DARK EMBRACE: «‘DARK HEAVY METAL’ É O MELLOR RESUMO DO QUE É DARK EMBRACE»
Influenciada polos subxéneros máis escuros do heavy metal, Dark Embrace emerxía desas profundidades metaleiras hai máis de dúas décadas. Logo de varias demos, un debut discográfico e unha morea de concertos —algúns deles acompañando a grupos como Sepultura, Amon Amarth, Destruction ou Watain— a banda decide parar… para rexurdir anos despois máis fortes que nunca.
Composta actualmente por Óscar Rilo (voz), Mou Trashno (guitarra), Markos Villar (guitarra) e Julio G. Valladares (batería), Dark Embrace leva activa «tres ou catro anos, pero coa experiencia dunha banda de 23». Esa veteranía é notable na evolución e consolidación do seu son, que eles orgullosamente definen como dark heavy metal, e que dá nome ao seu novo traballo discográfico. Dispoñible en plataformas dixitais e en formato físico desde finais de febreiro, Dark Heavy Metal (Massacre Records, 2023) é un longo onde melodía e agresividade asolagan o seu universo sonoro; un espazo composto por nove cortes a través dos que forxan o heavy metal convencional ata convertelo na súa versión máis escura e malvada.
Foto © Tony Hevia
Hai 23 anos que nace Dark Embrace na Coruña... 23! Cal foi o xermolo da banda? Como resumiriades estas dúas décadas de traxectoria?
Óscar Rilo: «É moi difícil resumir máis de dúas décadas de traballo. Aínda así, somos case como unha banda nova. Explícome: a banda naceu en xuño de 2000 na Coruña, pero logo de moitas aventuras e desventuras na industria musical, decidimos parar coa banda en 2009.
Logo dese “breve” descanso, en 2016 decidín regresar por min mesmo coa axuda de Snowy Shaw na batería e eu tocando o resto. Tras este retorno, pois busquei unha nova formación e contactei cos meus amigos Mou, Markos e Julio; a partir de aí comezamos a facer concertos de novo, tivemos a parada por culpa da COVID, e agora estamos máis fortes que nunca.
Cos novos obxectivos e descontando os dous anos da COVID, pódese dicir que levamos activos tres ou catro anos, pero coa experiencia dunha banda de 23. Aínda así fixemos multitude de concertos con bandas grandes como Amon Amarth ou Sepultura e estivemos en moitos festivais importantes».
Por que «dark embrace»?
Óscar:«Nos primeiros días puxémonos a buscar un nome axeitado pensando nas nosas principais influencias naquel momento, case todo música de finais dos 90. Dark Embrace soaba ben, era parte da lírica dun tema de Dissection, “The Somberlain”, e tamén tiña algo de “Dusk and Her Embrace” de Cradle of Filth. Así que decidimos que Dark Embrace sería o noso nome».
Foto © Tony Hevia
Para cada un de vós, sempre foi o metal, ou algún dos seus subxéneros, o voso estilo musical de preferencia?
Óscar: «Sen dúbida, podo falar por todos aquí, sempre fomos, somos e seremos metal. Aínda que é normal ter influencias doutros estilos como o rock, blues, electrónica, etc., xa que todos nós somos uns apaixonados da música e sempre estamos abertos a calquera influencia, aínda que o noso corazón é 100% metal».
Aínda que o título de voso último traballo, do que falaremos máis adiante, xa o define, se tiverades que describir o metal actual de Dark Embrace cunha soa palabra, cal sería?
Óscar: «É complicado usar soamente unha palabra, pero decantaríame por METAL. O noso novo disco é unha pequena parte desta arte que tanto nos gusta como é a música. Aínda que o noso estilo é moi propio, segue a ser METAL».
E se preguntamos polas influencias do grupo, tanto á hora de traballar como de entender a música, a quen sinalariades?
Óscar: «Nós os catro temos grandes influencias de multitude de bandas metal, pero por nomear un par de bandas de cada un: no meu caso Skid Row, Judas Priest ou Slayer; Mou, por exemplo, ten moitas influencias de Children of Bodom e Nevermore; Markos é fanático de Kreator e Rage; e Julio de Iron Maiden e Stratovarius. Aínda así, estas bandas son un 0.01% das nosas influencias».
