IGLOO: «‘PLANES PARA DÍAS GRISES’ É UN BO EXEMPLO DO PROGRESO DE IGLOO»
Hai case dúas décadas que Igloo se erixía sobre a escena musical galega desde Caldas de Reis (Pontevedra). Facíao cun indie de guitarras afiadas —cando o indie era a opción alternativa ao mainstream— e cancións emocionantes que bailaban entre o xélido frío exterior e a calidez humana interior.
Composta actualmente por Beni Ferreiro (voz, guitarra), Juanma Fernández (guitarra) Alberto Torres (batería) e Julián Rodríguez (baixo), a banda celebra a súa maioría de idade como grupo cun novo álbum, sétimo na súa discografía. Planes para días grises (2023) foi concibido durante a pandemia e curado durante tres anos, man a man xunto a Juanma Latorre (Vetusta Morla) na produción. O resultado é unha colección de 11 temas optimistas coas ganas de vivir como fío condutor; porque, como afirma Juanma, «que mellor que unha canción luminosa nun día gris».
Hai case dúas décadas que cinco «esquimais» construían un Igloo en Caldas de Reis, como xurdiu a banda? E por que «igloo»?
Beni Ferreiro: «Todos viñamos de estar tocando noutras bandas e queriamos facer algo que respondese ás nosas inquietudes musicais. Polo que durante un verán ensaiamos arreo para facer una restra de cancións e, a partir de aí, ir puíndo o estilo polo que decantarnos.
O nome inicial foi “iglú”, con “u”, pero esteticamente gustábanos moito máis coa dobre “o”. Ademais, así eramos conscientes de que en todo o mundo a xente diría o nome da banda igual (aspiracións iniciais [risos]). Logo de darlle moitas voltas, era o nome que máis nos gustaba; dado que nos viamos moi identificados cunha casa ou fogar frío no exterior, pero que alberga vida e calidez no seu interior. Así pensabamos que era a nosa música por aquel entón».
A aliñación titular actual está composta por Beni Ferreiro (voz, guitarra), Juanma Fernández (guitarra) Alberto Torres (batería) e Julián Rodríguez (baixo). Sendo Beni o único dos membros orixinais do grupo, de que xeito dirías que afectaron á banda os diversos cambios de formación?
Beni: «Sinceramente é unha pregunta que, logo de case vinte anos, dáme moita preguiza volver contestar... Tristemente, os cambios nas formacións son algo que está á orde do día para todos os grupos, mesmo nas bandas que viven da música; pois imaxínate nas que non!
Co que me quedo é que en Igloo, desde hai moitos, moitos anos xa, temos unha formación estable na que nos consideramos amigos e case familia. É a forma de abordar as crises que xorden nas bandas: que todos esteamos a unha e remando na mesma dirección, ou estariamos perdendo o tempo dando voltas sobre nós mesmos».
Juanma Fernández: «Cada un dos músicos que formaron parte de Igloo puxeron o seu ladrillo de xeo para a construción do Igloo que chegou ata o día de hoxe».
Julián Rodríguez: «A min tamén dáme bastante preguiza esta cuestión; Igloo ten unha formación estable desde hai case dez anos, así que actualmente é unha cuestión case que irrelevante. Aínda que é certo que todos os que pasaron pola banda contribuíron, o máis importante de todo é a estabilidade e a amizade. Esa é a clave para que unha banda siga unida ao longo dos anos. E aí é exactamente onde estamos nós.
De cando en vez aínda nos atopamos con algúns medios que publican mal os nosos nomes ou poñen nos seus artigos fotos antigas doutros compoñentes... co fácil que é facer unha simple procura en Internet. Entón, pola miña parte, agradezo o rigor e que o poñades ben aquí [risos]».
Cando xurdiu Igloo, a principios dos 2000, o indie era algo así como unha opción alternativa ao mainstream. Hoxe en día,a liña entre indie e mainstream é, a maioría das veces, bastante difusa. Onde caería o estilo actual de Igloo?
Beni: «A semana pasada chegou aos meus oídos por un amigo en común que Fon Román —sempre fun moi fan de Los Piratas, con Fon, Paco, Iván e Hall... o grupo que máis me encheu durante anos de adolescencia; aproveito para deixalo aquí— dixo que Igloo é, e sempre foi, una banda indie das de verdade, e desde sempre.
