• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

IKER: «CANDO FAS O QUE CHE GUSTA, SEN DISTRACCIÓNS, AO FINAL É COMPLICADO NON ATOPAR UN SENTIDO. O SENTIDO ES TI»

IKER: «CANDO FAS O QUE CHE GUSTA, SEN DISTRACCIÓNS, AO FINAL É COMPLICADO NON ATOPAR UN SENTIDO. O SENTIDO ES TI»
29 XANEIRO 2024

A súa pulsión creativa estivo sempre latente, pero a necesidade de compartir as súas composicións levoulle un tempo, «segundo ía medrando e as emocións e experiencias íanse intensificando, foi saíndo cada vez de xeito máis natural». E é que son precisamente esas emocións e experiencias sobre as que Iker constrúe un imaxinario tan cru e lancinante como delicado e honesto. O novo artista lucense móstrase ao espido en Torito Lucero (2023), un EP conceptual cunha narrativa coidada con mestría, onde cada palabra, como cada nota, semellan encaixar ata recompoñer a dor que as orixinou e convertela en esperanza, en aprendizaxe.

 

 

Foto © María López Cortón (@awriterinthedaark)

 

Aos 13 anos comezas a compoñer, pero cal foi, e como lembras, o teu primeiro contacto coa música? Foi unha disciplina que sempre che causou interese ou xerou curiosidade...?

Iker: «Non lembro exactamente o meu primeiro contacto coa música porque sempre estivo aí; recordo pasar o día cantando e bailando de pequeno. En realidade, o que máis presente estivo desde sempre foi a miña pulsión creativa; gustábame debuxar e escribir tanto como cantar ou bailar e era todo no que pasaba o tempo.

Si que comecei a estudar música aos 10 anos, pero non conseguín conectar demasiado co instrumento nin coa disciplina. A música como executante non me resultou estimulante nese senso naquel momento, pero escoitar música e cantar eran as miñas cousas favoritas de toda a vida, o que máis emocionante me parecía e co que mellor conectaba.

De neno compoñía cancións de broma constantemente, como un xogo, pero nunca o tomei en serio por vergonza, ao igual que cantar. Tardei un tempo en atreverme, segundo ía medrando, e as emocións e experiencias íanse intensificando, foi saíndo cada vez de forma máis natural».

 

 

 

A primeira oportunidade que tivemos de escoitarte foi en En Sueños (2021), sinxelo que publicaches estando aínda no instituto. Logo de anos escribindo, que fixo que, desta volta, publicases a túa creación?

Iker: «A verdade é que foi un proceso moi natural. Con 14 e 15 trataba de escribir letras constantemente, facía cancións bastante cuestionables para os meus amigos, pero eu era consciente de que non estaba contento cos resultados. Fun constante e paciente porque sabía que era unha aprendizaxe que precisaba tempo e dedicación. Como dixen antes, segundo se foron intensificando as miñas vivencias, foi sendo cada vez máis fácil compoñer; e tamén canto máis lía e escribía, mellores ían sendo os resultados.

Con 16 anos escribín “En Sueños”e foi a primeira vez que me sentín satisfeito e seguro dunha canción miña. Pouco antes atrevérame a publicar algún intento de produción moi rudimentaria e algún vídeo cantando ás redes sociais, que tiveran unha boa resposta, e ademais levaba xa un ano estudando canto, así que en canto tiven unha canción que me gustaba decidín tirar adiante con ela.

Desde que dei o paso de atreverme a cantar en público e ir a clases, estaba seguro de que o máis complicado xa estaba feito e de que rompera a barreira máis forte que tiña no momento. A partir de aí a miña concentración enfocouse en emprender o meu propio camiño e “En Sueños”foi a primeira canción que encaixou; pareceume que tería sentido como comezo. A miña contorna respondeu ben e decidín gravala, producíndoa nuns meses como puiden sen saber absolutamente nada de tecnoloxía musical, cun micrófono de 40€ e o meu ordenador».