Desde a vosa demo Raven’s Blood (2001) ao voso debut discográfico pasaron cinco anos... e outras dúas demos. Nelas escoitamos covers que, aos poucos, foron deixando paso a temas orixinais. Cal foi ese momento no que decidistes dar o salto á composición propia?
Óscar: «Cando comezas cunha banda, o máis sinxelo é ir facendo versións de bandas que che gustan. Probas a gravar demos, cambias cousas, etc., pero o principal é a composición de temas propios. Lembro que sempre intentamos tocar os nosos temas, pero a composición levaba tempo desenvolvela e, mentres, para encher ese baleiro, tocabamos versións ao final dos ensaios para poder tamén practicar as nosas habilidades como músicos. Cando xa tiñamos unha cantidade considerable de cancións propias, xa ocupabamos ese tempo en ensaiar os nosos propios temas».
A vosa primeira referencia é The Rebirth of Darkness (Armaggedon Music/Wacken Records, 2006), longo gravado nos Stage One Studios (Borgentreich, Alemaña) e producido por Andy Classen. Como chegades ata alí tendo en conta a curta idade da banda?
Óscar: «Chegamos alí a causa dos nosos desexos de intentar facer as cousas dun xeito correcto. Estivemos á procura de diferentes estudios de gravación onde entendesen o noso xénero e, finalmente, atopamos a Andy Classen, que traballara con bandas como Rotting Christ entre moitas outras. Falamos con el, ofreceunos unhas moi boas condicións e viaxamos a Alemaña; estivemos durante case un mes alí e temos uns moi bos recordos da experiencia. Nunca o esquecerei, foi xenial todo o que aprendín de Andy e de gravar nun estudio profesional».
Neste álbum escoitamos pezas de máis de oito (e ata de más de 10!) minutos de duración. En tempos de atención dividida como os de agora, por que apostar por cancións desta lonxitude?
Óscar: «Como compositor, naquel momento gustábame experimentar coa atmosfera dos temas; facelos menos directos pero cunha atmosfera máis cargada e instrumental. Unha vez que comezabas non parabas e, ao final, tiñas temas demasiado recargados. Hoxe en día teño moita máis experiencia en composición e xa non necesito experimentar tanto cos temas; vou e fago o que realmente quero, sexa un tema de dous minutos ou de doce».
Máis dunha década despois chegaba The Call of the Wolves (7Hard Records, 2017). Así, sen presión, por que a demora?
Óscar: «Como comentei antes, tivemos ese descanso un pouco obrigado debido ao cansazo coa industria musical. Tiñamos moitísima falta de experiencia. Cando comezas nunha banda pensas na arte, pero nunca no negocio, e iso é un gran erro. Ámbolos dous conceptos van unidos, porque se te centras soamente nun, o outro te destrúe, e viceversa.
Aínda así, en Dark Embrace sempre prevalecerá a música, pero como é obvio temos que mirar sempre de esguello cara ao negocio da industria, porque senón acabará destruíndo a esa arte. Digamos que, co paso dos anos aprendemos a conter o negocio musical de cara a poder promocionar a nosa propia arte».
O último que escoitaramos de vós foi The Call of the Wolves (Re-Howled) (2022), unha reedición do voso segundo disco remesturado e remasterizado por Piet Sielck (Iron Savior). Que vos levou a tomar esta decisión, tendo en conta que xa tiñades un novo traballo en mente?
Óscar: «Levabamos moito tempo sen editar un álbum e, malia ter xa composto Dark Heavy Metal, decidimos ofrecer algo previo á edición. Entón “reouveamos” The Call of The Wolves.
Na primeira versión ocupeime de todos os instrumentos excepto da batería; o meu instrumento principal é a voz, así que gravei o resto coas miñas dificultades. Agora, cunha banda decente e xa establecida, era o momento de darlle un novo aire a esta composición. E así foi. Ademais, Piet é un grande amigo e ofreceuse a facer a mestura e masterización desta nova versión».
Este novo traballo, Dark Heavy Metal (Massacre Records, 2023), chegaba en febreiro como un manifesto metal, agresivo e melódico. Cal é a idea tras el?
