• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

SANDFORD MUSIC FACTORY: «ARTISTICAMENTE, FACER O QUE QUEIRAS SEN TER EN CONTA O ANTERIOR É SUMAMENTE SATISFACTORIO»

SANDFORD MUSIC FACTORY: «ARTISTICAMENTE, FACER O QUE QUEIRAS SEN TER EN CONTA O ANTERIOR É SUMAMENTE SATISFACTORIO»
11 SETEMBRO 2023

Hai case dúas décadas desde que Fernán Varela (voz, guitarra), Miguel Anxo (batería), Xurxo G. Grandal (guitarra), David Lourido (baixo) xuntáronse naquel taller mecánico —que máis tarde serviría como inspiración para o seu nome— de San Sadurniño (Ferrol) para «improvisar uns temas». Preto de vinte anos que poderían enfrascarse nos máis dunha centena de concertos en España e Portugal, unha discografía composta (polo de agora) por unha demo, un acústico ao vivo e catro discos de estudio; daquelas improvisacións, estes logros, que dirían algúns. Sandford Music Factory bebe do rock clásico e do grunge, de bandas como Led Zeppelin, Pearl Jam ou Alice in Chains, influencias que salpican unha sonoridade propia definida por guitarras setenteiras pasadas por un filtro do Seattle dos 90.

Están a presentar o seu último traballo discográfico, Altospeaker (Radix Records, 2023), unha viaxe vibrante por tres anos de pandemia e futuros incertos, melodías envolventes, grooves poderosos e riffs mastodónticos.

 

Foto © Juanpa Ameneiros

 

Xa vai para case vinte anos que Sandford Music Factory leva compartindo un rock recoñecido pola crítica e polo público. Como xurdiu a banda?

Miguel Anxo: «Pois iniciámola improvisando uns temas no local; Xurxo xa coñecía a Fernán e eu xa coñecía a Xurxo dun proxecto anterior e de coincidir con outras bandas que tiveramos. Así que non me lembro quen chamou a quen inicialmente para aquela quedada, pero así foi».

Xurxo G Grandal: «Levaba tempo tocando con Miguel, e coñecín a Fernán estudando na Coruña na Escola de Imaxe e Son; cando o escoitei cantar pasou pouco tempo desde que llo dixen a Miguel ata que quedamos no local para comezar a argallar algo xuntos».

 

Descubrimos que nos vosos inicios vos faciades chamar Sweet Oblivion Band, nome que tivestes que cambiar por dereitos de autor. De onde vén o actual?

Miguel: «O nome inicialmente veu do pai de Xurxo, que nos dixera: como ensaiades nun taller mecánico (daquela unha franquía da Ford) de San Sadurniño, teriádesvos que chamar Sanford Music Factory. Pero como xa tiñamos, e xa sacaramos a demo co nome de Sweet Oblivion, deixamos ese como o nome da nosa discográfica propia.

Logo co tema do copyright veunos xenial e engadímoslle unha “d” no medio para facelo o máis arrevesado posible para que non houbese outra coincidencia como co anterior».

Fernán Varela: «Foi algo que xa tiñamos en mente como nome para unha discográfica ficticia, dado que ao principio non tiñamos discográfica. Despois, cando nos pisaron o nome orixinal (Sweet Oblivion a secas) démoslle unhas voltas e como sempre, ante a falta de acordo —nunca montedes un grupo cun número par de membros [risos]— decidímonos por este.

“Music Factory” é obvio; somos obreiros fabricando cancións, e “San” vén de San Sadurniño, que é onde ensaiamos, e “Ford” vén de que o noso local está nun taller que antes era da Ford».

 

Fernán Varela. Foto © Juanpa Ameneiros

 

Aínda que ao escoitarvos nos veñen varios nomes (Pearl Jam, Led Zeppelin, Alice in Chains) á cabeza, a quen sinalariades vós como as vosas principais influencias?

Miguel: «Poderiamos quedar de megaguays e dicir bandas que non coñecen nin na súa casa, pero non, as principais son moi típicas: The Beatles, Alice In Chains, Black Sabbath, Led Zeppelin, Soundgarden... Logo, cada un escoita cousas moi distintas e achega esas influencias os temas, desde Los Estanques ata Mastodon».

David Lourido: «En xeral sinalaría Led Zeppelin e The Doors como as miñas bandas de cabeceira de toda a vida e, en canto a grunge, non son nada orixinal: Pearl Jam, Alice in Chains e Soundgarden».

Fernán: «A verdade é que cada un ten as súas, pero penso que a vertente dos noventa é a que máis en común temos. Algunhas influencias van e veñen (ou máis ben van para non volver) e por iso vai evolucionando tamén o son e as nosas composicións, pero se me pides nomes en concreto non sabería dicirche. Consumimos música, así que mesmo a música chorra dun anuncio da tele pode ser unha influencia; nunca sabes o que queda no fondo do teu cerebro.

