• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

FACTORÍA DE SUBSISTENCIA: «O TEATRO TEN MOITO DE MÚSICA E A MÚSICA MOITO DE TEATRO»

FACTORÍA DE SUBSISTENCIA: «O TEATRO TEN MOITO DE MÚSICA E A MÚSICA MOITO DE TEATRO»
12 FEBREIRO 2024

Factoría de Subsistencia é a proposta de dous artistas con gran percorrido nas artes escénicas; dúas persoas coas súas propias e respectivas inquietudes artísticas. «A vida, coas súas sorpresas continuas» fixo coincidir a Josito Porto (Korosi Dansas, Magritte) e Sabela Dacal (Xestreu, Emilio Rúa) e, xuntos, comezaron a crear, a inventar, a darlle forma ás ideas que saen do seu interior. Os sons de guitarra de Josito e as melodías do acordeón de Sabela marcan un estilo descarnado, «coma o sorriso nervioso de quen quere aparentar una falsa tranquilidade», e tinguen letras cargadas de humor e ironía.

Estrearon, literalmente, o 2024 co lanzamento do seu novo disco, Respirando... Sempre!! (2024), un terceiro traballo que recolle nove cortes que cantan á vida real, ao día a día, á cotiandade, desde unha perspectiva irónica e a ritmo de rock en acústico.

 

 

Factoría de Subsitencia

 

Hai case 15 anos que Factoría de Subsistencia nace como un dúo entre Josito Porto (voz, guitarra) e Sabela Dacal (acordeón, piano), como se forxou esta conexión Rías Baixas-Baixa Limia?

Josito Porto: «Pois todo arrancou cando nos coñecemos nunha viaxe a París coa compañía Sarabela Teatro, eu como actor e ela como música. Tivemos sintonía e, uns anos máis tarde, outra vez coincidimos enriba dun escenario facendo teatro con Teatro de Adro, ela de música e eu de actor.

En 2011 arranco con Factoría de Subsistencia co músico Alfredo Padilla e, un pouco máis adiante, continúo con Anxo Graña. Un par de anos máis tarde véxome na obriga de reestruturar o dúo e aí é cando Sabela definitivamente entra a formar parte deste soño que é FdS. E engadiría, bendita reestruturación que me permitiu coñecer unha grandísima música e, sobre todo, unha grandísima persoa».

 

Tedes experiencia previa noutras bandas (Korosi Dansas, Magritte, Kérkennai, Emilio Rúa...). Por que decidir, logo, xuntarvos nun proxecto en común? Pensades que hai algo desas formacións previas en Factoría?

Josito: «Como xa expliquei antes, a vida, coas súas sorpresas continuas, foi movendo os seus fíos até conseguir que nos xuntasemos dentro deste mundo da música. O da música é un mundo tremendamente fodido e inxusto pero, tendo unha compañeira como Sabela, todo resulta moito máis sinxelo.

Penso que FdS non ten nada que ver con todo o que fixen até agora, pero é inevitable que determinados matices veñan marcados polo que eu vivín como músico coas bandas nas que militei».

 

Respecto ao nome, o de «factoría» fai pensar na opulencia da produción industrial, o que contrasta co concepto de «subsistencia». Crear para subsistir, subsistir para crear...? De onde vén?

Josito: «Pois todo arranca cando, falando con Nate Borrajo e José Lameiras —almas máter de Magritte— xorde a curiosidade que lles provocou un cartel que viran en Ferrol no que aparecía “Factorías de Subsistencia” e absolutamente relacionado co ambiente militar da cidade. Pareceume poética a idea que eu tiña de factoría, case como un centro de manufactura artesá, coa necesidade de subsistir que sempre existiu dentro do mundo da cultura».

 

Na sala Mardi Gras (A Coruña)

 

Ambos os dous estades ligados dalgún xeito ao teatro, inflúe dalgún modo na vosa faceta musical? Retroaliméntanse ambas?

