos natureza, todo é natureza, non hai nada fóra dela. Querer contrapoñernos a ela ou a aquilo que nós deseñamos e producimos despístanos do lugar que ocupamos no mundo. A reconexión co pulso vital diso que chamamos natureza é a reconexión con nós mesmas. Cando cruzamos esa información co que facemos, o que producimos, o que extraemos, o que decidimos, etc., entón é cando vivimos acompasadas, plenas, sas.

Nestes tempos perdemos o compás; a boa nova é que só hai que saír á fiestra para volver amarrar a referencia. Por iso en todo o que fago está tan presente a natureza, non idealizada, non a imaxe bucólica dos anuncios de turismo, senón a de verdade, con plásticos, morte, dor, luz, escuridade, descomposición, nacemento, amor... Todo fai parte».

 

 

Escoitamos a Pura Mesura (Yolanda Pose) no rap de “Cando volvan as baleas”, mentres que en “Inshallah”, facemos o propio co oud e o bouzouki de Fernando Barroso. Como xurdiron estas colaboracións e que procurabas con elas?

Måi: «Inicialmente non buscamos nada con elas. A colaboración de Yoli foi algo moi natural porque é unha amiga moi especial, unha irmá, un anaco de min; así que igual que no resto de momentos transcendentais da vida tamén neste me acompañou. Todo así tiña máis sentido e se desfrutou máis (aínda). Ela sacou o seu primeiro tema un ano antes, pero levamos cantando e creando xuntas moito máis. Encántame a forza mareira que trae coa súa voz. Ten a bravura de Malpica e a lambetada tropical, unha gozadera.

No caso de Fernando Barroso foi distinto. Tomás, que xa traballara con el en moitas ocasións, gravouno sobre unha estrutura e unha harmonía concreta e con esas pistas foi tecendo o tema. Sobre el eu metín a letra e a sensación foi que fixemos máis grande o mundo de Nigredo. É o último tema, non todo é escuridade. É como entrar nunha cova e saír na Alhambra, no templo hai moita luz e moita diversidade. Foi un luxo contar con el. É unha delicia escoitalo».

 

Fotograma de "Cando volvan as  baleas"

 

En “Cando volvan as baleas” falas de voltar á costa e cantar para cando volvan as baleas, deses soños que se perden durante a madurez... O videoclip que o acompaña está cheo de simbolismo: as baleas, a cor vermella, os cunchaculares... Que significado agochan?

Måi: «As letras que escribo son moi abertas, máis evocadoras que descritivas e para cadaquén poden significar cousas distintas. Eu escribín esta pensando nun camiño de ida e volta cara a esa “Natureza” da que falabamos, cara ao salvaxe, á pura vida. Distanciámonos por explorar, por sobrevivir, por buscar novos camiños para habitar este planeta e coñecernos a nós mesmas e as nosas potencialidades... Agora comezamos a sentir que fomos demasiado lonxe de casa e hai unha conciencia xeral de que hai que ir regresando. Diso vai.

O canto das baleas é un sinal, un aviso, como chamándonos. Nós imos cara ao mar, cara ao noso comezo e, desde aí, respóndenos que nos están a agardar. É un reencontro coa natureza. Fomos animais acuáticos que botamos a andar e chegamos á lúa e agora volvemos ao mar para volvernos baleas.

Pero é certo que o guión de Roberto C. Mouriño para o vídeo, realizado por David Hernández, contou iso mesmo desde o micro, desde a historia persoal dunha nena que deixa a seguridade do fogar, os símbolos de protección e dependencia para botarse ao seu propio camiño. A balea é aquí o tótem, que a une á súa nai. O vermello é o sangue, os lazos emocionais, o vínculo, pero tamén a menstruación; a perda da inocencia para atoparse consigo mesma camiño á madurez. Os cunchaculares son un reduto de fogar, poñelos e escoitar o mar, sentirse conectada a ese pulso da vida. Pero a balea está a chamala para que emprenda o seu propio camiño cara a ela, cara á vida, cara á súa verdade. E no mar atópase coa súa nai, reencontro tamén, saber partir e deixar ir é parte esencial do amor, que sempre fai máis grande. É unha historia de apego e independencia para chegar a unha forma máis madura de amar. Hai moito simbolismo, moita poética na imaxe.

Encantoume como Roberto traduciu en algo tan concreto e fácil de empatizar como esa relación entre nai e filla aquel significado tan abstracto e amplo que para min tiña a canción».