Persoalmente a miña maior influencia de sempre foron The Beatles e, a moita distancia, todo o resto».

Xurxo: «A música alternativa dos noventa foi o que máis me marcou; eses grupos con grandes vocalistas Chris Cornell, Layne Staley, Eddie Vedder, Scott Weiland. Logo hai moitas bandas dos setenta que tamén son referentes para min a día de hoxe: King Crimson, Led Zeppelin, Black Sabbath e The Beatles, que foi Fernán quen me meteu no marabilloso mundo das súas composicións. Pero o abano de gustos e estilo é infinito, escoito de todo e moi variado».

 

O rock é un xénero bastante amplo, o grunge non tanto (pero chégalle ben)... onde caería o son de Sandford Music Factory?

Miguel: «Pois, para situar á xente que non nos escoitou nunca, soamos aos noventa. Hai moitísimo máis en nós, pero sería moi complicado de explicar, xa que tampouco sei unha canción que nos represente ao cento por cento. Por exemplo, se alguén só escoita “Fade Blue Away” pode considerarnos unha banda cun son moi popeiro; e se cae en “Blind Spot”, nunha banda moi influenciada pola escuridade de Sabbath e Alice In Chains. Así que, xeneralizando, deixaríao niso, son dos noventa».

Fernán: «Pois, onde lle cadre [risos]... Sempre fomos bastante eclécticos en canto a composicións e visión do enfoque sonoro. As cancións sempre estiveron por enriba de calquera cousa; despois, á hora de enfrontarse co son no estudio, sempre imos axustando sobre a marcha. No caso do Altospeaker foi instantáneo, porque tiñamos a nosa arma secreta, Xurxo, aos mandos».

David: «Vexo a SMF como un matrimonio entre todas as bandas do grunge dos noventa, que en cada tema se poden ver influencias distintas, pero coas raíces ben soterradas no hard rock dos setenta».

Xurxo: «Tivemos a sorte de medrar na época dos noventa, chea de grupos moi variados etiquetados como grunge, e basicamente creo que é o que máis se reflicte na nosa música».

 

 

 

En 2005 lanzades unha demo (S.O), pero non é ata tres anos máis tarde cando publicades Melted to Oblivion, a vosa primeira referencia. Como lembrades este primeiro salto discográfico?

Miguel: «Pois nunca gravaramos nun estudio, así que foi unha aventura para nós; un pouco tola vista desde a perspectiva do tempo, xa que non fixeramos ningunha preprodución nin nada. Tiñamos os temas na cabeza, ensaiados, e alá fomos... Tivemos sorte e saíu todo ben».

Xurxo: «Fomos para A Coruña aos Estudios Bonham sen saber moi ben ao que iamos; lembro que tocaramos xuntos ao vivo na gravación... Moitos paseos en fin de semana, coas súas saídas nocturnas correspondentes e algunha que outra resaca. Daquela ensaiabamos moito e funcionou bastante ben».

Fernán: «Eu máis ben pouco... Estaba nunha etapa convulsa da miña vida; a miña etapa universitaria dando as derradeiras rabeleadas, traballando ao mesmo tempo, así que cando tiña tempo libre basicamente ía do estudio ao bar e viceversa [risos].

Lémbrome especialmente da gravación de “Thin Ice”, que xa soaba ben mesmo sen a parte eléctrica; e de andarlle a dar voltas a “Mr. Wrong”, un tema que fixera arredor de 1999 e decidimos gravar para o Melted; a maxia dos coros en “Never”... Tamén de gravar de reenganche “Insomniac”, pero pouco máis a verdade».

 

 

 

 

A estas primeiras melodías cargadas de emoción e riffs harmónicos, seguíronlle as que os oíntes puideron escoitar en Awen (2011), un segundo longo que acadou a súa máxima expresión durante a súa xira de presentación. Por que pensades que tivo tan boa acollida ao vivo?

Miguel: «Supoño que foi porque as cancións do Awen encheron os ocos que nos faltaban na época do Melted, que eran temas máis de desenvolvemento e non tan directos como no Awen. Así que foi unha mestura moi boa para dar un directo máis completo e compacto. Adaptáronse ben os dous discos e, despois, o Awen vendérase xenial e a xente ía os concertos. Fixemos cousas que non sabiamos co Melted, como unha promoción boa nos medios, por exemplo, e iso notouse moito. Movémonos desde Barcelona a Guimarães, moitos concertos; foi unha época moi chula para nós.

