PABLO LEIRA: «EN BERKLEE APRENDÍN OUTRO XEITO DE VER A MÚSICA, MOITO MÁIS ORGÁNICO E NATURAL»
«Todos quieren a Pablo Leira; ¿pero de dónde ha salido este chaval?» escribía Carlos Crespo (La Voz de Galicia) hai pouco máis dunha semana. Porque Pablo Leira, aos seus 23 anos, vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico, logo de rematar os seus estudos en interpretación de guitarra no Berklee College of Music (Boston, EE.UU.).
Consigo trouxo —ademais dun título, un par de premios e un peto cheo de aprendizaxe e experiencias— un puñado de cancións, escritas na súa maioría en Nova York. Aquí terminou de darlles forma xunto a Danny Abeledo nos ferroláns RRStudios e, deste xeito, melodías brillantes, instrumentacións coidadas e cancións redondas cobraron vida e convertéronse en Dirt, Wood & Grass (Ferror Records, 2023).
Foto © Aldara Otero G.
Do piano ao saxofón, e do saxo á guitarra... que teñen as cordas para que as elixises como instrumento de preferencia?
Pablo Leira: «Nas cordas non necesitas saber a tonalidade, é outro tipo de funcionamento. Podes tocar a mesma nota en seis sitios diferentes e, se sabes ben o funcionamento das escalas cos tons e os semitóns, podes crear ti o teu propio xeito de facer as cousas. Co piano e co saxo síntome máis limitado».
Descubrimos que o tío do teu avó paterno, Antonio «O Patolo» Leira, tocaba o fiscorno na Filharmónica da Coruña e mesmo tiña unha orquestra, Os Patolos. Tes algún outro antecedente musical na túa familia que fixese medrar o teu interese pola disciplina?
Pablo: «Outro non coñezo, pero en xeral gústame a música. O meu avó comproume o meu primeiro piano eléctrico de neno e tamén unha batería moi pequena; o meu pai toca un pouco a guitarra. Nin el nin a miña nai puxéronme nunca ningún impedimento para tocar e facer música».
Cal, e como, lembras o teu primeiro contacto coa música?
Pablo: «Debía ter 5 anos. A miña irmá ía ao Centro de Música Moderna de Ponteareas a facer baile; un día entrei e vin a aula de piano baleira, quedei mirando para un dos pianos, acerqueime a tocalo pero non fixo son. Aínda así, ao saír, díxenlle a miña nai se podía apuntarme a iso».
Foto © Aldara Otero G.
Que música adoitabas escoitar cando eras máis novo para que te chamase a atención o country ea música de raíz americana? Porque non son estilos que estean precisamente arraigados aquí en Galicia (ou en España)...
Pablo: «Cheguei ao country por expedición musical. De moi novo escoitaba moito os Beatles e, desde aí, púxenme a buscar e escoitar toda a música que atopaba. Como crecín coa Internet, era moi fácil buscar música de todo tipo».
Como definirías a música de Pablo Leira? E ti, con que xénero te sentes máis identificado?
Pablo: «Eu o único que espero é que a miña música soe a min, o resto dáme igual. Non me sinto especificamente identificado cun xénero; gústame moita música moi variada, entón vou un pouco ao que me chame».
En xeral, se preguntamos polas túas influencias musicais, a quen sinalarías? E, en particular, algún guitarrista que teña, ou tivese, un particular impacto no teu xeito de tocar e compoñer?
Pablo: «Son moi variadas; gústanme moito os Beatles e Bob Dylan, que eu diría que son os dous que máis escoitei con consistencia. Cando era adolescente pasaba o día escoitando a Led Zeppelin, e Jimmy Page foi o meu referente durante anos. Despois, guitarristicamente teño, e tiven, moitas influencias».
Foto © Aldara Otero G.
Con 17 anos múdaste a Estados Unidos, onde tes a oportunidade de facer a audición de ingreso no prestixioso Berklee College of Music (Boston). Que che levou a tomar tal decisión? Como te preparaches para a audición? Porque entrar nesa escola non é fácil…
Pablo: «Non me interesaba moito o instituto. Estudaba para sacar un 5 e non tiña especial interese por ningunha das materias. Preparei unha canción co meu profesor de guitarra, Rubén Reinaldo, e parece que saíu ben».
Xa dentro, optas polo grao en interpretación de guitarra, no que te gradúas en 2021. Que destacarías do teu paso polo centro? Alén do musical, que dirías que te achegou o alí aprendido?
