MÚSCULO!: «‘ULLA’ É O DISCO NO QUE NOS SENTIMOS MÁIS LIBRES Á HORA DE COMPOÑER»
Músculo! xurdiu co obxectivo de fusionar rítmica magnética coa necesidade de afondar en terreos sonoros que xogan con elementos indie e synthpop. Desde aquela pasou máis dunha década; máis de dez anos nos que a banda redefiniu non só o seu estilo, senón tamén o seu xeito de traballar.
Logo dun par de EPs e un agardado e ansiado longo —Músculo! (2018)— o grupo está a presentar o seu novo traballo discográfico. Ulla (Ferror Records, 2023) é electrónica con denominación de orixe; é a banda sonora que Músculo! compuxo ao río galego como continente de recordos e vivencias. Nove cancións que son froito da experimentación e do aprendido, dunha evolución natural que, como o río, flúe con total liberdade.
Formación actual. Foto © Denís E. F.
Hai xa máis de dez anos que Músculo! nacía coa promesa de dinamitar as pistas de baile máis esixentes. Como xorde a formación, como lembrades eses inicios? A que se debe o nome?
Músculo!: «O grupo comezou cando Álvaro e Raúl, que tocabamos na banda Noise Project, decidimos probar cousas novas e facer un proxecto electrónico para experimentar outras sonoridades. Para o nome, buscabamos algo curto pero con enerxía, e criamos que Músculo! era o nome perfecto.
Despois uniuse Javier (que xa tocaba con nós en Noise Project) e, posteriormente, Nicolás e Ángela».
A nivel individual, cal, e como, foi o voso primeiro contacto coa música? E como foi o voso primeiro contacto coa música electrónica?
Raúl Santiago: «Pois, no meu caso, de rapaz non me interesaba nada de nada. Escoitaba música feita antes dos anos 80, aínda que escoitaba bandas como Silver Apples ou The United States of America; moito kraut como Cluster, Can, Niagara ou Popol Vuh que, para a súa época, eran moi adiantados e usaban elementos electrónicos, pero nada actual naquel momento.
Un disco que me cambiou moito a forma de pensar foi o Remain in Light (Sire Records, 1980) dos Talking Heads, vooume a cabeza. Máis tarde, con vinte e pico anos, grazas a dous colegas como Llillo e Ernesto que me empezaron a pasar cousas de Nathan Fake, James Holden, The Bug, Antipop Consortium... Máis tarde viñeron os discos de Andy Stott, Luxury Problems (Modern Love, 2012), Jon Hopkins, Darkside... Podo estar así ata mañá.
Álvaro Blanco: O meu primeiro contacto realmente consciente coa música foi cando tiña uns 13 ou 14 anos e escoitei nun anuncio unha canción dos Chemical Brothers, polo cal, a música electrónica sempre estivo presente na miña vida. Por aquela época xa comezaba a experimentar con programas tipo tracker para facer música».
Formación inicial. Foto © Ángela Pardal
Algúns dos compoñentes orixinais da banda viñades de Noise Project, grupo de post e noise rock. Por que, e como, foi pasar dun estilo a outro?
Músculo!: «Foi estraño pero á súa vez divertido, xa que non sabiamos moi ben que instrumentos mercar para tocar en directo; aí comezou unha procura que aínda segue hoxe en día. Xa coñeciamos ben as sonoridades que nos podían dar as guitarras e apetecíanos probar algo distinto.
A forma de compoñer ao principio foi moi similar: alguén levaba unha idea ao ensaio e alí traballabámola entre todos. Un xeito de facer música que foi cambiando ao longo do tempo».
Irrompiades cunha música electrónica que combinaba percusión acústica, guitarra e baixo eléctricos, coa programación e co dixital. Somos conscientes de que o termo «electrónica» é moi amplo, e que o voso son evolucionou ao longo de tempo, pero como describiriades vós a vosa música?