 

 

Descubrimos que En Sueños naceu como un poema, como rematou converténdose en canción?

Iker: «Para min é difícil falar de letras de cancións ou poemas como feitos diferenciados. Eu escribo constantemente sen saber que vai pasar despois, tan pronto queda no papel como remata encaixando para a letra dunha canción. Creo recordar que así ocorreu con “En Sueños”; tiña unhas estrofas escritas e unha tarde no piano, revisando as notas do meu móbil, atopeinas e a partir de aí comecei a construír a melodía».

 

En Sueños axiña acadou milleiros de reproducións en plataformas dixitais. Esperabas tal acollida?

Iker: «A acollida de En Sueños foi unha forma forte de empezar. Tiña 16 anos e estaba pensado para ser un lanzamento entre amigos e familiares, con repercusión a nivel local como moito. O día do lanzamento, un vídeo de promoción que fixen tivo bastantes máis reproducións das que esperaba en TikTok e, pola noite, antes de que saíra a canción ás 12, había creo que arredor de 200 persoas descoñecidas esperando en YouTube a estrea do vídeo, e á media hora de estar fóra xa levaba máis de 1000 reproducións. Non é moito, pero podo asegurar que, daquela, coa idade que tiña e na contorna na que vivía, sen ningún tipo de precedente, foi máis que inesperado.

É certo que “En Sueños” é unha balada lenta, minimalista, moi atmosférica, en inglés, e que estaba gravada do xeito en que estaba gravada. Despois da repercusión en redes, que foi unhas horas antes de que saíse, moita xente que se fixera enormes expectativas quedou decepcionada e a canción tampouco tivo unha exposición demasiado estendida no tempo. Foi un sentimento agridoce porque, sendo tan pequeno e en só un día, tiven que afrontar os nervios do meu primeiro lanzamento á vez que vía en redes unha enorme cantidade de xente descoñecida interesarse por min repentinamente, para despois desinteresarse coa mesma facilidade.

Foi tan emocionante ese día como decepcionante ao seguinte, e dáme pena ter tido esa exposición, que non sempre é doado que pase, cando o meu proxecto aínda era tan prematuro. Aínda así, agradézoo moito e sei que aínda hai xente que me descubriu daquela que segue pendente da miña música.

A día de hoxe segue a ser a miña canción máis escoitada, penso que en total ronda as 10.000 reproducións e sei que hai xente que lle ten cariño. Quédome con iso e con que foi unha boa lección da volatilidade da industria musical e da fortaleza necesaria, desde logo».

 

Foto © Lucía Sánchez Pérez

 

Nestes primeiros pasos camiñabas polos terreos da electrónica e o pop nostálxico. Como describirías a música actual de Iker? De que xeito pensas ti que evolucionou, tendo en conta tamén que comezaches con nocións básicas de produción?

Iker: «Cando fixen “En Sueños”só sabía que quería facer algo moi atmosférico e onírico e, a partir desa premisa, fixen todo o que fun capaz de facer. Aínda me atraen esas sonoridades, pero no meu último traballo tratei de ir, aos poucos, máis lonxe ao longo do proceso, buscando outro tipo de sons máis acústicos nalgúns casos e algún máis industrial e agresivo en temas como “TRONCO”ou o interludio “lucerito”.

Como “En Sueños”foi a miña primeira produción, a partir de entón tiven a oportunidade de comezar a escoitar a música non só como oínte, senón tamén como creador; analizando ben os deseños sonoros e entendendo mellor os elementos das cancións que escoitaba. A miña produción é agora moito máis eficiente e diría que máis experimental, tamén máis libre, grazas ás ferramentas que fun adquirindo ao longo destes tres anos de formación.

O concepto de art popcreo que é o que mellor describe a miña música actualmente, ou polo menos é o que máis próximo está dos meus gustos e ambicións musicais. Aínda así, aspiro a probar e mesturar tantos estilos como poida e non deixar de aprender nunca. Aínda teño todo por facer».