Óscar: «A idea básica deste traballo é a de amosar a nosa arte ao mundo enteiro. Dark Heavy Metal é o mellor resumo do que é Dark Embrace. Digamos que esta é a nosa carta de presentación ao mundo. Temos unha boa distribución e promoción grazas a Massacre Records e Hueso Producciones, así que este disco é 100% Dark Embrace; somos nós e así presentámonos a todo o mundo».
Dark Heavy Metal descobre nove cancións que a prensa especializada cualifica xa de himnos. Como foi o seu proceso creativo? Que, ou quen, as inspirou?
Óscar: «O groso do álbum foi composto nestes últimos tres ou catro anos. No meu caso, o proceso creativo vén por experiencias vividas; melodías que aparecen na miña cabeza e teño a necesidade de expresalas coa música.
Igualmente nas letras. Por exemplo, “This Is The Rain” fala sobre a nosa morriña galega, cando estás de tour e botas moitísimo de menos a túa terra, mesmo á propia choiva que tantas veces maldís estando en Galicia. Outro tema como “Metal Is Religion” fala de que realmente a procura da nosa fe está en nós mesmos, na nosa paixón pola música. Como ves, digamos que a propia vida é a inspiración da nosa música».
Óscar. Foto © Tony Hevia
A produción do longo correu pola vosa conta, pero detrás da mestura a da masterización estivo Mike Exeter (Black Sabbath, Judas Priest, Cradle of Filth). Como foi contar cun produtor como el?
Óscar: «Foi realmente incrible poder contar cun produtor tan afamado e experimentado; axudounos moitísimo á hora de traballar os temas. Ás veces non somos conscientes de que traballamos con Mike Exeter, se pensamos que tamén traballa con Cradle of Filth, Judas Priest ou Black Sabbath, que son bandas fundamentais para a música metal e das que somos moi fans.
Foi sen dúbida unha experiencia boísima. Eu falaba case todos os días con el a través de vídeo chamada e escoitaba os seus consellos, que non teñen prezo».
Dicides que o título representa á perfección o voso son (e personalidade), aínda así, tedes pensado seguir a explorar nas escuridades máis profundas do metal?
Óscar: «Aí seguiremos, pero non nos desviaremos do noso camiño. Non queremos facer nada por moda ou porque o negocio o demanda. Sempre faremos a nosa música coa nosa propia personalidade. Ás veces teremos momentos máis escuros e outros menos, pero o noso estilo e a nosa arte xa está aí».
Mou. Foto © Tony Hevia
Falamos de exploración porque neste dark metal escóitanse ecos de folk ou power metal, pero sempre sobre unha base de heavy metal tradicional. Como evolucionou o voso son desde aquel gothic dom dos vosos inicios?
Óscar: «Foi algo natural, máis que evolución, nós chamariámolo consolidación do estilo. Os discos anteriores foron a base deste novo traballo. É como unha persoa, na adolescencia vai formando as súas ideas e carácter de cara á súa vida adulta. No noso caso é similar; chegamos a ser o que somos pero dun xeito natural, sen forzar nada e sempre fieis á nosa música e sentimentos».
“Personal Hell” fala sobre a saúde mental e importancia de coidala; na vosa opinión, que papel credes que ten a música á hora de concienciar sobre este tema?
Óscar: «A saúde mental é moi importante e, desgraciadamente, na industria musical danse multitude de casos desta índole. É importante concienciar a través da música, da literatura, do deporte, etc., xa que, moi ao noso pesar, ás veces é unha enfermidade silenciosa que ten consecuencias devastadoras. Por iso hai que darlle visibilidade para que se saiba que está aí, ademais de saber como axudar á xente que pode padecela».
O videoclip que acompaña á canción é case, ou aínda máis, heavy que a súa letra. Como lembrades a gravación?
Óscar: «Frío, con moito frío. O vídeo de “Personal Hell” gravámolo no Pazo Molinos de Antero (Monforte de Lemos), aos que lles estamos moi agradecidos por deixarnos rodar nun lugar tan precioso. Estivemos todo o día coa rodaxe, pero pasamos moitísimo frío. Foi en xaneiro deste ano e, como todos sabemos, Lugo é moi frío e nesa zona aínda máis.
