• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

JUAN CARLOS CAMBAS: «INTENTO QUE A MIÑA MÚSICA TEÑA IDENTIDADE E PERTENZA»

JUAN CARLOS CAMBAS: «INTENTO QUE A MIÑA MÚSICA TEÑA IDENTIDADE E PERTENZA»
15 XANEIRO 2024

Desde que comezou a tocar o piano, cando era tan só un neno no seu Bos Aires natal, Juan Carlos Cambas explorou varios xéneros, desde a música clásica no conservatorio, onde arranxaba partituras de Bach ou Beethoven, pasando polo jazz ata chegar ao folclore arxentino da man de artistas como Raúl Carnota, Suna Rocha, Eduardo Spninassi ou Mercedes Sosa. A partir de aí, Cambas foi definindo o seu propio estilo, «resultado de todo o aprendido»; un que destaca por sons artesanais e orgánicos e que tende pontes entre ambas beiras do Atlántico: a de Arxentina e a de Galicia, onde actualmente reside desde hai máis de dúas décadas.

Logo do éxito de A VIAXE / Dende Arxentina ata Galicia (2021), un disco conceptual coa emigración como protagonista, Juan Carlos Cambas despedía o ano pasado co lanzamento de Camiño Aberto / Canto libre de Galicia e Latinoamérica (2023). Xunto á cantante Rosa Leiro, o pianista curou unha recompilación de grandes temas da canción popular arxentina e galega.

 

 

Foto © Horacio Sabatini & Rox Boyer (Boyer & Sabatini)

 

Cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Foi sempre o piano o teu instrumento de referencia ou tocaches outras «teclas» antes?

Juan Carlos Cambas: «Desde que era moi pequeno sentinme atraído polo piano; de feito, cando estaba na escola primaria en Bos Aires, a profesora de música falou coa miña nai para que tomase clases particulares con ela. Eu non tiña piano e non podían comprarme un, así que a miña mamá, que era porteira no edificio onde viviamos, falou cunha señora moi maior que fora pianista e vivía no cuarto piso para que me prestase o piano para estudar.

Así comecei, estudando os sábados pola mañá e durante a semana estaba ansioso para que chegase ese día. Como as clases sabíanme a pouco, uns meses máis tarde entrei no conservatorio».

 

Na túa adolescencia no conservatorio do teu Bos Aires natal, considerábaste «musicalmente rebelde» por facer arranxos sobre partituras de Bach ou Beethoven, pasando da música clásica ao jazz ata chegar, finalmente, ao folclore arxentino. Como lembras esta experimentación, e consecuente evolución musical, dos teus inicios?

Juan Carlos: «Encantábame a música, pero non así a música clásica —se iso é ser rebelde... érao— e o único lugar para estudar piano nesa época eran os conservatorios. O Conservatorio Nacional de Bos Aires era realmente duro para un neno; hoxe o penso e creo que non me frustraron porque para min era imposible renunciar a iso, pero con 6 anos estaba mesturado en clase con adolescentes, e entrar á clase individual de piano era como ir a misa: solemne, sen a máis mínima empatía.

Xa de adolescente busquei moito, estiven cun profe boísimo de jazz pero tampouco era o meu, pero el gravoume un casete de folclore arxentino e suramericano e iso vooume a cabeza; así descubrín esta música marabillosa e infinita».

 

Foto © Horacio Sabatini & Rox Boyer (Boyer & Sabatini)

 

Como describirías a música de Juan Carlos Cambas na actualidade?

Juan Carlos: «Creo que son o resultado de todo o aprendido. E non falo só de estudar música; refírome ao vivido viaxando, coñecendo o lugar físico ao que pertence cada música e a súa xente, escoitando a grandes referentes, grandes mestres, e compartindo música con eles.

Comecei desde moi abaixo, desde o máis humilde escenario aos máis grandes escenarios do mundo... En definitiva, intento que a miña música teña identidade e pertenza (non é un híbrido), toco arranxos orixinais e co meu selo persoal e, ademais, cada obra das que interpreto representa un lugar no mundo. Por exemplo, se falamos de tango falamos de Bos Aires e o Río da Prata, se falamos de muiñeiras situámonos xeograficamente en Galicia».

 

O teu achegamento ao folclore arxentino foi a través de Raúl Carnota, Suna Rocha, Eduardo Spinassi... que ensinanzas gardas destes, para ti, referentes? De que xeito moldearon a túa traxectoria?

