• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CARABELA: «ÁS VECES NO SINXELO ESTÁ A BELEZA MÁIS SORPRENDENTE»

CARABELA: «ÁS VECES NO SINXELO ESTÁ A BELEZA MÁIS SORPRENDENTE»
28 ABRIL 2023

Aínda que só levan un par de anos navegando as augas da electrónica indie, os integrantes de Carabela medraron rodeados de música. Ana Moas, Alba Vázquez e Pablo Agra conforman este trío, creado coa intención de seguir a medrar musicalmente e de procurar, ata atopar, unha identidade sonora a través da exploración. E esa sonoridade arriba en (2023), o seu EP debut.

Os catro cortes deste traballo –que eles mesmos produciron, mesturaron e masterizaron «con moitísimo cariño»– avanzan entre claroscuros; sucando ondas de pop e indie, entre ritmos e melodías tradicionais e sons máis alternativos e experimentais coa electrónica por bandeira.

 

 

Ana, Alba e Pablo, medrastes rodeados de música, pero lembrádesvos cal foi o voso primeiro contacto con esta disciplina? E cun instrumento?

Ana Moas: «Supoño que de sempre. Aínda que na casa non se tocaba ningún instrumento, a música foi importante na miña contorna desde que teño consciencia; lembro sempre andar cantando e bailando polo corredor. Con 7 anos, a miña nai preguntoume se quería ir ao conservatorio, que estaba ao lado da casa, eu dixen que si coa idea de tocar o piano, pero escoitei o cello e tíveno claro. Non quixen outro.

Aínda que quizais o primeiro instrumento co que tiven contacto foi cunha pandeireta que me mercaron os meus avós nas festas dunha aldea, preto do pobo. Uns anos despois comecei a ir a clases».

Alba Vázquez: «Pois no meu caso é un tanto curioso de onde me vén o gusto pola música. Cando era pequena, con 8 anos, cheguei un día a casa e díxenlle á miña nai que quería tocar o piano. Ata o día de hoxe non teño recordo de onde me veu ese interese!

Entón, os meus pais leváronme ao conservatorio coa intención de inscribirme en piano, pero non había prazas. Esperei un ano máis para inscribirme e coa mala sorte de que tampouco acadei esa desexada praza de piano. Eu insistín en que quería aprender música igualmente, aínda que fose outro instrumento. Despois de escoitar os numerosos instrumentos que tiñan no conservatorio, decanteime polo violín. Malia que rematei o Grao Profesional de Violín, o meu corazón pertence ao piano e, actualmente, considérome máis pianista que violinista».

Pablo Agra: «Desde ben pequeno teño recordos nos que a música estivo moi presente.Crieime nunha familia cristiá na que miña nai cantaba facendo coros. Penso que me transmitía o seu amor pola música de maneira xenuína e inconsciente. Na casa era habitual que soase música de loanzas e aquilo facíame sentir que era algo transcendente. Esas vivencias desde cativo marcaron a miña vida e fixeron que colocase á música nun lugar importante da miña identidade.

Nese grupo de loanzas onde participaba miña nai só se tocaba a guitarra. O guitarrista era un bo amigo da familia, e el sería quen me ensinaría as bases do instrumento e da música en xeral».

 

E, coa intención de seguir medrando musicalmente, creades Carabela en 2021. Como xurdiu a idea de embarcarvos neste proxecto?

Alba: «Pois efectivamente foi mentres estabamos embarcados [risos]. Pablo e eu temos una planadora pequeniña para ir pescar e dar unha volta pola ría. Un día invitamos a Ana a dar unha volta nela (xa que estabamos en anos de pandemia e moitas cousas non se podían facer). Durante ese ano, Ana e eu quedabamos moitas veces para tocar xuntas algunhas cancións que nos gustaban. Nesa saída en barco falamos con Pablo para que se unise a nós... e de aí xurdiu Carabela.

Nun principio comezamos tocando algunha cover e, cando nos coñecemos musicalmente e viamos que nos entendiamos moi ben, decidimos empezar a compoñer as nosas cancións».

 

Que bagaxe musical previa achegastes cada un á banda?