 

 

Musicalmente, a quen sinalarías como as túas principais influencias á hora de compoñer?

Iker: «Como o meu proceso de composición é bastante improvisado non son moi consciente das miñas referencias para a composición musical en si, penso que iso funciona máis inconsciente que conscientemente e que os meus hábitos de escoita inflúen moitísimo; basicamente toda a música que me gusta e escoito inflúe.

Onde si son moito máis consciente dos meus referentes é na produción, que tamén é unha das miñas partes favoritas do proceso. Penso que o meu último traballo ten moitísimo de Bon Iver e James Blake especialmente, pero tamén hai inspiración de artistas como Rosalía, Raül Refree, pablopablo, Sufjan Stevens, Frank Ocean, Ralphie Choo ou Sega Bodega, entre outros moitos. No meu perfil de Spotify pódense atopar algunhas listas de reprodución cheas doutras moitas referencias».

 

 

 

ToritoLucero (2023) é o teu álbum debut, un EP conceptual de seis pezas lanzado a finais do setembro pasado. Cal é o nexo que une as cancións? Como foi desenvolvéndose ese fío ata tomar forma de disco?

Iker: «Tomei a decisión de que quería compoñer un EP xusto despois de sacar En Sueños, porque quedei con ganas de máis. Houbo algúns bosquexos de fíos conceptuais que me inspiraban naquel momento, pero non terminaron de cadrar. Cos meses, ao ir escribindo sobre as vivencias e emocións que ía experimentando, foi tomando forma e dirixíndose naturalmente cara ao concepto definitivo. A primeira que fixen foi “De Agua”. Aos tres ou catro meses saíron todas as demais, menos “Lluvia de Estrellas”, que foi a última que compuxen e levou máis tempo de maduración; realmente, é o tema que cristaliza a conclusión que acadei ao longo deste proceso.

O álbum ten unha estrutura narrativa ben calculada. Vía en min como era habitual vivir instalado na idealización, sempre agardando algo que despois nunca acadaba as miñas expectativas e desaproveitando todo o que realmente pagaba a pena. Tamén era algo que atopaba a grande escala, pensando nas dinámicas humanas nun xeito máis universal. Hai moito nas nosas vidas de querer vivir sempre coma se estivésemos nunha película; de ter que imaxinar escenarios ideais polas noites para durmir mellor, de soñar con cousas inalcanzables e de crer que amamos o que realmente nin coñecemos. Chegou un punto no que habitar esa expectativa constante, co mundo que me rodeaba e comigo mesmo, facía que nada na miña vida estivese á altura dos meus desexos e iso era profundamente frustrante e doloroso.

Ao longo das seis pezas de Torito Lucero vou desmontando todo ese sistema de crenzas para ir tecendo un novo, máis próximo á vida e á terra que ás ideas e á Lúa. Mentres compoñía estas cancións, ía desautomatizando a miña forma de entender o mundo e comezando a comprender a magnitude que supón xa só o feito, a fraxilidade e a complexidade de estar vivo como tal, sen esperar nada máis. Non é só unha cuestión de aprender a valorar o que se ten, o tanxible; hai un matiz de case veneración relixiosa polo feito da vida, da natureza, do mundo como tal, que son cousas complexísimas ante as que, ás veces, semella que estamos desensibilizados. Paréceme tan vertixinoso pensar en todos os billóns de miniprocesos que tiveron que ocorrer dun xeito concreto para que todo exista da forma en que existe e para que todo o que está vivo o estea. Todas as células e gotas de sangue, persoas, e outros millóns de cousas que teñen que estar nalgún sitio nalgún momento específico para que a vida sexa posible.

Máis concretamente, no álbum falo desde unha perspectiva máis romántica, porque era o que máis peso emocional concentraba naquel momento da miña vida. Todo isto se concreta no relato de como tiven que deixar de idealizar as persoas e esperar certas narrativas románticas artificiais das miñas relacións para deixar que as conexións reais e xenuínas puidesen desenvolverse de verdade. Aínda así, penso que é un concepto moi universal e que moitísima xente pode sentirse identificada dende diferentes perspectivas».