Juan Carlos: «Xustamente o casete que me gravou o profe de jazz era de Suna Rocha e Raúl Carnota, a quen puiden traer a Galicia en 2005, e ao piano estaba o que foi o meu mestre: Eduardo Spinassi.

A partir de aí, gañei o Festival de Folklore Baradero en 1995 e gravei o meu primeiro disco, Solo luz (1997), con todos eles como convidados; con Spinassi gravei a dous pianos. Este disco abriume moitas portas e, como bos mestres, ensináronme o camiño porque eles xa o transitaran antes, pero non para imitalos, senón para non desviarme, para non agarrar atallos que me levarían para outro lado... E graveime a lume o de o que moito cega, pouco aluma”».

 

Juan Carlos Cambas con Mercedes Sosa en Bos Aires (1993)

 

Outro gran nome deste época é o de Mercedes Sosa, considerada a maior expoñente do folclore arxentino e unha das figuras máis relevantes da nova canción latinoamericana. Que significou ela para ti?

Juan Carlos: «Mercedes foi, e é, a voz e o pensamento de Latinoamérica; un canto á liberdade e aos dereitos humanos.

Eu comecei a ir todos os seus concertos, ía despedila ao aeroporto e a recibila, a saudala despois de cada show e, un deses días con moita xente ao redor, díxome ao oído: “venite a cear connosco”. E así, aos poucos, funme achegando a ela. Fun moitas veces á súa casa e a soas escoitaba os seus monólogos eternos que a min me fascinaban; sen sabelo estaba a aprender, a descubrir un mundo novo —eu era como unha esponxa— ata que a convidei a gravar no meu disco. E cando gravamos sentín que tocaba o ceo coas mans; era un chanzo transcendente para min e doulle as miñas grazas infinitas e eternas. Canto se lla estraña!!».

 

 

Ademais destes artistas que nomeamos, hai algún outro que tivese especial impacto no teu xeito de interpretar, ou de entender, a música?

Juan Carlos: «Cando cheguei a España tiven que sobrevivir e comezar de cero. Ninguén me coñecía e eu tampouco a eles, e aos poucos fun descubrindo aos meus novos referentes, arrincando como un principiante. Pero cambiou a miña vida cando coñecín a Dulce Pontes, descubrín Galicia con Uxía e Carlos Nuñez, achegueime á música vasca da man de Kepa Junkera, ao flamenco con Daniel Casares, e foi un fito gravar co cubano Silvio Rodríguez».

 

 

 

Debutas en solitario con Solo luz (1997), un álbum editado en CD e casete que recollía unha ducia de temas; nalgúns deles contaches con colaboracións deses artistas que considerabas mestres e referentes. Como foi o salto ao mercado discográfico como solista instrumental? Porque seica como acompañante xa tiñas experiencia!

Juan Carlos: «Na distancia, ás veces pregúntome como fixen algunhas cousas, como tomei decisións ás veces drásticas, pero que me alegra enormemente tomalas.

Evidentemente estaba cómodo como músico acompañante, era fácil: estudar, ir tocar onde me dixesen e cobrar, pero sentía que a música era máis que iso, que eu tamén tiña cousas para dicir... e tireime ao baleiro. Logo de gañar o Festival de Baradero ‘95 como solista instrumental só toquei nos meus propios proxectos ata hoxe. A única excepción que fixen foi acompañar durante dez anos a unha das mellores voces do mundo, Dulce Pontes, todo un ensino para min. Logo veu o disco Almas en el viento (2017), onde estaban case todos os meus referentes de Arxentina.

Outra decisión drástica que tomei foi deixar de ser arquitecto superior para dedicarme só á música».

 

 

Fillo de emigrantes (galega e asturiano), hai máis de dúas décadas que cruzaches o Atlántico para asentarte en Vilagarcía de Arousa, facendo o camiño inverso ao que fixeron os teus pais. Cunha sólida carreira como pianista en Arxentina, como afrontaches continuala aquí en Galicia onde, nun principio, podía semellar que comezabas desde cero?

Juan Carlos: «Así é, comecei de cero. Falamos do ano 2002, onde só había Messenger, pero non había redes sociais, nin WhatsApp, nin videochamadas. Imaxinen cando viaxaron os meus pais, só había cartas!