Con ese disco fixemos dous bolos o mesmo día en Madrid, un en acústico na Fnac de Callao e outro na Wurlitzer en eléctrico. Estabamos moi ensaiados e dábanos o mesmo facer un acústico sen preparar. Saía só. E a resposta da xente estaba moi ben. Tamén hai que dicir que neses anos a xente acudía moito máis as salas que agora, ou iso me parece».

Xurxo: «Apostamos por investir en promocionar o disco; eramos máis novos e tiñamos máis dispoñibilidade para dedicarlle ao grupo, e movémonos máis que nunca tocando ao vivo».

Fernán: «Pois penso que foi cando nos empezamos a tomar un pouco en serio o tema da promoción do disco. Tamén foi o primeiro que sacamos cunha distribuidora, así que tivo moita más distribución que o Melted e, por suposto, que a maqueta.

Tamén xiramos todo o posible. Lémbrome de estar traballando en París e ter que viaxar a Madrid para presentar o disco; unha aventura digna de Spinal Tap [risos]. Tamén creo que influíu o feito de que ninguén, ou case ninguén, estaba a facer algo parecido ao noso, así que supoño que aí estaban as claves».

 

 

Os tres últimos cortes, “The Keys of Horizon Part I”, “The Keys of Horizon Part II” e “The Keys of Horizon Part III” conforman unha suite na que envolvedes un tema longo entre dous instrumentais. O de facer temas instrumentais non tivo moita continuidade. Hai algunha razón especial?

Miguel: «Nunca o perseguimos, iso foi casualidade. As tres partes de Keys (menos a intro dos paxariños, obviamente) xurdiron dunha improvisación no local de ensaio e así quedou. Logo Fernán púxolle letra á melodía e así a gravamos, sen retocar ningunha parte daquela primeira toma de improvisación que gravaramos no local. Ten partes instrumentais porque a Fernán nese momento non se lle veu nada á cabeza e non cantou [risos]. Gustounos tanto que, como digo, así quedou.

Non descartamos un tema instrumental nun futuro, non descartamos nada nunca».

Xurxo: «Téñolle especial cariño a este tema, é un dos que máis desfruto tocando ao vivo. Foi froito dunha improvisación no local e así a levamos ao disco; tivemos a sorte de que se gravou o ensaio ese día, porque eses momentos máxicos que saen no local poden quedar no esquecemento rapidamente se non queda rexistro sonoro deles.

En canto a facer temas instrumentais nun futuro non queda descartado, pero temos o privilexio de ter unha voz incrible no grupo e hai que espremela todo o que se poida [risos]».

Fernán: «Na época do Awen o método compositivo aínda se baseaba unicamente nas longas xornadas de improvisación no local, co cal este tipo de cousas instrumentais eran parte do que despois se convertía en temas».

 

 

 

 

O seguinte álbum, Natural Behavior (2015), mantiña a sonoridade do Seattle dos 90 pero, aínda así, escoitamos temas algo máis variados en canto a son. De feito, como foi iso de arrancar “Old Man” a ritmo de pandeirada!?

Miguel: «Pois foi porque o ritmo do tema era moi muiñeira... ou soábanos a iso. Probámolo e funcionou xenial. Como dixen na anterior pregunta, nunca descartamos nada; se funciona na canción, adiante. E, ademais, algunha vez tiñamos que amosar de onde somos!».

Xurxo: «Teño unhas amigas que son pandereteiras e decidimos probar; viñéronse ata onde estabamos gravando e nun par de voltas estaban as pandeiretas tirando da canción. Aínda que a nosa música é claramente de influencia anglosaxoa, foi un xeito de darlle presencia á nosa raíz galega».

Fernán: «[Risos]. Normalmente non nos tomamos moi en serio os nosos temas; a min a verdade ese riff facíame bailar a ritmo de muiñeira nos ensaios, así que por que non engadir unhas pandeiretas?».

 

 

 

 

O voso anterior traballo, Jofre (2018), foi gravado ao vivo no mítico Teatro Jofre de Ferrol; un total de 14 cancións que resumían, e homenaxeaban, 14 anos de carreira. Como foi a selección de entre a trintena de cancións que tiñades ata a data? E por que a gravación en acústico?

Miguel: «O formato acústico foi porque o Jofre é ideal para ese formato. A selección de temas foi complicada; decantámonos polos que se axustaban mellor a ese concepto acústico. Foi unha mágoa non poder engadir “Thin Ice” ou algún tema máis con outros instrumentos a maiores, pero ao final véusenos o tempo enriba e quedámonos co noso formato estándar de guitarra, baixo e batería e moldeamos os temas que mellor se deixaban facer».