 

 

Somos conscientes da cantidade de traballo que houbo detrás do videoclip, no que se coida cada detalle, en particular no tocante aos elementos da posta en escena. Como lembras o proceso de preprodución e a súa gravación? A nena que aparece non é outra que a túa filla, como foi compartir esta experiencia xunto a ela?

Måi: «A preprodución foi moi intensa porque todo estaba a saír ao mesmo tempo. Estabamos facendo a música mentres iamos gravando, definindo a identidade e o concepto de Måi, en canto á imaxe e á comunicación. Fomos descubrindo a Måi sobre a marcha, achegándonos desde distintas perspectivas. E aquí, sen ter isto aínda completamente definido, sabiamos que tiñamos que romper cunha narrativa demasiado lineal e cotiá; de aí todo ese simbolismo e intervención dos espazos con eses elementos.

A miña irmá, Danae Gómez Lois, é deseñadora de estratexias e identidades de marca e está detrás de toda a estratexia creativa que estamos a facer. Pouca xente me entende tan ben como ela e ten un talento e unha formación tremenda para, literalmente, facer realidade os soños. Así que entre David, Roberto, Danae e máis eu, fundamentalmente, fomos dándolle forma ao vídeo. Foi precioso o traballo en equipo, aínda que con pouco tempo e encontros virtuais. Poucas veces sentín tan doado traballar con outra xente, que ademais non se coñecía, e con tanta profesionalidade. Aprendín moitísimo.

E claro, traballar con Gaia, a miña filla, foi unha fantasía para as dúas. E tanto os dous directores como Alex Penabade, que estivo a rodar e logo a montar, foron esenciais para que ela se sentise a gusto e saíse algo tan lindo. Unha experiencia realmente fermosa».

 

O teu novo sinxelo é “Altair”, unha obra da que dicías é moi persoal e especial para ti. Por que?

Måi: «“Altair” saíu coma un río subterráneo que abrolla de súpeto, a modo de catarse, e comecei a cantar sobre a miña relación coa miña nai, que morrera uns anos antes. E claro, nas relacións coas nais construímonos; así que, ao tempo que comprendía sobre a relación, comprendía sobre min. E tróuxome moita paz e unha sensación de ter pechado o dó.

Ela tiña unha relación moi especial coas aguias, e un dos recordos máis bonitos da miña vida é ver as estrelas con ela, e que me ensinase as constelacións e os nomes das estrelas. Por iso o seu amor distante converteuse nunha conversa cunha estrela, con Altair, da constelación da aguia. A xente morre, pero o seu amor segue alumeándonos. Eu así o sinto».

 

Fotograma de "Altair". Foto © Judith Adataberna

 

No seu videoclip cambias as baleas por pombas, e a auga e o mar por lume e monte. Que nos podes contar del e do simbolismo que agocha?

Måi: «Neste caso Judith Adataberna escribiu e dirixiu o vídeo. Ela tivo a visión das pombas mensaxeiras como o elemento mediador para facerlle chegar unha mensaxe a alguén que está xa noutro lugar. A simboloxía da pomba é moi rica tamén. É un paxaro, así que leva as mensaxes dun xeito transcendente, por riba do mundo terreal no que nós nos movemos. A pomba trae paz, porque serviron para carrexar mensaxes nas guerras, que evitaron máis masacres e que axudaron a pactar as treguas e fraguar a paz. Pero tamén a paz persoal, grazas ás mensaxes dos seres queridos que por fin chegaban dando novas.

O que levo na cabeza nas escenas nocturnas son tamén penas negras, pois represento a pomba que corre-voa buscando a Altair para levar a mensaxe. Altair, esa muller maior á que escribo e estraño, vaime guiando no camiño coa súa luz, cunhas flores luminosas, ata chegar a unha árbore no que quedo durmida baixo a súa luz acesa. Judith levou deste xeito a atmosfera da canción dun xeito maxicamente exacto á pantalla».

 

 

Descubrimos que «nigredo» é un concepto alquímico, a fase previa á albedo e á rubedo na transmutación da materia. Podemos, pois, tomar este disco como o primeiro dunha triloxía? Por que esa referencia á alquimia?

