• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

CAPITAL VOSKOV: «O NOSO SON TEN A DENSIDADE DO POP, A URXENCIA DO ROCK E A TEXTURA DO INDIE»

CAPITAL VOSKOV: «O NOSO SON TEN A DENSIDADE DO POP, A URXENCIA DO ROCK E A TEXTURA DO INDIE»
22 XANEIRO 2024

Xorde das amizades, novas e vellas, das casualidades da vida e, como a ave fénix, (re)xorde das súas cinzas. Álvaro Beiró (baixo), María Galdón (teclados, coros), Alberto Romero y Sergio González (guitarras), Chema Caamaño (batería) e Alfonso Gallardo (voz)  son Capital Voskov e, cada un deles, achega todo aquilo que lles fixo evolucionar, tanto musical como persoalmente. Aquel proxecto orixinario, bautizado como Maestro, converteuse nunha banda con «moitas máis capas», cun son que equilibra pop cru, texturas indie e rock enérxico; unha banda cunha sonoridade moito máis madura.

Abrir el juego (2023) é o seu primeiro álbum, un longo no que Capital Voskov se deixan levar pola intuición e o bo facer coo obxectivo de crear un disco libre de etiquetas. Acádano, movéndose polo taboleiro de ritmos contundentes que xogan entre o indie e a electrónica.

 

 

 

Parte de Capital Voskov é de Muros, outra de Foz, algunha de Pontevedra... como se forxa esta conexión Rías Baixas-Rías Altas ata conformar o grupo?

María Galdón: «Os compoñentes de Muros coñécense desde hai moitos anos; hai unha relación de amizade que xa vén de tempo atrás. Álvaro e Alberto coñecéronse estudando guitarra na Coruña e a min coñecéronme un pouco de carambola cando gravaron o tema de Maestro “Superlativo”, que xa se gravou con Iago Blanco e colaborei no teclado.

Ao final, é unha historia de anos de amizade, novas amizades e casualidades da vida».

 

Como Maestro, descubrimos que a banda estivo a piques de dicir definitivamente adeus, pero rexurdiu das súas cinzas como Capital Voskov. Que propiciou e como foi (ou está a ser) este renacemento?

Alfonso Gallardo: «O mundo da música, a maioría das veces, é demasiado desagradecido. Bótaslle moitas horas renunciando a estar coa familia ou a utilizar ese tempo noutras afeccións; invistes partes dos teus aforros en mellorar o material ou en realizar gravacións de calidade; intentas facer as cancións da forma máis perfeccionista... e, ás veces, tradúcese en nada.

Temos que recoñecer que resulta ben duro tocar unha e outra vez nos mesmos lugares de sempre para eses catro amigos (e dous familiares) recorrentes, e que a xente estea a esperar a que toques a versión de sempre para virse algo arriba.

Cando de súpeto che empezan a preguntar e a opinar das túas propias cancións é cando todo cambia, e esa sensación sentímola por primeira vez este ano».

 

Estivemos á procura do significado do voso nome e o máis próximo que atopamos foi a Vujadin Boškov, xogador de fútbol iugoslavo e adestrador do Real Madrid, entre outros equipos. Como xa temos certa experiencia neste terreo (de xogo)... cal é a súa verdadeira orixe?

Sergio González: «A intención que tiñamos á hora de buscar un nome era atopar algo que se asociase unicamente a nós, xa que os que antes estiveramos en Maestro sabiamos o incómodo que era responder á pregunta “e onde podo escoitar os vosos temas?” cun “pois en Spotify buscas Maestro, avanzas 274 artistas máis e xa dás co noso perfil”. Tiña que ser algo único».

Fonso: «Nun momento dado fíxonos gracia a historia do Programa Vostok, unha misión dos soviéticos nos anos 60 mediante a cal pretendían poñer ao ser humano en órbita antes que os estadounidenses. Na procura da singularidade, deformamos “Vostok” en “Voskov” e fundamos a banda nese intento constante de engalaxe».

 

 

Alén de etiquetas, como describirades o son de Capital Voskov?