David: «A selección foi baseada no que pensabamos que se podía adaptar mellor ao acústico e intentando amosar algo de cada un dos traballos anteriores. O formato “desenchufado” parecíanos o perfecto para un espazo como o Jofre, que convida a crear un ambiente máis íntimo».

Xurxo: «Foi unha gozada tocar no Jofre, dos días que máis nervioso me subín a un escenario. Non había idea de publicar nada en formato físico, pero ocorréusenos gravar o concerto e, ao final, gustounos o resultado; pensamos que era unha boa maneira de facer un pequeno recompilatorio da nosa andaina musical».

Fernán: «Non creo que poida falar por todo o grupo, pero sempre flipei cos acústicos; véxase o de Alice In Chains na MTV, por exemplo. Tamén, á hora de compoñer o primeiro que pillo sempre é a acústica. Invitáronos os nosos amigos de Window Pane a tocar no Jofre (xogamos na casa e o teatro encheuse) e a xente ía estar aí sentada, así que pensamos que cadraba moito mellor darlle unha volta aos temas e ver os que podiamos levar ao terreo acústico; penso que o resultado foi moi bo.

Agora, mirando cara atrás e vendo o que nos saíu para o Altospeaker semella como se estivésemos a pasar unha folla do noso libro».

 

 

 

 

Estades a presentar Altospeaker (Radix Records, 2023), un novo (e agardado) traballo discográfico. Como se foi desenvolvendo a idea deste disco?

Xurxo: «Como a tantos outros grupos colleunos a pandemia no medio da creación; había temas que estaban listos antes de encerrarnos na casa e outras ideas foron xurdindo durante a pandemia. Foi cando empezaron a “abrir as portas” que comezamos a gravar cousiñas e seguir probando con riffs e melodías novas que ían xurdindo».

David: «Foi saíndo moi lentamente e de xeito natural, sen forzar nada. Non había unha idea preconcibida do disco que queriamos facer, senón que segundo iamos sacando temas, viamos que podían ter unha coherencia entre si».

Miguel: «Antes da pandemia xa tiñamos algúns temas. Descartáronse os que soaban menos escuros e centrámonos no material que saía cunha vertente máis dura. Non foi nada premeditado, parecía que necesitabamos mostrar a xenreira que non amosaramos antes. Cando foron pillando forma os oito temas, xa o vimos claro. Este era o camiño que sempre quixeramos, soar e compoñer así.

Supoño que a pandemia tivo moito que ver; influíu en todo o mundo e nós non quedamos fóra diso loxicamente. Hai xente que saíu sorrindo e querendo desfrutar de todo de novo—non é que nós non quixésemos iso, pero saímos un pouco cagándonos en todo; en plan, quen carallo nos devolve este tempo? Metémonos na noite e alí, compositivamente falando, estamos moi cómodos. Tamén nos desenvolvemos moi ben na noite no tempo de lecer, pero iso xa é outro tema e outra entrevista».

Fernán: «Pois como dixen antes, o importante sempre son os temas. Nunca partimos dun concepto previo; imos dándolle forma a temas, algúns van cara adiante e moitos máis van á papeleira. Neste disco e no anterior cambiamos un pouco o xeito de traballar xuntos; hai menos tempo para estar no local e adoitamos combinar ensaios con traballo na casa intercambiando sesións de Pro Tools. Facemos as cousas dun xeito máis asíncrono e penso que iso derivou no reenfoque do son e do estilo. Moitas veces é máis fácil escoitarse a un mesmo na casa que no local co volume ao 11».

 

Xurxo G. Grandal. Foto © Juanpa Ameneiros

 

Altospeaker reflicte tres anos de pandemia e futuros incertos, diriades que foron a vosa principal fonte de inspiración?

Xurxo: «Non especialmente, había cousas que xa viñan de antes. Penso que desde había tempo xa tendiamos a improvisar e a probar cousas un pouco máis cañeiras que o que viñamos facendo. Igual o da pandemia axudou a sentirse cómodos nese terreo máis rabioso [risos]. Non sei, cada un viviu este acontecemento histórico á súa maneira».

Miguel: «Persoalmente non saín nada ben da pandemia e iso reflectino no xeito de tocar e ver os temas. Os demais non sei, pero eu polo menos apliquei toda a mala hostia que tiña e os problemas persoais sobre a batería, e sobre as ideas que debatiamos entre todos por onde levar cada canción».

David: «A maioría dos temas xa estaban perfilados antes da pandemia, a COVID-19 o que fixo foi retrasar todo o proceso».

Fernán: «Non, a verdade é que Altospeaker tiña que ter saído durante a pandemia. Todo iso retrasounos moito, pero ben, deunos a oportunidade de meter algún tema máis e descartar algún outro e así conseguir un disco máis redondo.