Måi: «Non se vos escapa nada, así non hai quen sorprenda! Si, a alquimia sempre me tivo fascinada por esa dobre faena no matérico e no espiritual para acadar a sublimación do ser. Pasar da materia máis burda, do mineral que consideraban máis ordinario coma o chumbo ao máis excelso e puro, o ouro, supón un percorrido paralelo na sublimación da alma humana. A nigredo é, efectivamente, esa primeira fase, que consiste na descomposición, no ennegrecemento, literalmente. Trátase de fundirse nunha materia prima, onde todo se homoxeniza, tórnase escuro, descomponse para transmutarse logo, nesa segunda fase que é a albedo, o branqueado, na esencia pura de cada elemento, que aflora en toda a súa identidade. A terceira fase, a rubedo ou enroxecemento, consiste en pasar esa esencia individual polo lume purificador e xa, por fin, acceder á sublimación da materia e devir ouro, e da alma, devir espírito puro, esa parte divina que está en cada alma, en cada persoa. A nigredo, entón, é o primeiro momento sen o que sería imposible o proceso seguinte, parte da humildade, da renuncia, da entrega de todo o que se é e o que se ten para comprometerse no camiño da verdade. Implica deixar o ego atrás, os apegos, os medos, as posesións e trascendelas. É a entrada na cova, no escuro, fondo e descoñecido. Non sabes que vai haber dentro e entras igual. Comezou o proceso. Dentro só hai escuridade, fúndeste nela e entón atópaste a ti mesma pertencendo a algo inmenso. Xa non sabes onde rematas ti e onde comeza o outro. Es parte do todo. Iso faiche sentir plena, nunca máis soa, nunca máis sen sentido. Es parte dese inmenso e dende aí, xa libre de todo o demais, vas ascendendo, entendendo que é o que che fai única e entendes o valor de ser iso no conxunto. Pero iso é xa a albedo e si, se teño oportunidade, encantaríame cantárvolo máis adiante.

A nigredo a nivel material é o momento global que estamos a vivir. Esa natureza contaminada, os ecosistemas colapsando, a bulimia dos países ricos, a desnutrición dos empobrecidos, os mares de plástico, a chuvia aceda, Chernóbil, o desprezo do corpo e a relixión dos datos… Estamos vivindo unha nigredo. E iso está ben. Adentrémonos nela, descompoñámonos dunha vez por todas para trascendernos nun novo mundo tan limpo e cheo de luz no que todas poidamos ser nós sen medo nin ansiedade. Cantas máis entremos na nigredo, máis atoparemos a nosa luz, comezaremos a irradiala sen descanso e transformaremos este sistema. Dime se non son optimista...».

 

Nestes concertos presentación, o público ten a oportunidade de mercar o disco físico, do que dis que ten un formato moi especial con deseño de Enric Pérez Vercher sobre unha idea túa e mais de Danae Gómez Lois. Ata que poidamos facernos cun deles... como vén envolto fisicamente?

Måi: «Ter a Danae e Enric no equipo é un non parar de abraiarme coa forma que isto está collendo. Eu quería un empaquetado o máis sostible posible, dar a opción a mercar a arte gráfica e a música a quen a queira con CD, e a quen non o use xa, sen el. Comezamos a darlle voltas á posibilidade dun despregable que acollese o libreto, código QR e o CD. E Danae deu con este deseño, que é en si mesmo unha experiencia. Coa arte gráfica de Enric P. quedou algo moi especial, máxico. Só podo describilo como unha peza do tamaño dos EPs de vinilo feito de papel craft e cun dobrado, a modo de origami alquímico, que se abre dando acceso no interior a imaxes, textos, o libreto e o CD. Hai que vivilo para entendelo!».

 

Ao vivo, estás rodeada de Icía Sanmartín (coros, pandeireta), Migui Carballido (percusión) e Cris Asenjo (teclado). Ademais dos seus instrumentos, que achegan a Måi enriba das táboas?

Måi: «Antes de nada debo anunciar que tivemos un cambio de última hora na formación e no lugar de Cris Asenjo teremos no teclado a Víctor Álvarez. O que achegan é calidez, humanidade. Creo que a case todo o mundo que escoita o disco lle sorprende saber que imos tocar todo de xeito orgánico, sen secuencias en directo. Tocar esas pandeiretas, eses paus, como loops electrónicos, como bases secuenciadas e tratadas a modo das percusións dos ritmos urbanos, en vivo por persoas humanas, aportando a súa presenza, o seu estilo, a súa vibra, é algo moi impresionante. Xérase unha atmosfera moi peculiar. Margarida Mariño co violoncello é algo máxico en si mesma. É pasar o arco sobre as cordas e notar un fluxo eléctrico na columna. E isto vai xustamente diso, de conectar, de crear algo máis grande que nós mesmas e sentírmonos parte. Iso séntese nas bandas dun xeito moi intenso».