Músculo!: «Sempre a definimos como música electrónica a secas. Aínda que, mirándoo coa perspectiva do tempo, ao principio soábamos máis a synth pop ou a indietrónica. Agora cremos que soamos máis IDM».
E se preguntamos por influencias, a quen sinalariades?
Músculo!: «Cando comezamos, a nosa principal influencia era o XTRMNTR de Primal Scream; fascinábanos tanto a produción como o xeito de combinar instrumentos coa música electrónica.
Logo as influencias fóronse ampliando: Andy Stott, Caribou, Jon Hopkins, Four Tet, Floating Points... Para o último disco as influencias xa non son tan marcadamente electrónicas: Low, Arvo Pärt, Kamasi Washington e ata My Bloody Valentine».
Selección Natural (2013) é o voso debut discográfico. O son nós describiriámolo como unha electrónica sofisticada e elegante con textos en castelán; synth pop sobre ritmos máis propios do EDM ou do IDM. Védelo así?
Músculo!: «Cando comezamos a banda, a idea era facer música puramente electrónica, pero xusto nese momento Ángela e Nicolás acababan de deixar o seu anterior grupo e decidimos unir forzas.
A mestura deses dous proxectos deu como resultado un son distinto ao que buscabamos nun principio. As letras e melodías eran moito máis pop, mentres que a instrumentación tiraba cada vez más cara a algo electrónico. O resultado era algo entre o synth pop e a indietrónica».
E, un ano máis tarde, Vivac (2014) vía a luz; EP que sigue a liña do anterior pero no que o instrumental xa vai gañando peso. Por que este, desta volta aínda pequeno, xiro?
Músculo!: «Naquela época aínda se nos relacionaba máis co indie ou o pop que coa electrónica. Quizais daquela, dun xeito inconsciente —ou non tanto—, xa comezabamos a distanciarnos diso».
O voso terceiro traballo é homónimo, Músculo! (2018). Aínda que non é algo feito por todos os grupos, é habitual que, de titular un traballo homónimo, sexa o primeiro. Por que esperastes ao terceiro?
Músculo!: «No momento criamos que era o traballo que máis se aproximaba á idea inicial do son que buscabamos. Ademais era o noso primeiro LP!».
Sae en 2018, pero dicides que o disco xa estaba case rematado... en 2016! Por que dous anos de «espera»? A que se debeu a demora?
Músculo!: «Este disco decidimos gravalo en Montreal Studios con Hans Krüger (Navarra). O disco supoñía un cambio drástico no noso xeito de compoñer e gravar, e a semana que estivemos no estudio non nos chegou a nada... Quedaba moito traballo por facer e tivemos que agardar case un ano para volver a irnos outra semana e rematalo; as derradeiras mesturas fixéronse online.
Entre iso, a masterización que fixemos nos estudios Calyx (Berlín), o deseño e a fabricación do vinilo e CD... retrasou moito a saída do disco».
Músculo! marcaba o voso primeiro —e ansiado— LP; un álbum no que intentabades «humanizar a electrónica». A que vos referides con este concepto? Con que obxectivo?
Músculo!: «Tiñamos a sensación de que moita da música electrónica que escoitabamos estaba deshumanizada, carente de emocións, moi cuadriculada e prefabricada. O que intentamos foi darlle un xiro máis "humano", tanto na composición como na produción».
Neste disco consolídase unha parte do cambio cara ao instrumental (as voces, agás en “Roses”, teñen unha presenza testemuñal e son tratadas como un instrumento máis) e tamén esváense as guitarras eléctricas, o baixo e batería acústica, sendo aínda máis abertamente electrónico. A que se deberon eses cambios?
Músculo!: «Neste traballo xa non contabamos con batería acústica e cambiamos o xeito de compoñer, dando máis importancia á creación de sons no estudio que aos instrumentos convencionais; deixando atrás as interminables sesións de jams que faciamos no local de ensaio. Aquí xa estábamos intentando abertamente distanciarnos da escena indie pop».
