CITA DOBLE: «O MÁIS IMPORTANTE DA MÚSICA É VIVILA»
Comezaron formando parte de bandas locais na adolescencia, pero non foi ata hai un ano e medio cando coincidiron na mesma agrupación, Lisdexia, onde compartían un punk rock pícaro e reivindicativo. Antón Vara e Fran Trillo conectaron desde un primeiro momento, tanto enriba do escenario como baixo del, e do «bo momento musical» que viviron durante o verán pasado xurdiu Cita Doble, o seu novo proxecto en común.
Desde Muros (A Coruña), o dúo fusiona xéneros clásicos, como o rock e o pop, con outros máis contemporáneos, como o reguetón, para crear melodías que captan a esencia da xuventude «como un sopro de aire fresco e licor café». O seu debut, O sabor da noite (2024), reflicte esta filosofía a través de catro cancións «desfrutonas, cortitas e ao pé», cargadas de enerxía contaxiosa e letras apaixonadas.
Foto © @vy.adri
Detrás de Cita Doble atopámonos con Antón Vara e Fran Trillo, como xurdiu a banda?
Cita Doble: «No verán de 2023 os dous atopabámonos nun bo momento musical; xuntabámonos todos días para ir a praia, tocar e beber e así foron xurdindo temas. Temas que, nun principio, eran para a outra banda (Lisdexia), pero non foron adiante cos outros compoñentes do grupo e estabamos con moi pouca actividade nese momento. Así que decidimos gravalas e publicalas pola nosa conta e, como tiveron boa acollida, decidimos crear un proxecto a parte».
O nome da banda é, canto menos, curioso xa que, segundo os nosos cálculos, nunha cita dobre habería catro persoas... non? Por que escollelo para nomear un dúo?
Cita Doble: «O nome foi algo que nos costou decidir. Houbo varias propostas tanto pola nosa parte como por persoas externas ao grupo, pero realmente, un día estabamos tomando unhas birras nunha terraza cando a un de nós se lle ocorreu o nome de Cita Doble e os dous estábamos de acordo en que nos molaba... e así quedou.
De todas formas, ao vivo seremos catro músicos en total, así que non ides tan desencamiñados nos vosos cálculos!».
Aínda que o dúo é de recente creación, ambos tedes experiencia previa no mundo da música; de feito ambos coincidistes na banda de punk rock Lisdexia. Por que decidir, logo, crear un (outro) proxecto en común?
Cita Doble: «Como xa respondemos na primeira pregunta, os dous estabamos a compoñer e a ensaiar novos temas que distaban bastante do estilo de Lisdexia, ademais de pasar por temáticas máis persoais e amorosas. Como Lisdexia estaba en stand by, por así dicilo, atopabámonos un pouco desmotivados, o que contribuíu a que tivésemos máis ganas de crear este proxecto».
Foto © @vy.adri
Hai algo, conceptual ou musicalmente, de Lisdexia en Cita Doble?
Cita Doble: «Si, xa que intentamos transmitir a mesma enerxía e bo rollo, tanto na música como nos directos, igual que faciamos —e facemos— en Lisdexia. Para nós, o máis importante da música é vivila; que che faga sentir, xa sexa escoitándoa ou suándoa».
Indo aínda máis atrás, que, ou quen, vos motivou a comezar no mundo da música?
Cita Doble: «A verdade é que os dous comezamos en momentos totalmente diferentes. De feito, aínda que Lisdexia xa ten sobre sete ou oito anos, nós comezamos a compartir escenarios hai tan só un ano e medio.
Sobre Fran, sempre se veu moi atraído pola música de Terbutalina, banda de Muros, e con 15 anos decidiu formar unha banda dese estilo. Ademais, estaba moi rodeado polo mundo da música, xa que moitos dos seus amigos tiñan xa outras bandas. E así foi como xurdiu Lisdexia, xuntándose varios amigos para facer música con unha idea clara.
En canto a Toni, achegouse á música un pouco antes, cunha primeira banda que creou con outros tres amigos, tamén de Muros, á idade de 13 anos; e, ao mesmo tempo, comezou a estudar música e guitarra. Pasou por un par de bandas ata acabar tocando o baixo en Lisdexia, onde se encontrou con Fran, e houbo moita química desde o primeiro momento».
Do pop rock ao indie pasando polo reguetón, a de poñer etiquetas sabémonola, pero nós subimos a aposta e, sen etiquetas, como definiriades a vosa música?
Cita Doble: «Como un sopro de aire fresco e licor café».
Saltamos de estilos a influencias: a quen sinalariades como referentes musicais?
Cita Doble: «Novedades Carminha, Carlangas, The Rapants, Ortiga, Los Vinagres, Terbutalina, Jordana B e Cupido».
Foto © @vy.adri
Radicades en Muros, pequena vila que tamén viu nacer outros grupos como The Rapants, Capital Voskov, Deleiba, os propios Lisdexia... que ten a auga de Muros para que a escena local sexa tan prolífica?
Cita Doble: «A verdade é que parece mentira que dun pobo tan pequeno saian tantos músicos e tantas bandas, pero a verdade é que nós tendemos máis á escena compostelá. De feito, Cita Doble fíxose oficial nun bar de Compostela».
A mediados do ano pasado publicastes un par de sinxelos, “Que nos pasou?” en maio e “Para olvidarme” en xuño; dous temas que, finalmente, non formarían parte do voso EP. Lanzástelos como un xeito de testar o proxecto? Por que non incluílos na selección final?
Cita Doble: «Eses temas gravámolos nun primeiro momento para ver a repercusión que tiñan, a modo de carta de presentación. A partir de aí pasamos a gravar dun xeito máis serio e profesional cunha música máis elaborada, cunha mellor xestión.