E penso que ten razón. Sempre loitamos contra vento e marea para poder seguir adiante e sacar novos álbums e xiras, cada vez cun pouco máis de calidade e dando todo o mellor de nós mesmos. Niso estamos moi orgullosos de nós. Xa facemos todas as funcións desde hai anos e repartímonos o traballo entre todos, que non é pouco».
Juanma: «A liña entre indie e mainstream vai marcala a cantidade de persoas que vaian aos concertos... [risos]. Desde o meu punto de vista, indie ou mainstream son tendencias. Igloo toca rock e pop, predominantemente, e neses estilos é onde se move».
Julián: «Non atoparás unha banda máis indie que nós. Todo o que temos e logramos ata hoxe debeuse ao noso esforzo e sacrificio; alén do estilo que fagamos, que certamente... non o sei moi ben, penso que somos moi cañeros para os indies e moi popeiros para os roqueiros. A saber, puf!».
E se preguntamos por influencias, a quen sinalariades? Quen diriades que deixa, ou deixou, especial pegada no voso xeito de tocar, e entender, a música?
Beni: «Con esta pregunta vas atopar a maior diversidade de bandas e estilos do mundo. Eu teño un gusto moito máis pop que o resto. Os meus comezos foron con 12 anos escoitando Duncan Dhu e Los Secretos, pero con 17 fun un beatlemaníaco enfermizo, ata que na universidade expandín moito o meu gusto: Radiohead e Jeff Buckley á cabeza, pero Depeche Mode, Portishead, Massive Attack, Los Planetas... puf, moitas, moitas bandas. E cantas máis escoitaba, máis quería coñecer. Sen dúbida, foron os meus anos na universidade os que marcaron os meus gustos musicais».
Juanma: «Desde pequeno no coche de meu pai escoitábanse a The Beatles ou a Creedence, entre outras bandas, ata a saciedade. Cando xa empecei a buscar a música por min mesmo, atopeime con Led Zeppelin, Guns N’ Roses, Nirvana, Limp Bizkit, Faith No More, NIN, Tool... sen esquecerme da música clásica, que me encanta, sobre todo Bach».
Julián: «Comecei no mundo da música con Nirvana, Smashing Pumpkins, Blur... Aínda lembro a primeira canción que toquei coa miña primeira banda, tiña 15 anos e era “Aneurysm” de Nirvana.
Foi nos anos 90 cando comecei a escoitar música de verdade. Penso que todo empezou con Blur e o seu famoso disco The Great Escape(Food Records, 1995), ou o Siamese Dream (1993) de Smashing Punpkins, o britpop, o rock americano... e sempre en inglés; o rock español soábame “raro” e non me dicía nada melodicamente. Sempre valorei moito máis unha boa melodía sobre a letra, e como cantaban en inglés... non me decataba de nada [risos]».
O primeiro grupo de rock español que me gustou foron Dikers co seu primeiro álbum, ¿A qué esperamos? (1999). Lémbrome de escoitar o primeiro single, “No me importa”, en Sol Música e dicir: “cona, por fin un grupo español que soa como unha banda californiana, vaia pepinazo”; lembrábanme moito a Green Day. Tamén rexeitaba a música que soaba nas radiofórmulas, sentía que iso non era para min. Era un bicho raro, supoño. Ou non».
Alén da música, de que xeito afectan outras disciplinas artísticas (literatura, cine, televisión) o voso proceso creativo?
Beni: «Todo o relacionado coa arte e coa vida que nos rodea acaba plasmado dun xeito ou doutro nos nosos temas. De cada libro que leo saco frases, reflexións ou ideas que van parar a unha libreta na que se van encaixando as pezas dun enorme quebracabezas literario. Nin que dicir do cine ou agora as series! Fascínanme as series de hoxe en día, penso que é a época dourada delas e que estamos a vivir o seu mellor momento creativo. Estética e demais cousas que nos chegan acaban por influír tamén nos nosos videoclips e forma de vestir».
Juanma: «Eu vou a darlle a volta [risos]! Son artesán, e a música que escoito inflúe moito no que eu creo, pero o que eu creo non inflúe moito no que toco [risos]».
Julián: «Gústanme moito as películas e as series, sobre todo as de época e fantasía, flípanme, pero practicamente non vexo televisión (televisión convencional, quero dicir). Eu son máis de YouTube; podo pasar horas e horas alí dentro, sobre todo á noite cando as miñas fillas dormen [risos]».
