• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

TODO EL LARGO VERANO: «‘ESPERANDO’ PECHA UNHA TRILOXÍA E ABRE UNHA NOVA ETAPA QUE SEMELLA UN NOVO COMEZO»

TODO EL LARGO VERANO: «‘ESPERANDO’ PECHA UNHA TRILOXÍA E ABRE UNHA NOVA ETAPA QUE SEMELLA UN NOVO COMEZO»
18 SETEMBRO 2023

Hai case vinte anos que Alberto Amigo comezou un proxecto coa idea de «gravar cancións e darlles o son que tiñamos na cabeza, con quen estivese alí [...] funcionando un pouco como un colectivo». Así xurdía Todo el Largo Verano que agora, cunha formación máis estable, segue a manter ese xeito de traballar; esa afinidade entre os músicos á hora de interpretar as cancións é unha das (moitas) cousas que fai que a música de TLV sexa brillante.

É pop, é psicodelia; é música que podería ser a banda sonora idea dunha película de Rohmer ou para ler El bello verano (Cesare Pavese, 1949). O seu último traballo discográfico, Esperando (Ferror Records, 2023), pecha a triloxía que abrían con Entre Anticiclones y Borrascas (2019), ao que seguía Ciencia Ficción (2020), e «abre unha nova etapa que, a diferenza destes últimos anos onde o seguinte paso sempre estaba claro, semella un novo comezo».

 

 

Foto © César Toimil

 

Alberto, como vas desde « buscar a canción perfecta » en Quant a liderar Todo el Largo Verano?

Alberto Amigo: «Pois aquí seguimos, inmersos nesa procura. Coñecín a Óscar ao mesmo tempo que eu comezaba con Todo el Largo Verano, e a colaboración foi mutua desde o primeiro momento».

 

Unha das singularidades da banda é que a súa formación vai cambiando dun traballo a outro: «Todo el Largo Verano foron nesta ocasión...». Por que esta filosofía?

Alberto: «A idea era (e segue a ser) gravar cancións e darlles o son que tiñamos na cabeza, con quen estivera alí nese momento. Funcionando un pouco a modo de colectivo.

Ao principio as nosas capacidades instrumentais eran “limitadas”, por dicilo dalgunha maneira, e tirabamos de intuición; a quen se lle ocorría un arranxo, gravábao, se podía; se non, o gravaba quen fose. Chegamos mesmo a gravar algunha guitarra ou timple a tres e catro mans.

Esa forma de traballar non a perdemos de todo, aínda que si nos fomos especializando e desenvolvendo certas habilidades técnicas».

 

Aínda así, lemos nomes «constantes», como Carolina Rodríguez (voz, pandeireta...), Luís Blanco e Joshua Iglesias (guitarras)... mesmo a outra metade de Quant, Óscar. Que achegan eles ao proxecto?

Alberto: «Actualmente penso que haberá que quitar ese “foron nesta ocasión” e substituílo por “son”, pois semella que comezamos a ter unha formación estable, e sobre todo especializada, desde que comezou esta segunda etapa da banda.

A Luís (Tiquets, Kivanrey) coñecino hai uns anos en Pontedeume, nun proxecto no que coincidimos. Desde entón traballamos xuntos e participou como guitarrista nos tres últimos discos, ao igual que Joshua (Ossobucco) a quen coñezo dende os tempos do instituto onde xa tiñamos unha banda xuntos. Vive en Madrid, pero iso non lle impide participar dunha forma activa.

Carolina (Faltriqueira) é a miña parella, pandereteira e cantante; leva desde o principio facéndose cargo das percusións e voces. Eu encárgome do baixo, das voces, sintes... e da gravación e produción das cancións, un pouco como o director da orquestra. Ultimamente tamén contamos con Elisa Sardiña, violinista e cantante, quen xa gravara con nós no disco Entre anticiclones y borrascas.