Ana: «Creo que, pola miña parte, como máis podo achegar é traendo a rama tradicional. Aprendín moitos anos con Felisa Segade (Leilía), que era mestra do grupo de pandeireteiras no que estaba. Co tempo, fóronse interiorizando moito os ritmos tradicionais e ese xeito de cantar».

Alba: «Pola miña parte axudei cos coñecementos teóricos da música, coas harmonías, cos compases e os ritmos, etc.».

Pablo: «Eu tocara de adolescente nun grupo que se chamaba Teethless. Estivemos un ano e pico tocando, sobre todo en bares. Nesa época puiden experimentar ese diálogo que se dá entre as persoas a través da música; aprendín que é unha linguaxe. Foi unha experiencia moi bonita.

Non sei canto desa experiencia está a achegar agora a Carabela, pero pouca bagaxe máis teño, a verdade».

 

 

Unha carabela era unha embarcación de vela empregada para cruzar océanos alá polo século XV. Por que «carabela»?

Ana: «O proceso de buscar nome pode ser divertido, pero ás veces tamén frustrante [risos]. Levabamos un tempo dándolle voltas e ao final apareceu Carabela na nosa lista. Queriamos que tivera unha conexión directa co mar, pola nosa relación con este, aínda que en realidade nos decidimos pola súa sonoridade».

Pablo: «A verdade é que non ten moito significado alén diso. Gustábanos como soaba e a relación directa que ten co mar e coa nosa vila».

 

Alba, es profesora de música na Escola de Música Sondela (Noia) e, ademais, estudaches musicoterapia. Como veñen as novas xeracións? Canto de certo ten iso de que a música amansa ás feras?

Alba: «Pois depende da música que lle poñas e do instrumento que toquen [risos]. Os nenos e as nenas que tocan a percusión adoitan ser máis activos que os que tocan o piano ou o violín. Pero, obviamente, hai todo tipo de nenos e nenas en tódolos instrumentos.

O que si que vexo é que a pandemia fixo moito dano nas persoas, e sobre todo nas nenas e nos nenos. Custoulles moito volver á rutina e ao nivel de traballo ao que estaban acostumados antes destes anos duros e raros. De feito, este é o primeiro ano que vexo que empezan a retomar o seu ritmo e empeza a haber outra vez interese por seguir aprendendo».

 

Pola túa parte, Pablo, o teu labor, como no caso de Alba, xira tamén arredor da educación. Levas aspectos da música ás túas clases?

Pablo: «Pois non directamente, aínda que si hai moitas cousas que a miña profesión comparte coa música.

O meu traballo ten que ver co corpo e o seu movemento; dáse nun espazo aberto á improvisación no que se produce ese diálogo constante co outro. Cando se implica o corpo nunha actividade sempre está implícita a emoción, os tempos e o pensamento. Son tres chaves da identidade das persoas que impregnan ambas disciplinas».

 

Ana, máis aló da música, o teu ámbito é o da publicidade e o deseño, aspectos que tamén son importantes á hora de dar vida a un proxecto novo. Disque a publicidade é o mellor traballo do mundo de non ser polos clientes? É aplicable tamén cando o cliente é un proxecto do que se é parte?

Ana: «A publicidade é un moi bo traballo se te apaixona, supoño que como todo [risos]. Pero tamén ten as súas cousas negativas: adoita ser un traballo escravo e con non moi boas condicións; outra son os clientes, si. Non en tódolos casos, obviamente, pero moitas veces non nos deixan a liberdade que nos gustaría para traer unha idea á realidade.

Con Carabela teño toda a liberdade para crear, pero non sei se dicir que me resulta case máis duro pola autoesixencia que implica. De feito, fago a Alba e a Pablo partícipes en todo o relativo á imaxe para conseguir que o que contamos visualmente complete o que contamos coa nosa música, que os discursos vaian ben aliñados».

Ao fío, autoproducides, mesturades e masterizades vós mesmos, e os tres asinades todos os temas… pero, hai algún tipo de repartición de papeis en Carabela en todos ou nalgún dos aspectos que envolven o proxecto?