Os vosos primeiros traballos seguen unha secuencia numérica: #2. La Transición de fase (Ernie Records, 2009), ∞3 (Ernie Records, 2011), 04.Ø El conjunto vacío (Ernie Records, 2013)... por que rompestes no seu día esa tradición?
Beni: «Despois dunha década xa non tiña sentido para nós seguir con iso e queriamos comezar de novo un proceso con Aquellos maravillosos daños. Foi un disco que marcou un novo camiño para nós no que cambiamos a forma de crear e de apostar pola nosa música. Tiña que ser diferente».
Juanma: «Foi un efecto colateral da madurez na que estaba a entrar a banda. Como di Beni, comezamos un novo camiño con Aquellos maravillosos daños, un novo acto na obra de Igloo».
Julián: «Se buscas resultados diferentes non fagas sempre o mesmo, como diría Einstein... Ben, niso estamos traballando. E non nos vai mal!».
Igløø2 (Ernie Records, 2015) presentábase como un traballo de «acústicos, versións, remixes e descartes» que, a maiores, servía como peche a un círculo que comezara debuxarse había xa dez anos. Por que pechastes ese ciclo? E por que así?
Beni: «Si, foi un bo peche dos discos anteriores porque marcou ben a liña do que remataba, antes de comezar co que viría despois».
Juanma: «Foi a liña que marcou a nosa madurez como banda; facendo o disco que queriamos para pechar unha etapa e ben bonito que nos quedou, ou non?».
Julián: «Realmente foi un disco que aproveitamos para sacar cancións que quizais non encaixarían ben nun disco de Igloo convencional. Ademais, daquela decidimos montar un set acústico para poder tocar en salas máis pequenas do circuíto ás que bandas “ruidosas” como nós non poden acceder nun concerto normal, así que era un formato perfecto nese momento. Igløø2 ou Igloo 2.0 digamos que foi un disco de transición entre o vello Igloo e o novo, e con dous grandes singles xa clásicos de Igloo: “La reina ourensana” e “Restos de un naufragio” (que tantas alegrías nos deu en forma de premios)».
Neste disco escoitamos a galardoada “Restos de un naufragio”, corte cuxo videoclip —chisco friki ás dobres exposicións da cabeceira de True Detective— gañou un Mestre Mateo e o premio do público ao Mellor Videoclip no Festival de Cans. Que significaron para vós, cinéfilos recoñecidos, estes premios?
Beni: «Foi un momento xenial para darnos motivación para seguir adiante. Moitas veces vas un pouco perdido porque son moitos anos, e recoller premios dá enerxías para seguir. Digamos que se te están a premiar polo teu traballo é porque, como di Juanma, “algo estaremos a facer ben”. Foi xenial compartir estes premios con Martiño Vázquez e Fran Rodríguez, que tantas veces nos apoian con videoclips e moito traballo audiovisual. Oxalá puideramos ter acadado premios con moitos outros clips de Víctor Moreno, que tanto fixo por Igloo cos seus grandes videoclips e do que, persoalmente, tanto aprendín».
Juanma: «Son unha palmadiña nas costas, en plan, “algo estamos a facer ben”; palmadiña que ademais sirve para que sigas polo rego sen desviarte».
Julián: «Guste ou non, os músicos temos o noso orgullo, ego, ou como queirades chamalo. Recibir un premio non te fai mellor nin peor que outro grupo, pero si axuda psicoloxicamente a seguir sen desanimarte. Ao final, non o fas por cartos, falo porque che gusta; penso que esa é a clave.
Nos 26 anos que levo no mundo da música vin de todo. As bandas fórmanse e derrúbanse á velocidade do lóstrego cando non se cumpren os obxectivos. E nós seguimos aquí, ao pé do canón, precisamente polo que vos dixen antes da amizade. Esa é a clave de todo».
Aquellos maravillosos daños (Ernie Records, 2017) era o primeiro traballo duns Igloo 2.0 nunha época de renovación para a banda. Como afrontades este punto e seguido?
Beni: «Como comentaba antes, foi un novo comezo e penso que foi algo bo para a banda. Por suposto, seguimos a tocar temas de todos os discos, pero comezar unha nova etapa foi bastante liberador».
Juanma: «Pois como facemos todo en Igloo, con moita ilusión e ganas de descubrir que atoparemos nesta nova etapa».