Danny Abeledo bótanos unha man gravando teclados, aínda que o seu traballo vai moito mais alá revisando arranxos (xunto con Luís) e mesturas dende o seu estudio de gravación, os RRStudios, onde imos sempre a rematar os nosos discos. César Toimil (Skyhooks) botounos un par de mans e pés coas baterías e un ollo coas fotos promocionais.

E, por suposto, Óscar Quant. Levamos case 20 anos dándonos a turra mutuamente con mesturas inacabadas, arranxos, intercambio de opinións...».

 

Foto © Sara Amigo

 

Outra peculiaridade é o nome do grupo. De onde vén ese Todo el Largo Verano?

Alberto: «Vén de “All Summer Long” unha marabillosa canción (e disco) dos meus adorados The Beach Boys. Unha tradución mal feita intencionadamente que nos remite a aqueles veráns eternos que xa só existen nas nosas cabezas... e que agora vexo nas miñas fillas».

 

Do pop á psicodelia hai infinidade de matices, como definirías o son de Todo el Largo Verano?

Alberto: «César Prieto definiuno como: “pop clásico con harmonías vocais, melodías adhesivas e arranxos coidados, pero inxectáronse (en referencia ao último disco) unha dose extra de enerxía”. Eu cómpromo!».

 

Pasando de estilos a influencias, hai alguén en concreto, artista ou grupo, a quen consideres referente, musicalmente falando?

Alberto: «Antes mencionaba aos Beach Boys. Supoño que, xunto cos Beatles, son o punto de partida; eu de rapaz flipaba con eses sons. Xa non tan rapaz flipaba co son dos Flaming Lips. Todo isto a nivel instrumental e sobre todo de produción, que é a parte que sempre me resultou máis interesante. Como facer que algo soe dunha maneira concreta é algo que me apaixona.

Con respecto aos textos, sempre foi a parte menos natural para min; nunca sentín a pulsión de escribir. Mais como gusto de cantar, pois non foi quedando outra que facelo. O certo é que actualmente me sinto máis cómodo que antes nese papel e me resulta máis doado. Penso que un referente fundamental en quen me fixei moito ao principio por como afrontaba as súas letras foi Francisco Nixon; honestidade e sinxeleza para falar de cotiandade e costumbrismo con certo toque de humor e ironía. Xenial!».

 

 

 

De vacaciones en Marmolinos (2009) é o voso primeiro disco, «“pop de salón”, que dicía un», que chegaba logo de tres maquetas. Cal diriades que foi o momento crucial de decidirvos a gravar un longa duración?

Alberto: «Como consumidor de discos sigo a escoitar a música así, en anacos de 40 minutos, 5 arriba, 5 abaixo... Así que o do longa duración foi o obxectivo desde sempre. No momento en que tivemos cancións suficientes e un concepto, puxémonos mans á obra.

O concepto nese disco consistía nunha harmonía recorrente: “Marmolinos”, que se repetía en diferentes momentos coma sintonías intercaladas entre cancións, ou mesmo dentro delas, dando sensación de unidade a temas que realmente non tiñan unha temática común».

 

 

 

 

Un ano máis tarde publicabades o EP L’Editorial Bruguera des del Barri del Coll (2010), a banda sonora do documental sobre a Editorial Bruguera (Barcelona). Como xurdiu e como lembrades ese encargo?

Alberto: «Sabrina Menéndez, a directora e guionista do documental, é amiga nosa desde hai moito tempo. Xurdiulle a posibilidade de levar a cabo o documental dentro dun proxecto de recuperación da memoria da Editorial Bruguera e chamounos a nós para que nos encargásemos da banda sonora.

Para min, que crieime rodeado de cómics de Mortadelo e Filemón, Zipi e Zape, etc., foi un proxecto apaixonante. A idea era similar ao que contaba antes sobre Marmolinos, facer diferentes variacións sobre unha mesma melodía. Finalmente fixemos dúas: unha como tema principal e outra para os créditos finais; aínda que a nosa idea era facer máis, o tempo botóusenos enriba.

En calquera caso, descubrimos que nos encanta traballar por encargo».