Como curiosidade, cómpre dicir que os nosos tres vídeos foron gravados na provincia de Lugo e nos tres pasamos moitísimo frío [risos]. Tanto no norte, como no centro, como no sur de Lugo».
Markos. Foto © Tony Hevia
“Metal Is Religion” comeza cun... clavicordio! Que vos fixo incluír este instrumento tan pouco habitual neste xénero?
Óscar: «Pois Markos chegou coa idea de meter esa intro no tema. No pasado de Dark Embrace xa tiñamos usado ese tipo de sonoridades e non quedaban mal de todo, así que tiramos para diante e lle dimos un toque máis barroco a ese tema. O resultado final foi “Metal is Religion”, que mesmo podes chegar a pensar que o clavicordio lle dá un aire máis eclesiástico aínda!».
“Time is Telling” lémbranos ás bandas sonoras das películas; vén por aí a inspiración para esta peza, a única instrumental do longo?
Óscar: «Cando Mou, compositor deste tema, apareceu con esta canción, non dubidamos nin un momento en que debería ser a nosa introdución nos concertos. Mou é un gran fan do Señor dos Aneis e penso que a inspiración para crear esta obra chegoulle polo seu lado literario e de bandas sonoras.
No disco decidimos metela como unha antesala da nova versión de “Bitter End”, como unha intro á sorpresa que dá volver a escoitar un tema antigo de novo».
A primeira versión de “Bitter End” escoitámola nunha demo de 2003, tamén no voso debut e, agora, volvémola escoitar de novo baixo o título “Bitter End MMXXII”. Que significa este tema para vós para que apareza de xeito recorrente na vosa discografía?
Óscar: «Este foi un dos primeiros temas de Dark Embrace e témoslle un cariño moi especial. Así que para este novo álbum, xa coa nosa personalidade totalmente desenvolta, queriamos traelo de regreso aos concertos. Tivemos tamén a idea de gravalo de novo para darlle un bo lavado de cara e amosalo aos nosos novos fans, que tamén tivesen un pouco do “antigo” Dark Embrace en Dark Heavy Metal».
Óscar, a túa voz é un instrumento máis, que destaca entre guitarras afiadas e baterías potentes. Como a traballas para acadar esas modulacións tan características do xénero?
Óscar: «Unha voz lineal abúrreme moito. Así que adoptei o meu propio estilo, usando en cada momento un tipo vocal diferente segundo o que pida a canción. Intento ensaiar todos os días e practicar todo o que podo, baseándome sempre na teoría do canto pero coas modificacións que eu fago ao meu xeito. Non fago máis; como todos os cantantes, traballo a voz pero, no meu caso, usando esas pequenas diferencias que fan do meu estilo algo moi persoal».
En Dark Heavy Metal escoitamos de novo ao gran Snowy Shaw nas baterías, que xa colaborara no disco anterior. Que fixo que contarades con el unha vez máis?
Óscar: «Logo de rematar o anterior disco falei con el para que fixese tamén as baterías do vindeiro. Aínda que Julio xa estaba na banda, as baterías gravounas Snowy porque xa tiña falado con el sobre o asunto. Julio non tivo ningún problema xa que é moi fan de Snowy e, sen dúbida, para Julio é unha honra poder tocar as baterías compostas por Snowy. No vindeiro álbum, no que xa estamos a traballar, Julio será o encargado de toda a parte de percusión e baterías».
Julio. Foto © Tony Hevia
Ademais de Shaw, tamén contastes con Antti Wirman para o solo de guitarra de “Endless Months”, e Jari Pailamo nos teclados de “This Is the Rain”. Que procurabades con estas colaboracións?
Óscar: «Así é, estas foron unhas colaboracións que non tíñamos para nada previstas. Eu son amigo de ambos e ofrecéronse a participar no álbum. Por exemplo, Jari escoitoume cantaruxar a melodía de “This Is The Rain” e ao momento ofreceuse a gravar os teclados para esa canción.
Logo diso, Antti díxome que tamén quería facer algo, xa que toca xunto a Jari en King Company, así que meteu o solo de guitarra de “Endless Months”. Antti tamén foi guitarrista en Children of Bodom. Ámbalas dúas foron unhas moi boas colaboracións».