Sergio: «Diriamos que ten a densidade do pop, a urxencia do rock e a textura do indie; se se nos permite botar man das etiquetas como matiz».

Álvaro Beiró: «Sempre nos custa moito describilo, pero poderiamos dicir que a sonoridade se cimenta nunha base de guitarras potente pero non agresiva, cun papel cada vez máis claro dos teclados e cun baixo e batería que completan o timbre instrumental, todo liderado pola voz a meirande parte do tempo».

 

Pasando de estilos a influencias, quen diriades que vos inflúe, ou influíu, no voso xeito de compoñer?

Fonso: «Cadaquén é do seu pai e da súa nai, achegando a súa preferencia dun xeito ou doutro, pero o certo é que, cando miramos para arriba, nos resulta imposible non fixarnos en grupos como Viva Suecia, Vetusta Morla, Arde Bogotá, Supersubmarina, Izal e compañía».

 

En abril 2021 publicábase o derradeiro sinxelo de Maestro, “Mírame”, e, en xullo e agosto dese mesmo ano, os primeiros de Capital Voskov, “Farsa” e “Sed” que, finalmente non formarían parte do voso primeiro longo. Foron estes lanzamentos unha especie de ponte entre ambos proxectos, unha proba de fogo? Por que non incluílos no álbum?

Sergio: «Mirando esas datas certamente dá a impresión de que os dous proxectos viviron máis próximos no tempo do que nós probablemente sentimos. O motivo é que “Mírame” se gravara en febreiro de 2020, escasas semanas antes de que a COVID paralizase todo, nun momento no que a banda, ou ben non tiña aínda formación estable, ou era moi recente... entón “Mírame” publicouse sabendo que non tería continuidade.

Xa había un tempo que viñamos traballando nun proxecto novo e é dese traballo de onde saen “Sed” e “Farsa”, que non están no disco simplemente porque saíron dous anos antes, pero si que foron a presentación de Capital Voskov».

 

 

Ambos temas poden interpretarse como unha descrición do duro que é abrirse paso no mundo da música. É así?

Álvaro: «Sempre que lanzamos un novo tema dicimos “este tema agora é voso”. Por suposto que se lle pode dar esa interpretación, pero se lle atopades outra tamén sería correcta».

 

 

 

Por fin, a finais do pasado outubro, e logo dalgúns adiantos, vía a luz o voso primeiro álbum, Abrir el juego (2023). Co disco na man, que diferencias diriades que hai, musicalmente falando, entre Maestro e Capital Voskov?

Álvaro: «A música de Capital Voskov ten moitas máis capas, a densidade sonora aumenta considerablemente. Tamén nos abrimos a modernizarnos, tomando sons doutros xéneros (como por exemplo da música electrónica ou do funk) para tratar de darlle unha identidade máis clara e única. Deste xeito diría que acadamos unha sonoridade máis madura».

 

O primeiro adianto foi “Edimburgo”, un tema no que vemos certos ecos do “Copenhague” de Vetusta Morla. Por que escollelo como primeiro sinxelo?

Sergio: «Porque coa intención de dar sempre un pasiño máis, este tema era pouco continuísta en canto á sonoridade e ademais estaba en galego; pareceunos unha elección bastante clara. Tamén inflúe que, para poder facerlle fronte ao traballo e custo que supón un disco de nove temas, tivemos que organizar as gravacións en varios bloques, e “Edimburgo” estaba nese primeiro bloque».

 

 

Curiosamente, o tema que dá nome ao álbum fai referencia a unha partida —“Abrir el juego (La Partida I)”— o mesmo que na pista 8 con “Estamos a tiempo (La Partida II)”. Como foi a composición destas pezas? Foron feitas para ser «partidas» desde un primeiro momento ou esa xogada veu a posteriori?

Álvaro: «Estas dúas pezas foron moito da man na súa composición e desenvolvemento. Son dous dos primeiros temas compostos para este álbum, pero como as comparacións son odiosas, decidimos separar estes dous “irmáns” na orde final para evitar pelexas».