Julián: «Digamos que foi o primeiro LP en maiúscula que gravei con Igloo, en Madrid, nun estudio de primeiro nivel como Reno... A verdade é que saímos cun disco moi chulo con temas xeniais: “Gigante”, “Generación fatal”, “Gremlins de ciudad”, “Prisma”... lémbroo todo con moito cariño».
“GIGANTE” foi presentado polos medios como «un tributo GIGANTE» aos vosos fans e, de feito, foron eles, quen axudaron a crear o vídeo, colaborando con pequenos clips que, Fran X Rodríguez encaixou nese «quebracabezas dun segundo abismal». De onde veu a idea?
Beni: «Este single deu moitas voltas ata acabar como está agora mesmo. Queriamos agradecer a tanta xente que leva ao noso lado todos estes anos, e o mellor que podiamos facer era unha canción.
Sen dúbida, e a medida que pasa o tempo, estamos máis que convencidos de que Igloo nos achegou moito a nivel persoal, porque nos abriu a posibilidade de coñecer a xente de salas, festivais e bandas ás que admiramos moito. Somos músicos, pero tamén fans doutros grupos e tamén de amigos xa de medios, festivais e salas. Os fans que se converteron en amigos estes anos son a cúspide de todo. Sen eles, nada disto ten sentido».
Juanma: «Amén!».
Julián: «Foi a nosa particular homenaxe a todas as persoas e amigos que nos estiveron a apoiar todos estes anos. Ao final, facemos música para eles; tiñan que estar presentes. Ademais, a gravación pillounos co Mestre Mateo recentemente gañado, así que estabamos de subidón e moi sensiblones [risos]».
E, pola súa parte, “Generación fatal”, está dedicado á xeración millennial; unha peza onde escoitamos a Elba Fernández (Jane Joyd, Mordem) no retrouso, quen, ademais, é autora da portada. Que veu antes, a colaboración musical ou a gráfica? Que achegou Elba en ambos aspectos?
Beni: «Foi un pouco conxunta. Flípanos como canta Elba, é unha artista infravalorada que se merece moito máis do que acadou. Ademais de ser unha pedazo de artista, é tamén unha crack como deseñadora. Foi precioso ter a súa colaboración porque asistiu cun sorriso en todo momento e, ademais, todas as tomas servían. Tamén colaborou en “La mujer maravilla”, na que desprega todo o seu potencial de voces e coros no tema».
Juanma: «Que vou dicir eu de Elbiña? Fantástica como artista, espectacular deseñadora e como persoa non se inventou aínda o adxectivo. Foi toda unha honra a súa colaboración no disco».
Julián: «Este tema tócame máis persoalmente. Elba é unha boa amiga da miña época na Coruña (vivín alí dez anos); é deseñadora gráfica e fotógrafa e xa traballara con ela antes, polo que coñecía perfectamente a súa arte.
O que non sabía era que tamén era unha crack cantando! Tiven a sorte de formar parte da súa banda en Jane Joyd (un par de anos, ata que se disolveu) e foi un bo momento tocando en salas e festivais incribles por toda España. E resulta que, xusto cando estabamos en Madrid gravando en Reno, ela vivía na capital, así que un día a convidamos ao estudio para poñerlle unhas voces, e por Deus... escoita “La mujer maravilla”; é unha canción de dez minutos na que amosa todo o seu rango vocal. Grande agasallo fíxonos! Querémola moito. Agora vaille moi ben compoñendo bandas sonoras para series e películas, gañando premios... oxalá algún día consiga o Goya. Ten capacidade de sobra para iso e moito máis. E merécelo moito».
Pecha o álbum unha versión de “Olla pra min”, orixinal do grupo Samba (paisanos vosos) que marcou as verbenas dos anos oitenta. Por que esta peza en concreto e xusto neste disco?
Beni: «Para os que somos de Caldas de Reis, “Olla pra min” é un himno que soaba na nosa adolescencia nos pubs, todo o mundo sabía e cantaba esta canción. Na formación de Samba estaba o pai de Juanma, que ten moito que ver que el e máis eu aprendésemos a tocar a guitarra hai anos; e Santiago Díaz, quen tamén ten o cine de Caldas onde todos os domingos iamos ver as mellores pelis do mundo (Gremlins, Indiana Jones, A historia interminable, Regreso ao futuro, Cazapantasmas...etc, etc.) que tanto inflúen en min. Facer esta versión é o noso recoñecemento e admiración. A orixinal sempre será insuperable».
