• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

THE RIGGOS «EN ‘A RASTRAS’ FOMOS CAPACES DE PLASMAR O QUE NOS GUSTA FACER, O QUE QUERIAMOS»

THE RIGGOS «EN ‘A RASTRAS’ FOMOS CAPACES DE PLASMAR O QUE NOS GUSTA FACER, O QUE QUERIAMOS»
8 MAIO 2023

«The Riggos naceu como un intento de facer música entre amigos tocando as cancións que máis nos gustaban a cada un». Yago Costas (batería, coros) ten moi claro como xurdiu a banda —hai xa máis dunha década— o que probablemente non agardaba, daquela, era chegar ata onde están hoxe. Co seu irmán Bruno Costas (guitarra, voz), e xunto a Denis Carballás (guitarra, voz, coros) e Arturo Peixoto (baixo, coros) son The Riggos, grupo vigués de rock alternativo, próximo ao punk rock californiano, que comezaron tocando versións e veñen de lanzar o seu segundo longa duración.

A Rastras (2023) recolle 11 cortes máis maduros e elaborados que, en conxunto, amosan unha evolución tanto a nivel compositivo como instrumental; un salto cualitativo froito de horas de traballo de dedicación, «tocando, probando e tendo curiosidade por saber que son poderemos acadar».

 

Foto © The Riggos

 

O punk rock de The Riggos leva soando desde 2011; máis dunha década amosando a vosa valía por escenarios de todo o territorio estatal. Como naceu The Riggos? Cales foron os seus primeiros pasos?

Bruno Costas: «A historia é algo típica. Yago e máis eu pasabamos parte dos veráns en Escairón, xunto co noso pai, e alí nos xuntamos con dous amigos no local para pasar as longas tardes de aburrimento. Un día deunos por aprender Dammit de Blink-182 e, ao final dese verán, sabiamos xa tocar oito temas. Dixémoslle ao dono dun bar do pobo se nos deixaba tocar nel e, sorprendentemente, díxonos que si. Aí naceu The Riggos».

 

Por que «The Riggos»?

Bruno: «Por un colega do meu pai que se facía chamar Johnny Rigo. Caíanos xenial, facíanos graza e o nome é na súa honra».

Yago Costas: «The Riggos naceu como un intento de facer música entre amigos tocando as cancións que máis nos gustaban a cada un. O nome dáse por un home, amigo do pai de Bruno e Yago, ao que lle chamaban Johny Riggo e, debido a boa sonoridade do nome e a peculiaridade desta persoa eliximos The Riggos».

Denis Carballás: «Aínda estou desexando coñecer a Johnny Riggo e ampliar, se é posible, a súa lenda».

 

Bruno e Yago, sendo fillos de Miguel Costas (Siniestro Total), o da música xa vos viña no sangue (algo que ata se reflicte no Rexistro Civil!). De que xeito afectou ser «fillos de» á hora de crear o voso propio proxecto? Sentides algún tipo de presión?

Bruno: «Pois presión ningunha, a verdade; axudounos á hora de ter un local de ensaio para comezar... e pouco máis. Aínda que sempre nos apoiou moito, todo o fomos facendo pola nosa conta, sen tirar desa etiqueta. Preferimos que o que academos sexa por méritos propios».

Yago: «Presión non temos, xa que facemos música sen altas pretensións. Afectar afectou dunha forma evidente xa que, involuntariamente, tanto Bruno como Yago tiveron en casa desde pequenos a música dos seus pais e a “imposición” de tocar algún instrumento».

 

Foto © Pablo Vázquez Varela

 

Pola vosa parte, Denis e Arturo, sempre foi a música unha disciplina que vos chamou a atención?

Arturo Peixoto: «Na casa sempre tiven bastante variedade musical; os meus pais consumían bastante música e recordo ir a concertos de todo tipo desde bastante pequeno. Tamén é verdade que, cando era pequeno, escoiteille a miña irmá algo que, daquela, estaba de moda polos 2000. E, evidentemente, era a ondada de punk pop, new age, e non houbo volta atrás».

Denis: «Si! Na miña casa soa música desde que son pequeno. Os meus pais introducíronme a un montón de cousas “base” e unhas cantas rarezas. A partir de aí, o da guitarra veu por ver a Elvis en vídeos e a un rastas tocar reggae fronte ao meu colexio».