Formación en 2017. Foto © Músculo!
“What We Left Behind” era o corte escollido para a súa presentación, cun videoclip inspirado na neurociencia cunha combinación de ilustración animada sobre circuítos informáticos. Que papel xoga o audiovisual á hora de amosar as vosas composicións? E nas actuacións ao vivo?
Músculo!: «Sempre que podemos apoiar o noso directo con visuais sempre os usamos. Coa nosa música intentamos transmitir imaxes, sensacións ou emocións e pensamos que os visuais axudan moito nesa experiencia. Pero non sempre se pode... É o que ten ser un grupo underground!».
Estades a presentar Ulla (Ferror Records, 2023), o voso novo traballo discográfico que se presentaba como «electrónica con denominación de orixe». Como se desenvolveu a idea ata chegar ata aquí, ata a materialización da mesma nun disco? Podemos falar de disco conceptual?
Músculo!: «Salvo dous ou tres cortes que xa tiñamos de antes, o resto de temas avanzaban cara a un mesmo lugar aínda sendo moi distintos entre si; neste disco miramos máis cara a dentro que cara a fóra.
Cremos que Ulla representa á perfección os nosos recordos e emocións, establecendo un nexo común cos membros da banda. A partir desa idea continuamos co resto de cancións».
Nomeado polo río que semella unha constante nas vosas vidas desde a infancia, cualificades Ulla como o voso traballo máis persoal. Por que?
Músculo!: «Este é o disco (polo de agora) no que máis libres nos sentimos á hora de compoñer. É a nosa maneira de ver a música electrónica actualmente. Sería un disco que, se non fose noso, nos gustaría moito escoitar».
“Casa vella”, “A ponte”, “A torre”... os títulos das cancións evocan lugares, ou mesmo lembranzas asociadas eles, concretos. É así? Que, ou quen, inspirou os cortes de Ulla?
Músculo!: «Ademais dos lugares tamén hai persoas: “Elvira” e “Escravitude” están dedicadas ás nosas avoas. As Penas é un lugar de Catoira, Auga Lavada está entre Catoira e Valga...».
Ao fío, como foi o proceso creativo das cancións?
Músculo!: «Para este traballo continuamos co proceso que comezaramos no disco anterior: buscar os nosos límites no estudio sen pensar nas limitacións do directo; tentar ir máis aló.
Así xurdiron os arranxos de corda, ambientes, uso de distorsións e a utilización de instrumentos non tan convencionais. Tanto é así que para poder levar ao directo este disco, tivemos que renovar o arsenal de trebellos!».
Este longo é o resultado de anos de aprendizaxe, credes que é o máis experimental dos vosos traballos?
Músculo!: «Sen dúbida ningunha, ata o momento, si. Aplicamos case todo o aprendido durante anos e arriscámonos con cousas que nunca antes intentaramos».
As nove cancións que escoitamos rompen barreiras, froito desa evolución da que falabamos e de deixarvos levar, tanto na composición como no son. Será este o camiño que seguirá a vosa música a partir de agora, sen límites e sen «autocensura»?
Músculo!: «Nos seguintes seguiremos a experimentar seguro, xa que é a nosa forma de levar este proxecto. Non nos imos autocensurar, como ao mellor fixemos en traballos anteriores. Sinceramente, non pensamos moito se lle vai a gustar ao público; facémolo e listo, é o que hai.
Nese aspecto, podemos dicir que este é o camiño a seguir non tanto no musical, senón no xeito de facer as cousas».
«Facemos electrónica, case sempre buscando un son orgánico». Que entendedes por «son orgánico», porque hai moita xente que pensa na electrónica como o oposto ao orgánico, que identifica máis con música feita con instrumentos acústicos? Diriades que o acadades ese «son orgánico» neste traballo?