Josito: «O teatro ten moito de música e a música moito de teatro, como non se van retroalimentar!

Aínda que non sexa nada buscado, nos concertos sempre existe un espazo absolutamente dedicado á improvisación pura e dura que é no momento das presentacións dos temas. Pode haber presentacións que se repitan ou non ou que simplemente desaparezan. As presentacións van, en xeral, ligadas ás emocións que nos provocan as cousas que pasan ao noso arredor».

 

A que soa a Factoría? Sen etiquetas, como describiriades a vosa música?

Josito: «Esa é unha pregunta que non sei responder. Penso que non hai unha liña claramente marcada como para espetarlle unha etiqueta que defina con rotundidade.

Quizais este terceiro disco é máis roqueiro e contundente pero... non sei. Un amigo definiunos como rock de subsistencia e iso gustoume».

 

Falemos agora de influencias, a quen sinalariades como as vosas principais referencias, musicalmente falando?

Josito: «Toda a música que puiden escoitar na miña vida, que quedou almacenada nalgún recuncho dos miolos, aparece no momento de coller unha guitarra e ir dándolle forma ás ideas, ás letras... e pódovos asegurar que sempre escoitei estilos moi diversos [risos]! Seguramente de aí veña a miña incapacidade para meterlle unha etiqueta ao que eu fago».

 

 

 

Debutades discograficamente con Cerca da túa orella (Arteficción, 2015), tres anos despois dunha primeira maqueta, Demo (2012). Como xorde este primeiro traballo... e como evolucionou ata ser un longo de oito cortes?

Josito: «Esa primeira maqueta gravada ao pouco de arrancar, con Alfredo Padilla de compañeiro de maquinaria, foi decisiva para ver a forma que eu lle quería dar a este soño. Alfredo fíxome ver a necesidade de gravar esa maqueta para logo traballar sobre os temas. El, por motivos laborais, tivo que marchar pero eu quedei coa idea de seguir traballando e xogando nesa mesma dirección. Apareceu Sabela coa súa mestría no acordeón e todo foi moitísimo máis sinxelo».

 

 

Un deses cortes é a versión ácida e potente de “Neuro” de Manuel Seixas (compañeiro de Josito en Korosi Dansas), e incluída no disco Proceso amniótico (2010) do seu proxecto posterior Neuroband. Por que esta peza en especial? Como foi levala desde o punk rock do orixinal ata á vosa máis acústica?

Josito: «Calquera peza de Manuel é moi especial. Por que esa? Porque penso que seguramente a filosofía deste tema sempre estivo bailando ao meu arredor sen eu sabelo cando Korosi Dansas existía e a peza aínda non estaba escrita. Pero o máis probable é que sexa porque me pareceu a máis sinxela para poder levar ao meu terreo...[risos]».

 

Pero algo de punk, aínda que só sexa en espírito, hai en Factoría, non si?

Josito: «Por suposto, forma parte da miña idiosincrasia particular».

 

É nesta época cando comezamos a escoitar iso de «música de cansautor»... un pequeno cambio fonético sobre «cantautor» que implica unha gran diferencia semántica. Por que esa denominación?

Josito: «[Risos] Pola miña incapacidade para buscar unha etiqueta e ese interese que me provocan os pequenos cambios que implican grandes diferencias...[risos]. Pero isto é algo que arrastro desde a época de Korosi Dansas, cando xorde a etiqueta de “Rock de Batea”».

 

 

 

Amores fratricidas (Arteficción, 2019) é o voso segundo disco, cunha decena de temas que manteñen a análise da realidade e, ademais, xogan coa dualidade entre o ben e o mal. De que xeito trasladades esta dualidade ás vosas composicións?

Josito: «Esa dualidade sempre está presente na vida, nos comportamentos humanos, ao noso arredor. Se traballas desde a verdade non hai outra posibilidade que esa realidade apareza nas historias que vas creando».