 

Yago e Denis están detrás do dúo Sniff & Crash, Denis ten o seu proxecto en solitario e, ademais, forma parte da banda que acompaña a Sanny... xunto a Bruno ao baixo. Como compaxinades todo isto?

Bruno: «A parte positiva de que para nós todo isto sexa un hobby é que podemos dedicarlle o tempo que nos apeteza. Ás veces estamos máis a tope, como cando gravamos os álbums, por exemplo, e hai épocas nas que desconectamos máis».

Arturo: «Non me sinto discriminado, falta a pelotada final...».

Yago: «Realmente temos moitos grupos montados, si que é verdade, pero podemos levalo ben debido a que non facemos un gran número de concertos».

Denis: «E ademais todos temos traballo tamén! Non, agora en serio, dalgún xeito cadramos sempre ben as datas. Tampouco é que ningunha deses proxectos “xire” moito; Sniff & Crash toca cada tres anos (literalmente!)».

 

 

Aínda que na primeira pregunta xa vos etiquetamos, demasiado pronto quizais, como definirades vós a música de The Riggos?

Bruno: «Comezamos coa etiqueta do punk rock, pero eu creo que cada vez imos tirando un pouco máis ao rock alternativo. Ao final, non nos metemos con ninguén e iso parece obrigatorio no punk».

Arturo: «Deberiamos empezar a falar do punk-rock-alternativo».

Yago: «Como música celestial digna dos deuses do Olimpo».

Denis: «Unha mestura de todos os nosos gustos, pero sempre tendo o rock alternativo como factor común».

 

Nos vosos comezos, escoitabamos versións de Foo Fighters, Blink-182, Nirvana, The Offspring ou Kaiser Chiefs. Considerádelos os vosos referentes musicais? Quen diriades que vos inflúe tanto á hora de tocar como de entender a música?

Bruno: «Un pouco a mestura de todo o que nos gusta. O que temos en común os catro é o punk rock, e de aí é de onde máis bebemos á hora de facer as cancións. Pero logo cada un achega o seu toque persoal.

Para min, por exemplo, o meu grupo de referencia é Billy Talent, tanto polo estilo dos temas como polo estilo de tocar a guitarra de Ian D’sa, que para min é único».

Arturo: «Temos a sorte de que temos un punto común, co que nos entendemos moi ben, e lle sumamos o que cada un trae de casa, particularmente NOFX, Bouncing Souls, The Menzingers».

Yago: «Si, eu penso que inconscientemente a música que un escoita sempre vai repercutir nas propias creacións».

Denis: «Por suposto! Pero, ademais, cada un temos as nosas cousas... Pola miña parte Eels, Green Day ou The Beatles».

 

Foto © The Riggos

 

Cal foi o momento no que decidistes deixar as covers e arriscarvos coa composición propia?

Bruno: «Honestamente, non me acordo. Penso que foi un pouco unha mestura de que xa non sabiamos que máis covers tocar, xunto con que tiñamos algunhas ideas para montar os nosos propios temas.

Polo que comezamos foi por “Mátalo”, “El fin” e “33”, cos que sacamos un miniEP, creo que por 2015, gravado por nós co Nero na casa e cun debuxo de Martín (o anterior guitarrista) de portada. Arturo aínda se queixa de que non lle soaban os temas no PC cando comprou ese disco (xa que aínda non tocaba connosco)».

Arturo: «Foi bastante orgánico, á vez que tocabamos e sumabamos temas propios».

Yago: «Quizais este foi o momento no que nos decatamos de que, para nós, era máis divertido tocar as nosas propias cancións».

Denis: «Pouco antes de que chegase eu...».

 

En 2017 gañastes o XIX Concurso de Bandas e Solistas de CUAC FM, polo que tivestes a oportunidade de subir ao escenario do Festival Noroeste Estrella Galicia (e compartilo con Boyanka Kostova, entre outros). Que significou para a banda este recoñecemento?

Bruno: «Persoalmente fíxome moitísima ilusión. Un par de anos antes estabamos a facer versións de Kaiser Chiefs e, de repente, estabamos abrindo para eles. Ademais, tocar nese gran escenario, no medio da praia de Riazor... para nós foi algo único. Estamos eternamente agradecidos á xente de CUAC FM».