 

O período entre 2011 e 2018 semella todo un longo inverno. Por que este parón? Que supuxo ese barbeito musical?

Alberto: «En 2011 editamos o EP Nueva declaración de intenciones con catro temas que penso que, en certo modo, adiantaban futuros camiños en canto ao son do proxecto.

En 2012 si que chegou o parón, que realmente non o foi tanto. Por unha banda, unha recente paternidade, que logo reenganchou con outra, me mantivo bastante ocupado eses anos. Por outra, pasei a formar parte do grupo Los Huéspedes Felices, con quen gravei un par de EPs e un LP. Tamén aproveitamos o parón, Carolina e máis eu, para pasar a formar parte do coro ferrolán Concerto Tempo.

Para min, que carezo de formación musical, ambas experiencias resultáronme moi proveitosas. Estar tocando nunha banda de rock con ensaios constantes durante cinco anos, rodeado de bos músicos, con estudio de gravación propio foi unha experiencia moi enriquecedora; ao igual que participar nun coro que traballa cun equipo profesional con profesora de canto incluída. As miñas aptitudes co baixo e a voz víronse alteradas (para ben, claro)».

 

 

 

Regresabades con Entre anticiclones y borrascas (Ferror Records, 2019), un disco conceptual no que as cancións representaban dualidades: amor-desamor, sol-chuvia... De onde veu esta idea e como foi plasmala en papel (e notas)?

Alberto: «O primeiro teño que aclarar que neses anos nunca deixamos de pensar en Todo el Largo Verano como un proxecto activo.

Para 2013 xa tiñamos un disco planificado que xamais levamos a cabo por falta de tempo; o que pasou é que algunhas de esas cancións terminaron en discos de Los Huéspedes Felices e outras pasaron a engrosar unha lista coa que me atopei cando por fin conseguín algo de tempo e enerxía para retomar o proxecto. Nesa lista de cancións estaba o groso do que serían os nosos vindeiros discos. Outro problema que nos atopamos foi que os estándares en canto a calidade de son, despois de gravar con Los Huéspedes Felices, aumentaron en canto á miña exixencia.

Así que, en total, tardamos tres anos: desde que comezamos a gravación en 2016 ata que a rematamos en 2019, reaprendendo todo de novo. E levoume tamén a tomar a decisión de comezar os estudos de Técnico de Son.

A inminente voda dun bo amigo en 2018, e un agasallo que queríamos facerlle en forma de canción, terminounos de poñer as pilas e ese ano publicamos un EP de tres cancións.

Para o ano seguinte tiñamos listo Entre anticiclones y borrascas, un disco partido en dous (que ben funcionaría en vinilo!), que fala do amor e do desamor cun desenvolvemento narrativo onde as cancións van falando das diferentes fases dunha relación amorosa: a euforia inicial, o  namoramento, a costume, o fastío, o reproche... ata o seu final, que é un novo principio».

 

 

 

 

En xuño de 2020 —aquel xuño no que remataba a derradeira fase da desescalada e comezaba a «nova normalidade»— lanzabades Ciencia Ficción (Ferror Records, 2020), longo creado durante o confinamento. A situación, un tanto distópica, afectou dalgún xeito ao proceso creativo deste traballo en comparación cos anteriores creados, digamos, en liberdade?

Alberto: «Aquilo foi flipante. En todos os sentidos, claro. Pero é que só pasaron seis meses entre o anterior disco e este e non foi algo planificado. Dispoñiamos de todo o tempo do mundo e dedicabámonos a gravar como se dunha xornada laboral se tratase.

Óscar e máis eu comezamos a traballar en cancións sen un obxectivo concreto. Enseguida uníronse Luís, Joshua e Carolina e nos iamos pasando as cancións e gravando cada un as súas partes dende as súas casas. Como tiñamos a cabeza voada coa situación, ao principio as cancións trataban un pouco sobre todo o que estaba a pasar, aínda que despois xa non.

De aí saíron os discos Ciencia Ficción de TLV e Basado en hechos reales (Ferror Records, 2021) de Quant».