Alba: «Si, aínda que as cancións pasan sempre polo feedback das tres, temos os roles máis definidos. Ana escribe as letras e as melodías de voces, Pablo encárgase da produción, da mestura e do mastering, aínda que ás veces tamén axuda nas melodías vocais e na letra. E eu fago as harmonías a partir das letras que manda Ana e algúns sintetizadores, aínda que Pablo tamén achega ás veces nestas tarefas».

Pablo: «Aínda que durante o proceso de elaboración deste EP os roles estiveron bastante definidos, penso que non son tan ríxidos. A medida que imos avanzando como grupo, os roles mestúranse máis e todas contribuímos en tódolos procesos».

 

Sen etiquetas, como describiriades a música de Carabela?

Pablo: «É unha música profundamente honesta, con influencias de moitos estilos e artistas. Está chea de contrastes e ruído. É moi imperfecta ⁠—polo que procuramos a nivel sonoro e polas nosas carencias técnicas— pero eu penso que iso precisamente é parte da súa virtude».

 

 

Desde a vosa creación, como foi  a evolución musical do trío ata acadar o voso son actual?

Pablo: «Eu penso que non houbo evolución porque é o noso primeiro traballo. É a primeira vez que facemos algo xuntas e eu nunca producín nada anteriormente. Estamos a traballar no vindeiro EP e creo que comeza a haber certa evolución, quizais está a tornar nun son algo máis atmosférico. De todos xeitos, non o sabemos aínda porque adoita haber bastante diferenza entre as primeiras demos e o master final».

Alba: «Eu creo que houbo un pequeno cambio desde que lanzamos “Catro pesos” a cando lanzamos o EP completo. Un achegamento cara a sons máis electrónicos e perder o medo a crear sons escuros e bastos. Aínda que si que é verdade que nas últimas composicións que estamos a facer estamos máis mesuradas».

Ana: «Eu sinto que neste último ano aprendemos moitísimas cousas as unhas das outras, entre elas a coñecernos musicalmente. Aínda que polo de agora quizais non se perciban tanto na nosa música eses matices, si serán máis tanxibles nos próximos traballos».

 

Alba Vázquez. Foto © A Regueifa 2.0

 

A quen sinalariades como a vosa principal influencia? Para vós, quen ten, ou tivo, un particular impacto á hora de entender a música?

Alba: «Pois eu sempre escoitei moita música e non podería amarrarme a un grupo en concreto. Por exemplo, na miña infancia a música folk foi unha constante; durante o conservatorio escoitei moita música clásica e logo na adolescencia escoitaba moito rock e indie. Dependendo da época vou escoitando diferentes músicas.

Se teño que pensar nunha persoa que foi realmente importante na miña vida no ámbito musical foi Mónica, daquela a miña profesora de música de clases particulares do conservatorio. Ela axudoume a que non abandonase e me fixo ver o amor que teño actualmente pola música. De pequena, cando me preguntaban que quería ser de maior sempre respondía o mesmo: “O meu soño é traballar con Mónica na súa escola”. Hoxe en día podo dicir que estou moi orgullosa de cumprir ese soño e traballar con esta marabillosa persoa.

E, aínda que pareza redundante, coñecer a Pablo tamén foi moi importante á hora de entender a música. Coñecer a alguén tan melómano ou máis que eu foi moi enriquecedor para ambos, para coñecer novas músicas e impregnarse das opinións e gustos do outro».

Pablo: «Para min houbo dúas bandas que me obsesionaron e que creo que están sempre presentes de xeito inconsciente.

A primeira é Radiohead, sei que é algo tópico pero é así. Foron absolutos referentes durante a miña adolescencia e creo que nesa etapa vital a música impacta dunha maneira moi particular.

A segunda son Los Hermanos, tanto a banda como os traballos en solitario dos seus líderes, Marcelo Camelo e Rodrigo Amarante. Nese momento estaba estudando na universidade e comezara a interesarme a bossa nova, por iso cheguei a eles. Nos álbums 4 (2005), Ventura (2003) e Bloco do Eu Sozinho (2001) fan unha mestura do bossa nova e o indie do principio dos anos 2000 súper interesante. Nese sentido, na mestura de estilos, supoño que tamén me influíron».