En canto ao futuro incerto, en bandas como a nosa sempre é igual de incerto, así que a COVID non nos afectou. Se podemos tocar máis e en mellores sitios, ben, se non, non pasa nada; seguiremos a facer música se nos apetece».

 

 

Nos discos anteriores había certo espazo para temas máis acústicos, pero neste o son endurécese, torna máis escuro e contundente, foi este xiro na vosa sonoridade froito desa incerteza na que foi concibido o disco?

Xurxo: «Foi xurdindo aos poucos; penso que todos estabamos na procura de algo máis cañeiro e así saíu. E, ademais, parece que nos sentimos moi cómodos con este tipo de temas».

Miguel: «Foi o que comentei nas anteriores preguntas... Tamén se xuntou que levabamos tempo con moitas ganas dunha produción así e os temas que saían sinalaban ese camiño, así que todo se tornou moi escuro e contundente».

Foi unha descarga de adrenalina moi necesaria. Non había sitio para temas acústicos, por moi escuros que soasen; precisabamos distorsión e crashear rides».

David: «Pode ser que sexa porque cada vez imos máis vellos e somos máis roñóns...! [Risos].

Fernán: «Non hai temas acústicos porque non estabamos nesa onda neste disco, non quere dicir que non vaian volver. Se había temas menos cañeiros ou acústicos foron caendo a medida que o que ía saíndo superaba en calidade a estes».

 

David Lourido. Foto © Juanpa Ameneiros

 

Os temas asinádelos os catro, como os construídes? Como é o voso proceso creativo?

Xurxo: «Xogamos todos á hora de facer as cancións, sempre foi así; ou saen de improvisacións ou de ideas que trae un e son complementadas polos demais. Das letras sempre adoita encargarse Fernán».

David: «É moi participativo e non hai unha soa maneira de construír. Unhas veces sae un riff no ensaio e se parte de aí, e outras alguén trae unha idea básica da casa que se amplía e se remata no local entre todos».

Miguel: «Cambiou moito a nosa maneira de compoñer. Ao principio era todo a base de improvisar no local, horas e horas, e así xurdían e iamos montando os temas. Máis desde Natural Behavior tiramos moito da tecnoloxía que agora todo o mundo pode manexar. Antes tiñas unha idea na casa, pero se non te lembrabas dela no ensaio, morría; agora, miras o WhatsApp e tes un riff preparado para aplicarlle unha batería...

Tamén improvisamos algunhas de Altospeaker no local pero, por exemplo, “Into the Sound” foi un tema que montaron Xurxo e Fernán a base de intercambiarse pistas de Pro Tools; con todo, “Y.O.U.” é improvisado no local. Houbo un pouco de todo, pero xa non sae todo de ensaiar horas no local».

Fernán: «Nos primeiros discos todo xiraba ao redor das infinitas e interminables sesións de ensaio, nas que iamos gravando en casete o que pensabamos que era bo para despois intentar estruturalo. Con Natural e Altospeaker xa tivemos que virar cara a un enfoque un pouco máis asíncrono ante a imposibilidade de coincidir no local tanto coma nos gustaría. Así que no local dedicamos máis tempo a preparar os directos, pero a parte compositiva é 50% no local e 50% na casa».

 

 

“Blind Spot” foi o tema escollido como primeiro sinxelo adianto, que ten esta canción para que resultase a «elixida»?

David: «Pareceunos un tema moi potente e que rompía bastante co anterior, polo que era unha boa mostra do son de Altospeaker».

Miguel: «Resume ben a sonoridade do disco e, por outro lado, (isto non soa moi guay para unha entrevista) o decidir facer nós tamén o videoclip e que todo estivese nas nosas mans. Que fose o tema máis curto axudou a ser escollida como primeiro single [risos]; non podiamos decantarnos por ningunha, gústannos todas por igual!».

Xurxo: «Sempre nos custa moito coincidir os catro, así que fomos descartando ata que quedamos co tema que máis rompía co que viñamos facendo ata o de agora».

Fernán: «Precisamente iso, era sinxelo, e tampouco tiña nada que ver cos anteriores singles ou temas doutros discos».

 

Miguel Anxo. Foto © Juanpa Ameneiros

 

“Altospeaker” é o tema que pecha e dá título ao álbum, un tema abertamente experimental, ruidista, que dalgún xeito conecta co último tema do primeiro disco, “Sound XX”. Aínda que moi coherente con el, é un tema moi diferente ao resto do disco, como xurdiu e o desenvolvestes?

