ROBERT PIER: «A MÚSICA INTERPRETADA DESDE A SACRALIDADE E A ALEGRÍA FAI ELEVAR FRECUENCIAS, ENERXÍAS E VIBRACIÓNS»
Comezou a tocar a guitarra de neno en compañía do seu curmán, sen ningunha expectativa, e, case sen darse conta, estaba a dar microconcertos na súa clase de música do instituto. Desde aquela, Robert Pier pasou por bandas de diferentes xéneros (pop, rock, reggae) e chegou a liderar un par de proxectos ata que decidiu apostar pola súa carreira en solitario.
A súa curiosidade pola diversidade de estilos, e en maior medida pola música de raíz, achégano á guitarra flamenca e ao jazz manouche que, xunto coa rumba, acaban por ser as súas principais influencias á hora de compoñer. Esta fusión de ritmos —que o propio Pier denomina como «fusión consciente»— envolve letras esperanzadoras, mesmo optimistas que acadan o seu momento álxido en Todo sanará (2023), o seu novo traballo discográfico.
Hai máis de dúas décadas que, só ou en compañía doutros, levas construíndo a túa carreira musical, pero que che fixo comezar no mundo da música? Cal foi o teu primeiro contacto con esta disciplina artística?
Robert Pier: «Desde pequeno sempre se escoitou música na casa; os meus pais poñíanme cintas de Los Panchos, Julio Iglesias, Francisco, Demis Roussos, Gloria Estefan... e moitas bandas sonoras de películas.
Ata que, a partir dos 12 anos, comecei a quedar co meu curmán habitualmente para escoitar grupos de rock, pop e heavy, como Extremoduro, Iron Maiden, Halloween, Os Rodríguez, Revólver... Aos 13 anos, o meu curmán, que tocaba a guitarra, animoume a aprender uns acordes, e dun xeito inocente e sen expectativas, comecei a tocar cancións como “Let It Be” dos Beatles ou “Déjame” de Los Secretos.
Nos estudos primarios fun moi díscolo e suspendía todo menos Música, que sacaba notables e sobresaíntes, pois tiven a fortuna de ser alumno dunha formidable profesora de música no instituto que viu potencial artístico en min. Durante ese ano, todos os mércores as súas clases volvíanse microconcertos meus; a partir de aí comecei a compoñer (ano 2000)».
Os teus comezos foron formando parte de bandas de estilos variados, desde o rock ata o reggae pasando polo pop, pero finalmente son as músicas de raíz as que espertaron a túa curiosidade. Que che conquistou delas?
Robert: «O amor pola diversidade musical e cultural, sen ser consciente diso. Encántame tocar con xente variada e crear proxectos musicais».
Foi a música de raíz á que che aproximou á guitarra flamenca, ao jazz manouche ou á rumba, xéneros que tomas como as principais influencias para «configurar o teu propio concepto musical». Como describirías este concepto?
Robert: «Este concepto denominaríao como “fusión consciente”, posto que me fascina estudar os estilos musicais de todas as culturas que me acheguen riqueza harmónica, frescura, enerxía e desenfado nos ritmos, para que me axude a compoñer sobre temáticas que evoquen o festexo da vida, á evolución da consciencia e a estimulación ao recoñecemento do amor».
Que músicos pensas que marcaron máis a túa traxectoria?
Robert: «Sen dúbida o meu primeiro profesor de guitarra Richi Ponce; ese home tivo a facultade de manterme activo e motivado estudando. Cada vez que non me saía algún pase e me frustraba, el dicíame: “A chorar ao campito, tráeme o exercicio aprendido para a semana”.
Pedro Badía, quen me ensinou a fusionar o flamenco coa rumba que anteriormente me ensinara Pablo Bicho.
Logo, noutros niveles: Paco de Lucía, Josemi Carmona, Mark Knopfler, Carlos Goñi, Stochelo Rosenberg (Trio Rosenberg), Rosa Cedrón, Raimundo Amador...».
Logo de anos de formación en música e canto, definindo esa sonoridade que comentabamos, creas o sexteto Robert y Los Muchachicha para os escenarios grandes e un trío paralelo, Robert Pier Trío, para os máis pequenos. Que che empurrou a liderar ambos proxectos?
Robert: «Nesa época a fame de actuar, de crear e de xerar economía, fundamentalmente».
En Robert Pier Trío estabas acompañado por Manu Clavijo (violín) e Carlos Argibay (percusión). Por que eles? Ademais dos seus instrumentos, que dirías que achegaban á formación?
Robert: «Como instrumentistas son fabulosos, moi creativos e enxeñosos. Diría que me trouxeron moita frescura e inmediatez para saír a tocar. Á parte das ganas e ilusión que respirabamos».