 

Seguimos tirando do fío e, alén das partidas, botando unha ollada tanto as portadas dos sinxelos (pezas de xadrez) como a portada do disco (un taboleiro), atopamos un concepto claro: o xadrez. É a tradución gráfica da temática do álbum, o xadrez como metáfora de...?

María: «Pois non deixa de ser unha metáfora de como abrirse paso, ou como comezar ese xogo a nivel de poñer en marcha un proxecto, neste caso unha banda.

Nós abrimos o xogo primeiro con ese cambio de nome e un pouco de rematar de definir a nosa identidade, seguimos a partida con este disco que, ao fin e ao cabo, é o noso primeiro traballo de longa duración. E, en función de como nos vaia a vida e como vaia o público respondendo, seguiremos movéndonos polo taboleiro. Reflicte ese momento de atreverse a dar o paso, de iniciar a partida e de ir movéndonos en función de que vaia sucedendo».

 

 

Hai outros, pero o tema central do disco é o amor, canto de autobiográfico teñen as letras? En que, ou quen, están inspiradas?

Fonso: «Resúltanos imposible inventarnos a temática das cancións. Dito isto, os temas sempre están baseados en historias reais, ou tan sequera con parte de realidade. Isto provoca que, dependendo do momento vital no que te atopes, os temas poidan ir para un lado ou para o outro. Agardamos que o vindeiro disco non fale de choros e de vender os instrumentos!».

Sergio: «As letras non podemos dicir que sexan estritamente autobiográficas, porque non contan as nosas vivencias persoais, pero sempre parten dun punto de realidade; dunha idea ou dunha frase que o conecta con algo da nosa vida, que non sempre aparece de forma expresa na canción. Iso fai que o momento vital de quen a escoita leve a unha ou outra interpretación».

 

Como foi o proceso creativo? Sendo seis, como traballades os temas desde a súa concepción ata a canción que escoitamos cando prememos  play? Non debe ser doado, hai división do traballo, roles diferentes?

Álvaro: «Todos os temas parten dunha idea máis ou menos grande e máis ou menos concreta dalgún dos membros. Das ideas que chegaron a formar parte deste álbum, musicalmente podemos destacar o labor de Sergio e Alberto xunto con Chema; e en canto ás letras, a Alfonso xunto con Sergio e Alberto.

Esas ideas logo son postas en común, momento en que os demais membros achegan continuacións, melloras, cambios, problemas, solucións, etc. Os temas adoitan estar bastante “vivos” ata que quedan gravados; prodúcense cambios continuamente nun afán de perfeccionismo. E, aínda así, despois de gravar ás veces aparecen máis ideas que implementamos ao vivo, facendo moitas veces único cada evento».

 

 

Das nove pistas, cinco son en galego; o de incluír o galego foi unha elección ética ou estética?

Sergio: «Dentro da banda hai a necesidade de compoñer en galego como maneira de conectar máis coas cancións, ademais de buscar unha naturalidade nas letras que, tendo a xente que compón na banda co galego como primeira lingua, se cadra non a atopa da mesma maneira co castelán».

María: «Ao final, o idioma é un instrumento máis e cremos que debe estar integrado, ten que reflectir esa naturalidade».

Álvaro: «O tema de facer cancións en galego levaba bastante tempo roldando as nosas cabezas. Tiñamos moito hábito de escribir en castelán malia ser maiormente galego falantes, pero debiamos moito ao noso público galego. Non o forzamos, pero si que as ganas de expresarnos na nosa lingua o fixeron unha realidade. E estamos moi contentos co resultado».

 

 

Para Abrir el juego contastes con Iago Blanco (Drum&Roll) aos mandos da produción, que destaca por estar impecablemente coidada. Como foi traballar man a man con el?

María: «Con Iago acostuma a ser todo moi sinxelo. É un produtor que entende á banda e que sempre mira polo ben das cancións por riba de todo. Achega moitísimas ideas, propón recursos e, sobre todo, coida moito a sonoridade da banda. Ademais de que, no momento no que poñemos un pé en Drum&Roll Studios, o sentimento é como o de estar na casa».