Arturo: «Moi impactante! Creo que eramos 140 grupos, e poder ir a un escenario de tal magnitude e con ese cartel foi impresionante».

Yago: «Pois foi unha sorpresa, xa que non nos lembrabamos de que nos inscribiramos un ano antes ao concurso».

Denis: «Cando chegou a chamada, colguei pensando que era unha broma telefónica. Logo chamaron de novo e dixéronnos que realmente tocabamos con Kaiser Chiefs!».

 

 

 

En 2018 chegaba o voso debut discográfico, The Riggos (Lemuria Music, 2018), un longa duración composto por máis dunha ducia de temas de retrousos contundentes, guitarras distorcidas e demais artillaría pesada. Que vos empurrou a sacar o voso primeiro disco?

Bruno: «Pois que tiñamos 16 temas gravados, dos que ao final lanzamos 14no CD, e que pensabamos que era hora de que a xente puidese escoitarnos na súa casa. Foi tamén un proxecto persoal, porque o motivo principal foi que nos facía ilusión ter o noso propio disco».

Arturo: «Vernos con esa cantidade de temas propios; penso que foi unha intención bastante natural, querer gravar e gardar o traballo».

Yago: «Pois quizais as ganas de que os nosos amigos puidesen escoitar as nosas cancións, e que tamén pensabamos que sería a forma de conseguir máis actuacións».

Denis: «Era o paso lóxico a toda a traxectoria do grupo. Xa había moitos temas e había que gravalos e defendelos dalgún xeito».

 

O videoclip de Siguiente nivel”, corte no que destaca o baixo por riba das melodías psychobilly, fíxose un oco na Sección Oficial de Videoclips do Festival Primavera do Cine 2018. Como lembrades a súa gravación?

Bruno: «Divertida. Ao final somos un grupo feito para pasalo ben e penso que iso se reflicte moi ben nos nosos vídeos; sobre todo nos dous primeiros».

Arturo: «Un feito na casa de manual, para facer de todo entre todos. Era unha parodia de nós mesmos e, persoalmente, son súper fan de traballar deste modo; en coherencia co grupo».

Yago: «Foi un día de moita calor con Izan, o noso primo. O principal obxectivo do videoclip era poñernos bigotes e algunha que outra perruca».

Denis: «Facía moooita calor. Un percorrido cheo de terra ao longo de Fragoselo. Un neno que rabuñaba e pegaba cousa fina!».

 

 

 

 

A finais dese mesmo ano, publicabades EP-ranza Cero (Lemuria Music, 2018), un EP (a ver, en realidade é un dobre single) con dúas cancións. Por que publicalas á parte e non incluílas no disco? Foron descartes? Bonus tracks?

Bruno: «Se xa a xente dicía que 14 temas era moi longo, 16 xa nos parecía demasiado. Non foron descartes como tal, senón que esas dúas cancións estaban compostas por Miguel e Martín, os dous membros anteriores do grupo, e non nos parecía ético incluílas no disco. Pero como tampouco queriamos que se perdesen, porque a nós nos gustaban, decidimos sacalas á parte uns meses despois nese dobre single que sabemos que non é un EP, pero poñerlle de nome Dobre Single-peranza Cero tiña menos gancho».

Arturo: «Nunca poderemos igualar ese título! E o tema tiña suficiente percorrido por separado para ser un ente independente».

Yago: «Non son descartes como tal, pero si que eran as cancións queconsiderabamos que non pechaban dunha forma redonda o disco».

Denis: «Foron ases na manga. Gravamos algunha canción máis das 14 que están no primeiro disco e cremos que sería mellor lanzalas por separado».

 

Polvo muerto” vía a luz a finais de 2019, cando se presentaba como un single que daba pé a pensar que viría algo máis... e o que veu foi a pandemia. Como afectou o confinamento, a nova normalidade (e demais efectos secundarios culturais, sociais, etc.) ao voso traballo como grupo?

Bruno: «Pois daquela xa tiñamos gravada a metade deste novo álbum; a outra iámola gravar... en abril de 2020. Isto minorou moitísimo o proceso e foi un dos principais motivos para non sacar o álbum ata agora».

Arturo: «Como a todo; foi un parón que aproveitamos para rematar de gravar con calma e aínda puidemos con máis».