Gustavo Sazes asina a portada do disco, conformada por unha variedade de elementos como caveiras, lobos, runas, estatuas… que representan? Seguiu Sazes algunha indicación ou tivo total liberdade creativa?
Óscar: «Gustavo fixo un traballo excelente. Démoslle liberdade creativa, soamente lle comentamos que fixese unha portada para representar Dark Heavy Metal. Algo escuro, pesado e de metal. Non son termos maleables como puideron ser os lobos no noso anterior disco, The Call of the Wolves, así que penso que tomou detalles dos nosos anteriores traballos e os incluíu nesta portada.
Hai moitísimos detalles ocultos na portada; é unha portada xenial que representan á perfección Dark Heavy Metal».
Este último traballo vén apoiado por Massacre Records, selo alemán especializado nos xéneros do metal máis heavy. Como asinastes con eles e como está a ser a experiencia de traballar cunha discográfica deste talle?
Óscar: «Pois como é habitual cando estás á procura dunha discográfica: enviamos a demo do álbum a diferentes selos do noso estilo e agardamos respostas. Tivemos interese por parte de varios selos importantes, pero decidimos que Massacre Records era o máis adecuado para poder editar este novo álbum. No pasado, Massacre editou moitos artistas cos que nos sentimos representados e pensamos que poderían facer un bo traballo co noso novo álbum.
A experiencia polo de agora está a ser moi gratificante; moitísimo traballo tódolos días, xa que estar nunha discográfica deste nivel é o que implica».
Foto © Tony Hevia
Hai unhas semanas anunciabades que seredes a banda convidada de RAGE na súa xira por España e Portugal, que comezará en setembro. Como afrontades o reto de abrir para un dos grupos máis prolíficos do power metal?
Óscar: «Pois tocar con este tipo de bandas sempre é un reto, sobre todo porque a gran maioría de fans van ao concerto para ver ao cabeza de cartel, neste caso RAGE. É unha banda da que somos fans e a cal respectamos enormemente, pero imos facer todo o posible para poder superalos ao vivo e que coa nosa música cheguemos a poder compartir algún dos seus fans [risos]».
Esta semana tocades no Ragnarök Festival (Alemaña), e tamén sodes parte do cartel desta edición do Resurrection Fest, ademais do Barcia Metal Fest e o Milagre Metaleiro Open Air. Que pode agardar o público dos vosos directos nestas citas festivaleiras?
Óscar: «Sendo unha banda pequena, para nós é xenial poder tocar en festivais, xa que así podemos amosar a nosa música a multitude de fans do xénero. Poden esperar de nós algo diferente e difícil de catalogar, pero sempre dentro do metal. É importante que se acerquen ao noso escenario e intenten desfrutar da nosa música».
Falando de directos, cando poderemos desfrutar dunha xira en solitario de Dark Embrace? Se tiverades que elixir: festis ou concertos propios?
Óscar: «Hoxe en día está moi difícil poder tocar en solitario para poder chegar ao número de público necesario. Gústanos tanto festivais como concertos propios, pero o bo dos festivais é que coincides con multitude de bandas e amigos que soamente ves neses festivais. Aínda que tanto en concertos pequenos como en festivais grandes todos estamos alí co mesmo propósito, desfrutar da música».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Óscar: «Dentro da música metal, Galicia ten multitude de bandas e artistas que pagan moito a pena. Neste momento véñenseme á cabeza bandas como Balmog, Barbarian Prophecies, Perpetual, Hongo, Aquelarre, Raze, etc., pero agora mesmo se teño que decidir, a miña favorita é Kalte Sonne, aínda que andan algo desaparecidos. Recomendaría calquera das bandas que nomeei e, seguramente, en breve viranme moitas máis á cabeza tamén».
Foto © Tony Hevia
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.
Óscar: «Escribirei as primeiras que aparecen no Spotify de cada un agora mesmo; as miñas son The Black Dahlia Murder, Insomnium, Wintersun, Theatre of Tragedy, Soen, Leprous».
Mou: «Lamb of God, Children of Bodom, Persuader, Insomnium, Kamelot, Leprous.
Julio: «Wintersun, Warbringer, Type 0 Negative, Sacred Reich, Soundgarden, Celtic Frost».
Markos: «Helloween, Kreator, Rage, Iron Maiden, Insomnium, Los Suaves».