 

 

 

 

Formastes parte do recompilatorio Andrés do Barro. Pop, Saudade e Memoria (Ferror Records, 2021) con “Pra che falar de amor” e “Amor, Amor”. Sendo ferroláns e facendo un pop que gravita arredor dos 60 a conexión parece obvia... Que significou para vós poder participar nesta (sempre merecida) homenaxe?

Alberto: «Pois significou unha nova oportunidade para aproximarnos e reivindicar unha figura á que admiramos. O tema “Pra che falar de amor” paréceme unha canción preciosa que me encantou gravar. E en “Amor Amor” tivemos a oportunidade de “disfrazarnos” baixo outro nome (Jacobo e Alberto) e afrontar o tema desde unha perspectiva algo diferente a como adoitamos; ademais de traballar con Jacobo Veiga, un amigo con quen tiña moitas ganas de facer algo xuntos».

 

 

 

Protexer, alertar e socorrer. Cantigas de Axuda (Ferror Records, 2022) é o voso anterior disco; unha colección de temas didácticos publicada no marco do proxecto “Escolas Seguras” para escolares de infantil e primaria. Como foi compoñer para o público infantil?

Alberto: «Ese foi un proxecto moi bonito que, por desgraza, non chegou a materializarse en nada concreto fóra dos catro temas publicados.

Supoñíase que eses temas acompañarían a catro unidades didácticas diferentes sobre protocolos de actuación nas escolas ante un perigo, un incendio, instrucións para facer unha RCP e os protocolos de actuación ante a COVID (hoxe obsoletos). Xa estaba todo feito —cancións, unidades didácticas, dous ou tres videoclips —nun deles con nós tocando no Parque de Bombeiros— mesmo chegaron a presentar o proxecto na Universidade para a prensa e os rapaces dos vídeos. E despois... nada. Unha mágoa.

Compoñer para un público infantil impúxonos moito. Respecto a iso falamos bastante con Luís Paadín, o ilustrador, e con Carolina, que é mestra. Ao final, a conclusión á que chegamos é que concesións cero, tanto no musical como na linguaxe empregada. Estas cancións poderían formar parte de calquera disco de TLV. A música para nenos non existe».

 

Foto © César Toimil

 

Estades a presentar Esperando (Ferror Records, 2023), o voso disco máis recente que foi publicado, xusto, un día despois de comezar o verán 2023. Como se foi desenvolvendo o álbum? Que hai detrás desta «espera»?

Alberto: «Hai un conxunto de cancións que pechan dalgunha maneira unha etapa; falan sobre a espera e sobre esperanza. En certo modo foi a sensación que quedou despois de recobrar a normalidade... unha serie de anhelos que pode que se cumprisen ou que non.

O título tamén fai referencia a unha espera real sobre o propio disco, pois tiña que ter saído un ano antes, máis por mor dun pequeno accidente doméstico houbo que retrasar a súa gravación.

Pecha unha triloxía e remata con esa lista de cancións que, como dicía, fun acumulando estes anos. Non todas son vellas, outras son noviñas de todo, como é o caso de “Esperando por ti” ou “Tu castillo de cristal”. Pola contra, “Es imposible” e “La misma canción” foron candidatas no seu día para Anticiclón e Borrasca respectivamente.

Tamén pechan a miña formación como técnico de son, que ademais me brindou a oportunidade de pasar case tres meses de prácticas en RRStudios con Danny Abeledo e con Melo García mesturando o disco, entre outros interesantes proxectos, que foron un agasallo.

E abre unha nova etapa que, a diferenza destes últimos anos onde o seguinte paso sempre estaba claro, semella un novo comezo».

 

 

En Bandcamp presentádelo cuns versos de Reticências... (1986-1989) (1990) de Ricardo Carvalho Calero, que fan alusión tanto ao regreso como á espera. Que significado, ou relación, teñen co álbum?