Miguel: «É un resumo do que pasou na pandemia e na saída da pandemia... Podiamos titulala “Directed by David Lynch” pero “Altospeaker” era moito máis coherente co disco [risos]. É unha tolemia de tema porque así foi o que pasou nestes anos. Mesturamos todo, mesmo audios nosos que xurdiron naquela época, comezamos a raiarnos no bo sentido co título do disco, e os altofalantes, os ruídos, etc...

Hai unha cousa moi guay con ese tema porque a maioría da xente non sabe como enfocar esa paranoia ruidista. A xente que a escoita pregúntanos por ela un pouco sen saber moi ben como clasificala, se de raiada ou de carallada ou de que, pero eu escóitoa e tenme todo o sentido do mundo; paréceme todo moi coherente co que nos pasou nesa etapa».

Xurxo: «O que se escoita aí son audios nos que se proban altofalantes mesturados con riffs, audios de WhatsApp que nos pasamos durante toda a pandemia. Cando mesturei todo pensaba que podía ser o ruído interno que ás veces temos nas nosas cabezas cando estamos a punto de estoupar, pero todo volve sempre á calma».

 

 

Os temas finais dos vosos discos sempre agochan sorpresas: “Sound XX” (Melted to Oblivion, 2008), “The Keys of Horizon” (Awen, 2011), “Altospeaker” (Altospeaker, 2023), dos que xa falamos, e “Goodbye” (Natural Behavior, 2015), un tema sen guitarras (!), con piano e voz. Non cremos que sexa casual... Que ten ese recuncho final dun disco para empregalo dese xeito? É unha especie de campo de probas?

David: «Unha reminiscencia daqueles discos que escoitabamos nos noventa, onde deixabas o play despois do último corte e aparecía aquel tema agochado, que podía ser unha versión, un experimento...».

Miguel: «Cada disco vémolo como unha viaxe e así o queremos representar, e non me refiro ao xeito de representalo como un disco conceptual. Aínda que non teñan conexión, procuramos que as letras leven o oínte por unha travesía onde estea o máis atento posible. Mentres imos dándolle forma o disco non pensamos niso, facemos as cancións e logo ímolas conectando e dando orde. Ao final, se non temos unha que lle dea un peche a esa viaxe, facemos algo axeitado para que así sexa...».

Xurxo: «Se chegas á última canción dun disco, cousa difícil nos tempos que corren, polo menos deixar unha marca que che faga pensar “e isto, por que?”».

Fernán: «Pois penso que o final dos discos sempre é un espazo de liberdade creativa; só os que gustaron dos anteriores temas chegarán aí (se non o escoitan en modo aleatorio [risos]). Pero é como que xa descargaches a responsabilidade nos primeiros temas do disco, e ao final tes un espazo para poñer o que queiras sen modificar a percepción do resto do disco».

 

Altospeaker definiádelo como «o disco que sempre quixemos gravar». Por que?

David: «Porque acadamos o son que desexabamos todos, o cal foi grazas a que o cociñamos todo na casa co traballo inconmensurable de Xurxo, que sabe ben como quere soar cada un de nós e como queremos que soe a banda en conxunto».

Miguel: «Pola produción. Non conseguimos conectar o cento por cento coa xente coa que gravamos. Sempre rematan dándolle o seu selo final por moito que esteas enriba da produción; a maiores de que iamos co tempo moi xusto e déixaste facer porque non hai tempo para máis. Con Altospeaker foi todo o contrario; non se rematou ata que todos ficamos cun sorriso na cara.

Non é que non esteamos contentos cos anteriores discos; non quero dicir iso, só que son distintos e levan outro camiño na produción. E tiñamos moitas gañas de facer algo totalmente co noso selo».

Xurxo: «Sempre me fixera cargo da preprodución dos anteriores discos, e moitas veces quedabamos coa sensación de que nos gustaba máis esa preprodución que o resultado final das gravacións. Desta vez animeime a ir un pouco máis alá e encargarme de todo o proceso; foi un camiño longo, lento e de moita aprendizaxe, pero xogaba coa vantaxe de levar anos escoitando as queixas de todo o que nos lles gustaba e de saber máis ou menos como queríamos soar... Así conseguimos quedar todos contentos co resultado final».

Fernán: «Supoño que, aos poucos, ímonos coñecendo máis como músicos e comprendemos mellor as nosas fortalezas e as nosas debilidades».

 

Foto © Juanpa Ameneiros

 

Awen (2011) e Natural Behavior (2015) contaron coa masterización de Alan Douches, de West West Side Music (Nova York), recoñecido enxeñeiro de son cun extenso catálogo de traballos, na maioría de grupos metal. En Altospeaker tomastes vós directamente as rendas, xa que foi gravado e producido por Xurxo. Logo de tantos anos, por que esta decisión? Como lembrades o proceso, sobre todo en comparación ao que estabades acostumados con anterioridade? Repetiredes experiencia?