Cambiar de país é como cambiar unha planta de maceta: podes sobrevivir e asentar as túas raíces ou podes morrer no intento. Non só non coñeces a ninguén, nin ninguén che coñece a ti, senón que perdes o teu pasado. Non podes falar con ningunha persoa de algo que che sucedeu antes, e se coñeces a alguén novo pásache o mesmo: non hai unha historia común, nin persoal, nin social. O desarraigamento, a morriña, é algo moi desesperante; non coñeces a amigos, non coñeces lugares, nin programas de TV, nin case música salvo os internacionais como Serrat.

A miña formulación foi clara: o océano non nos separa, únenos; molla as nosas costas. E a partir de aí, pensei en que os meus pais españois, como tantos, foron tamén embaixadores da súa cultura e eu era o resultado desa mestura entre os pobos orixinarios arxentinos e as achegas das sucesivas inmigracións. E así veño tendendo pontes desde hai máis de 20 anos».

 

Juan Carlos Cambas con Dulce Pontes no Teatro da Ópera de Budapest (2012). Foto © Oana Radu Turcu

 

Durante case unha década fuches o pianista acompañante da artista portuguesa Dulce Pontes nas súas xiras internacionais, o que che levou a compartir escenarios con ela en máis de vinte países. Como xurdiu esta oportunidade?

Juan Carlos: «En 2002 escoitei por primeira vez á portuguesa Dulce Pontes e namoreime da súa música. Coñecina, regaleille o meu disco Almas en el viento onde canta Mercedes Sosa e, aos poucos días, chamoume; fun vela a Ponte de Lima e ao pouco tempo convideina a tocar comigo no Festival de Cosquín en Arxentina e veu, non o podía crer! Dulce por primeira vez no meu país! E de aí, 10 anos tocando con ela e un disco en castelán con moita música e artistas arxentinos invitados».

 

 

Como foi traballar cunha grande do fado como ela? Que destacarías daquela experiencia?

Juan Carlos: «Dulce non é unha fadista ao uso. É unha artista versátil que se move como peixe na auga no mundo do fado e o folclore portugués, pero que interpreta como ninguén a obra do mestre Ennio Morricone xunto a el, pero tamén reinventa o folclore suramericano. A súa voz pasa ademais polo jazz, o flamenco, os sons guturais máis ancestrais... todo con recursos vocais infinitos.

Coñecer de preto a Dulce é como estar noutra dimensión, ademais de descubrir os grandes escenarios dos 26 países onde toquei con ela. Evidentemente marcou un antes e despois na miña vida e na miña carreira».

 

 

 

O teu terceiro disco, A VIAXE / Dende Arxentina ata Galicia (2021), é un ambicioso traballo conceptual que conta a historia da emigración dos teus pais Pilar e Juan a Arxentina e a volta de toda a familia a España cincuenta anos despois. Foi como pechar o círculo da vosa historia familiar?

Juan Carlos: «Outra das miñas tolemias que non sei nin como a fixen. Un traballo conceptual para min é primeiro pensar no bosque e logo en cada árbore.

O meu bosque é a miña idea reitora, contar a viaxe de ida e volta dos meus pais, que tamén é a viaxe de máis de dous millóns de emigrantes galegos a Arxentina. Como levar iso a un disco? Esa foi a gran pregunta que fun respondendo durante os dez anos que estiven gravándoo. Por agora só saíu A VIAXE, pero teño gravado moito do segundo cedé.

A VIAXE é o meu ADN, a miña biografía contada en primeira persoa; músicas nas que refuxiarse e que transcenden fronteiras. Un encontro e fusión de culturas nunha viaxe integradora e enriquecedora a través do mellor da música de ambas as beiras atlánticas».

 

 

A VIAXE é o resultado dunha década de traballo «solitario e silencioso», como se xestou e foi medrando o proxecto, e por consecuencia o disco, durante eses dez anos?

Juan Carlos: «Cando un ten claro o bosque, a contorna, é máis doado contar o que queremos. Así fun convocando a poetas e compositores para que escribisen cancións como “Pilar e Juan”, que conta a vida dos meus pais, ou “El barco” que relata o momento en que subían a ese barco en Vigo, por exemplo, e que despedían ás súas familias; era un antes e un despois, por unha banda a tristeza por deixar os teus afectos, a túa terra, e polo outro lado a esperanza de prosperar e axudar desde Arxentina á túa familia que quedaba en España. Destes dous temas fixen documentais que están en YouTube.