 

Foto © Judith Adataberna

 

A estética de Måi volve conectarnos cos países escandinavos, semellando a unha Björk galega cunha forte unión coa terra. Que pretendes representar con esta imaxe e de que xeito se relaciona coa túa música?

Måi: «Primeiro, igual que coa música, máis que tomar referencias de fóra para contar o que teño que contar, tomei dun xeito máis inconsciente que consciente aqueles elementos que foron conformando o meu gusto e a miña sensibilidade estética ao longo destes anos, como quen se pon a inventar un guiso cos ingredientes que ten á man e máis lle prestan. En nada deste proxecto estou soa, e na imaxe, dende logo, está Danae, está Enric e está Judith, para axudarme a traducir todo este mundo que eu tiña en forma de ideas, de emocións e de música a unha estética concreta. Para min é importante xerar esa sensación de distanciamento do cotián. Non é unha imaxe casual, natural e cotiá. Porque o ser que estamos a evocar e a invocar é algo transcendente, é moi complexo, ten moitos elementos e pode representarse de moitas formas dependendo do momento e do contexto. Ten que ter relación co natural, coa terra, claramente. Pero abarca tamén moitos outros elementos, como a tecnoloxía, o lixo ou o baleiro porque todo iso é a vida sendo vida en diferentes momentos do proceso. Por iso seguro que me veredes con estéticas moi diversas e impactantes para amosarvos distintos aspectos de Måi, igual que coa música. Ata agora amosamos a nigredo, a latencia da semente, o escuro, a cova, o corvo, a descomposición e a mestura. Pero hai moito máis que ir coñecendo dela».

 

Profesora de Filosofía, contacontos, membro de tres proxectos musicais e tamén algún medioambiental... cal é o segredo para compaxinalo todo (e non morrer no intento)?

Måi: «Súmalle ter dúas crianzas a iso, que é a miña dedicación principal dende hai dez anos. A única maneira de facer o que quero e facelo poñendo o mellor de min é facelo en comunidade. Dende a crianza ata a música ou calquera dos proxectos nos que poida participar parten da relación con outras persoas que están a achegar o seu mellor cara á mesma fin. Ese é o segredo. Ese, e pasar moito tempo no monte. Aforras en fármacos e en fígados. Teño un amor inmenso pola vida e por todo o que fago. É boa receita. E un marido que é pura paz e equilibra o furacán na casa».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Måi: «Sofía Espiñeira, que ademais está por traer prontiño algo novo, é do que máis me emociona no país. Zeltia Irevire tamén me inflama a flama. Son moi fan dos Bregadiers, da festa con estilazo que sempre leva esa xente. Fillas de Casandra coa invocación aos mitos femininos, coma un trasunto musical de Begoña Caamaño, tamén me teñen moi namorada. LaMontagne & PicoAmperio traen moito moito poderío tamén. Quen non escoitara a Margarida Mariño e o seu Cello&Electronics ten un motivo máis para levantarse mañá. MounQup é algo sobrenatural no escenario, un animal musical que trae algo moi persoal e que te leva lonxe. Brais das Hortas co seu “Consertasso na Horta”, escoitade a canción do astronauta e dicídeme se non deixades de sentir a gravidade terrestre por un intre. Néboa, fermosura de banda! Falar de fermosura é falar de Caamaño & Ameixeiras, Antía Muiño, Baiuca, grazas por chegar!… En fin, non creo que vos descubra moito, pero celebro a estas e a moitas máis veciñas».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Måi: «Pois moito Paco Pakolas e Paco Nogueiras, pero non sempre son eu quen pincha na miña conta. Ademais da marabillosa música para todos os públicos que temos no país. Veriamos a Bonobo en escoita compulsiva, a Lisa Hannigan, Aurora, Jónsi e Jocelyn Pook nos primeiros postos. Estou dese rollo dende hai un tempo. Pero tamén está o Motomami, Lido Pimienta, Totó la Momposina sempre, Zeca Afonso sempre, Silvia Pérez Cruz, María Arnal, Silvana Estrada, El Naan, Florence + The Machine, Mayra Andrade, Perotá Chingó, Dobet Ngaoré, The Gloaming, Kíla, Björk, Billie Eillish, Bon Iver, Bomba Estéreo, Bía Ferreira, RY X, Pearl Jam sempre, Carminho, Natalia Doco, Jack Johnson, Jorge Drexler... Non sei cando parar!».

 

  noticias