David: «Vai relacionado coa pregunta anterior; decidimos facelo na casa para ter control sobre todo o proceso, poder facelo con calma e sen os abafos do tempo no estudo de gravación e, de paso, aforramos uns cartiños... Ao final, deste xeito foi todo con tranquilidade e sen presión, que tamén inflúe no resultado final».

Miguel: «Porque Xurxo soubo ler o que tiñamos todos na cabeza desde sempre. Levamos case 20 anos xuntos, sabemos como queremos soar cada un de nós, e agora temos a posibilidade de gravar no local; iso pon as cousas moi doadas para que todos esteamos moi a gusto co resultado final. Logo hai que saber facelo! Manexar eses cacharros para darnos o gusto do que temos na cabeza... Xurxo soubo facelo á perfección.

Gravar con xente de fóra do grupo é moi complicado. Por moito que lle expliques nunca terminas de entenderte ao cento por cento. Nós con Xurxo xa non tivemos que dicirlle nada; el xa sabe como queremos que soen os nosos instrumentos, e tamén de que pé coxeamos».

Xurxo: «Vendo que puidemos conseguir un bo resultado gravando no local de ensaio e na casa, sen as presións de tempo de cando alugas horas nun estudio, e se a vida nolo permite, repetiremos esta fórmula sen dubidalo. De feito, acabamos de gravar unha versión para un tributo a un artista referente para nós que sairá a finais de setembro».

Fernán: «Sempre que iamos a un estudio tiñamos que explicarlle á persoa encargada de gravar, mesturar, etc. o que queriamos acadar. A Xurxo obviamente non houbo que explicarlle nada porque sempre estivo no grupo, en cada ensaio, en cada discusión sobre o arranxo de sempre, en cada conversa sobre discos que nos gustan, etc. Non houbo que dicirlle nada e fixo un traballo técnico espectacular; claro que repetiremos, se non nos mata el ao resto antes [risos]».

 

Dise moi pronto, pero quince anos pasaron entre Melted to Oblivion e Altospeaker. Que diferencias, e similitudes, destacariades entre ambos traballos?

David: «Como broma, sempre digo que debemos ser a única banda que dá máis leña canto máis vella vai! [Risos]».

Miguel: «E case vinte da nosa primeira demo... Que vexo distinto? Pois o mesmo que vexo cando nos vexo a todos, xa non somos as mesmas persoas que hai vinte anos».

Non queremos o mesmo; a vida dá moitas voltas e móstrache moitas caras, e se iso o pasas ao musical, pois aí o tes... Supoño que inicialmente todos estabamos máis tranquilos, logo pasáronnos cousas e cabreámonos un pouco e sacamos o disco máis cañeiro; pois como a vida, cando te fas vello vaste facendo máis rabudo, algo así».

Normalmente as bandas sacan os seus discos máis cañeiros ao principio, nós fixémolo ao contrario. Sempre nos gustou levar a contraria supoño. Ou se cadra foi todo unha casualidade.

Xurxo: «Cando comezas a facer música nun grupo non sabes moi ben por onde van ir os tiros. Co paso do tempo vas atopando o teu sitio e sabendo onde estás máis cómodo e o que funciona mellor. É toda unha aprendizaxe continua. Oxalá poidamos seguir facendo máis música xuntos».

Fernán: «Eu penso que non foron feitos polas mesmas persoas [risos]. Non creo que teñan moito que ver, nin no son, nin no tipo de temas, nin o que queriamos ser como banda. Non me resulta doado atopar moitas similitudes a verdade, pero gústame ver como nos movemos do punto A ao B e non nos quedamos nun bucle infinito no punto A, facendo a mesma canción durante 15 anos. Quizais non é un acerto desde o punto de vista do márketing, pero artisticamente facer o que queiras sen ter en conta o anterior é sumamente satisfactorio».

 

Foto © Juanpa Ameneiros

 

Ferrol é terra prolífica de artistas, como vedes vós a escena musical local?

David: «Hai moita xente facendo cousas, e cousas moi boas, pero dáme pena que á hora de programar se tire moitas veces máis polas “homenaxes” que polas propostas orixinais».

Miguel: «Ben, véxoa ben. Hai bandas guays que levan moito tempo e teñen toda a nosa admiración como Wisdom, Window Pane, Quant, etc... Buf, hai moita cousa!

Algo moi bo da comarca é que podes pasar dunha banda de metal como Schwarzenegger a algo acústico coma Jamie Fithring sen perder a calidade en ningún estilo. É que hai moitas... David toca a maiores de con nós en Nuclear Family, unha banda que leva toda a vida tamén e mola moito».