Pablo: «Foi un tempo moi guay, paseino moi ben. Estudaba realmente o que me interesaba, así que non supuxo un esforzo mental. Alí collín moita perspectiva e aprendín outro xeito de ver a música, moito máis orgánico e natural».
Sendo estudante en Berklee fuches galardoado co John LaPorta Award (2019) e o Jimi Hendrix Award (2020). Que significaron para ti, e para túa incipiente carreira, estes recoñecementos?
Pablo: «Para a miña carreira non o sei, pero como recoñecemento ao traballo feito sentoume moi ben. Aínda así, prefiro concentrarme en seguir adiante».
En Boston formabas parte da banda indie rock Winkler onde, curiosamente, tocabas o baixo. Por que non a guitarra? Como lembras a experiencia?
Pablo: «Coñecín o cantante en clase. Gustábame moito a súa música, así que lle dixen que se necesitaba calquera cousa que me dixese. Como lle faltaba un baixo, díxenlle que ía eu sen problema e así empezou todo. A experiencia, como todas as bandas, con altos e baixos».
Mergullando polo teu SoundCloud atopamos dous álbums enteiros, Modern Americana (2020) e The Goodwill (2021), producidos durante a pandemia e non dispoñibles noutras plataformas. Por que non compartilos? Dirías que traballar neles foi unha vía de escape durante o confinamento?
Pablo: «Quería facer música e naquel momento tiven que adaptarme ás circunstancias. Non tiña micros, nin batería nin nada; gravaba co micro do ordenador e facía MIDIs do resto (agás de guitarras e baixos). Foi un bo exercicio de produción e arranxos, pero a calidade non é a mellor como para subir a Spotify ou facelo en físico.
É a miña forma de traballar, en demos».
Ambos traballos soan a country e folk americano, pensas que se non experimentases a música norteamericana de raíz de primeira man a túa música soaría diferente? Estes xéneros xa te chamaran a atención antes da túa estancia nos Estados Unidos?
Pablo: «Si, desde logo. Chamábanme a atención, pero non do mesmo xeito que despois de ir a Estados Unidos. Aínda así, tardei un par de anos en meterme no country, estiven moito no rock e no indie. Supoño que se quedase en España probablemente estaría a facer iso».
Vés de publicar o teu primeiro disco de estudio, Dirt, Wood & Grass (Ferror Records, 2023), gravado entre a túa casa e os RRStudios (Ferrol) de Danny Abeledo. Como se desenvolveu todo este (temos entendido que caótico) proceso de gravación?
Pablo: «Pois moi caótico. Gravei con Alec Rosenberg entre a miña casa e a súa, en Nova York. O proceso foi como foi porque abrangueu moito tempo; mesturabamos demos e sons e, ao final, non arranxamos nin os proxectos ben. Pero tiñamos as pistas, así que llas levei a Danny e, despois de rifarme, arranxou e sacou todo para diante».
En estudio contaches coas colaboracións estelares de Álvaro Lamas (steel guitar), Pepe Coira (harmónica), Rafa Pereira (guitarra) e Cabe García (guitarra, banjo). Estaban xa pensadas ou foi algo que xurdiu traballando os temas xunto a Danny?
Pablo: «Foi Danny. Eu só quería o disco mesturado. Foi el quen suxeriu que participasen todos, e foi a resposta correcta, desde logo; o disco medrou moito. Cada un fixo unhas achegas estelares e foi un pracer poder contar con eles».
Lamas é un dos compoñentes de Los Eternos, banda que te acompañará ao vivo na xira presentación do disco. Como se forxou esta sinerxía? Que procurabas con ese son tan característico da steel guitar?
Pablo: «Danny chamou a Álvaro e conectamos enseguida. Tocamos moitos temas e había moi bo feeling. A steel, o son do country e contar con Álvaro, que é un dos mellores no instrumento, foi un absoluto luxo».
“2’s” foi o sinxelo adianto, que viña acompañado polo videoclip homónimo. Por que escolliches esta canción como carta de presentación?
Pablo: «Parecíame a canción que máis podería gustar á xente que non consume o xénero, ademais é movida e faise moi curta».
A maioría das cancións que recolle Dirt, Wood & Grass foron escritas en Nova York e, en xeral, falan das túas experiencias á outra beira do Atlántico. Foron as túas vivencias persoais a única fonte de inspiración á hora de compoñer ou hai algo de ficción nas letras?