Non os incluímos no EP porque para nós ese momento de cambio foi un punto de inflexión para o grupo».
O pasado 5 de xaneiro (como se viñese do mesmo Oriente) publicabades o voso primeiro EP, O sabor da noite (2024). Como non cremos nas casualidades... por que escoller esta data sinalada para o lanzamento?
Cita Doble: «Para a nosa música e a nosa traxectoria buscamos unha tendencia bastante romántica. Como queriamos sacar o EP a principios de ano, pensamos que era unha data perfecta para facerlle un bo agasallo a todos os nosos oíntes e futuros oíntes».
Logo de mes e medio nas plataformas dixitais, como estades a sentir a súa acollida?
Cita Doble: «A acollida foi incrible, a un ritmo 1.500 reproducións por día e entrando en moitas playlists que nin sequera considerabamos. De feito, tivemos a conta bloqueada durante uns días pola boa acollida que tivo, que mesmo nos acusaron de utilizar bots! Pero xa está solucionado e estamos a punto de sacar un novo tema».
Escoitamos como cantades a temáticas recorrentes, como a festa ou o amor, ao longo do álbum. Festa, romance... é este o sabor da noite?
Cita Doble: «Si, parécenos moi importante desfrutar, tanto do amor, da festa, da noite... por iso o reflectimos tanto nas nosas cancións, para que todo o que se sinta identificado o viva con nós».
Ao fío, en que, ou quen, están inspiradas as letras? Canto de ficción e canto de autobiográfico teñen?
Cita Doble: «Non están inspiradas en ninguén en concreto, pero si que se reflicten moitas anécdotas e sentimentos, tanto nosas como da xuventude, aínda que sempre hai parte de ficción».
Como é o voso proceso creativo? É dicir, de que xeito traballades as ideas, os bosquexos, ata convertelos en canción? Hai reparto de tarefas?
Cita Doble: «Sempre nos deixamos levar, pero a idea principal normalmente xurde dun de nós; logo nos xuntamos e terminamos de darlle forma en conxunto ao que é a base da canción. Finalmente, metémonos en estudio a rematar o traballo con detalles, adornos e harmonías».
Foto © @vy.adri
Que fixo que “Ladrón de corazóns” fose escollida como single adianto?
Cita Doble: «Todas as cancións do EP gustábannos e, aínda que dubidamos entre “Ladrón de corazóns” e “Non sabe bailar”, decantámonos por esa xa que é a que mellor representa o estilo e a tendencia cara á que queremos chegar, polo que nos pareceu a mellor opción como carta de presentación do EP».
Alex Paredes, músico e produtor, foi quen estivo aos mandos da produción do EP. Como foi traballar con el? Na vosa opinión, como pensades que ten que ser a relación músico-produtor para que as cousas flúan e así rematar un disco con éxito?
Cita Doble: «Cremos que foi un capricho do destino traballar con Alex porque o coñecemos un par de meses antes de que el contactase con nós, interesándose polo proxecto nun concerto na Coruña, e xa houbo feeling desde o principio.
A día de hoxe, Alex xa é un bo amigo dos dous, e pensamos que esa relación tan boa é unha das claves para sentirse cómodo no estudio, ter ilusión e desfrutar do proceso».
Foto © @vy.adri
O sabor da noite vén envolto nunha portada de estética retro asinada por Mario Feal. Como naceu este deseño? Proporcionásteslle algunha pauta ou tivo total liberdade?
Cita Doble: «Xa traballaramos con Mario para outros deseños e contactamos con el para a portada porque estamos encantados co seu traballo. Pero a realidade desta portada é que nós lle mandamos un deseño bastante complexo que disparaba o prezo, así que optamos por darlle total liberdade para sacar unha imaxe que se axustase máis ao noso orzamento».
Neste primeiro EP é característica a combinación de diversos estilos, nun futuro non moi afastado, seguiredes a experimentar coa mestura de xéneros?
Cita Doble: «Si. Seguiremos sacando máis música co noso estilo persoal, pero encántanos experimentar e seguiremos a xogar con todos os estilos que nos gusten.
E falando da mestura de estilos, anticipamos por aquí que antes de este verán sacaremos un novo tema moi “saboroso”!».
Nun par de meses teremos a oportunidade de desfrutar do disco ao vivo, no seu concerto de presentación. Que pode agardar o público desta actuación? Como tedes pensado levar O sabor da noite ao escenario?
Cita Doble: «Estamos a preparar un directo o 4 de abril onde levaremos banda ao completo como propuxo Alex. Aínda que realmente presentámolo máis como unha festa que como un concerto sen máis, onde haberá ambientación de Cita Doble e música o resto da noite para todos os que asistan».
Cita Doble está, como quen di, a despegar... que expectativas tedes, profesionalmente falando, para este 2024?
Cita Doble: «Mantemos as expectativas tranquilas agardando un crecemento orgánico. Estamos a formular este proxecto con calma e facendo as cousas o mellor posible esperando que todo este traballo dea os seus beneficios».
Foto © @vy.adri
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Cita Doble: «Dous grupos que na actualidade consumimos moito son Grande Amore e Carlangas, que se converteron nunha clara referencia para nós tanto pola súa música como pola súa traxectoria ata a actualidade.
Por outra banda, queremos recomendar a artistas máis emerxentes como Javi Chapela, que é outro artista que produciu Alex; tivemos a oportunidade de velos en directo nun concerto de moita calidade».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Cita Doble: «Para ser sinceros, os dous escoitamos moitos xéneros totalmente diferentes, desde reguetón e rap, pasando por rock, pop e mesmo metal».