MARTINS ANEIROS BAND: «A AUGARDENTE DO NOSO BLUES É A MORRIÑA»
Primeiro foi unha colaboración puntual, gravando a versión musicada do himno da emigración galega, “Unha noite na eira do trigo”; despois viñeron varios convites festivaleiros e, en 2020, preséntanse xuntos. Víctor Aneiros, guitarrista cunha longa traxectoria de rock e blues, e Paula Martins, quen fora cantante da The Big Bottom Band, conforman Martins Aneiros Band.
O seu repertorio baila entre o blues, o soul e o rock, entre versións de clásicos e pezas orixinais que o dúo recolle en Rain (Gaztelupeko Hotsak, 2023), o seu primeiro traballo discográfico.
Foto © María Aneiros
A primeira vez que vos escoitabamos foi na versión musicada do himno da emigración galega, “Unha noite na eira do trigo”, incluída no disco de Víctor Aneiros Heroe Secreto (Gaztelupeko Hotsak, 2008). De que xeito unha colaboración puntual termina por converterse nunha banda... máis de 15 anos despois?
Paula Martins: «Sempre houbo boa conexión e “o roce fai o cariño”».
Víctor Aneiros: «Certo, e esa boa conexión pódese apreciar nos nosos concertos».
Aínda que a Martins Aneiros Band xorde hai uns anos, en 2020, ambos tedes ampla experiencia no mundo da música, xa sexa como parte doutras formacións ou en solitario. Como inflúe a vosa experiencia previa neste novo proxecto?
Paula: «A experiencia axuda á hora do traballo en si; aforra tempo, tes as ideas algo máis claras, hai unha estrutura. Pero hai que procurar que non se faga lastre que reste do sentimento, da frescura e da sinceridade».
Víctor, con máis de 25 anos enriba dos escenarios como guitarrista e compositor, es considerado un dos pioneiros do blues en galego; o blues, un xénero, daquela, non moi cultivado nesta beira do Atlántico. Que chamou a túa atención para que decidises apostar por este estilo e (case) basear a túa carreira sobre el?
Víctor: «A nosa cultura, e sobre todo a nosa literatura, ten moito dese espírito do blues; o desarraigamento, a emigración, a morriña... Rosalía de Castro xa nos falaba disto na segunda metade do século XIX, uns anos antes de que Robert Johnson, considerado como un dos grandes poetas populares do blues, falase diso mesmo.
Direiche máis, a augardente do noso blues é a morriña; isto é o que nos fai diferentes».
Ao fío, como ves a evolución da escena blues galega desde aquela ata a actualidade?
Paula: «Cando comecei, na Coruña só existían Big Bottom e Miki Nervio & The Bluesmakers e, en xeral, ninguén quería facer blues; que era “chorón”, triste, antigo... Eu nunca o vin así, pero non sei cantas veces puiden ter esa conversa».
Víctor: «Cando eu comecei a facer blues en galego era como predicar no deserto [risos]... Agora por sorte hai máis bandas e de gran calidade que apostan polo blues en galego».
The Big Bottom Band foi un dos grupos nos que máis escoitamos cantar a Paula, ademais de colaborar con outros como o New Orleans Trio. Blues, swing, soul... a versatilidade da túa voz semella un instrumento máis, como a traballas segundo o xénero? En cal dirías ti que te sintes máis cómoda?
Paula: «O meu é “xénero fluído” dentro da tradición musical afroamericana en xeral.
Estiven doce anos na Big Bottom, que faciamos blues do Delta a Chicago; con New Orleans revisamos os clásicos, a orixe do jazz. E este proxecto con Víctor segue a evolución cara ao blues máis eléctrico, o soul e mesmo o funk... a rapear non chegarei!
Síntome cómoda nese espectro musical amplo, aínda que escoito outras moitas cousas».
Foto © Simón Vázquez
Vimos de nomear varios xéneros musicais onde a Martins Aneiros Band podería caer, pero, como describiriades vós o son da banda?
Víctor: «Poderiamos definilo como blues moderno con algo de eclecticismo, pero sen esquecer as raíces».
Musicalmente, a quen sinalariades como as vosas principais influencias?
Paula: «Admiro a mulleres como Koko Taylor, Etta James, Ethel Waters, Nina Simone, Big Mamma Thornton, Sister Rosetta... son moitísimas; conseguiron impoñerse nun ambiente completamente hostil».
Víctor: «As miñas influencias son Rory Gallagher, Freddie King, Luther Allison, Johnny Winter...
Tres anos despois de nacer como banda publicades o voso primeiro traballo, Rain (Gaztelupeko Hotsak, 2023), a finais do verán pasado. Como xurdiu a idea de facer este disco?
Víctor: «Tras uns anos sobre os escenarios pareceunos que era un bo momento de cristalizar o proxecto coa publicación de Rain».
Con este mesmo selo discográfico, Gaztelupeko Hotsak, radicado no País Vasco, Víctor publicou toda a súa discografía. Que agochan eses, ata a data, vinte anos de fidelidade?