Pablo: «Non, as letras ou fan referencia a eventos reais ou representan como me sentín nun momento específico. Intento que todas saian da miña vida porque non me atrae moito escribir historias, paréceme moito más real facelo doutro xeito».
Dis que o álbum conta unha historia real que te esforzaches en esconder, non querendo ser «brutalmente explícito». Tendo en conta que hai exemplos notorios e recentes que si o son, por que ese esforzo por agochala?
Pablo: «Non me interesa sacar cousas tan privadas á luz. Involucra a xente real próxima e non quero comprometer a ninguén. Só me interesa facer bo arte».
Foto © Aldara Otero G.
Por que compoñer en inglés? Algunha vez planteácheste escribir en castelán ou en galego?
Pablo: «Xa escribín en castelán e galego, pero como este disco foi feito alá e coa axuda de xente de alá, pareceume o natural».
“Cozmic Cowboys” é a única peza instrumental do longo, a máis curta e experimental. Como afrontaches a súa composición? Na túa opinión, que fai que unha canción precise letra ou non?
Pablo: «Escribina rapidamente, sen ningún tipo de intención. Escribir por escribir. Mandeilla ao meu pai, porque sabía que era o tipo de canción que lle ía gustar. Eu penso que está ben como está».
Pecha o LP “Honey, You’re Gonna Lose”, que xa escoitaramos en Modern Americana, do mesmo xeito que “I Rely On U”. Que teñen de especial ambas para que sexan as únicas que «pasaran o corte» e acadaran estar no longo?
Pablo: «“Honey” é un bo tema así rápido e popeiro, cunha leria máis acústico. Ademais, remata con coreo, o cal penso que lle queda moi ben, xa que pecha o disco. “I Rely On U” é a única canción que escribín que non me lembro de como a escribín, así que para min ten un algo especial. Ademais, como dixen, reflectía perfectamente como me sentía no momento e é perfecta para ese momento do disco».
Tes pensado rescatar algunha outra canción máis desas demos (Modern Americana e The Goodwill)?
Pablo: Probablemente para os directos. Hei de pensalo».
Xa que estamos a falar do teu pasado, presente e futuro sonoro, de que xeito dirías que evolucionou o teu son desde esas primeiras demos ao disco actual?
Pablo: «As primeiras demos son moi perralleiras en son. Agora o disco soa ben, ben mesturado, ben masterizado e con bo xeito. As demos son máis de combate».
O disco vén apoiado por Ferror Records, (re)coñecida e prolífica discográfica galega. Como está a ser a experiencia xunto a eles?
Pablo: «A experiencia está sendo incrible. Fernando move o disco todos os días e traballa sen descanso. É unha persoa moi traballadora, que loita moito e, ademais, moi sincera. Fíxoo todo sen pedir nada a cambio; apostou e agora aos poucos van saíndo cousas».
Case un mes despois do seu lanzamento xa estades a argallar unha segunda edición física. Parabéns á parte, esperabas tal acollida?
Pablo: «Non, a verdade é que eu non. Non é un xénero que se escoite aquí, entón...».
Foto © Aldara Otero G.
Aínda que quizais sexa algo pronto —xa que, como quen di, estás recentemente aterrado en Galicia— gustaríache volver a EE. UU.? Seguir a probar sorte alí, pero agora xa cun disco baixo o brazo?
Pablo: «Non, volvín a Galicia porque me parece que a vida é moito mellor aquí; vivo preto da familia e moi tranquilo».
A principios de abril subías ao escenario da Sala Ruido (Ferrol) para presentar o disco ao vivo. Como foi volver a xogar na casa, desta vez en solitario e con traballo propio?
Pablo: «Pois estiven moi nervioso, había moita xente e ademais moitos coñecidos, pero ao final saíu todo ben e foi unha noite incrible».
Respecto á xira, que podes adiantar destes concertos? Algunha vindeira data que poidas compartir?
Pablo: «Que tocamos en Cangas o sábado 3 de xuño e que imos dar todo no escenario».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Pablo: «Los Eternos, que veñen comigo de grupo. Son un grupo de country nacional que non se pode perder. Escriben cancións moi boas, moi enérxicas e con moita forza».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Pablo: «Eu espero que si, vergoña e dúbidas teño dabondo, pero espero que a sinceridade estea aí».