Ana: «No meu caso medrei coa música tradicional e folk, pero penso que en cada etapa da miña vida vivín influenciada por diferentes estilos e que o seu impacto sempre se entende de forma diferente.

Creo que dos puntos de inflexión máis fortes que recordo foi un concerto de Silvia Pérez Cruz e Marco Mezquida. Cando rematou saín tan marabillada coma desorientada. Ese xeito de interpretar, de improvisar, de entender a música... Quedara sen palabras.

E vai soar a que lles fago a pelota, pero en verdade compartir música con Alba e Pablo é unha loucura. Teñen tantas referencias, tanta paixón... Nútrenme continuamente».

 

 

 

 

(2023) é o voso debut discográfico, un EP composto por catro cortes que vía a luz a mediados do pasado febreiro. De que xeito se desenvolveu a idea deste primeiro traballo?

Alba: «Pois a verdade é que despois de sacar “Catro pesos”, xa tiñamos encamiñada “Torno” para que vise a luz. Pero non nos convencía a idea de sacar “Catro pesos” e logo “Torno” por separado, así que decidimos buscar unha conexión entre elas. Desta forma xurdiu a idea de formar un EP, e así atopamos as outras dúas cancións que farían posible esa conexión e desen sentido a todo o conxunto».

Pablo: «As tres tiñamos claro o que queriamos facer a nivel musical. Había tres chaves: non abusar de instrumentación, liñas sinxelas e un son tirando ao lo-fi. Queriamos incorporar o tradicional sen forzar e sen ter medo a mesturalo con outros estilos que pasan polo indie, a electrónica, o bedroom pop, a psicodelia, etc.».

Ana: «Foi un paso natural. Tiñamos moitas gañas de continuar a facer música despois de compartir “Catro pesos” e había outro tema xa camiñando. O son que lle queriamos dar ía collendo forma e estabamos motivadísimas para seguir adiante. Así que estaba claro que tiña que ser o seguinte paso».

 

Que significa para vós? Chamándovos Carabela, ten o seu título algo que ver co mundo do mar?

Pablo: «As tres somos de aí e a xerga do mar forma parte das nosas vidas. Na miña familia por parte de pai, incluído el mesmo, hai e houbo bastantes mariscadores e mariscadoras. Eu tamén o son. É unha profesión fermosísima que agora está en perigo por todo o tema dos vertidos das Minas de San Fins. É un problema penoso que pon en risco o principal sustento económico da meirande parte das familias de Noia.

Para min un nó representa a sinxeleza, a unión e a fortaleza. Hai grandes buques pesqueiros que pesan toneladas anoados cun simple nó mariñeiro. Ás veces no sinxelo está a beleza máis sorprendente».

Ana: «No meu caso tamén existe conexión familiar co mar. O meu avó foi mariñeiro toda a súa vida e sempre me ensinou a amar e respectar o mar a partes iguais. Creo que sería moi difícil que, tendo os tres unha relación tan próxima con este mundo, non estivese dalgunha maneira implícita no que facemos.

é o reflexo que hai en nosoutras do mar, pero tamén de que este primeiro traballo, despois do esforzo e de todo o cariño que puxemos nel, quedaba atado».

Alba: «Eu sempre estiven moi ligada ao mar pero dunha forma máis persoal. Sempre me sentín moi libre cando nadaba no mar; de feito, miña nai sempre me tiña que ir buscar á beira do mar nos últimos raios de sol do verán xa que me pasaba todo o día dentro da auga.

Agora de maior podo estar conectada co mar aínda máis, grazas á oportunidade de traballar con Pablo e co seu pai nun barco de marisqueo. E teño que dicir que é unha profesión marabillosa».

 

Pablo Agra. Foto © A Regueifa 2.0

 

Presentabades o EP como «escuridade e lucidez a partes iguais, un pouco de ruído, outro de dozura e moito de loucura». De que xeito traballastes estes conceptos, algúns aparentemente contrarios, á hora de compoñer?

Pablo: «A voz e letras de Ana tenden a estar cheas deses contrastes. A propia tesitura da súa voz co que di tamén adoita ser un contraste importante.