 

 

O título cáusanos curiosidade... o touro luceiro é o que ten unha mancha branca na fronte, pero «luceiro» tamén é como se lle coñece a Venus, planeta que rexe o signo de Touro. Cal é o seu significado?

Iker: «O título é un binomio que me resultou moi ilustrativo do que quería contar. Por unha banda, o touro paréceme un símbolo moi claro de “terrealidade” e bravura; está moi ligado a imaxes brutas, bastas. Pola outra, o luceiro ten que ver co ideal, o inalcanzable, coa beleza; é unha imaxe que se percibe como moito máis etérea e pura. Xuntalos, para min, xeraba un contraste moi expresivo, case como un oxímoro. O touro e o luceiro son símbolos de todo aquilo do que fala o álbum: da verdade fronte á expectativa, do vivo fronte ao perfecto, do ancorado fronte ao enganoso.

Esa definición do touro luceiro, que ten unha mancha branca na fronte, foi a que me inspirou. Víame reflectido nesa imaxe dun ser terreal, imperfecto, pero que á vez non pode sacar da cabeza a idea das estrelas, da beleza ideal, desa suposta perfección tan afastada. Tanto é así, que o leva marcado na fronte. É unha forma moi visual de explicalo.

No momento no que decidín o título, “LunaLunaLuna” xa estaba rematada. Por iso tamén me pareceu que encaixaba perfectamente, porque me recordaba á canción de “La luna y el toro” que compuxo Carlos Castellano, na que un touro se namora profundamente da Lúa e sofre por non comprender que non é máis que un reflexo na auga. Parecíame moi interesante xogar con este concepto porque, ademais, a lectura máis tradicional desa canción ten que ver coa identificación do touro e a Lúa coa masculinidade e a feminidade, e vin interesante revisitalo desde unha perspectiva máis ampla e menos estereotípica.

A verdade é que me sorprende esa referencia a Venus na pregunta, porque o imaxinario astrolóxico foi un elemento que me chegou a inspirar moito neses primeiros bosquexos dos que falaba. De feito, quería que “LunaLunaLuna” fose o tema máis íntimo pola vinculación deste astro co aspecto máis emocional. E é que, ademais, na miña carta astral, Venus está en Tauro, e sempre me sentín moi conectado ao que iso implicaba no ideario astrolóxico. Con todo, hai tempo que estes elementos xa non están tan presentes no meu proceso creativo e o título non tivo nada que ver coa astroloxía. De feito, sendo honesto, nin sabía que luceiro tamén fose o nome de Venus.

Aínda así, algo que me sorprende moitísimo é que sempre me pasan este tipo de coincidencias no proceso da miña música. Ás veces teño a sensación de que a arte en si ten unha orde lóxica interna que opera pola súa conta. É como que pos as pezas aleatoriamente e aos poucos vas atopando conexións por todas partes que ti non tiveras en mente. Pasoume infinidade de veces durante o proceso de Torito Lucero... e esta é unha delas».

 

Foto © María López Cortón (@awriterinthedaark)

 

Presentábalo como un disco que xorde desde a dor, a impotencia, pero no que o oínte tamén poderá atopar algo de luz, de esperanza. Tomaches a súa concepción como vía de escape? Como un xeito de calmar, ou tentalo polo menos, esa dor?

Iker: «Completamente si. Máis ben, foi a miña forma de tratar de comprender esa dor, porque era algo recorrente na miña vida que non era quen de explicar. Serviume moitísimo para poñer perspectiva e entender a orixe deses sentimentos. Claro que contén moita esperanza, porque xorde da dor pero transita todo o proceso de aprendizaxe que vén despois e remata nunha posición, eu penso, máis madura e conectada con todo o que é verdadeiramente importante».