Co trío lánzaste ao mercado discográfico con Es lo que siento, soy lo que soy (2012), un longo de 11 cortes gravados ao vivo. Por que escollestes este formato?
Robert: «Xurdiu de imprevisto. Presentamos este formato na sala Bâbâ Bar e un músico que veu presenciar o concerto brindouse a gravarnos; posteriormente levámonos unha grata sorpresa polo son que acadou extraer. Así que nos animamos a seguir co proceso para publicalo.
A día de hoxe ségueme a sorprender a enerxía, a paixón e honestidade que ten este disco (coas súas espontaneidades)».
Non é ata un par de anos despois cando decides presentarte só, como Robert Pier. Despois de tantos anos de traxectoria, que che levou a (volver) comezar en solitario?
Robert: «Sucedeu froito de reunirme co meu outro curmán músico, Frank Astro, un gran pianista desta cidade [A Coruña]. Mostreille todas as composicións —novas e as do anterior EP— despois de que Manu Clavijo marchase para Madrid e os Muchachicha disolvéranse.
A miña idea era facer un disco gravado nun estudo profesional, xa co meu nome artístico en firme, para desenvolver a miña carreira e seguir a nutrirme como músico».
Podemos ser radiantes (Musicarte, 2014) é a primeira referencia en solitario, un disco gravado en Bonham Studios para o que contastes con media ducia de músicos acompañantes. Que supuxo este longo para o desenvolvemento desta nova etapa?
Robert: «Precisaba vivir esa experiencia para adquirir rigor, mestría e madurez nas creacións, e así ter outra desculpa para seguir a xirar e a presentar novo álbum pola península».
É neste disco onde escoitamos “Ahora”, un tema que se presentaba acompañado por un videoclip cuxa realización é bastante peculiar, xa que foi gravado entre 2017... e 2021! Por que esa paréntese de catro anos?
Robert: «Foi debido a que outra curmá segunda (Vanessa Pier), deseñadora tamén da portada e deseño do primeiro disco, gravou parte das secuencias do videoclip en 2017. Despois pasoumas, xa que ela non sabía como realizar a montaxe logo de varios intentos, e eu quedei con esas escenas.
En 2021 coñecín a Álvaro Liste, un profesional do ámbito audiovisual, comenteille que tiña ese material e propúxome complementalo con outras escenas actuais nunha estación de tren».
Falemos do teu proxecto máis especial, o MIP (Músicas Inclusivas e Participativas), xunto a Asociación Tres Por Cuatro, onde rapaces e rapazas de varias entidades sociais únense para formar un coro. Como xurdiu esta idea?
Robert: «En 2016 coñecín o meu actual socio, José Saavedra, nun coworking de industrias musicais. Daquela, eu dedicábame a realizar obradoiros de musicoterapia e reminiscencia en centros de día e residencias de maiores, unha vez rematados os meus estudos sanitarios en 2013.
Ao pouco de coñecelo, José propúxome presentar unha proposta de musicoterapia para persoas con diversidade funcional dentro da convocatoria ‘Cultura Inclusiva’ que publicaba Emalcsa e o Concello da Coruña. A partir de aí desenvolvín unha terapia e pedagoxía baseada na interpretación de mantras, e aí seguimos. Deus mediante».
Co MIP publicas Diversos funcionales, el disco más inclusivo de la historia (2019), gravado coa Banda Municipal da Coruña e artistas como EntreElas ou Lydia Botana. Como lembras a gravación? Como se foi desenvolvendo esa idea que comentabamos antes ata materializarse nun disco?
Robert: «A gravación lémbroa como algo fabuloso e transcendental. Vivimos momentos de plena beatitude e camaradería. Eramos un gran grupo musical gravando o noso primeiro disco, depositando toda a alegría e ilusión dispoñible no canto. Foi indescritible e indeleble.
O proceso foi o seguinte: Na primeira convocatoria de ‘Cultura Inclusiva’ (2016-2017) presentamos os mantras servíndonos musicalmente de guitarra e de maracas. No segundo ano (2018), brindóusenos a posibilidade de musicalos e presentalos nos teatros Rosalía e Colón xunto coa Banda Municipal da Coruña. Logo do éxito pola acollida e encher devanditos recintos, na terceira convocatoria (2019) déusenos a posibilidade de dixitalizar o repertorio e presentar o disco Diversos funcionales no Palacio da Ópera.
Desde entón seguimos a desenvolver con moito meco este proxecto e servizo».
O cumio de Diversos funcionales foi a súa presentación por todo o alto nun concerto no Palacio da Ópera (A Coruña). Que aprendizaxes gardas no peto desa experiencia?