Músculo!: «A xente identifica a electrónica dunha forma oposta ao orgánico porque a maioría é así. Abundan os presets, os loops prefabricados e os clixé; nós tentamos afastarnos diso. Se a xente soubese a cantidade de tempo que se lle pode dedicar a un só son dun sintetizador, quizais deixaría de ver a electrónica desa forma».
O longo foi gravado, mesturado e producido por vós mesmos, con todo, o mastering correu a cargo de Eloy Platas, reputado músico e produtor de electrónica experimental. Como foi traballar con el?
Músculo!: «Unha verdadeira delicia. Eloy entendeu desde o primeiro momento como queriamos que sonase o disco. Foi súper rápido o proceso de masterización, un profesional como a copa dun pino, ademais que conta con material moi top».
Carlos Beiró é o autor da fotografía aérea da portada, sobre a que Rubén Domínguez (Prenom, Pantis) realizou o deseño. Seguiu algún tipo de indicación ou tivo total liberdade? A idea de escribir «Ulla» co, e no, Ulla... de quen foi?
Músculo!: «Nós contamos a nosa idea conceptual e estética e despois eles sacan a súa creatividade, non somos moito de coartar ideas. Damos a máxima liberdade á xente que traballa con nós».
Ulla vén apoiado por Ferror Records, prolífica e moi dinámica discográfica galega. Como está a ser a experiencia xunto a eles?
Músculo!: «Somos amigos de Fer e de Serxio desde hai moito tempo e xa era hora de sacar algo con eles. A experiencia ata o de agora foi xenial! Estar nun selo como Ferror con ese catálogo tan ecléctico é algo que nos gusta moito, ademais do labor tan importante que fan apoiando a escena musical galega. Agora mesmo pensamos que é o selo que está a publicar máis referencias de Galicia».
Formación en 2021. Foto © Carlos Beiró
Unha década separa o voso debut discográfico desta nova referencia. Que diferenzas, ou similitudes, destacariades entre ambos?
Músculo!: «Similitudes case que ningunha; non ten nada que ver a forma de compoñer, os directos, instrumentos, musicalmente... A verdade é que cambiou moito a cousa. Gústanos que sexa así, os grupos teñen que evolucionar; é algo que tamén valoramos moito cos grupos que nos gustan».
Vides de participar no FaCeLa Fest (Lugo), onde compartistes, por vez primeira, Ulla ao vivo. Como foi a súa acollida?
Músculo!: «Tocar no FaCeLa é como tocar na casa. Querémoslle moito a Celes, Iván e ao noso irmán Susiño. Esta é a segunda vez que temos a sorte de tocar alí. Un festival importantísimo para o tecido musical galego, case seguro que é un dos festivais galegos que máis grupos galegos achegan ao seu cartel. Está feito por xente que está namorada da música e que fai un traballo imprescindible. LONGA VIDA AO FACELA!».
Cando teremos a oportunidade de poder (volver) vervos enriba dun escenario?
Músculo!: «Despois do FaCeLa, tocamos na Festa de Ferror na Sala Malatesta (SDC), con Carlos Risco, Rayotaser, Chicharrón e nós. Despois irán vindo máis datas que xa iremos anunciando».
De que se compón o voso live set? Sodes máis de hardware ou de software nun portátil?
Músculo!: «Nos nosos directos non usamos nin portátil nin software. Todo hardware: sintes, samplers, guitarras, pads... Non por nada, só porque nos gusta máis facelo así.
Como comentabamos antes, se a xente soubese a cantidade de traballo que leva preparar un live set como o noso, sen usar portátil, quizais deixaría de ver a música electrónica do mesmo modo».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Músculo!: «Rayotaser, Lagoon, Garza, Pálida, Pantis, Yugen Kala, Espírito do 72 ou os nosos afillados de Copa Turbo».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Músculo!: «Moi variado e de todos os estilos e épocas. As nosas contas están abertas, non temos nada que esconder. Tamén o usamos para facer listas que despois usamos para pinchar nos nosos DJ sets».