Tamén busquei coidadosamente quen eran os 30 artistas de Arxentina, España, Portugal e Cuba que me ían acompañar.

Cada tema, árbore, é unha obra en si. E así se desenvolve, con todo detalle, e logo todos xuntos forman parte e están ao servizo dun só bosque, A VIAXE».

 

Foto © Iñaki Abella

 

Como no teu anterior disco, de novo escoitamos numerosas e relevantes colaboracións de ambas beiras do Atlántico. Unha das máis destacadas está na canción que pecha o disco, La vida”, onde escoitamos a voz do cantautor cubano Silvio Rodríguez. Como xurdiu a colaboración?

Juan Carlos: «O disco ía incluír só músicas de Arxentina, España e Portugal. Portugal pola nosa unión entre o tango e o fado, pero o meu amigo físico José Edelstein suxeriume a Silvio, porque a inmigración galega tivo os seus portos de emigración: Cuba, Venezuela, Brasil, Uruguai e Arxentina. Entón pareceume brillante incluír artistas deses países e un dos máximos representantes culturais de Cuba é Silvio Rodríguez.

En América do Sur crecemos escoitándoo, el é unha icona en Latinoamérica e un referente para min e para todos os músicos. Eu non o coñecía persoalmente, entón empecei a miña procura: falar con xente que o representa, escribir no seu blogue, buscar aos seus músicos nas redes e escribirlles... En fin, tres meses así ata que a súa frautista e esposa respondeume e púxome: “Silvio quere saber cal é a proposta”, tremíame todo!

Así foi que lle expliquei o proxecto e, por suposto, gravar con Mercedes Sosa e tocar con Dulce daban un aval ao meu traballo; así xurdiu gravar este tema fermoso que pecha e resume o disco, “La Vida”».

 

 

Grazas a unha exitosa campaña de micromecenado puideches publicar o disco en formato físico, nunha coidadísima edición que incluía algúns curiosos extras. Poderías describírnola?

Juan Carlos: «Para min é moi importante que o packaging sexa especial, que cando teñas na man ese disco sintas que tamén hai arte nel. Durante dez anos rompinme a cabeza con moitas ideas diferentes: un contedor como os do porto, un cartafol antigo de pasaxeiros de barcos... e finalmente decidinme. Cando un garda recordos habitualmente méteos nunha caixiña moi coidada, pois o envoltorio é unha caixa de viaxe, con imaxes vintage de barco, mapas, compases, selos... Cando abres esa caixa atopas, ao lado esquerdo o cedé cunha rosa dos ventos marcando os puntos cardinais, e a caixa ten de fondo unha pasaxe antiga de barco a Bos Aires; logo un adhesivo de A VIAXE, unha foto miña co resumo do repertorio, unha foto antiga dos meus pais coa miña nai embarazada de min, e os bordos da foto con esa forma de ondas vintage.

A xoia da coroa un pasaporte, que está feito a imaxe e semellanza do orixinal da miña nai cando viaxou a Arxentina, que é un libro de 70 páxinas con anécdotas, historias... Escribe ademais Ruy Farias, un prestixioso historiador, e fotos incribles de dous fotógrafos arxentinos: Gustavo Levita e Marcos Furer».

 

 

 

Estás a presentar o teu último disco, Camiño Aberto / Canto libre de Galicia e Latinoamérica (2023), unha recompilación de grandes temas da canción popular de ambas as beiras do Atlántico. Como naceu, e desenvolveuse, esta idea?

Juan Carlos: «Os concertos que viña facendo tiñan sempre un formato grande: Maestros & Referentes, Tango & Fado etc., e precisaba un formato máis pequeno, que fose máis fácil de mover e de chegar a outros escenarios.

Un día, de casualidade, descubrín a Rosa Leiro; comecei a convidala aos meus concertos para cantar algún tema e un día propúxenlle armar un repertorio que ambos fomos elixindo coidadosamente. Empezamos tocando en presentacións de libros, premios e eventos varios ata que o levamos a formato concerto íntimo, que logo de dez anos de percorrido decidimos gravar en 2019 e viu a luz o 11 de novembro de 2023».

 

 

Neste álbum traballaches man a man xunto a cantante Rosa Leiro, Rosiña, para dar forma a un repertorio que combina cancións clásicas reversionadas con outras inéditas, orixinalmente compostas para este disco. Como foi a selección dos clásicos? Que criterio seguistes para escollelas?