Alberto: «En contraposición co disco anterior, Ciencia Ficción, que desde o encerro da COVID miraba cara ao exterior e soñaba, este fai o contrario e mira cara aquí, cara o sitio onde estamos agora, no noso caso Ferrol, e olla a realidade.

Carvalho Calero, tamén ferrolán, tivo por fin as súas Letras Galegas en plena pandemia e non acadou a repercusión que debería. Como fixeramos en Ciencia Ficción cunha pasaxe de Isaac Asimov que falaba dun mundo distópico, nesta ocasión acollemos esta cita de Carvalho Calero e puxémola na contraportada do disco e tamén no Bandcamp para ilustrar o sentimento deste disco. Valla como pequena homenaxe».

 

Agás un par de temas, o resto son da túa autoría. Como foi o seu proceso creativo? Xurdiron primeiro as letras e logo compuxeches a música sobre elas? Ao revés? Ou, como bo galego, depende?

Alberto: «Xeralmente o proceso é sempre o mesmo: eu cantarúxolle á gravadora do móbil as cousas que se me van ocorrendo e o 0’1% máis ou menos dese horror de gruñidos, ouveos e pseudobeatbox acaba transformándose en canción logo dun proceso de descifre, harmonización composición das partes. O último sempre é a letra. Hai cancións listas, cos arranxos e todo, que poden tardar anos ata que teñen letra».

 

 

En que, ou quen, están inspirados?

Alberto: «Sobre todo falan de experiencias que me ocorreron ou que son próximas a min dalgún xeito, en maior ou menor grado de veracidade».

 

Cando compós xa tes na cabeza cal será o elenco de músicos desa formación mutante que é Todo el Largo Verano?

Alberto: «Agora xa si!».

 

Foto © César Toimil

 

Un dos temas é unha versión, “¡Espera, que quiero hablarte!” orixinal dos vosos paisanos Los Sprinters, tamén banda habitual durante longo tempo de Andrés do Barro. Non é a vosa primeira versión (Do Barro, Los Brincos, The Beach Boys... ata un tema recollido por Alan Lomax!). Como é o proceso de levar un tema alleo ao voso terreo?

Alberto: «Á versión dos Sprinters en concreto tiñamos moitas ganas de fincarlle o dente. É un temazo impresionante e a banda nunca foi reivindicada debidamente. O contexto do disco Esperando, con esa idea de mirar cara aquí, pareceunos a oportunidade perfecta.

Con respecto ao proceso de facer versións, encarámolo con posicionamentos diferentes segundo o tema. Sempre co máximo respecto e con intención de achegarlle algo noso, aínda que coido que é máis o que nos achegan elas a nós.

Cando fixemos “God Only Knows” (“(Non sei) que faría sen ti”), o proceso foi moi interesante xa que, a partir das pistas da música por unha parte e das voces por outra, fomos tratando de descifrar todos e cada un dos arranxos do tema e gravándoos nós de novo. Pero onde aí había un piano, nós gravábamos unha guitarra, e así con todo. Aprendemos moitas cousas que logo usamos. En temas como “A la luna” ou “Si no estás” hai harmonías vocais que teñen inspiración directa nese tema».

 

 

 

 

O LP preséntase cunha peculiar portada, obra de LuísPaadín, na que se observa a representación gráfica da espera por antonomasia: un tícket de charcutaría/peixaría/carnicería... de onde veu esta idea?

Alberto: «Luís Paadín ten unhas ideas incribles; ten unha gran capacidade para asimilar e asociar ideas e as súas ilustracións sempre me sorprenden. Consegue que todo pareza sinxelo sen selo en absoluto. Fixo a arte de (practicamente) toda a discografía de ChinChin Records entre moitas cousas máis.

Sempre fago bromas dicindo que eu fago cancións para poder ver a ilustración que fará Luís».

 

LuísPaadín (ou La Corporación) é tamén un dos nomes recorrentes asociados a Todo el Largo Verano, neste caso á parte gráfica. Por que el? Como é traballar con Paadín?

Alberto: «Somos moi amigos desde hai moitos anos, antes disto xa tiñamos proxectos xuntos e non entendo Todo el Largo Verano sen as súas portadas e ilustracións. Moita clase e elegancia».