 

En Cerca da túa orella presentabades a un “Pobre Superman” en galego e, neste, escoitamos a súa versión en portugués, “Coitado Superman”. Por que Superman cruzou a fronteira?

Josito: «Sempre existiu ese interese en que nos coñezan en Madrid, Barcelona e outras cidades españolas; ir coma cómicos da legua polo resto do estado aínda que sexa perdendo cartos.

E demasiadas veces perdemos a perspectiva de que somos veciños dun país co que temos moitísimo máis que ver en todos os sentidos. Como dicían uns grandes filósofos... menos mal que nos queda Portugal».

 

 

Nestes dous traballos, as «constantes» son Josito e Sabela, pero os músicos que vos acompañan cambian; no primeiro foron José Lameiras e Nate Borrajo e, no segundo, David Cid e José Lameiras. De que xeito pasa o dúo acústico a ser cuarteto alternativo... e mutante?

Josito: «Unha vez máis a vida, cos seus continuos movementos de fíos, vai tecendo o camiño a seguir. Situacións laborais cambiantes, pandemias inesperadas... van creando novas direccións que tes que ir probando ou non, a nós interésanos moito probar e arriscar».

 

 

 

Estades a presentar Respirando...Sempre!! (2024, o voso recentemente estreado disco. O de publicar un disco o primeiro día do ano semella... arriscado (polo menos!). Por que escoller este día tan sinalado para facelo?

Josito: «Quixemos ser o primeiro grupo galego cantando en galego sacando un disco en 2024 [risos]... e non estou seguro se o conseguiriamos!».

 

 

Esta terceira referencia recolle nove cancións que falan da vida real, do día a día, da cotiandade, con letras cargadas de humor negro, reflexión filosófica e crítica social. Por que compoñelas desde esta perspectiva irónica tan marca da casa?

Josito: «A ironía, como a curiosidade, marca o meu camiño no día a día. Intento traballar desde a verdade, seguramente sexa herdanza da miña faceta como actor. É complicado que non aparezan esas marcas da casa. Desde a ironía e o humor tes un xeito moi especial de enfrontarte ante situacións tremendamente dramáticas, situacións que non teñen que ver só comigo mesmo, senón co que me rodea».

 

Algo curioso que notamos en Respirando...Sempre!!, e no resto do voso repertorio, é como os temas semellan estar construídos sobre personaxes, seguindo unha estrutura máis narrativa (mesmo dramática) que lírica. É así? Influencia do teatro talvez? Que, ou quen, as inspira?

Josito: «E volvemos á relación entre o teatro e a música, polo menos, no que a min respecta. Para min as cancións son pequenas pezas teatrais, pequenas historias, pequenos detalles que sempre estiveron aí e, se cadra, nunca fomos conscientes.

Son narracións de momentos vividos en persoa propia ou ao meu arredor. Cousas que nunca estiveron demasiado presentes no meu día a día pero que sempre estiveron aí».

 

Presentación no Estudio Aldeaglobal (Bamio, Vilagarcía)

 

Como naceron, e foron medrando, as cancións deste disco? Desde o punto de vista creativo, como foi o seu proceso?

Josito: «Nacen os temas, por aí nalgún punto indeterminado dos miolos, e comezo a darlle forma na casa. Cando vai collendo unha determinada estrutura, o tema pasa ao local de ensaio e, a partir dese momento, empezamos a traballar os temas en conxunto. Aos poucos van aparecendo os arranxos até que, unha vez no estudio Aldeaglobal, Pablo Vidal, o produtor, dálle a forma final e a gravar».

 

 

Recuperando a pregunta sobre a banda mutante, en Respirando...Sempre!! contastes co «reforzo e a consistencia» de Rafa Otero (baixo eléctrico) e Adrián Ríos (batería). Que achegan eles ao proxecto? Viñeron para quedarse?