Yago: «Afrontámolo como un momento de parón no que pouca cousa ocorreu».

Denis: «Pois, de primeiras, iamos gravar o segundo disco en abril de 2020... A cousa terminou sendo en agosto e facendo núcleo familiar nunha comuna sen precedentes durante 10 días».

 

 

 

 

Pero, por fin, o pasado 16 de marzo podiamos escoitar ese Polvo muerto” xunto ás dez cancións máis que compoñen, A Rastras (2023), o voso novo disco. Cal diriades que é a idea detrás deste traballo? De que xeito a fostes desenvolvendo ata materializala nun disco?

Bruno: «Penso que, comparado co disco anterior, é un disco máis serio e máis elaborado. Penso que fomos capaces de plasmar ben o que a nós nos gusta facer, o que queriamos. Quizais nalgúns temas fuximos máis do concepto de “música comercial”, pero é que é o que a nós nos chista.

É un disco que fixemos para xente como nós, o que a nós nos gustaría escoitar se os grupos que nos gustan sacasen un CD».

Arturo: «Sacar un son máis maduro, con temas algo máis elaborados e que se notase unha progresión —que sinto que existe— e no que escapamos a ser un grupo de punk rock. A variedade entre os temas xa é un indicador de que o xénero e o traballo previo non pode definir a música que fagamos en adiante».

Yago: «A idea deste disco era a de xa conformarnos como un grupo un chisco máis serio publicando un traballo moito máis sólido e contundente que o anterior».

Denis: «Son unha colección de cancións con máis arranxos que no primeiro. Gravamos entre 2018 e 2020... E lanzámolo en 2023! Tarde, mal e... o título».

 

A principios de 2021 diciades que este segundo álbum estaba case rematado, pero non foi ata dous anos despois que o presentades ao completo. Que determinou que non o sacarades antes?

Bruno: «Por algo chámase “a rastras”... ☺. Xa non é só ter os temas, e ter con quen sacalo, ter a oportunidade de presentalo en condicións (que coa pandemia era complicado), ter a portada e o deseño do CD... Todas estas cousas van facendo que se retrase todo, pero co obxectivo de sacalo nas condicións que nos queremos».

Arturo: «A idea de presentalo nun patio de butacas non nos seduciu moito e esperamos a poder ir a salas con “normalidade”».

Yago: «Pois basicamente a pandemia».

Denis: «Estabamos a buscar o xeito adecuado de facelo e, ademais, sempre que criamos que a cousa ía ben viricamente, volvía o desastre».

 

Foto © The Riggos

 

Ao longo deses 11 cortes, seguides a manter esa liña de punk e rock alternativo pero, desta vez, notamos que a temática das letras é máis persoal e intimista. É así?

Bruno: «Si. A maioría das letras están compostas por Yago e máis eu e, aínda que temos xeitos moi diferentes de escribir, a temática adoita ser persoal: cousas das que nós queremos falar, aínda que desde fóra non sexan obvias».

Arturo: «Así como a evolución musical, considero que este punto é o seguinte punto a evolucionar (aínda máis)».

Yago: «Si, a verdade é que optamos por letras que tratan temas sociais actuais; temas tabús na sociedade, aínda que sempre partindo un pouco da ficción».

Bruno: «Correcto. Así a todo, hai metáforas que non chego a entender “Veo un vaso lleno de sal”, “Un árbol me contó”...».

 

Bruno dicía nunha entrevista en Verdadera Locura que o primeiro sinxelo, Mundo natural, tivera moi boa acollida nos primeiros días; co paso do tempo, segue a ser así?

Bruno: «En xeral si; a xente que nos fala case sempre nos felicita polo que facemos e, a verdade, que fai sentir moi ben. Sabemos que non facemos un estilo que sexa maioritario, e que xente que normalmente escoita outras cousas nos diga que lle gusta o que facemos, para mi supón unha alegría tremenda».

Arturo: «Non temos tantas referencias en medios como me gustaría, pero si que é un tema que gusta e á xente se lle queda».

Yago: «Si, a verdade e que é un dos temas máis escoitados do disco».

Denis: «É un bo tema para abrir concertos, iso desde logo!».

 

 

Mundo natural” é unha crítica feroz á sociedade sen remedio, Un paso más” toca o tema da morte (e a súa visita)... que, ou quen, inspira as vosas cancións? Canto de realidade ou de autobiográfico e canto de ficción teñen?

