CALDO: «O FOGAR É A IDEA QUE VERTEBRA ‘LUGAR A PONTE’»
Anaïs Barbïer (voz, pandeireta), Pedro Fariñas (guitarra, gaita) e María Jorge (violín) son CALDO, unha proposta musical que aposta pola revisión da tradición oral galega e a composición propia. En formato acústico, o trío bebe do folclore que atesouran as nosas «pandeireteiras, serás, foliadas e cantares», e o integra en novos contextos sonoros contemporáneos mediante a experimentación cos seus propios instrumentos. Cun repertorio que recolle melodías tradicionais galegas e pezas orixinais con influencias de músicas europeas e atlánticas, CALDO constrúe un imaxinario de tradición, palabras e paisaxes capaz de crear unha sensación de pertenza a unha comunidade e identidade propias.
E iso mesmo é o que se sente ao escoitar Lugar A Ponte (2023), o seu novo traballo discográfico, gravado e producido, man a man, con Alberto Cernadas (crnds). Musicalmente, as pezas toman camiños imprevistos, inesperados pero acolledores; conceptualmente, cada un dos 10 temas que compoñen o álbum representan «un vínculo, un momento de cambio, unha relación, unha perda...» que, con cada escoita, constrúen un fogar sonoro que compartir «xunto ás persoas que queremos».
De trío instrumental, a dúo, a trío con voz... como se comezou a cociñar CALDO ata chegar ao proxecto actual? E por que CALDO?
Pedro Fariñas: «Pois efectivamente Caldo comezou como un trío de violín, guitarra e acordeón, pero este último non seguiu por problemas de axenda. Así que nos quedamos como dúo, ao que posteriormente se sumou Anaïs, primeiro colaborando nalgún tema e despois xa para quedarse.
O nome elixímolo pola sonoridade e polo que representa, algo feito a lume lento, con meco, e que alimenta».
O ingrediente principal de CALDO é a música tradicional galega, aderezada con guitarra, violín e voz. Segundo vós, a que sabe a música de CALDO?
Pedro: «Realmente bebemos da tradición oral galega e doutras moitas músicas. Penso que é difícil dicir en palabras a que soa un grupo. Tentamos ser parcos pero xogar cos timbres, as texturas, darlle segundas vidas as melodías galegas... Pero tamén canalizar toda a música que escoitamos e compoñer música nova».
A quen sinalariades como as vosas principais influencias? Quen ten, ou tivo, un particular impacto no voso xeito de tocar, e entender, a música?
Anaïs Barbier: «Para min a referencia no mundo tradicional foron sen dúbida Xisco [Feijóo] e Davide [Salvado], mestres e amigos. Foron quen me deron a coñecer todo un mundo de pandeireteiras, seráns, foliadas e cantares nos que, unha vez que comezas a mergullarte, é moi complicado saír ;).
Por outra banda, penso que a nosa música está infestada de chiscadelas a moitos outros estilos que escoitamos no noso día a día».
Pedro: «De pequeno eu escoitei moito, pero moitísimo, a Treixadura, Carlos Núñez e Berrogüetto; era cando comezaba a tocar gaita. Lembro tamén o meu primeiro concerto de jazz no Manteca, que tocaba o meu mestre Xosé Miguélez; quedei abraiado.
Tamén cando entrei na banda de gaitas Xarabal con 9 anos e vía a Xosé Liz tocar o bouzouki ou a requinta... Son lembranzas que che quedan aí para toda a vida e que dalgún xeito influíron, e inflúen, no que facemos agora».
Os tres sodes profes de música, como percibides vós o achegamento á música tradicional nas novas xeracións?
Anaïs: «Este é un tema que daría para debater bastante. Malia que estamos a vivir outro boom na nosa música, penso que segue a ser moi necesaria a implicación das institucións, desde o concello máis pequeno ata a Xunta. Xa é hora de poñer a música e o baile no lugar que merece».
Pedro: «Eu penso que a música tradi está a pasar por un bo momento de novo, como xa ocorrera nos noventa. Cada vez máis xente nova apúntase a aulas de baile e pandeireta e iso comézase a percibir nas cidades galegas; cada vez hai máis foliadas urbanas».