 

Cabe destacar a sensibilidade das letras, delicadas, que semellan o resultado de abrir un corazón en canle, o teu. Por que amosar tan cruamente esta vulnerabilidade? Porque é algo que hoxe en día non adoita ser o habitual, sobre todo en artistas da túa xeración…

Iker: «Para min é a forma natural de facelo; se non fose así, non creo que fixese música. Hai sempre unha necesidade de tratar de explicar ou comprender algo que sinto ou penso, pero non podo verbalizar. Para comprender algo, e tamén para que os demais poidan comprendelo e conectar, ten que ser honesto, orgánico, xenuíno. Podes contar unha historia persoal ou pode ser ficción, pero algo da visión persoal sempre está aí, impregnándoo e conectándoo todo. Aínda que haxa moitas capas de conceptualización e simbolismo, cando un traballo vén dun lugar visceral e vulnerable, o compromiso co resultado é tan alto que resulta imposible non coidar cada detalle ao milímetro para que todo teña un sentido, unha intención; para que todo cadre á perfección e estea pensado con cariño, para que contribúa a explicar tan ben como se poida algo que é importante para un mesmo. Ademais, parte do concepto do álbum ten moito que ver con comprender e abrazar a fraxilidade da vida e o valor que iso lle dá. Ser vulnerable é imprescindible.

Creo que comprendo por onde vai o da falta de vulnerabilidade na miña xeración, pero eu non penso que sexa así. Hai un montón de artistas novos que precisamente son moi especiais pola honestidade do que din, por estar conectados co que senten, moitos máis que hai uns poucos anos, diría eu. Outra cousa é que tamén nos guste facer e escoitar música para bailar en segundo que contextos, pero é que cada música está feita para un momento diferente. Todo pode convivir».

 

Laura Ruiz (@lauruizv). Deseño de artwork: Iker

 

Por que “LunaLunaLuna” como primeiro sinxelo adianto?

Iker: «Porque foi a primeira que sentín que estaba rematada de verdade e porque foi a máis dolorosa de compoñer. Quería sacala rápido para desprenderme desa dor. Tamén penso que senta moi ben as bases do que vén despois, e ademais é unha das miñas preferidas, sobre todo da que máis orgulloso me sinto como compositor».

 

 

Nos créditos de dous temas, “DE AGUA” e “LunaLunaLuna”, inclúes a Federico García Lorca. Na primeira canción musicas versos de ʻCanción Tontaʼ e a segunda podería vir inspirada polo ʻRomance da luna, lunaʼ do poeta granadino. Por que Lorca? Influíu o poeta en algo máis que nas letras?

Iker: «Efectivamente; en “LunaLunaLuna”, ademais de polo romance, que é evidente, tamén é porque hai un extracto de Bodas de sangre(Lorca, 1931) na ponte da canción, e tamén certas referencias ao ‘Romance Sonámbulo’. Xusto coincidiu o momento no que estaba comezando a escribir o EP coa primeira vez que lin o Romancero Gitano (Lorca, 1928). Desde o espazo literario que configuran eses poemas naceron moitas das ideas de Torito Lucero e foi a miña maior inspiración á hora de escribir as letras. Toda a simboloxía, as referencias á Lúa, a expresión das emocións... En calquera recuncho do traballo podes atopar algo inspirado por Lorca, consciente ou inconscientemente.

Con isto tamén me pasou moito o das coincidencias no proceso creativo; segundo ía escribindo atopaba escritos de Lorca que non lera pero que encaixaban perfectamente co que estaba contando. Así ocorreu con Bodas de Sangre, onde a Lúa intervén como personaxe con versos como os que aparecen en “LunaLunaLuna” e decidín empregalo como recurso dramático, como se eu lle falase á Lúa e ela respondese de volta. Ou tamén con ‘Canción Tonta’, que tiven claro que abriría o álbum porque concentra moi ben algo que eu entendo como moi próximo ao concepto do EP.