Víctor: «Iso non é exacto. O meu primeiro disco, Que el blues te acompañe (1999), foi editado pola discográfica andaluza Cambayá Records, o resto si foron editados por Gaztelupeko Hotsak.
Respondendo á pregunta, confianza, e unha amizade que vai alén do estritamente musical, é o que se esconde neses anos de traballo conxunto. Eles foron os primeiros que me animaron a que gravase un disco integramente en galego cando eu non o tiña moi claro, sobre todo polos problemas que tiven en Galicia para atopar un selo que apostase polo blues en galego».
Foto © María Aneiros
O repertorio inclúe unha coidada selección de versións de temas clásicos do xénero, como “Blues Is My Business” de Etta James ou “I Can’t Do That” de Mike Wheeler, entre outros. Que criterio seguistes na súa escolla?
Víctor: «Principalmente buscamos que se adapten á voz de Paula. O bo de estilos como o blues ou o jazz é que son moi maleables; isto fai que cando fas unha versión podes acabar converténdoa nunha canción propia».
Estas covers mestúranse con pezas de composición orixinal, “Rain” ou “Healthy Lifestyle” por nomear algunhas, que asinades entre os dous. Como foi o seu proceso creativo? Hai reparto de tarefas?
Paula: «O reparto consistiu en que Víctor tiña uns riffs y eu unas cousas que dicir; mesturámolas... e todo cadrou».
Somos conscientes de que non é o mesmo facer unha versión que compoñer unha canción desde cero, que diferencias destacariades que hai á hora de abordar cada unha destas facetas?
Paula: «Cando fas unha versión, sobre todo de temas tan bos e coñecidos, o difícil é facelo teu, darlle sinceridade con dignidade. Cando o tema é teu, iso xa vai incluído; o difícil e facer un tema bo».
Neste novo proxecto, Víctor queda «relegado» a instrumentista, a diferencia dos seus discos en solitario anteriores, onde tamén cantaba. Como afrontas darlle este (novo) protagonismo á guitarra e restarllo á túa voz?
Víctor: «Estou encantado de ser relegado, e se é por unha voz como a de Paula, mellor que mellor. Eu son guitarrista, o de cantar nunca estivo entre as miñas prioridades; non é que teña unha voz horrible, pero custoume moito afacerme a ela.
Si, xa sei, é curioso que diga isto despois de oito discos, pero é verdade. Estou a desfrutar moito con este proxecto, pero non descarto volver cantar nun futuro».
Outra característica distintiva deste proxecto é o idioma das letras, que pasan do galego ao inglés. A que se debe este cambio?
Paula: «Un pouco por darlle unidade ao álbum, xa que as versións eran en inglés e eu xa viña de cantar sempre en inglés».
Foto © Zoscar CanedoRock
Comentabades que, con Rain, «quixemos facer un álbum que lle puidese gustar ata a xente que non escoita blues». Como se consegue isto? Pensades que o acadastes?
Paula: «Seguimos a traballar para acadalo».
Víctor: «A mellor forma para chegar á xente é facer un traballo honesto e sincero».
A produción do álbum correu a cargo de Víctor, por que apostar polo feito na casa?
Víctor: «Quería buscar algo distinto aos meus anteriores discos. Isto non sería posible sen a valiosa axuda de Víctor Gacio quen, ademais de tocar o baixo, se encargou da gravación e da mestura no seu estudio Bajo Cero».
Estades rodeados por unha banda composta por Marcos Sánchez (batería), Fran Rey (teclados) e Víctor Gacio e Alejandro Masafret (baixos), que diriades que achegan, ademais dos seus instrumentos, ao son do disco?
Víctor: «Exceptuando a Alejandro Masafret, son músicos que estiveron traballado comigo os últimos 20 anos de forma interrompida. O seu eclecticismo é o que destacaría deles, esa facilidade para combinar elementos de diferentes estilos e que siga a ser blues».
Logo de visitar o País Vasco, en xaneiro levastes Rain á Mardi Gras (A Coruña), como está a ser a súa acollida ao vivo? Que pode esperar o público dun concerto de Martins Aneiros Band... e cando terá a oportunidade de vervos en directo de novo?
Víctor: «O disco está a ter unha boa acollida. O público afeccionado ao blues é minoritario pero moi fiel. Nos nosos concertos o público atopará naturalidade, honestidade e diversión.
Por motivos persoais paramos despois do noso concerto na Mardi Gras, pero en xuño retomaremos os concertos cara ao verán; o 1 de xuño estaremos presentado Rain no Teatro Jofre de Ferrol».
Se tiverades a oportunidade de colaborar con calquera artista ou grupo, desde os máis clásicos ata os máis contemporáneos, a quen escolleriades?
Paula: «Case todos morreron xa... habería que negociar quen fai a viaxe para a colaboración!».
Víctor: «Os meus tamén morreron...».
Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendariades? Algún favorito que deberiamos coñecer?
Víctor: «Pablo Leira».
Se abrísemos as vosas contas persoais de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña
Paula: «Non teño».
Víctor: «Eu tampouco teño».