Bruno: «Concretamente esas dous son de Yago, así que llo deixo a el. No meu caso, cando escribo, si adoitan ser cousas quizais non autobiográficas, pero si cousas que pasan na realidade, a min ou a outras persoas, que intento plasmar nunha letra».

Yago: «As letras son como unha especia de mestura entre os temas que eliximos para cada unha delas e a ficción, inventando, ás veces, unha personaxe que se reflicte como protagonista».

Denis: «Nas dúas letras que escribín para este disco hai algo biográfico. Ben, en “El proceso” non, agora que o penso...».

 

Foto © The Riggos

 

En Ciegos” faise unha crítica a unha sociedade que non fai nada por cambiar. Pensades que, realmente, «caminamos hacia atrás, estamos todos tan ciegos»?

Bruno: «Antes dixen que non nos metiamos con ninguén para ser un grupo punk, pero esta é a excepción. Si, esta escribina eu e fíxeno porque a impresión que teño é que somos cegos”, pero cegos voluntarios. Tirando por esa expresión que di que “non hai máis cego que quen non quere ver”.

E si, penso que vivimos nunha sociedade maioritariamente conformista á que lle dan medo os grandes cambios».

Arturo: «Corremos o risco de facelo».

Denis: «En certo modo, si. Hai un retroceso camuflado de progreso. Arturo está desexando cargarse este planeta ao Unabomber. Nós, apoiámolo».

 

 

En conxunto, os temas de A Rastras son máis maduros e elaborados, amosando así unha evolución tanto a nivel compositivo como instrumental. Como chegades ata aquí? Como describiriades este progreso?

Bruno: «Horas, e pensar moito. Dedicarlle máis horas na casa e nos ensaios a compoñer os temas. Por exemplo, “Ahora que eres como yo”, que abre o primeiro disco, compuxémola nun par de horas porque tiñamos concerto ao día seguinte e non sabiamos con que abrir (e non o digo como algo negativo, que é unha das miñas favoritas). Pero neste caso, como o fixemos todo con moito tempo, dedicámonos máis a intentar buscar o son que queriamos e a facer máis arranxos, producir mellor o disco».

Arturo: «Sen moita ciencia, os nosos gustos tamén evolucionan; tocando, probando e tendo curiosidade por saber que son poderemos acadar».

Yago: «Quizais é grazas á nosa bagaxe musical, xa que agora coñecemos moita máis música e temos tamén moitas máis influencias. Isto permítenos elixir o camiño correcto a seguir».

Denis: «Penso que, ao ter tido tanto tempo para gravar, xa tiñamos os temas moi “tocados”».

 

Foto © The Riggos 

 

Neste traballo volvedes contar con Pedro Feijoo como produtor quen, a estas alturas, xa pode ser o quinto Riggo. Como é traballar con el?

Bruno: «Hai unha forte pelexa polo posto de ‘quinto Riggo’ pero, sen dúbida, Pedro é un claro candidato. Traballar con el é moi fácil; para empezar porque lle gusta todo o que levamos ao estudio (menos un tema deste disco, que non direi cal é :P), e logo porque achega un montón de ideas, xa sexan de coros, arranxos e demais. Por exemplo, o teclado de “Un paso más” é cousa súa; a min, ao principio, parecíame que lle daba por estragar a canción meténdolle o son dunha ambulancia, pero ao final acaboume gustando. Ou o que soa ao principio de “Mundo natural”, que se non me equivoco, é primeiro o son de tanques para acabar co asubío da bomba de Hiroshima ao caer».

Arturo: «Suma moitísimo; ten claro o estilo, sabe dicir que non (con razón)... Afortunados da súa paciencia».

Yago: «Somos unha relación de poliamor e, ademais, facemos música xuntos».

Denis: «Pedro sabe dicir cando algo está ben e recomendar pero, sen dúbida, o mellor é que sabe dicir cando algo está verdadeiramente mal e impoñer un criterio. Todo isto deixando liberdade».

 

A finais de marzo presentabades o disco no Pub Transylvania (Vigo), como foi o concerto, tendo en conta que xogabades na casa e, ademais, cun novo disco baixo o brazo?