María Jorge: «Opino como as miñas compis, estamos nun bo momento e hai que aproveitalo e intentar que perdure».
No voso debut discográfico, Caldo (2019), apostades pola revisión do repertorio tradicional galego, centrándovos na parroquia de Moscoso (Pontevedra). Que ten este territorio en concreto para que fose a fonte de inspiración do álbum?
Anaïs: «Moscoso foi a primeira xota que aprendín eu de Xisco, e deixoume totalmente namorada. A partir de aí fun mergullándome no universo das irmás Garrido e cada escoita ou visualización transmite algo novo. Nunca deixas de aprender con elas dúas».
Pedro: «Penso que Rosa de Moscoso é unha das grandes voces da tradición oral galega. Desgraciadamente finou fai uns meses; a nosa ilusión sempre foi ir coñecela e levarlle o primeiro disco, pero por circunstancias nunca puido ser.
Cando C. Tangana estivo en Vigo tivo a oportunidade de visualizar gravacións de campo de diferentes zonas, e contábanos que quedara alucinado coa figura de Rosa de Moscoso, co seu estilo particular de cantar. Todo o mundo queda prendido de Rosa».
Traballastes sobre o material das informantes Rosa e Aída Garrido, recollido polo mestre Xisco Feijóo. Poderiades describir como medran as cancións que nacen das recollidas?
Anaïs: «Primeiramente hai un traballo de horas e horas de escoita, ben por zonas ou por informantes concretas. Cando aparece unha melodía que che provoca algo distinto, ponse en común e, a partir de aí, comeza a construírse tanto a harmonía como os xogos melódicos de violín.
Pedro: «Como di Anaïs, o traballo de rebuscar é case o máis tedioso. Cando a melodía aparece adoita ser bastante rápido construír a canción. Normalmente sempre sacamos a harmonía do retrouso e da copla e, a partir de aí, vanse sacando as ideas».
Cada vez fálase máis dos informantes, estas persoas, principalmente mulleres, que gardan na memoria as raíces da nosa música. Imos coñecendo os seus nomes, pero credes que a xente se decata da importancia vital que teñen na conservación do noso patrimonio musical?
Anaïs: «Agardo que cada vez a xente sexa máis consciente do tesouro que temos. Durante os últimos 30 anos, de quen sempre se escoitou falar foi dos gaiteiros; organizándose concursos que levan o seu nome ou mesmo facendo romarías en honra a estes. A día de hoxe seguen a organizarse un montón de concursos de pandeireteiras, por exemplo, e aínda ningún leva o nome dunha informante.
E isto para min é un pequeno exemplo de como se obviou a importancia das informantes como transmisoras do noso patrimonio oral. Hoxe en día parece que a xente comeza a tomar conciencia, tamén porque están nacendo moitos grupos que beben desta tradición; así que eu particularmente estou esperanzada».
Pedro: «Penso que non; de feito, nós neste disco facemos especial fincapé niso, en poñer os nomes e apelidos de quen aprendemos os temas. As fontes son o primordial da nosa música e debémoslles todo».
Se nós dicimos Xisco Feijóo, vós dicides...?
Anaïs: «Disco duro do tradi».
Pedro: «Encarta Trad 2023».
O álbum foi rexistrado integramente ao vivo por Diego Bea Besada, por que escollestes este formato de gravación?
Pedro: «Non había unha preprodución dos temas, nin era a intención. Así soaban nos ensaios e así quixemos rexistralo».
Caldo fíxose realidade, en parte, grazas a unha campaña de micromecenado que superastes con éxito. Esperabades tal acollida, tendo en conta, daquela, a curta idade do proxecto? Repetiriades experiencia?
María: «A verdade é que foi toda unha sorpresa. Estamos súper agradecidas a todas as persoas que participaron nel, porque o certo é que foi un empurrón brutal para que fósemos facendo o noso camiño. De momento, non o volvemos considerar».
A narración do videoclip de “Arrolo de Cumieira” está baseada en elementos simbólicos das tres xeracións principais ás que o vídeo trata de achegarse: á millennial, á xeración Z e á X. Diriades que acadastes este obxectivo? Como lembrades a súa gravación?