 

Unha curiosidade. No voso Bandcamp os títulos dalgúns dos discos aparecen conformando unha única oración co nome do grupo (Todo el Largo Verano Esperando, Todo el Largo Verano Entre Anticiclones y Borrascas, etc.), pero só aparecen así en Bandcamp! Por que?

Alberto: «Todo el Largo Verano de Vacaciones en Marmolinos...

Faime graza integrar o nome do grupo no título do disco e facer que formen frases. Supoño que para remarcar a súa suposta conceptualización. O único disco (longo) que non o fai é Ciencia Ficción.

É así no Bandcamp e nos discos físicos... Nas plataformas dixitais xa me perdo un pouco máis e non teño tanto control de como se mostran as cousas».

 

Foto © Kike Quijano

 

Estades a presentar Esperando ao vivo, aínda que TLV «é un proxecto maioritariamente de estudio», como está sendo a experiencia de tocar cancións que nunca antes tocarades diante do público xunto con estas novas?

Alberto: «Cando coñecín a Luís Blanco e comezamos a traballar xuntos remarcoume a importancia que tiña para el tocar en directo. Un pouco por matar o tempo comezamos a quedar para ensaiar temas seus e de TLV en acústico só os dous. Como o resultado non estaba mal, tocamos un par de veces por aí e vese que lle collemos afección.

Este verán uníronse a nós Elisa e Carolina e demos un par de concertos, tamén acústicos, onde tocamos temas que nunca tocaramos en todos estes anos. Foi moi emocionante e pasámolo moi ben.

Agora estamos a ensaiar con Camilo Fraga (Lunamotos) á batería para ver se este outono-inverno podemos presentar por fin o novo disco (e os anteriores), con banda completa e en rigoroso eléctrico! Por fin».

 

Varios dos vosos álbums publicástelos con Ferror Records, destacada (e admirada) discográfica local. Que tal está a ser a experiencia?

Alberto: «Cando retomamos o proxecto TLV co EP Vámonos Juntos en 2018, chamamos a Fernando e a Serxio de Ferror Records para ensinarllo; cinco minutos despois tiñamos selo, ata o día de hoxe.

Os selos non están a pasar polo seu mellor momento, coa venda de discos relegadas practicamente ás caras, lentas e minúsculas edicións en vinilo, así que a súa labor como aglutinador e altofalante da escena local é imprescindible».

 

 

Ao fío, e xa que nomeamos Ferrol, aínda que indirectamente, que tedes que dicir da escena da cidade?

Alberto: «Pois sempre foi un fervedoiro de bandas. Non son dos que pensa que máis que en outras cidades, pero o certo é que en Ferrol hai moito movemento. Os deostados locais de ensaio municipais, as salas como La Room, Ruído (antes Súper 8), os selos como Ferror Records, CGTH, ou a apertura hai uns anos dos RRStudios, contribúen á saúde da escena local.

Último descubrimento: Pablo Leira».

 

Con case dúas décadas de traxectoria deste proxecto, como ves a evolución de Todo el Largo Verano?

Alberto: «A min gústame pensar que non hai evolución, que estamos exactamente no mesmo punto onde empezaramos, aínda que xa sei que me engano. Penso que moito do que quería facer e contar xa o fixen, así que non teño nin idea de por onde temos que tirar agora.

Desde hai tempo teño en mente facer un disco completamente instrumental... así que igual agora é o momento».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer

Alberto: «Eu teño debilidade por Ataque Escampe. E tamén por Malandrómeda. O que están a facer xuntos é a hostia!».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergonza

Alberto: «[Risos]. Veña! Hoxe: Quincy Jones, The Lemon Pipers, Fleet Floxes, Jesus Christ Superstar, Graham Parker, Detergente Líquido, Cat Stevens, Copa Turbo, The Lemon Twigs... Aínda que o certo é que levo todo o verán escoitando en bucle o último disco de Blur».

  noticias