Juanma: «Subscribo cada palabra de Beni. Unha canción moi especial que antes ou despois tería que ter a súa versión de Igloo. E xa non che conto nada do meu pai que me vén a auga aos ollos [risos]».
Despois de seis traballos discográficos, celebrades a vosa maioría de idade como grupo con Planes para días grises (2023), un traballo optimista que chega seis anos (e unha pandemia) despois da vosa última publicación. Como xorde a idea do disco?
Beni: «Durante o confinamento comezamos a crear os temas, enviando as cancións a través das redes nas que cada un ía achegando o seu traballo. Con este parón vital, aproveitamos para poñernos en contacto con Juanma Latorre e dicirlle que queriamos intentar que fixese a produción desde o primeiro momento».
Julián: «Tiñamos moitas dúbidas sobre se podería traballar con nós, porque Juanma é unha persoa moi ocupada e que sempre está metido en mil batallas... Afortunadamente estivo de acordo, e grazas a iso este disco soa tan luminoso. Penso que nos contaxiou o seu carácter de ver sempre o vaso medio cheo; é unha persoa moi optimista. Ao principio este disco ía ser concibido como algo moito máis escuro... e xa ves, as voltas que dá a vida [risos]».
O disco titúlase Planes para días grises, pero moitas das cancións lévannos a pensar máis en «Planes para días luminosos» —como en “Los amantes mariposa”: «Volver a encontrarnos en días de fiesta y vinos»—. Por que entón este título?
Beni: «Encántame ese título tamén, grazas! Realmente é luminoso, porque cando estabamos nas nosas casas, todos comezamos a facer planes para cando eses días “grises” de estar pechados na casa rematasen. Ser conscientes de que o pasado que viviamos era case perfecto, pero non eramos conscientes, levounos a reflexionar e plasmalo nalgunhas cancións. Esas ganas de volver vivir todo como antes sacaron frases como a que estás a citar».
Juanma: «Pois precisamente polo que ti dis, porque que mellor que unha canción luminosa nun día gris, non che parece?».
Julián: «É un manual perfecto do día a día para todos os que vivimos en Galicia... e no norte en xeral».
Planes para días grises é unha colección de once temas que nacen durante o confinamento, de que xeito os traballastes (tendo en conta peches perimetrais, distancias de seguridade, conviventes/non conviventes e un longo etcétera)? Existe algún fío condutor entre eles?
Beni: «O fío condutor son as ganas de vivir, de volver atopar os seres queridos, de vivir cada instante sendo aínda máis conscientes de que a vida é efémera... O momento que estás a vivir é o mellor que vas vivir, e non vai volver».
Juanma: «A maioría dos temas traballáronse como era costume naquela situación, vía vídeochamada ou chat de WhatsApp [risos]... Un de nós expoñía unha idea e despois, nas nosas casas, dabámoslle una volta e faciamos as nosas achegas».
Julián: «Despois, á parte, Juanma Latorre veu desde Madrid toda unha fin de semana ao noso local, onde fixemos unha selección de cancións, arranxamos estruturas e preparamos todo para entrar no estudio de Madrid. E unha semana antes de marchar á capital, Juanma pediunos un derradeiro esforzo compositivo e presentámoslle catro novas cancións, tres das cales entraron no disco (e, curiosamente, as tres van ser singles).
De volta en Madrid traballamos dun xeito diferente ao que adoitamos traballar nos discos: montamos todo o set de instrumentos e cando se nos ocorría unha idea, gravabámola. Foi un proceso de creación moi orgánico, e a experiencia gustounos moito. Puidemos facelo grazas á achega dos nosos mecenas e seguidores en Verkami, grazas a eles puidemos pasar dúas semanas nun dos mellores estudios da capital cun dos mellores produtores. Estamos moi agradecidos».
As letras expresan sensacións propias daquela época e, aínda que a situación puidese ser musa suficiente, foi esta a única fonte de inspiración? Canto teñen de autobiográficas e canto de ficción?
Beni: «Non son a única fonte de inspiración, aínda que penso que hai un remanso en todas elas. “Moneypenny” ou “Serendipia” son cancións dedicadas á persoa que máis quero. “Cuarentena” e “Los amantes mariposa” si falan do momento de estar na casa e o que fariamos despois de saír. Todas teñen algo propio, pero tamén se extrapolan».