Pero tamén me ocorreu con moitas outras que non están presentes nas letras; por exemplo, con “TRONCO”e “musgo”pasoume que atopei o poema ‘Manantial’, que tamén ten moitísimas similitudes e podería semellar que foi unha inspiración directa, cando nin sabía que existía».

 

 

Ao fío, que, ou quen, inspirou as demais pezas?

Iker: «Como dixen, todo parte dun imaxinario moi concreto con moitísima inspiración no Romancero Gitano. Tiña a miña experiencia persoal e aí atopei moitos dos medios e ferramentas, das escusas e imaxes a través das que contalo. A partir de aí, hai moitas máis referencias que veñen, inconscientemente, de todo o que me gusta e o que consumo habitualmente.

A literatura sempre é unha fonte de inspiración moi nutritiva; por exemplo, En Sueños contén referencias e moitas similitudes con Himnos á noite, de Novalis».

 

As letras conteñen abundantes motivos relacionados coa natureza, moitos deles recorrentes: a Lúa (que aparece en catro dos seis temas), as estrelas, a auga, os troncos, o musgo, os cabalos... Por que esa constante?

Iker: «Pois, principalmente, por esa inspiración literaria, que tamén inclúe esta serie de motivos como símbolos recorrentes. A historia que construín na miña imaxinación arredor da mensaxe que quería explicar estivo sempre emprazada de xeito moi claro nun escenario natural, de feito estívoo ata nos primeiros bosquexos, que ían por un camiño completamente diferente.

Supoño que me parece algo interesante de empregar pola súa universalidade. Tamén porque, ao falar desa conexión coa vida e co mundo real nas letras, se me facía inevitable non facelo desde un imaxinario natural. Non sei, foi a forma en que xurdiu, foi algo moi intuitivo, era o que tiña que ser sen lugar a dúbidas. Tiña a ambición de contar unha historia coa que calquera persoa se puidese identificar en calquera momento e non quería vinculala a nada temporal ou localmente concreto».

 

 

Con Iker, dis que «tentas erixir proxectos que vertebren, coa música e poesía como eixos centrais, imaxinarios alternativos». Como describirías o imaxinario de Torito Lucero?

Iker: «Precisamente, é un imaxinario cheo de elementos naturais, de auga, de corpos, de sangue, de noites estreladas, de cabalos, de árbores... É cru, moi espido, moi orgánico. Se tivese a infraestrutura necesaria, encantaríame que fora un álbum visual, porque teño cada momento do proxecto gravado na miña imaxinación como se fose unha película, unha paisaxe creada na miña mente para cada canción. Nas fotos para a parte visual do disco, cos poucos medios que tiñamos, tratamos de buscar esa crueza: moi pouca roupa, emprazamentos naturais, fotografía analóxica, árbores, o río... O título e as estrelas que aparecen están feitas a man por min, tamén buscando esa estética do xenuíno, do orgánico e honesto.

Cando digo o dos imaxinarios é porque eu penso os meus proxectos de xeito musical, pero tamén penso ao mesmo nivel nas portadas, nos vídeos, nos directos, nos estilismos, na promoción... e son moi ambicioso creativamente en todos os ámbitos do que fago. O que máis me gusta da industria pop é o formato de narrativa transmedia que permite levar a cabo a través da música. Penso que, levada desde unha pulsión comprometida, dá a oportunidade de facer proxectos artísticos moi redondos e de satisfacer as necesidades comunicativas a un nivel altísimo. Por iso, mentres non haxa a infraestrutura suficiente, prefiro ter paciencia antes de meterme nalgúns deses campos e sacar, por exemplo, videoclips. Neste proxecto intentouse, pero non cadrou coa miña visión, e prefiro ir amodo ata poder facelo como a min me guste de verdade».