Tratamos de recoñecer eses momentos e darlle unha sonoridade acorde. As cancións adoitan ter momentos moi íntimos, coa voz case espida e outros cheos de ruído».

Alba: «Tamén está moi relacionado coas nosas personalidades; eu sempre tiro cara á escuridade mentres que Ana é dozura e luz. Pablo é o que une estes dous contrastes e os fai posible sen que parezan discordantes».

 

Que fixo de Catro pesos” a canción escollida como sinxelo adianto?

Alba: «Pois a verdade é que era a única canción que tiñamos. O de sacar un EP e incorporala nel foi unha decisión que tomamos a posteriori».

 

 

Ao escoitar o disco notamos que o son ten ecos da música tradicional galega, pero tamén as letras semellan evocar ás das cancións populares. É así?

Ana: «Ao principio tiña moitas inseguridades á hora de enfrontarme a un papel en branco e poñerme a compoñer. Así que comecei a xogar coa letra, a buscar o camiño pero sempre partindo de cousas que me tocaban dunha maneira máis próxima nese momento. Supoño que o feito de ter tan interiorizada a música e as cancións tradicionais me axudou a atopar o xeito de facelo.

Penso que calquera persoa pode facer súas as nosas letras porque tratan preocupacións actuais dunha forma máis persoal, que nace no noso interior. O mesmo pasaba coas coplas das cancións tradicionais; nelas fálase de problemas comúns e represéntanse eventos sociais nos que se adoitaba cantar, tocar ou bailar. Todo contado dunha maneira moi natural, pois non deixaban de ser espazos compartidos».

 

Canto hai de pop/indie e canto de música tradicional en ?

Pablo: «Supoño que nas letras e nos patróns rítmicos é onde máis influencia de tradicional hai. Na escolla de sons e liñas instrumentais é onde está a mestura doutros estilos».

 

Ana Moas. Foto © A Regueifa 2.0

 

O de mesturar a música tradicional galega con electrónica ou outros estilos contemporáneos é unha práctica que está bastante en alza ultimamente. Na vosa opinión, como credes que esta tendencia contribúe a difundir e manter as nosas músicas?

Ana: «A música tradicional ten a base nunha tradición oral, esa tradición oral estase a perder completamente. O feito de ter tantos estímulos, de que o consumo sexa tan rápido e accesible, e que todo estea dixitalizado, fai que se perda ese paso de información de xeración en xeración como se viña facendo ata non hai tanto.

Penso que tomar o que pervive de toda a nosa música tradicional para darlle diferentes formas, co entendemento dunha persoa do agora, é colaborar en certo modo na continuidade de cultura e lingua. Aínda que tamén temos que valorar todo o que nos achega esta no que estamos a crear a día de hoxe».

Pablo: «Hai elementos estéticos na música tradicional que seguen a estar vixentes e ser atractivos na escena actual. Aínda así, alén de ser algo a “recuperar” pola vontade de defender as raíces e o idioma, a riqueza da música tradicional sempre estivo aí. E penso que é importante preguntarse tamén canto está a contribuír a esta nova tendencia; canto impacto terían moitos dos grupos actuais sen ter a influencia da música tradicional. Ao final é un proceso bidireccional. E penso que o que tivo evolucionado a música tradicional, os seus referentes, e o que tivo impactado na sociedade é o que máis está a contribuír a esta escena, e non ao revés».

Alba: «Eu creo que estamos a vivir un momento no que a escena galega está en auxe, e é fermoso ver tantas bandas emerxentes e tanta variedade musical que enriquece á nosa escena actual. Penso que estamos vivindo un momento único de produción musical».

 

Que, ou quen, inspirou as cancións?

Pablo: «No meu caso, as producións sempre están influenciadas pola letra que escribe Ana. Máis que o seu significado concreto, evócanme espazos e sensacións que logo tratamos de plasmar a través do son».

Ana: «Preocupacións persoais que moitas veces son máis ben xeracionais, e como as interpreto... Emocións que teño dentro e veñen do que escoito, leo ou vexo, e fan que naza unha idea. A partir de aí, imos dándolle forma. Hai sensacións, pero tamén xogo nelas».

