• GALEGO
  • ESPAÑOL
  • ENGLISH
     
  noticias  

MANU G. SANZ: «O QUE MÁIS ME DEFINE É UN DESEXO PATOLÓXICO DE INVESTIGAR E DESCUBRIR COUSAS NOVAS»

MANU G. SANZ: «O QUE MÁIS ME DEFINE É UN DESEXO PATOLÓXICO DE INVESTIGAR E DESCUBRIR COUSAS NOVAS»
16 AGOSTO 2024

É un recoñecido compositor e produtor en grupos de culto da escena underground como Indómitos ou Selvática, pero Manu G. Sanz posúe unha creatividade que parece non coñecer límites impulsada por unha curiosidade patolóxica. Boa proba diso, alén da propia música, son proxectos como Orphan Tracks (xunto a Óscar Chamorro) ou Violeta Ultra Multiverse nos que este músico (e deseñador, e realizador...) explora a relación entre diferentes disciplinas creando universos artísticos ficticios.

Agora debuta en solitario con Flores y diosas (Orphan Records, 2024), un disco de pop íntimo e preciosista feito «coma se estivese murmurando aos oídos dos oíntes», de letras luminosas que falan de amor, maxia e sensacións e no que abandona a escuridade de proxectos anteriores: «hai un tempo para todo e no momento actual da miña vida non hai lugar para iso».

 

Foto © Óscar Chamorro

 

A estas alturas, Manu G. Sanz é xa un nome máis que recoñecido na escena underground galega, pero como lembra Manu os seus primeiros pasos no mundo da música?

Gústame a música dende moi pequeno. Recordo que escoitaba aos Beatles no coche dos meus pais e estaba completamente abraiado. Máis tarde meu pai empezou a ensinarme a tocar a guitarra. Aprendín cancións como "Apache" dos Shadows ou “Juegos prohibidos” de Narciso Yepes entre outras. Despois a miña propia curiosidade levoume a descubrir moitos outros artistas e tamén me animou a estudar música durante tres anos no Conservatorio de Vigo.

 

As túas décadas de traxectoria poderían dividirse, principalmente, en dous proxectos: Indómitos e Selvática; o primeiro deles naceu en Glasgow (Escocia) e tiña corazón 50% punk e 50% rock, e o segundo nace en Río de Xaneiro e presentaba marabillas de tropicalismo punk e instrumentacións psicodélicas. De que xeito perfilaron estas dúas bandas a túa carreira musical?

Antes desas bandas toquei noutras moitas como Grindhouse, Los Arenas ou March, coas que aprendín moito, con todo, Indómitos e Selvática foron importantes para min porque foron as primeiras bandas coas que editamos discos en formato físico e iso fixo que máis xente soubese de nós e que a prensa tamén se fixera eco delas.

Ademais, formamos ambas as dúas bandas no estranxeiro e iso deunos unha perspectiva diferente de como foron recibidas fóra do territorio nacional.

 

 

Logo de tantos anos, vés de presentarte en solitario, por que agora? Dirías que hai algo, xa sexa musicalmente ou en esencia, destes grupos neste novo proxecto teu?

Comecei a compoñer e gravar cancións cando era pequeno e na maioría dos meus proxectos sempre facía as cancións, así que para min, en comparación co pasado, a única diferenza é que agora non teño banda, pero, ao tocar varios instrumentos, podo gravar o álbum eu só no meu estudio de gravación, como fixera antes cando ensinaba as cancións aos meus compañeiros de banda.

Estilisticamente, o meu disco en solitario non ten moito que ver cos meus últimos proxectos, pero parécese máis ao tipo de cancións que facía cando era pequeno, e por iso paréceme especial.

 

 

Mousetrap, un dos filmes ficticios de Orpahn Tracks

 

Mención á parte merece Orphan Tracks, un proxecto xunto a Óscar Chamorro que consistía na composición de bandas sonoras de películas ficticias. Como nace esta curiosa idea que, de feito, foi premiada nun concurso de talentos de El País!?

O meu amigo Óscar Chamorro e mais eu xa tiñamos tocado en varios grupos da escena viguesa e gústanos compoñer xuntos. Óscar é un músico con moito talento e tamén é moi bo coa tecnoloxía. No ano 2010 estivo investigando o mundo das librerías de audio e ensinoume a usalas, entón as nosas pezas instrumentais comezaron a ter un carácter moi cinematográfico, polo que propúxenlle a idea de crear unha páxina na que poideramos subir a nosa música baixo o pretexto de bandas sonoras para películas inexistentes, e así creamos os carteis e a información de cada película e o seu título principal (main title). Conseguimos facer unhas 200 e o proxecto tivo boa prensa en España e Latinoamérica.