 

Foto © María López Cortón (@awriterinthedaark). Deseño de artwork: Iker

 

Escoitando a playlist que publicabas coas túas principais referencias en canto á composición, produción, conceptualización, etc., de Torito Lucero notamos que é bastante ecléctica (aínda que haxa artistas que seguen a mesma liña). Como conflúen estas referencias, nun principio tan dispares, nun disco que, ao noso parecer, é tan redondo?

Iker: «Como dixen antes, para que a xente conecte con algo, ten que ser honesto. É imposible que, se son honesto no meu proceso creativo, todo o que me gusta e me emociona non traspase ás cancións dun xeito ou outro. Por iso é que as referencias a toda a música que me gusta, aínda que poida parecer dispar, teñen sentido cando o fago desde a miña visión persoal, que é o que conecta as referencias e todos os elementos do proxecto en xeral.

Agradezo moitísimo que digades que o disco é redondo, e eu penso que pode ter que ver con esa honestidade da que falo. Cando fas o que che gusta, sen distraccións, ao final é complicado non atopar un sentido. O sentido es ti. Todas as notas, acordes, patróns rítmicos, instrumentos, palabras, referencias artísticas ou aparatos tecnolóxicos que empreguei no disco existían xa antes de min. O meu traballo é combinalas, achegar a miña visión, e o que cada artista ten de especial é o seu xeito de facelo».

 

Como foi o seu proceso creativo? Como pasan de ser ideas, palabras, notas... a cancións?

Iker: «Nin eu o sei. Pasa como ten que pasar. Cada canción acaba atopando seu camiño. A maioría destas cancións veñen primeiro da letra, e as melodías aparecen ou co piano ou xa con algúns trazos da produción marcados. Se son honesto, fago o que podo. Non hai un proceso marcado, non hai un método, simplemente hai proba e erro ata que algo funciona, ás veces nunha orde e ás veces noutra.

O que si pasou con este traballo é que tiven as ideas de como soaría cada canción moi claras desde o primeiro momento, e como as miñas nocións de produción eran tan limitadas, o máis duro do proceso foi conseguir materializar os sons que estaban na miña imaxinación do xeito en que quería. Hai detalles que quedaron polo camiño e nos que podería ter traballado outros dous anos máis, pero saíu cando sentín que o meu proceso con el xa rematara, cando non podía máis, e cando tiña que saír. En xeral, estou contento co resultado».

 

Foto © María López Cortón (@awriterinthedaark)

 

Se para o teu primeiro sinxelo utilizabas o inglés, no álbum predomina o castelán, aínda que escoitamos algunhas estrofas no idioma anglosaxón por aquí e por alá. Por que o cambio? E a combinación de linguas?

Iker: «Eu penso que comecei escribindo en inglés por vergonza, porque, ao final, que moita xente non comprenda a letra funciona como un escudo cando es vulnerable, e achega a canción a unha sonoridade moi global. Aínda así, paréceme que tiña sentido coa canción e non o cambiaría, sentíame cómodo. Tamén é que a maioría da música que escoitaba naquel momento estaba en inglés. Diría que agora tamén é así, pero que escoito moitísima máis música en castelán ou galego que antes.

O cambio ao castelán foi unha evolución natural cara a unha versión máis honesta. Para unha canción estivo ben, pero non tiña as ferramentas para traspasar ao inglés o nivel de detalle que quería nas letras dun proxecto tan comprometido. A verdade é que os poucos momentos en inglés do EP saíron así naturalmente: ou porque encaixaban na métrica ou porque me apeteceu no momento. Se son sincero, agora mesmo non me daba nin conta de que cancións teñen partes en inglés, porque non foi nada premeditado; simplemente xurdiu así. Nun futuro teño ganas de probar co galego, pero non quero forzalo.

O idioma é unha ferramenta estética máis e teño claro que quero ir probando tantas cousas como estean ao meu alcance. Sei que chegarán o momento e a canción oportunos».

 

Falando dun futuro non tan afastado, de que xeito pensas seguir avanzando no camiño da experimentación? E no da produción?

Iker: «Teño ganas de seguir experimentando, pero con cousas afastadas do que xa fixen. Quero ir probando cousas novas sempre.