Anaïs: «Quedamos moi satisfeitas, máis que do videoclip en si, de todo o traballo previo feito coa cativada que participou. Foi moi enriquecedor aprender de nenos e nenas tan ilusionados e ilusionadas».
En 2020, fostes galardoados co Premio Martín Códax da Música na categoría de Música Folk, ademais de gañar o primeiro premio no Concurso Fran Pérez ‘NARF’. Que significaron estes recoñementos para vós e para a vosa carreira?
Anaïs: «Penso que foi unha inxección ben grande de confianza para poder afrontar o escenario con máis ganas das que xa tiñamos e, por suposto, un recoñecemento a todos os anos que levamos dedicadas á música tradicional».
Pedro: «Pois nos NARF foi onde coñecemos a Cernadas (crnds) e propúxonos gravar algo con el. De aí saíu “Acorro”».
A finais de marzo de 2022 lanzabades “Acorro”, un arranxo voso sobre unha melodía tradicional da zona de Tordoia (A Coruña) que marcaba un punto de inflexión na vosa carreira: escoitamos tradi galego nun contexto máis progresivo, máis experimental. Que propiciou este cambio?
Anaïs: «Penso que a propia melodía de Tordoia xa nos inspirou para levar “Acorro” a outro terreo. Ademais, coincidiu que foi aí onde coñecemos a Cernadas e nos lanzamos a probar con el».
Pedro: «A melodía só ten tres notas; as melodías máis arcaicas teñen moi poucas notas, e este era o caso. Intentamos facer algo moi básico, simple e contundente. Realmente o tema xa era así... bravo».
Esa experimentación sonora brilla con luz propia en Lugar A Ponte (2023), o voso novo disco. Cal é a idea tras el? Como se desenvolve ata materializarse nesta decena de novas pezas?
Anaïs: «Primeiramente non hai unha idea concreta sobre Lugar A Ponte, simplemente sabiamos que queríamos sacar outro traballo; os temas foron aparecendo e compoñéndose de xeito natural, como viñamos facendo ata agora.
A diferenza foi que, desta volta, e xa sabendo que iamos gravar con crnds, decidimos facer a preprodución na casa, o que propiciou que puidésemos comezar a xogar con máis tímbricas, texturas... e así ir creando un fío condutor que nos levou a conectar os 10 temas de Lugar A Ponte».
Pedro: «Os primeiros bosquexos dos temas fraguáronse no confinamento, pero non foi ata o ano seguinte cando comezamos a traballar neles aos poucos. “Acorro” presentámolo como o primeiro adianto do disco, pero finalmente quedou fóra xa que non casaba coa áurea que respiraba Lugar A Ponte».
O título é unha homenaxe ao que foi o fogar de CALDO durante anos: o lugar da Ponte (36388, Gondomar). Que pasou nesa casa para que mereza un título?
Anaïs: «Pois xustamente iso. Lugar A Ponte foi o fogar de Caldo dende os inicios. Aí vivimos centos de ensaios, xuntanzas, charlas, plans... E xusto despois de rematar a gravación tivemos que deixar esa casa, así que non dubidamos á hora de escoller o nome para este disco».
Pedro: «O fogar é a idea que vertebra todo o disco, polo que pensamos que non había mellor forma de pechar esta etapa que poñendo a dirección da casa onde se cociñou todo».
Este segundo disco é un traballazo de ourivaría sobre texturas, atmosferas, capas... novos elementos que marcan unha estética que vai máis aló do tradicional. Como traballades todos estes aspectos ata acadar, con éxito, a peza final?
Pedro: «O disco comezamos preproducíndoo nós. Desde o principio sabiamos que queriamos que fose un disco de estudio, aínda que algunha gravación finalmente fose en directo. Ao traballar así podes ir experimentando desde o principio que é o que pide cada tema.
Por exemplo, sabiamos que neste disco queriamos gravar gaitas graves, como xa fixeramos con “Acorro”. Hai bordóns de gaitas (roncos e ronquetas) en numerosos temas de forma que, sen querelo, xa iamos fiando unha nova textura que non existía no primeiro disco. Logo a axuda de Cernadas foi decisiva para atopar o son que buscabamos».