 

 

O teu nome tamén está ligado a Violeta Ultra Multiverse, unha colección de obras ficticias de diferentes disciplinas (arte, música, deseño, teatro, mixtapes...). Como é o de cruzar a fronteira musical e explorar outros tipos de expresión artística?

Ademais da música tamén fago vídeo, deseño e interésanme outras disciplinas artísticas. Sempre vexo todo como un conxunto.

Tamén estudei Belas Artes en Pontevedra, onde me licenciei na especialidade de Audiovisuais en 2004, e iso deume unha perspectiva xenérica das artes e de como se entrelazan entre si.

 

Sitio web de Violeta Ultra Multiverse

 

Violeta Ultra Multiverse concentra as súas obras entre 2020 e 2023, é dicir, nace e vive os seus primeiros anos en pandemia-confinamento-desescalada-pospandemia, etc. Foron eses tempos tan estrañamente extraordinarios o xermolo deste proxecto ou xa levaba tempo «cociñándose»?

É unha idea que levaba tempo na miña cabeza, pero cando chegou a pandemia, e con ela deixamos de tocar co grupo Selvática, tiven máis tempo para dar renda solta a todas as miñas fantasías musicais e artísticas, e cando xuntei un número considerable de cancións, deseños, mixtapes, textos, etc., decidín crear unha páxina onde poder mostrar todo.

 

Tanto as creacións de Orphan Tracks como as de Violeta Ultra Multiverse están inspiradas en obras que, digamos, non existen. Por que abordalas desde esta perspectiva... ficticia”?

A tecnoloxía coa que contamos hoxe permítenos crear obras con semellanza técnica e estilística con obras existentes do pasado. A idea teórica detrás de Orphan Tracks ou Violeta Ultra Multiverse é que podemos crear un universo paralelo onde existisen todas esas obras. É como moldear a historia artística coma se fose plastilina.

Violeta Ultra Multiverse é para min como unha continuación de Orphan pero centrada en álbums de bandas ou artistas ficticios e tamén abrindo o espectro a outras formas artísticas como o deseño, as bandas sonoras de videoxogos, as portadas de libros, as obras de arte, etc.

En certo modo funcionan como pseudónimos, que me permiten expresar ideas e crear obras moi variadas, e iso sempre é moi estimulante. Tamén é porque a miña forma de traballar é completamente ecléctica. Nunca fago o mesmo dúas veces e con este tipo de proxectos ábrense infinitas posibilidades.

 

Foto © Paula Vilas

 

Actualmente tamén compós para Digital Mother, dúo de electrónica experimental xunto a Luis Boullosa. Logo de estar mergullado no rock, no punk, na psicodelia... como foi a aproximación a este xénero?

Coñecín a Luis cando editamos o disco "Nazgul Says" do seu proxecto Broke Lord no meu selo Orphan Records. Rapidamente vimos que tiñamos moitas ideas semellantes e comezamos a enviarnos arquivos entre nós para traballar nalgúns bosquexos. Pouco a pouco isto foi transmutado nun estilo que combina folk co industrialismo e decidimos poñerlle o nome ao proxecto de Digital Mother xa que tiña unha entidade propia.

Luis encárgase dos baixos e voces e tamén é un gran letrista e eu encárgome do resto dos instrumentos e da produción.

En canto ao estilo, para min era algo que non fixera antes e encántame “botarme á piscina” para facer cousas novas.

 

 

Falando de xéneros, onde caería a música de Manu G. Sanz en solitario? Como a describirías?

É un disco principalmente acústico no que buscaba un son bastante natural e suave no que destacase a melodía e as harmonías vocais.

Para min é como volver ao tipo de cancións que facía cando era pequeno. Son esquemas de cancións populares, en formato pop e con arranxos que poden lembrar os anos 60 ou 70, pero que teñen algún detalle electrónico como caixa de ritmos ou sintetizador.

 

Canto ás influencias, quen dirías que ten, ou tivo, especial impacto no teu xeito de entender a música, tanto en xeral como neste proxecto en particular?

Como comentei, comecei cos Beatles e despois a miña curiosidade levoume a descubrir a música dos 60, 70 e máis aló.

Gústame absolutamente todo, dende a música clásica ata o techno máis experimental.

A miña infancia foi nos anos 80 polo que tamén hai moita influencia de produtos daquela época, incluíndo música nacional ou estranxeira.

Creo que o que máis me define é a curiosidade. Un desexo patolóxico de investigar e descubrir cousas novas. Pasei os meus anos de adolescencia e os días universitarios rastrexando artefactos en tendas de segunda man, rastros e todo tipo de lugares. Tamén en Glasgow ou Río de Xaneiro, onde descubrín cousas incribles.