Julián: «A melodía de “El verano infinito”, por exemplo, ocorréuseme un día cando saía do Tálaso de Baiona e atopeime con Abraham Boba, de León Benavente. Desde aquí doulle as grazas publicamente por ser a miña musa (involuntaria) ese día [risos]».
Diriades que envorcarse na composición deste disco foi unha vía de escape para «saír» da situación que estabamos a vivir?
Beni: «Sen dúbida, e penso que foi bo para nós a nivel persoal e da banda».
Juanma: «A música —escoitala, compoñela ou producila— sempre é unha boa vía de escape».
Julián: «A cultura, a música, a literatura salvaron a nosa vida naqueles días escuros. Din que en tempos de necesidade, de crise, é cando xorden os mellores avances, oportunidades, etc., digamos que o ser humano progresa. Planes para días grises é un bo exemplo do progreso de Igloo. Seis anos desde o último LP é tempo máis que suficiente para lanzar un bo disco; e, neste momento da nosa carreira, menos é máis. Mellor sacar un disco bo cada certo tempo que moitos mediocres. A música queda para a posteridade».
Melodicamente, escoitamos a uns Igloo que, entre a enerxía e a frescura, son capaces de premer o botón de «pausa» e baixar algo o ritmo. Foi isto (outro) efecto secundario da pandemia?
Beni: «Juanma Latorre tivo moito que ver nesta parte da produción. Quería que non perdésemos a nosa esencia, pero soar máis actuais».
Juanma: «A produción de Juanma Latorre tivo moito que ver en que experimentásemos con sons novos, pero tamén é certo que na discografía de Igloo é moi recorrente iso que dis de premer o botón de pausa para baixar o ritmo. En calquera dos nosos discos podes atopar un tema a baixas revolucións».
Julián: «“La distancia entre dos puntos” ou “Nuestro Big Bang” penso que son o mellor exemplo para todo iso que acabas de dicir».
O videoclip de “La distancia entre dos puntos” conta a historia de dúas persoas que viaxan polo mundo separadas e que finalmente deciden que non queren vivir afastadas unha da outra. Vemos os protagonistas camiñando por recoñecibles paisaxes e lugares como Marrocos, San Francisco, Nova York… Como foi a produción do vídeo?
Beni: «Unha das cousas máis bestiais que ofrece Internet é o poder falar con xente de calquera parte do mundo. Eu seguía o traballo de Taryn Elliott desde había tempo e escribínlle para facer unha montaxe que encaixase coa letra da canción. Taryn cedeu os vídeos que grava cando viaxa polo mundo por traballo. O impacto visual do clip encantounos, vai perfecto para a canción».
Para poder facer realidade o disco abristes un crowdfunding vía Verkami, que pechastes con éxito. Era a primeira vez que faciades tal cousa, esperabades tal acollida? Repetiriades a experiencia?
Juanma: «Como ben dis, foi a primeira vez que nos metemos nun crowdfunding e, a verdade, é que tiñamos as nosas dúbidas sobre se o conseguiriamos ou non. Alucinamos co apoio da xente, sentindo o seu apoio; e, por outro lado, os mecenas tamén se sentiron partícipes e involucrados no que foi todo o proceso de gravación do disco. Foi unha experiencia con moito traballo, pero tamén moi ilusionante. Por min, repetiría nun futuro sen pensalo moito».
Julián: «O máis reticente foi Beni (cousas de idade, xa sabes... [risos]), pero eu sabía que se non o intentabamos, non iamos poder gravar este disco. Temos amigos que o fixeron moitas veces e o conseguiron, así que tiñamos que probalo. Ao final, non é máis que unha “prevenda” do disco, por así dicilo, e integras os teus seguidores en todo o proceso.
Lembro que cando o acadamos xa estabamos en Madrid gravando e foi unha tremenda inxección de moral. Ademais, eses días en Madrid estivemos gravando un videoblog diario e enviámosllo aos mecenas, polo que eles estaban a facer todo o proceso xunto a nós. Algún día compartiremos eses vídeos na nosa canle de YouTube. Son moi chulos e son boas risas».
Pódese dicir que o disco foi cociñado a lume lento, xa que estivestes traballando man a man xunto a Juanma Latorre (Vetusta Morla) durante tres anos. Como foi traballar con el? Que pensades que achega ao son do disco?