Robert: «Comprendín o realmente poderosa, importante e sandable que é a música. Aprendín a verme a través dos meus compañeiros e o tan belo e valioso que é axudarnos como conciencia unida».
O teu novo disco, Todo sanará (2023) vía luz o primeiro de abril logo de dous anos de traballo. Como foi o seu proceso creativo?
Robert: «Foi toda unha mestría, xa que aprendín moitas cousas a moitos niveis musicais. Foron dous anos de moita entrega e creatividade».
Para a súa produción contaches co pianista e produtor Sergio Delgado. Como foi traballar con el?
Robert: «Foi un verdadeiro agasallo, xa que considero que é un excelente produtor e marabillosa persoa. Síntome bendicido polo privilexio de vivir esta experiencia».
Os 13 cortes que recolle o álbum teñen en común historias de transformación en primeira persoa. Canto de ficción e canto de autobiográfico teñen?
Robert: «Maiormente falo sobre experiencias autobiográficas con ingredientes poéticos e de crecemento persoal.
No canto de ficción, eu denominaríao espiritualidade. Todos estes cortes teñen unha mensaxe clara; levan implícitos moitos ensinos que veñen lembrar a nosa verdadeira esencia. Tamén no disco pódense atopar pezas que realzan e dignifican a grandeza do ser humano, cuestionando, á súa vez, a orde social establecida».
Ademais de músico, tamén es técnico sociosanitario. Retroaliméntanse dalgún xeito ambas facetas no teu día a día?
Robert: «Felizmente así é, un día normal entre semana é un ir e vir coa guitarra e os ovos sonoros! Por fortuna sigo a impartir os meus talleres de mantras das emocións e clases de guitarra. Os findes a expandirme e presentar Todo sanará por aí adiante».
A través deles pretendes trasladar unha mensaxe con efectos sandables, tanto para o que canta (ti) como para que o escoita. Que papel dirías ti que ten a música neste aspecto? No teu caso, produce ese efecto? Dirías que a música te sanda?
Robert: «Eu teño clarísimo que cura. A música interpretada desde a sacralidade e alegría fai elevar a frecuencia, a enerxía e a vibración. Practicando as miñas cancións ou acompañando a outros artistas cheguei a estados elevados de conciencia onde se crea, e posibilítase, o restablecemento das conexións neurolóxicas, a curación e a sandación. O corpo humano é realmente extraordinario!».
As letras veñen cargadas de sentimentos, a maioría de corte esperanzador e optimista. Onde procuraches a inspiración?
Robert: «Na verificación da verdade —coñecemento, amor— a través de ensaio-erro nas relacións humanas; tras tanto tropezón cheguei a percibir a candidez que rodea a cada persoa. Iso é o que creo que conseguín reflectir neste álbum.
Atopo moita temática compositiva no recoñecemento do valor e a evolución; tamén a inspiración vén despois dunha “noite escura da alma”, ou tras varias “horas grises” de estudo».
Na túa opinión, nestes tempos onde o superficial ou material prima máis que o emocional, canto de complicado é chegar ao público con cancións compostas co corazón na man?
Robert: «Tras xa transitar uns sete concertos desta xira, recoñezo a sorprendente acollida do público. Estou a abrirme a confiar cada vez máis na vida; esta lévame a lugares marabillosos onde me reciben almas valentes e abertas a emocionarse, a comprobar outras maneiras de ver a existencia. Na actualidade embárgame unha exquisita gratitude respecto diso».
É curioso como o primeiro sinxelo foi “Podemos ser radiantes”, por que titular esta canción como o teu disco anterior, e por que non incluíla no disco homónimo?
Robert: «Resultou ser excluída do disco anterior por un tema de estética musical, moi ao meu pesar».
Estás inmerso na xira presentación do disco, como está a ser a súa acollida ao vivo? Como son os directos de Robert Pier?
Robert: «Satisfactoriamente están a obter moi bo resultado as actuacións, posto que está a haber un notable espertar colectivo e cada vez ecoan máis os axiomas deste álbum.
Os directos desta proposta comezan desde o calmo e reflexivo, e aumentan progresivamente a intensidade ata converterse nunha festa flamenca/rumbeira, cómica e transcendente».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Robert: «Rosa Cedrón, é a miña artista galega favorita, sen ningunha dúbida. O seu xeito de cantar transmite a excelencia do campo, sutil, cunha exquisita sensibilidade que me atravesa e me transporta a outras realidades incognoscibles».
Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Robert: «Honestidade, broma, serenidade, axitación de consciencia, desenfreo, amor e fusión musical».