Josito: «Para min eles xa forman parte de FdS como grupo pero, se nalgún momento xorden dificultades derivadas do traballo de cada un, miramos de solucionar para poder seguir para adiante. Se resulta inviable, chega o momento de reestruturar a banda.

Oxalá tivésemos a capacidade de asegurar un traballo dentro do grupo para poder sobrepoñernos as dificultades que veñan do exterior. Pero para min, repito, son parte da banda; son xente que sabe o que hai que facer para tirar para adiante deste proxecto, xente na que confío absolutamente igual que eles confían en min, en nós, no núcleo duro formado por Sabela e por min...[risos]. Pero, sobre todo, son amigos nos que eu confío plenamente tanto na súa capacidade musical como, o máis importante, na súa forma de ser como persoas».

 

Gravado nos estudios Aldeaglobal para este álbum volvestes contar con Pablo Vidal aos mandos da produción, quen xa fora o produtor de “Neuro”, do voso primeiro disco. Como é traballar con el? Como foi a experiencia desta volta?

Josito: «Pablo e eu levamos relacionándonos moito tempo, xa desde a época de Korosi Dansas. Curiosamente, o primeiro traballo musical en conxunto foi cando gravamos “Neuro” e aí descubrimos un entendemento entre os dous moi difícil de atopar neste xogo que é a música. Así que, cando Pablo, demostrando a súa inconsciencia, monta un estudio do nivel de Aldeaglobal, non tivemos que darlle demasiadas voltas para saber que tiñamos que gravar este disco xuntos.

Ten moitísima experiencia dentro do mundo da música, coñece moi ben toda a súa cacharrada técnica e ten un nivel de sensibilidade e empatía que fai que sexa moi sinxelo currar con el. Entendémonos desde o primeiro momento e soubo darlle aos temas esa consistencia e forza que se escoita cando escoitas as cancións. Para el, toda toma ten múltiples posibilidades para poder aproveitar algo. Foi un auténtico luxo, en maiúsculas, contar con el e para mostra este disco».

 

En Caldas de Reis

 

Tanto o título, como o deseño —unha boca berrando obra de Yeya Gilino— semellan representar unha actitude de resistencia, de resiliencia quizais? Estamos no certo?

Josito: «Logo da pandemia, todas tivemos que saír cara adiante con moitísimas feridas pero, non por iso, puidémonos permitir quedar chorando e lamentándonos do que puidemos ter feito e que non fixemos.

Sempre hai que tentar respirar, inchar os pulmóns e berrar ben forte que aínda temos corda para longo. Cando sexamos conscientes da forza que podemos acadar como comunidade, moitas destas trabas que pon a vida no camiño estarán superadas».

 

 

Os deseños, sempre coidados, das portadas que envolven os vosos traballos seguen unha estética de colaxe bastante ecléctica cargada de simboloxía. Aínda que desta volta a ilustración é bastante clara, cal é a intención detrás destes singulares deseños?

Josito: «A foto da portada e as fotos que acompañan a cada un dos nove temas, dentro do libreto do CD, foron feitas durante ese período estraño que nos tocou vivir. Fotos feitas co meu móbil.

Unha vez que nos poñemos co proceso de gravación en Aldeaglobal, vou atopando imaxes que poderían ser a representación visual de cada tema. Falo con Yeya e doulle liberdade absoluta para que traballe sobre esas imaxes.

Ela foi a encargada de xogar coas fotos e darlles ese aire entre tridimensional e cómic, suavizando a imaxe pero sen perder a forza visual. Unha vez máis, con Yeya, atopei unha persoa brutalmente creativa e salvaxemente xenerosa».

 

Xa subistes Respirando...Sempre!! a un par de escenarios. Como está a ser a súa acollida ao vivo?