 

Nun par de pezas escoitamos coros distorcidos bañados en sintes acompañando á voz principal. Que procurabades con estes efectos? Como traballades as voces?

Alba: «Pois, a maioría das veces, os sintes acompañan a un sentimento ou emoción que nos transmite a voz».

Pablo: «A verdade é que para min traballar as voces é o máis complexo. En xeral, canto menos proceso teñan adoitan soar mellor. O que tiñamos moi claro é que queriamos soar con ruído e aceptando as imperfeccións; que remedio e que gusto facelo!

Moitos coros fágoos eu porque nos gustaba o contraste que hai coa voz de Ana. Polo ton da miña voz era moito máis doado situala nun plano por detrás, facilitando que a de Ana brillase máis. Outros son simplemente reverbs e samples que teñen a mesma función que a miña voz, e dan un carácter menos “amable” ás cancións».

Ana: «Durante as gravacións chega un momento no que improviso. Para min é moi liberador, xa que pasan a estar presentes as sensacións que interpreto nese mesmo instante. Pablo ten un oído privilexiado para sacar delas samples que poidan enriquecer o conxunto sen saturalo».

 

 

Ao longo do disco escoitamos un claro exercicio de experimentación á procura da vosa identidade sonora. Aínda que quizais sexa moi cedo, diriades que esta exploración será unha constante na carta de navegación de Carabela?

Pablo: «Diría que, no noso caso, a experimentación dáse pola propia necesidade que temos por facer música que nos motive, e iso está profundamente amarrado á música coa que nos identificamos. Supoño que, na medida na que sigamos a escoitar música e a coñecer diferentes maneiras de traballar, seguiremos sendo influenciadas e reflectindo iso nas nosas propostas».

 

está autoproducido, encargándovos tamén da súa mestura e masterización. Como levastes esta parte máis, digamos, técnica do proceso de creación do disco?

Pablo: «A min sempre me gustou indagar sobre temas de son e Carabela foi unha motivación brutal para poñerme a estudar sobre iso. Fun aprendendo ao ritmo que se foi facendo, estudando e probando. Tomáronse decisións con moita ignorancia, pero tamén desde o cariño e o esforzo».

 

Hai xa proxecto para un videoclip? De ser así, optaredes tamén pola autoprodución?

Alba: «Si, imos sacar en breve un videoclip da canción de “Catro pesos” ao vivo coa colaboración de A Regueifa Plataforma 2.0. Ademais, temos en mente facer algún videoclip coas cancións que virán ou que xa temos.

En tódolos casos contaremos con xente externa».

 

E sobre a experiencia de preparar o lanzamento dun primeiro traballo como banda emerxente, que nos podedes contar?

Pablo: «A verdade é que foi unha experiencia chea de ilusión, algo de nervios e inseguridade. Nunca sacaramos algo antes e, sinceramente, que algo noso pase a ser escoitado por máis xente xera algo de inquedanza. Por outro lado, non temos a presión de ter que gustar a ninguén, non nos dedicamos profesionalmente a isto, non houbo unha gran inversión que amortizar. Facémolo por paixón. Iso axudou moito a que este proceso fose máis doado».

Tamén foi algo enleado todo o que supón ver distribuidoras, rexistrar os temas, preparar algo para as redes sociais...».

Alba: «Penso que a boa acollida que tivo nun inicio o lanzamento de “Catro Pesos” fixo que colleramos folgos para seguir compoñendo e nos animou a continuar con este proxecto que nos está dando tan bos momentos».

Ana: «Foi un proceso moi bonito e inquietante á vez. Agora a música adoita ir moi ben empaquetada; hai un traballo moi completo a tódolos niveis cando chega aos oíntes. O feito de que o fixésemos todo nós supuxo un esforzo extra, pero permitiunos traballar ao noso ritmo, e que a aprendizaxe e a recompensa a sentísemos maior».

 

 

Atopastes algún desafío ou atranco especial durante o proceso de creación do disco? Algunha anécdota que queirades compartir?