Bruno: «Moi guay. Tocamos en practicamente todas as salas de Vigo e podemos dicir que, para un grupo como nós, é a mellor. E tocar coa nosa xente sempre é un plus. Estivo xenial».

Arturo: «Primeira vez na sala, co estraño que é chegar con algo “novo” de 2020 tendo que gastar as poucas balas que quedaban, a maioría de temas xa os tiñamos tocado. Resultou nun concerto divertidísimo, poder contar con Elías subindo para un tema e ver de novo en Vigo a amigos que nunca fallan».

Yago: «Foi o concerto que queriamos facer. Un evento no que os nosos amigos puidesen escoitar a nosa música nova».

Denis: «Unha boa festa con amigos. E ademais veu Elías a tocar a batería, o sexto riggo».

 

Foto © Pablo Vázquez Varela

 

Diciades que a banda está enfocada ás actuacións ao vivo, como é un concerto de The Riggos? Tedes algunha data que poidades compartir?

Bruno: «Aínda non, pero algo caerá este verán. Os concertos son divertidos á vez que contundentes. Facemos o noso estilo de música, pero con chistes polo medio. Ao final o obxectivo é pasalo ben».

Yago: «Totalmente, pola miña parte penso que The Riggos é un grupo que gaña moitísimo ao vivo debido á contundencia das cancións».

Denis: «Divertido e con moitas cancións unidas, para que non dea tempo a descansar».

 

Actualmente, como vedes a escena local viguesa? Na vosa opinión, pensades que hai material para que xurda unha nova Movida?

Bruno: «Non creo que unha nova Movida, pero si outra cousa. Hai moitísimos grupos facendo as cousas moi ben e de moitos estilos diferentes. O que si que non hai en Vigo é motivos para aburrirte un fin de semana se che gusta ir a concertos».

Arturo: «Con 13 anos, sen ter nada, toquei nos famosos CastroConcertos, e ata agora. Se hoxe tivese 13 anos e ganas de tocar, non sabería nin por onde comezar. Os circuítos locais non existen, as salas son caras para un grupo pequeno... e iso seguramente explique que me sorprenda cada vez que descubro algún grupo local; faltan lugares para que ocorra».

Yago: «Pasapalabra».

Denis: «Totalmente, outra cousa é que vaia xurdir. A calidade é mellor e a diversidade moitísimo maior, o que falta é interese institucional e do público... Ben, e dos músicos!».

 

Foto © The Riggos

 

Seica a contratación para os concertos de Castrelos 2023 está on fire... que canción do voso repertorio escolleriades para poñer en pé ao «templo» vigués? A quen subiriades ao escenario para facervos os coros?

Bruno: «Difícil, pero quizais Ahora que eres como yo”, porque é moi divertida de tocar; é moi contundente e penso que ten o necesario para abrir un gran concerto en Castrelos.

Subiría a Bisbal, pero máis que para facer os coros, para facer unhas patadas voadoras ao noso lado».

Arturo: «Un paso más”; encantaríame ter no escenario aos amigos que nunca fallan nos bolos».

Yago: «Eu tocaría “Un paso más” e chamaría para facer os coros á miña avoa».

Denis: «El fin”! Subiría a todo a mundo que quixese subir, a ver canta xente cabería no escenario!».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Bruno: «Direi dous: Treintañeras Cañeras, que ademais son amigos e os seus concertos son súperdivertidos. E Our Game, que vimos hai uns anos no que era O Gato de Schrödinger e gustáronme moito; logo escoitando o seu disco na casa paréceme que soa moi ben».

Arturo: «IGMIG e toda a contorna metamovidesca (ou o que quede)».

Yago: «Eu recomendaría a un grupo mencionado nesta entrevista chamado Sniff & Crash, que é o grupo filial de The Riggos».

Denis: «Gústame bastante O Filloas e Sacoga».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Bruno: «Principalmente punk e rock, pero o meu grupo máis escoitado do ano pasado foi Dua Lipa, non me escondo».

Arturo: «Estou a vivir unha segunda adolescencia cos Menzinguers (top tier dos que máis os escoita do mundo)».

Yago: «As nosas cancións».

Denis: «Hoxe escoitei a banda sonora de Mickey, Donald e Goofy: Os Tres Mosqueteros. Iso, Eels e algunha cousa que soe en aleatorio a partir de toda esta monstruosidade».

 

  noticias