Josito: «Non podemos estar máis contentas e felices coa recepción por parte do público. Son temas que funcionan marabillosamente, tanto na súa estrutura como na contundencia que amosamos como banda. E non falo só de percepcións que podemos ter nós mesmas, senón das sensacións que logo dos concertos nos fan chegar as asistentes ao espectáculo».

 

E, xa que estamos aí enriba do escenario, como son os concertos de Factoría de Subsistencia? Onde, e cando, continúa a xira?

Josito: «O que podo dicir diante do micro nas presentacións, non son monólogos pensados para entreter ao respectable. As circunstancias que acontecen ao noso arredor van marcar o percorrido da actuación.

Se hai un problema de falta de xestión por parte do goberno ante unhas bólas de plástico que aparecen nas nosas praias, ou unhas eleccións ao cabo duns días, ou un móbil soando ou alguén tropezando, ou un período no que hai que andar con máscaras... dalgún xeito iso vai formar parte do discurso, ou non. Nunca se sabe o que pode pasar entre tema e tema e iso é algo que mantén ao público alerta e atento ao decorrer do concerto.

O que descubrimos é que o espectáculo, como tal, ten o seu espazo nunha sesión vermú, nun local ou dentro dun festival. O problema non somos nós, o problema son eles que sempre pretenden ofrecer sota, cabalo e rei... [risos].

Neste momento estamos intentando pechar presentacións en Ourense, Vigo, A Coruña..., unha vez máis, intentando cadrar axendas entre nós... uf!».

 

Presentación na Casa das Crechas (Santiago de Compostela). Foto © Ramón Feans 

 

Con máis dunha década de traxectoria, e tantos anos desde o voso debut discográfico, preguntamos: cambiariades algo daqueles inicios? Que diferenzas, ou similitudes, atopades entre o voso primeiro disco e este último?

Josito: «Por suposto que eu non cambiaría nada; cada chanzo que fomos superando, ben superado quedou e, seguramente, cargounos de enerxía e forza para intentar subir outro novo. Niso consiste esta historia, en ir aos poucos para adiante, sen medo, sen baixar os ollos non sendo para superar as continuas fochancas que van aparecendo.

Este, sen dúbida, é o disco máis noso, o disco máis elaborado por nós mesmas. Cando chegamos ao proceso final xa todo estaba case no seu punto de cocción e foi Pablo quen lle acabou de dar o puntiño preciso para lograr un traballo deste nivel; un nivel que nós agora temos que defender no palco e pódovos asegurar que estamos absolutamente capacitadas para sacar esa garra e ese rock nos concertos».

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Josito: «Non creo eu que lle vaia descubrir nada a alguén. Nin sequera cando digo que neste país non existe o apoio que debese existir por parte dos medios de comunicación. Dentro dos medios públicos a presenza da música en galego é absolutamente anecdótica e insuficiente.

Por suposto que existen outras canles, pero penso que desde a CRTVG poderíase facer moitísimo máis; o suficiente para permitirnos estar ao tanto das novidades galegas igual que podemos estar ao tanto das novidades no resto do estado grazas a determinados programas musicais de RNE. Moito boto de menos programas como aquel Planeta Furancho de Vituco Neira e algún outro que nos permitía estar pendentes do que musicalmente pasa no país.

Recomendaría os últimos traballos de Zënzar, Ruxe Ruxe, Manuel Seixas, Terbutalina, Familia Caamagno, Brais Morán, Loita Amada... Hai tantas cousas con calidade neste noso país que non sabería recomendar nada en concreto».

 

Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

Josito: «A maiores dos indicados na anterior reposta, Grande Amore, Lontreira, The Clash, Deep Purple, Rodrigo Cuevas, Iván Ferreiro, Coque Malla, Vetusta Morla, León Benavente, Los Planetas, Mercedes Peón, Venturi, Arcade Fire, The Beatles, música clásica, Tom Zê, Surfin Bichos, Bob Dylan, Patti Smith, Lou Red, The Cure, Tangana, Cesaria Évora...».

 

  noticias