Juanma: «Traballar con Juanma Latorre foi sobre todo fácil. Foi como traballar cun amigo de sempre, con familia. Sentirse cómodo aínda que te levase por corredoiras pouco ou nada transitadas por nós, e iso, queiramos ou non, nótase no son do disco; na súa luminosidade e frescura. Ademais, traballar con el foi subir un chanzo máis no xeito de facer as cousas con profesionalidade».
Julián: «Foi o primeiro disco no que nos deixamos ir. Normalmente vas ao estudio con todo preparado para gravar o máis rápido posible e non ir á quebra (son moi caros), pero neste disco Juanma propúxonos traballar de xeito máis orgánico desde o primeiro momento. Tiñamos dúas semanas para probar cousas, experimentar... Cando traballas sen esa presión do reloxo, ocorre a maxia. E iso foi o que nos pasou. O tándem que formaron el máis Isaac Rico, como enxeñeiro de mesturas e mastering, é un combo difícil de superar. Que gran equipo e que sorte tivemos de poder contar con eles.
E aínda temos pendente unha comida xuntos para celebralo, cando todos atopemos un espazo nos nosos horarios, que non é doado!».
Na vosa opinión, como debería ser a relación artista-produtor para que as cousas flúan dentro do estudio e poder así rematar un traballo con éxito?
Juanma: «Eu penso que ten que haber unha ilusión e un desfrute por ambas partes no traballo que se leve a cabo. A música é creatividade, imaxinación, complicidade... e considero que deben vir das dúas partes. A música non é facer pezas en cadea apertando parafusos, [risos]. E se un produtor te saca da túa zona de confort e consegue que, aínda así, esteas a gusto, seguro que o resultado final é máis que satisfactorio para ambas partes».
Julián: «Penso que a clave é a confianza. Deixar que faga e seguir os seus consellos. Porque moitas veces os artistas temos ese pouquiño de ego que doe cando nos tocan as nosas obras, pero unha visión externa —e máis de alguén co criterio de Juanma— ponche no teu sitio. Claro que hai cousas, ideas... que non che gustan, e con total normalidade son rexeitadas ou segues a explorar por outro camiño. Ao final, o obxectivo é facer sempre a mellor canción. Ademais, Juanma é unha persoa moi educada e respectuosa, e se algo non che gusta, non o leva mal, todo o contrario. E o outro punto clave é que o produtor queira traballar contigo e que lle guste o teu proxecto. Deste xeito poderá espremerte ao máximo e levarte ao límite».
Dezaoito anos separan o voso debut discográfico, Igloo (2005), deste último traballo. Agora, con ambos na man, que diferenzas e similitudes atopades entre ambos? Botando a vista atrás, cambiariades algo daquel Igloo?
Beni: «A diferenza máis notable está na calidade do son dos comezos ata agora. A similitude que me encanta destacar é que seguimos a ter a mesma ilusión que cando comezamos cada vez que imos gravar a un estudio un novo álbum».
Juanma: «Ademais da evolución na calidade, tamén destacaría a madurez dos temas e de nós mesmos como banda. Por outro lado, cada un dos traballos, en maior ou menor calidade, é necesario para poder chegar a Planes para días grises. Eu, persoalmente, nin quito nin cambio nada. Todo é necesario».
Julián: «O máis evidente é a calidade do son, ademais da evolución como banda que tivo Igloo ao longo de sete discos. O primeiro disco soaba moi cru, case poderiamos dicir que “maqueteiro” non? Penso que hai un salto bastante considerable, nos arranxos, estruturas das cancións, etc. É algo totalmente normal e lóxico na vida dunha banda. Se non avanzas... mal, non?».
Primavera Sound, PortAmérica, O Son do Camiño, Sonorama Ribera, Festival de la Luz... o de Igloo cos festivais é case unha alianza que se repite ano tras ano. A experiencia festivaleira cambia moito respecto da que se vive nos propios concertos? Que destacariades de cada unha delas?
Juanma: «O que me gusta dun festival é que podes chegar a xente que, porque están de pasada, por curiosidade ou o que sexa, cadran no teu concerto e igual ata lles gusta. Tocar en sala é outra cousa; os que van a verte saben ao que van, e a banda pode dedicarlles un repertorio máis amplo e sen urxencias. Tamén gústanos moito poder charlar coa xente despois dun concerto, e iso nun festival é máis complicado».