Xurxo: «Ando un pouco desconectado da escena local desde que a paternidade chegou á miña vida. Podo nomear a Turbo Kraks e ao gran musicazo Jamie Fithring; bandas máis veteranas como Window Pane e Pölisong, e cousas máis actuais como Mentha».

Fernán: «Penso que é a cidade e bisbarra de Galiza con máis artistas de verdade por metro cadrado; non só no referente a música, temos actores, pintores, etc. O problema é que nunca se puxo o foco alí. En Ferrol a musica é unha constante, sempre se cantou e tocou nos bares; non me lembro dunha reunión familiar sen cantar e tocar na sobremesa cando era pequeno.

Como digo, hai moito artista local, pero supoño que evolucionar de artista local a poder vivir diso pasa tamén porque haxa unhas condicións industriais adecuadas, que en Galiza e en concreto en Ferrol non se dan; semella que vivimos perpetuamente en 1982 e os medios de comunicación prefiren falar de calquera outra cousa antes que da arte. Isto é extrapolable ao resto de España, hai un problema moi grande de educación e industria».

 

 

A xira presentación do disco comezou na Sala Ruido (Ferrol). Como foi volver xogar na casa cun novo disco baixo o brazo?

David: «Foi un pracer facer a presentación do disco na casa. Houbo moita xente e sentímonos moi arroupados. Montouse unha boa festa!».

Miguel: «En Ferrol sempre ben, unha festa. Moitas caras coñecidas, loxicamente, e sempre o pasamos moi ben».

Fernán: «Desde que somos banda, agás coa maqueta, sempre presentamos disco nese local. Chamouse Run-Rum, Super 8 e agora Sala Ruido, así que é como tocar nunha extensión do noso local de ensaio; o máis curioso é que a xente segue a responder».

Eu creo que as nosas tocadas en Ferrol están a cabalo entre un aquelarre e unha festa popular».

 

Foto © Juanpa Ameneiros

 

Esta fin de semana subides ao escenario do FeneRock. Para os que aínda non tiveron oportunidade de desfrutar de vós ao vivo, como é un concerto de Sandford Music Factory?

David: «Enerxético. Poden esperar ver a catro tipos suorentos que desfrutan ao máximo facendo música e que tentan transmitilo ao público».

Miguel: «Pois intentamos que sexa o máis intenso posible e que a xente, aínda que non lle mole o estilo manteña os ollos e orellas sobre nós».

Fernán: «Pois non o sei, nunca os vin ao vivo [risos]. O que si sei é que sempre intentamos dar o mellor de nós mesmos e que a xente o desfrute ao máximo; ese é o obxectivo».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

David: «Vou recomendar a unha banda de Ferrol que se chama Demo Rumudo e que me parecen uns verdadeiros fenómenos. Non vos podo definir o estilo... Buscade en Spotify ou YouTube e xulgade por vós mesmos».

Miguel: «Eu non entendo como o primeiro disco de Jamie Fithring non o petou, Torches in the Alley (2015); xa ten uns anos, non é actual, pero é o que se me veu agora a cabeza para recomendar... é un discazo. Tamén recomendaría a Quant».

Xurxo: «Estou escoitando moito a Moura, paréceme unha proposta moi interesante».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

David: «Gústame todo tipo de música, así que podedes atopar de todo. Desde a miña Santísima Trinidade máis un, que son Prince, James Brown, Stevie Wonder e Michael Jackson, ata Orange Goblin ou Kyuss, pasando por Marvin Gaye, Aretha Franklin, Yes, Focus, Albert King, Howling Wolf, Red Hot Chili Peppers, The Allman Brothers, Groundation, Peter Tosh ou Bob Marley, Lady Gaga ou o meu amado Nino Bravo... Case calquera cousa é posible! [Risos]».

Miguel: «Nada, non utilizo Spotify».

Xurxo: «As miñas últimas escoitas: The Gutter Twins, Zeal & Ardor, Ann Peables, Fillas de Casandra, Grande Amore, Filter, The Hives, Kyuss, Nine Inch Niles, Chris Cornell, Alain Johannes, Eleven, Jeff Buckley».

Fernán: «Principalmente música dos sesenta e os setenta: Beatles, Bowie, Led Zeppelin, Sabbath, CSNY... Un pouco dos noventa: The Smashing Pumpkins, Soundgarden, AIC... Tamén un pouco de stoner/psicodelia (por chamarlle algo): Kaleidobold, Sacri Monty, Kadavar, All Them Witches... Un grupo que descubrín hai pouco Frankie and the Witch Fingers e tamén algo de música infantil a cargo de Pakolas. Pouca música española, pero ultimamente flipei moito co proxecto dos Estanques con Annie B Sweet, unha marabilla».

 

  noticias