Sergio: «Levamos traballando con Iago desde o inicio do proxecto. Entende moi ben a banda, como traballamos e como queremos soar, e iso axiliza moito todo o traballo que leva consigo facer un disco. E ademais vén tamén con nós aos directos, que é algo que contribúe á retroalimentación en ambos campos».

 

Ao fío, e despois desta experiencia, como credes que debe ser a relación produtor-artista para acadar con éxito o produto final?

María: «No noso caso necesitamos que sexa unha relación de aprendizaxe e confianza entre ambas partes. Iago Blanco saca o mellor de nós sempre pensando no ben maior, que é ese produto final. A máxima é a de deixar egos fóra, traballar todos na mesma dirección e, sobre todo, crear ese ambiente de confianza que mencionamos liñas arriba».

 

 

Despediades 2023 facendo balance, expoñendo por que fora un ano tan especial para vós como grupo. Nós subimos a aposta e preguntamos: que esperades deste 2024?

María: «Penso que o que máis esperamos son oportunidades... Tocar en festivais, en salas, poder rodar, que a xente nos vexa e desfrute co noso directo e os nosos temas».

 

Abrir el juego xa leva un par de sold out colgados... esperabades tal acollida ao vivo? Cando, e onde, poderemos seguir a desfrutar do Improvisaremos Tour?

Fonso: «Pois a verdade é que era impensable contar con este arranque de tour. Que o vendésemos todo nas primeiras datas era de por si unha fantasía, pero a vibra e a conexión do público foi de tolos.

Nestes próximos meses visitaremos Vigo, Pontevedra e Madrid (andade atentos ás nosas redes), e despois agardamos que os promotores se animen a brindarnos a oportunidade de escachala nos seus festivais».

 

 

«Si quieres tener algo que nunca antes has tenido, tienes que empezar a improvisar» dicides en “Farsa”; o tema que pecha Abrir el juego é “Xa improvisaremos”... Ese concepto de «improvisar», que agora tamén dá título a xira, semella unha constante. Que significado ten para vós?

Álvaro: «Se un continúa a facer o que vén facendo sempre vai seguir obtendo o mesmo resultado; cando un ansía un cambio, unha mellora significativa, ten que saírse do que está acostumado e improvisar. Nós o temos claro: cando algo non funciona, o que temos que facer é seguir probando».

 

O voso repertorio semella carne de festi, se tiverades que escoller: sala ou festival?

Sergio: «Diriamos que queremos facer máis festis para poder facer máis salas... ou é mollarse pouco? ;)».

 

Para alguén que aínda non tivo a oportunidade de vivir a experiencia en primeira persoa, como describirades un concerto de Capital Voskov?

María: «Un concerto de Capital Voskov é unha gran dose de enerxía de principio a fin, con partes moi traballadas a nivel musical e, sobre todo, con moitísima química e bo ambiente no escenario, co que pretendemos contaxiar a todo o público».

 

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

María: «Eu recomendaría a Wetsocks sen dúbida, unha banda de rock con cancións moi elaboradas a nivel instrumental e un vocalista que é unha marabilla».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

María: «Pois eu escoito desde Pink Floyd, Architects ou Eivor a Lady Gaga, Katy Perry e Dua Lipa, con moito orgullo!».

Álvaro: «Vai por tempadas, pero algúns destacados serían Izal, Xoel López, Arde Bogotá e tamén Coldplay, Queen ou Mike Oldfield».

Alberto Romero: «Complicado facer un resumo, pero toda a variedade que podo. John Mayer, Cory Wong, Bon Iver... pero tamén Desakato, Arde Bogotá ou Viva Belgrado e, ultimamente, moita música latina».

Fonso: «Foo Fighters, Quique González, Arde Bogotá, Leo Rizzi... unha de cal e outra de area.

Sergio: «Este mes vou loquísimo con tres temas: ‘Perfect Blue’ de Viva Belgrado, ‘Uno de eses gatos’ de Sen Senra e ‘Battery’ de Metallica».

 

 

  noticias