Juan Carlos: «Rosiña é unha galega de raíz e coñece profundamente a música da súa terra, as súas historias. Durante o tempo que estivemos a tocar xuntos foi pasando moitísimos e variados temas dos que fomos seleccionando algúns, xa sexa pola beleza musical ou pola poesía.

O non ter memoria musical galega previa axudoume moito a reinterpretar e crear arranxos instrumentais e vocais novos e orixinais para obras galegas clásicas, como “Negra sombra”, “Adeus ríos, adeus fontes” ou “Aí vén ou Maio”, ou poder poñer o meu piano a unha xota tradicional como “Fía na roca”».

 

Foto © Horacio Sabatini & Rox Boyer (Boyer & Sabatini)

 

Entre elas cabe destacar Eu só lle pido a Deus”, versión da recoñecida Solo le pido a Dios”, orixinal de León Gieco cunha morea de versións (incluída a de Sosa!) en diferentes idiomas... pero a túa é a primeira en galego! Como foi o traballo de adaptación? Que papel xogou Gieco (ademais do obvio) nesta versión?

Juan Carlos: «En 2010 puiden traer a León Gieco a tocar a Galicia. Fixemos un concerto na Praza do Concello de Baiona e dous no Auditorio de Vilagarcía, e tamén puiden mostrarlle un pouquiño de Galicia.

Nunha comida na casa comentounos a Rosa e a min: “Por que non fan unha versión en galego de ‘Solo le pido a Dios’”, e agregou, “está gravada en 50 idiomas, pero en galego non...” E nós encantados fixémola.

En 2011, cando convidei e Dulce Pontes a tocar en Arxentina, estreámola ao vivo pola TV pública para 17 millóns de persoas, e mesturamos un ritmo ancestral suramericano de huayno coa gaita e acordeón galegos de BellónMaceiras Dúo.

Finalmente, incluímos a versión neste disco coas voces de León e Rosiña, a gaita de Daniel Bellón, e o acordeón de Diego Maceiras».

 

 

No disco hai máis presenza da música de raíz galega que no anterior aínda que sempre en diálogo coa de raíz latinoamericana. É un xeito de tender unha ponte entre ambas? Na túa opinión, dirías que teñen algo en común o folclore arxentino e o galego?

Juan Carlos: «Todos os folclores teñen unha base en común que é a pertenza á raíz. Os ritmos máis ancestrais galegos como o alalá perfectamente pódense comparar aos berros ancestrais das vidalas arxentinas. Pero ademais de inmigrantes, o porto de Bos Aires recibiu a cultura que traían eses galegos, vascos, cataláns e toda a música pampeana arxentina (cifras, estilos, triunfos) vén de Europa; as milongas pampeanas con aires portugueses de melos-longa (melodía longa de orixe lusitana), as raíces comúns dos tangos e os fados con temáticas poéticas similares, ambas as músicas portuarias, fusión doutras músicas...

E que dicir de Galicia! Todos os poetas exiliados en Arxentina, o tema “Lela” da obra Os vellos non deben namorarse (Castelao, 1941) estreouse en Bos Aires; todos os temas escritos en portos da emigración, incluído o himno galego estreado en Cuba... moitos puntos en común».

 

Foto © Horacio Sabatini & Rox Boyer (Boyer & Sabatini)

 

Respecto aos temas orixinais, como foi o seu proceso creativo?

Juan Carlos: «Musicar a poetas galegos que foron calados e que teñen moito que dicir foi a prioridade. É o caso de Manuel Lueiro Rey, do cal fixemos: “Posta de sol” e “Partida de nacemento”, Rosa Leiro puxo música ao poema “Galicia” de Ramón Cabanillas... e logo eu arranxei esas músicas de acordo ao que me inspiraba a canción.

Para os temas de Lueiro elixín piano só, pensando en destacar a importancia da poesía, pero para “Galicia”, pasamos dun himno con piano e violoncello a unha alborada con gaitas e coro».

 

 

Para Camiño Aberto, ademais da voz de Rosa Leiro, escoitamos outras importantes voces galegas como a de Uxía ou a de Davide Salvado, ademais de colaboracións instrumentais asinadas por BellónMaceiras, Cristian Silva ou Efraím Díaz, entre outros. Ademais da súa voz e instrumentos, que pensas que achegan aos temas do disco?