Alba: «Moitos! Partindo de que fixemos nós todo e estabamos a aprender ao mesmo tempo que o faciamos. No meu caso, nun inicio custoume moito encontrar o meu lugar na banda; nese momento decidín apuntarme a clases de electrónica e sintetizadores para entender un pouco máis as cousas que faciamos e poder chegar a onde quería sen ter que dar mil voltas e perderme polo camiño».

Ana: «Nunca antes me enfrontara a un proxecto así. Compoñer, poñerme diante do micro, buscar o son e poder controlar no punto exacto a interpretación resultoume complexo e supuxo romper moitas barreiras mentais».

Pablo: «Todos os que te imaxines. A verdade é que no proceso de creación tómanse decisións a cada segundo. Ademais, o emprego dos aparatos electrónicos sempre implica atrancos cando non se coñece todo o que fan. Tiven momentos de desesperación, pero ben, levouse con dignidade».

 

A portada de ten un deseño singular, quen está detrás del? Que significado agocha?

Ana: «Eu son a culpable. Como contaba antes, a intención sempre é crear un paralelismo entre a imaxe e o son, que se complete a golpe de vista. Carabela fai unha música singular con moitos contrastes, con certo punto de abstracción. Iso é un pouco o que se busca transmitir coa portada tamén: o ruído, os puntos de fuga que se xeran sobre o fondo e que non deixan de estar implícitos nas propias cancións, o contraste nas cores co contraste da música, etc.».

 

é a carta de presentación de Carabela, como está a ser a súa acollida polo de agora? Como esperades que sexa recibida na escena musical galega?

Alba: «Pois a verdade é que tivo moi boa acollida por parte de xente que chegou á nosa música sen coñecernos... Aínda que de momento só nos escoitan familia e amigos».

Pablo: «Oxalá sexa ben recibida na escena musical galega. Estamos dispostas a dar todo o que estea nas nosas mans para seguir a mellorar e a medrar artisticamente».

Ana: «Tiñamos moita ilusión por compartir o que estabamos a facer, así que dar este primeiro paso xa está a ser moi emocionante. Esperamos poder seguir medrando».

 

Cando poderemos desfrutar de ao vivo? Como serán os concertos de Carabela?

Alba: «Estamos a preparar xa o directo; nos próximos meses poderedes escoitar, á parte das cancións do EP, algunhas cancións que estamos a cociñar».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Ana: «Néboa, Momboi, crnds, Caamaño&Ameixeiras, Xosé Lois Romero & Aliboria...».

Alba: «Á parte dos que xa dixo Ana, o último disco que sacou Músculo!, Ulla (Ferror Records, 2023), encantoume. Tamén o último disco de Ataque Escampe, Cabalgata (2023). E o disco debut de Carlangas».

Pablo: «Quero reiterar os que escolleron as miñas compañeiras e engadir Fanny & Alexander».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Ana: «Moi variado [risos]. Ultimamente estou volvendo escoitar música que había tempo que non escoitaba e botaba en falta. Alt J, Parcels, Silvia Pérez Cruz adoitan estar sempre na cabeceira. Moito de The Blaze, Hania Rani, Tamino, Nilüfer Yanya, Gorillaz, Khruangbin, María Arnal... De músicos galegos: Caamaño & Ameixeiras, Tres Pesos, CALDO, Margarida Mariño, Momboi, Néboa, Baiuca...».

Alba: «Buf... taaantas cousas! Aínda que ultimamente si que estou a escoitar bastantes bandas galegas, como as que mencionei na pregunta anterior.

Gústame moito entrar cada xoves ou venres para ver quen sacou tema ou álbum novo cada semana. O último disco que sacou Temples gústame moito. Pero un disco que está a ser unha constante neste ano é Owls (2023) de Someone; foi un gran descubrimento para min. E o disco de Headroom (2015) de Men I Trust tamén encántame».

Pablo: «Os que teño agora mesmo en últimas escoitas é Exotico de Temples, Carlangas de Carlangas, Cabalgata de Ataque Escampe, I Love You Jennifer B de Jockstrap, UK GRIM de Sleford Mods, e Sean Motorola de Sean Morimoto».

 

  noticias