Julián: «Cambia moito, porque nun festival normalmente tocas pouco tempo, 40-50 minutos, a non ser que sexas cabeza de cartel... e hai que saír matar, tiras de hits e garantes un bo concerto. A experiencia tamén cambia moito segundo a hora na que actúas, non é o mesmo tocar no Son do Camiño ás 18:00 h que nun Sonorama Ribera ás 22:00 h... a cousa cambia bastante coas luces acendidas».
Se tiverades que elixir: festi ou concerto en solitario?
Beni: «Concerto en sala para min. A proximidade da xente e a posibilidade de poder tocar cancións diferentes nas salas (non sota, cabalo ou rei no pouco tempo dos festis) marca a diferenza».
Juanma: «Prefiro os concertos en sala. Non estás limitado polo tempo e a xente que está no concerto vai ver a Igloo, non vai de rebote ou a matar o tempo mentres espera a que toque a banda ou artista que lle interese. Iso si, o subidón que te dá un escenario grande como o do Son do Camiño, onde tivemos a oportunidade de tocar, ou tocar na Plaza del Trigo do Sonorama non ten palabras e non se esquece nunca».
Julián: «Eu son de festis e de pomadeo. Encántame o ambiente que hai, coincidir coas bandas backstage e saudalas; ás veces tocas con bandas que admiras moito, como Rufus T. Firefly, Viva Suecia, etc., e estás con eles a charlar tranquilamente no camerino como un máis. Son momentos que me encantan e digamos que son a gasolina para seguir estando tan conectado a este mundo. Iso, e cando me poñen un bo catering. Con iso gáñanme. É que os Igloo somos de bo dente».
O derradeiro venres de marzo arrincabades a xira ‘Planes para días grises’ en La Fábrica de Chocolate (Vigo), e esta fin de semana pasada tocastes no Teatro Principal A Estrada. Así, de primeiras, como está a ser a acollida do disco ao vivo?
Beni: «Penso que aínda é pronto para sentir o feedback, porque a xente próxima é a que está a comentar agora, e é un público penso que xa medio gañado, porque nos coñece. Esta xente ten moi boas palabras para este disco, encántanos que eles, que foron partícipes do crowdfunding, se sintan ben recompensados».
Juanma: «Aínda é cedo para sentir a resposta do público nos directos. Si que a resposta dos mecenas está a ser moi boa; están a acoller moi ben o disco do que forman parte e estamos a recibir moito apoio e cariño. Nos concertos desta nova xira estamos a tocar o novo disco íntegro e, ademais, temas da nosa discografía que había tempo que non soaban ao vivo, paréceche pouco reclamo para ir a un concerto noso? [risos]».
Julián: «A verdade é que a acollida dos medios está a ser moi boa; levamos un mes de morea de entrevistas, promo en Madrid, entramos nas listas de Sol Música e MTV España... Pode parecer pouco, pero para nós, como banda independente é un triunfo como unha catedral».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Beni: «Elba Fernández,Iván Ferreiro sempre, Cristian Silva (tiramos de amigos sempre [risos]). Los Marcianos (mola o novo disco)».
Juanma: «Xoel López, por suposto, The Soul Jacket, APHONNIC».
Berto: «Fillas de Cassandra, Machina, APHONNIC, Broa, Ícaro...».
Julián: «Maryland ou Broken Peach (xa verás o discazo que están a piques de sacar este ano... ;P)».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Beni: «A ver que a abro e leo directamente o que teño! En orde: Viva Suecia, Nadie Sabe Nada, White Lies, Foster the People, Sharon Van Etten, etc. Todo moi dispar».
Juanma: «100% sinceridade e 0% vergoña: non teño conta en Spotify nin en ningunha outra plataforma que se lle pareza, pero de tela, habería moitísima música dos 90,70 e, sobre todo, Tool».
Berto: «Por reproducido recentemente: While She Sleeps, Ella La Rabia, A Day To Remember, Fillas de Cassandra, Baby Metal...».
Julián: «Veña vai, abro a miña lista e leo directamente: Gorillaz, Creed, Thirty Seconds to Mars, Little Big, Electric Callboy, Two Door Cinema Club, Ludovico Einaudi, Hans Zimmer, Chvrches, Circuit Rider Music... sigo?».