Lugar A Ponte foi producido e gravado man a man con Alberto Cernadas (crnds). Como foi o traballo conxunto? Canta «culpa» ten el na nova sonoridade de CALDO?
Pedro: «Cernadas ten un oído impresionante e unha gran sensibilidade; traballar xunto a el foi o mellor que nos puido pasar. Antes de entrar no estudio tivemos varias reunións de como ía ser o proceso de gravación e falar de referencias. Démoslle moitas voltas a que gravar ao vivo e que non; unha vez no proceso fóronse mudando cousas, quitando e engadindo outras.
O tema “Outro lugar” foi o único que fixemos con el desde cero. Tiñamos o tema medio producido, pero el non o vía claro e comezamos desde o principio de novo. Penso que ese tema é un dos máis especiais do disco e onde máis pegada hai de Cernadas».
O álbum evidencia unha tendencia en alza, a hibridación da música tradicional galega con outros estilos e contextos contemporáneos. Como vedes vós esta tendencia?
Pedro: «Sempre que non sexa algo forzado é benvido. Para min a cousa está en saber canalizar diferentes influencias e facer algo orixinal. Quizais agora a tendencia é xuntar o trad cos sons da música urbana; supoño que son modas. O problema pode xurdir cando empeza a soar xa todo igual».
Anaïs: «Está claro que a música tradicional está de moda, e as modas son benvidas porque permiten abrir mercado e gañar público que pode permanecer.
Eu teño sentimentos encontrados coas novas formas de facer música desde a tradición. Por unha banda, a tendencia lévanos a experimentar con outros estilos, mais non se debe perder de vista aquilo co que estamos a traballar. Facer as cousas primando a inmediatez é pan para hoxe e fame para mañá».
Ademais da produción, a outra novidade que atopamos en Lugar A Ponte está nas letras, con textos propios asinados por Anaïs (a maiores das letras tradicionais adaptadas). Anaïs, que che empurrou a escribir desta vez? Que, ou quen, che serviu como inspiración?
Anaïs: «Pois era un paso que tiña ganas de dar e sentinme moi arroupada por Pedro e María, quen me axudaron a mudar, corrixir e dar sentido a moitas das cousas que pensaba. Para min foi algo liberador poder falar dalgunhas cousas, e penso que abrín unha porta que teño ganas de cruzar e ver onde me leva».
Ademais de cancións baseadas en pezas tradicionais, Pedro e María, vós tamén asinades a composición de varios temas (“Valmiñocas”, “Lía”, “Arroz, ovos e solís”, entre outros). Que diferenzas hai no proceso de composición, arranxo ou adaptación nun caso ou noutro?
María: «Realmente, para min non muda demasiado. Coas pezas instrumentais, en xeral, sexan da tradición oral ou orixinais, adoitamos comezar ensinándonos o tema a unha á outra. É lindo tamén este momento de aprender a melodía que te achega unha compi. Despois, o proceso é bastante natural; comezamos a tocalo xuntas, a modificar a harmonía, buscar articulacións e timbres concretos á hora de tocar a melodía. E así, aos poucos, imos construíndo entre as dúas».
A edición física cobra aínda máis peso neste traballo, con todo un equipo artístico detrás formado por Marte Martinka (arte) e Sofía Lorenzo (deseño e maquetaxe), cos textos de Petra Porter. Por que eles e como se foi desenvolvendo a edición?
María: «Sempre apostamos por traballar con xente de confianza, coa que temos bo trato e coa que compartamos gustos, claro.
A Marta (Marte Martinka) xa lle tiñamos o ollo botado. Ela tamén é deseñadora, ademais de ilustradora, e un monte de cousas máis; e ten a súa propia marca: Kifi Lab, da que somos moi fans. Con ela o traballo foi moi fácil; deu no cravo no estilo, co que nos sentimos moi cómodas e no que atopamos semellanzas coa nosa música. Ademais, consideramos que conseguiu crear unhas ilustracións que acompañan a cada peza e a cada historia.