Agora mesmo estou a traballar nalgúns temas que van por un camiño máis pop. Levo un tempo facendo música lenta e meditada, e teño ganas de pasalo un pouco ben tamén; de probar algo máis enérxico e non esperar tanto para un lanzamento. Encántame o pop e non quero encaixarme nun perfil demasiado ríxido, porque todos somos moitas cousas diferentes á vez e quero continuar sendo honesto e transparentándome no meu proxecto.

Tamén quero profesionalizar progresivamente o meu son e ir tendo mesturas e masterizacións, aos poucos, menos rudimentarias. Tamén entra en xogo a cuestión da infraestrutura, pero non hai présa».

 

 

O vindeiro mércores 31 de xaneiro vas a presentar Torito Lucero no Café La Palma (Madrid), escenario que compartirás con Costanza e Kie. Que nos podes adiantar do concerto? [Alerta Spoiler] Como describirías os directos de Iker?

Iker: «Efectivamente, faime moitísima ilusión porque é o meu primeiro concerto e teño a sorte de compartilo con dous compañeiros verdadeiramente inspiradores.

Como ben dicides, estarei a presentar Torito Lucero en solitario, estarán todas as cancións do álbum, e tamén amosarei algunhas facetas de min que non explotei demasiado aínda cara ao público. Haberá novos arranxos das miñas cancións e tamén tocarei xéneros un pouco afastados do que levo feito ata agora. Os meus directos aínda están nun estado prematuro, pero desde logo poño moitísimo coidado e intención nas setlistsque escollo e nos arranxos que fago.

Actualmente estou especialmente concentrado en comezar a levar toda a miña música, e non só a voz, á execución en directo. O directo é indubidablemente a miña parte favorita deste proceso e teño ganas de poder arrancalo xa. Eu recomendo a todo o que poida que compre unha entrada para o concerto, porque o esforzo para que pague a pena está a ser altísimo».

 

Foto © Paula García Rubio (@paula.garub)

 

Cando poderemos volver a verte enriba dun escenario?

Iker: «Aínda non o sei, pero o que si sei é que teño moitísimas ganas de tocar en Galicia por primeira vez, especialmente en Lugo. Estou traballando para atopar a forma de facelo pronto. Probablemente, se todo vai como quero, a próxima vez sexa preto da casa».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Iker: «Encántame o traballo de Diego Flâneur & ünder. Emocióname moito escoitar as letras de Diego, que fala moito da nosa cidade cunha sensibilidade súper especial e faime sentir preto da miña casa cando non o estou. Despois, a música de NEBRA paréceme unha pasada e aproxímase a moita da música experimental que máis me gusta; penso que atopa un equilibrio asombroso entre tradición e vangarda.

Sen Senra ou Gume, por exemplo, tamén me encantan, e un tema en galego que estou escoitando moitísimo estes días é “Hoxe, mañá e sempre”, das Tanxugueiras con Valeria Castro. Non escoitara moito delas ata o momento, pero esta paréceme preciosa».

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña.

Iker: «Quen sempre vai estar é Rosalía. Desde 2018, creo que ningún ano deixou de ser a miña artista máis escoitada. Para min é a mellor.

Despois, é habitual atopar artistas internacionais como Lana del Rey, Lorde, James Blake, Mitski, Bon Iver, Phoebe Bridgers, Oklou, Sega Bodega, Ethel Cain, Frank Ocean ou Sufjan Stevens. Do panorama estatal escoito moito a artistas como pablopablo, Ralphie Choo, Amaia, Rigoberta Bandini ou Judeline.

Ultimamente tamén estou tratando de descubrir álbums dun tempo atrás; as miñas favoritas destes últimos meses e quen se están a converter nos meus clásicos persoais están sendo artistas como Patti Smith, Kate Bush, Fiona Apple, Björk, Antony and the Johnsons/ANOHNI ou Cat Power».

 

  noticias