Juan Carlos: «Eu diría que é un disco intimista e reflexivo, cun repertorio coidadosamente seleccionado, con poetas e músicos que souberon traducir á paisaxe, ao home, á súa cultura e o seu tempo en arte e identidade.

Algunhas cancións reflicten os momentos nos que América Latina foi a voz e o lugar de creación dos poetas exiliados, cando en Galicia amordazaron as liberdades. Contamos ademais con grandes artistas e músicos convidados de ambas as beiras atlánticas.

Como conclusión diría que, nun mundo convulso e ruidoso, esperamos que este feixe de cancións de Camiño Aberto sexan un remanso inspirador para un novo día».

 

Estás inmerso na xira presentación de Camiño Aberto, que xa se escoitou en Lugo ou Vilagarcía. Como está a ser a súa acollida ao vivo?

Juan Carlos: «Oxalá fosen xiras sen parar, pero como dicía o poeta “faise camiño ao andar”. O noso traballo é máis artesanal, profesional 100%, pero sen produtora nin axencia de representación.

O público sae encantado porque, por momentos, emociónase; noutros, como “Grazas á vida” canta e en “Eu só lle pido a Deus” empatiza coas persoas que están no medio dunha guerra, e reflexionamos xuntos sobre o importante de vivir en paz que, como a temos, non a valoramos.

O de Vilagarcía foi incrible porque tivemos a moitos dos invitados do disco; en Lugo foi máis íntimo pero precioso, porque ademais conmemorabamos o Día internacional do Migrante».

 

Foto © Iñaki Abella

 

Como describirías os teus concertos? Cales son as vindeiras paradas neste Camiño Aberto?

Juan Carlos: «As persoas que viñeron máis dunha vez aos meus concertos saben que o que prima sempre é a calidade, desde poñer o mellor son aos mellores músicos, abertos a descubrir temas ou artistas que nunca escoitaron, como cando trouxen a León Gieco, Julia Zenko, Raúl Carnota ou Jaime Torres. É dicir, xente que aprecia sentarse a escoitar música. E cando digo música refírome a melodía, harmonía, bos arranxos ou, cando é cantado, a boa poesía, boas voces; ou sexa, non é nin un híbrido musical, nin música enlatada, nin voces deformadas e reformadas con autotune... simplemente, música.

En 2024 seguirá rodando A VIAXE, Camiño Aberto e un concerto que xa estreei en Barcelona e París en 2023 que é só de música instrumental».

 

Falando de actuacións hai unha que nos chamou poderosamente a atención. En 2008 tiveches a oportunidade de facer un concerto privado para o físico Stephen Hawking no Hotel Puerta del Camino de Santiago de Compostela. Como lembras esa experiencia?

Juan Carlos: «Foi incrible. En 2008 tocaba todas as noites, menos os luns, no pianobar do Hotel Puerta del Camino Santiago. Dixéronme que viría Stephen Hawking e que lle gustaba o tango, que organizase un mini concerto para el. Claro, detrás de todo isto estaba o prestixioso físico arxentino José Edelstein que, xunto a Javier Mira, traían a Stephen a Galicia.

Foi inesquecible poder compartir ese momento íntimo para el, poder darlle as grazas pola súa sabedoría. Ao día seguinte estiven como convidado nas primeiras filas escoitando a súa conferencia e, aínda por riba, gañei un novo amigo, José Edelstein».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Juan Carlos: «A min fascíname Carlos Núñez, que é un músico que dedica a súa vida á música; Luz Casal é unha artista doutra dimensión; tamén sinto gran admiración por Uxía, que é como a madriña de todos non? Eu penso que hai máis dunha porque está en todos lados [risos]. Davide Salvado requetegústame o que fai, BellónMaceiras son marabillosos, gústame a sutileza de Alberto Vilas ao piano, Abraham Cupeiro é realmente un músico excelente e único... entre outros moitos».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Juan Carlos: «Vanme atopar a min, pero en diferentes etapas da miña vida, e o que espero é que se vexa a evolución, de menos a máis, desde a miña adolescencia musical á madurez que podo ter hoxe.

Non me arrepinto de nada, porque creo que se nos gustase todo o que xa fixemos sería un signo de que algo falla, de que non crecemos nin musical nin persoalmente.

E aos buscadores de world music ou de músicas de raíz folclórica podería resultarlles interesante».

 

 

  noticias