Petra é unha artista multidisiciplinar, a súa creatividade non ten lindes. Ademais é a nosa amiga, e a súa colaboración no traballo xurdiu case de maneira natural. Escoitou as pezas e as nosas historias sobre elas, e fixo unha serie de poemas que axudan a conectar coas historias que hai detrás dos temas.
E con Sofía, que tamén é amiga (temos moita sorte), xa traballaramos na edición do noso primeiro álbum. Fai un traballo de maquetaxe impoluto e ten unha visión especial e un gusto brutais.
Vamos, que demos co dream team».
Germán Díaz ou Luis Peixoto son algúns dos músicos convidados en Lugar A Ponte. Como xurdiron estas colaboracións? Entrastes a gravar xa con elas «pensadas» ou agromaron durante o proceso?
María: «O certo é que no momento de arranxar a “Chulinha das cacharelas” —cuxa idea principal xurdía dun ritmo de chula, un ritmo portugués— e sendo colegas de Peixoto, admirando o seu traballo, pensamos automaticamente nel como peza que completase o tema para o disco.
En “Arroz, ovos e solís” aconteceu algo parecido. A melodía xoguetona e elegante que achegaba Pedro fíxonos visualizar a Germán e á súa zanfona tocando xunto a nós. Falamos con el, que aceptou encantado e ben, pois foi unha alegría a verdade. É unha grandísima referencia da zanfona e unha persoa incrible, foi un pracer compartir con el».
Tamén escoitamos a crnds, en ‘Xuntas’, unha peza que parte da xota da aldea de Laxoso (Ponte Caldelas) recollida por Xisco Feijóo á informante Áurea Adán. Chama a atención o contraste pola súa brevidade e aparente sinxeleza; por que incluíla e facelo deste xeito?
María: «Si, o tema comezou sendo un arranxo a dúo entre Anaïs e eu, que tocamos durante un tempo. A melodía que cantaba Áurea é una lindura, así que non a queriamos deixar atrás. Pareceunos boa idea que fose esta a colaboración que fixésemos con crnds.
Esta colaboración converteuse máis ben nunha reinterpretación de crnds, que xogou coa voz de Anaïs e uns pizzicatos do meu violín que sampleou. É unha visita rápida de crnds polo noso disco [risos]».
Este venres 9 de xuño presentades o disco no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde vos rodearedes de amigos e amigas sobre o escenario. Como vai ser a experiencia? Como son os directos de CALDO?
María: «Pois penso que os directos seguirán tendo moito da esencia de Caldo. Ao final, o directo é o noso, é onde máis desfrutamos e onde máis cómodas nos sentimos. Ademais, estamos desexando volver a dar concertos despois deste parón de case un ano.
O directo do 9 de xuño vai ser moi especial, xa que será a primeira vez que recibamos o feedback de quen nos escoita, e iso é súper enriquecedor para nós. Lugar A Ponte é un disco potente en canto ao emocional, así que a idea é trasladar estas sensacións ao directo do mellor xeito que poidamos».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Anaïs, María e Pedro: «Imos dicir dous: Trilitrate e Xan Campos Trio. Son dous grupos do mellorciño que temos na Galiza e pensamos que deberían tocar máis aquí. De feito, non paran de tocar fóra».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza.
Anaïs: «Un pouco de C. Tangana, de Lido Pimienta, de Xabier Díaz ou de Cesária Évora».
Pedro: «Xusto agora estou a redescubrir a Erik Marchant, cantante bretón que ten un disco que se chama Izhpenn 12 ao que estou moi enganchado. G36 que fan dub pero bastante bruto, e todo o que sacan desde o selo Pressure chámame moito a atención. Pero ben, en realidade o que soa en bucle ultimamente en casa é Xabier Díaz e Bob Marley, que a noso pequerrecho lle flipa».
María: «Pois ultimamente estou bastante en mood chorar con Joji ou James Blake. Pero tamén estou bastante a full cos discos de Hass (Natalie Hass e Brittany Hass) e co último de Neil Pearlman.
En realidade, o groso das miñas plays son reguetón, dembow, rap chorras, e así [risos]».