Todo isto fíxome ter unha perspectiva historicista sobre a música, así como as paletas de sons empregadas en cada época e a tecnoloxía empregada en cada momento.

 

Foto © María Vilas

 

Á túa prolífica faceta de músico e artista hai que engadirlle a de produtor, producindo tanto para ti como para grupos como Dois ou Jay, por exemplo. Como é, e como se ve, o traballo desde a outra beira?

Sendo músico, entendo os desexos e preocupacións á hora de gravar que poden ter outros músicos.

Para min o importante é sempre o grupo, non a miña visión da produción. Non intento impoñer o mesmo son en cada gravación e intento adaptarme ao que cada grupo necesite. Moitas veces xa está todo ben traballado polo grupo, polo tanto, o meu traballo é facer que todo flúa para chegar a un bo resultado, e outras veces podo axudarlles con arranxos, estruturas, etc.

Gústame axudar a outros músicos e falar con eles para crear o son que queren.

 

 

 

A finais de febreiro publicabas Flores y diosas (Orphan Records, 2024), o primeiro álbum deste novo proxecto, un longo de «pop íntimo e preciosista» con cancións cargadas de emocións. Hai algunha idea tras el? De que xeito se foron desenvolvendo a ducia de cancións que compoñen o álbum? Como foi o proceso de creación?

Quería facer un disco coma se estivese murmurando aos oídos dos oíntes.

Gravei moitas maquetas coa miña guitarra acústica e dinlles moitas voltas, cambiando o ton ou compás para atopar o punto correcto que quería á hora de interpretalas. Son cancións que falan das miñas emocións e expresan o que foi a miña vida nos últimos anos.

En total levoume uns sete meses todo o proceso.

 

Musicalmente, o LP presenta un son bastante cru, con guitarra e voz como protagonistas. E aínda que non faltan arranxos moi elaborados, como foi «espir» as cancións, baixar as revolucións da instrumentación para darllas, sobre todo, á guitarra acústica e á voz?

A guitarra e a voz son o esqueleto do disco.

Interesábame que as cancións puidesen funcionar esencialmente con guitarra e voz mesmo sen a capa de sons dos arranxos. En calquera caso, eses arranxos son unha parte importante do disco xa que ambientan cada canción, pero a esencia está nos acordes da guitarra acústica e nas melodías vocais.

 

 

Respecto ás letras, e en comparación cos teus anteriores traballos onde eran máis escuras, as deste longo son máis luminosas, tocando temas como o amor, a maxia, a procura de sensacións... Que propiciou este xiro na temática?

É certo que as letras que escribín nos meus proxectos anteriores eran máis escuras, en parte acordes coa imaxe asociada a eses xéneros como o punk, o garage, etc.

Un crítico mesmo sinalou que a maioría das cancións representaban unha negativa ou comezaban directamente con "non".

Para este álbum optei por estar lonxe de imaxes escuras ou rudas.

Hai un tempo para todo e no momento actual da miña vida non hai lugar para iso.

 

 

Ao fío, en que, ou quen, están inspiradas?

Inspíranse nas miñas propias experiencias, e nas dos meus seres queridos, a miña filla, a miña moza, en interminables conversas sobre o racionalismo vs. maxia, vida, morte, enfermidade, amor e, en xeral, nunha perspectiva humanista.

 

Tras a aparición do longo viñeron dous singles, unha nova versión de La esperanza” e La belleza de las cosas”. Ambos temas teñen moito en común: instrumentais con ritmo ternario, e protagonismo na melodía para algo que soa a... é un salterio? Por que eses dous temas soltos? Podemos esperar algo máis nesa liña?

Fixen algunhas pezas instrumentais durante o tempo que estaba gravando o disco que ao final non as incluín neste porque chocaban un pouco co resto. De feito, a versión instrumental de “La esperanza" é anterior á versión vocal.

Son cancións que decidín publicar por separado do disco, e que non indican realmente o son que quero desenvolver no futuro, son máis ben dúas pezas separadas independentes do disco que me parecían bonitas e por iso as publiquei en dixital.

 

 

 

Ademais de atoparse nas principais plataformas dixitais, Flores y Diosas está dispoñible en formato físico en vinilo de 12” que, ademais, edita e distribúe a túa propia discográfica, Orphan Records. Nun momento onde todo é dixital, por que seguir apostando (tamén) polo formato físico?

Ben, é unha tolemia en realidade, xa que é moi difícil vender formato físico, a non ser que o teu selo teña unha boa infraestrutura, que non é o caso.

En todo caso, segue habendo xente que compra en formato vinilo, e mentres as vendas sirvan para recuperar os investimentos, iso mantenme na liña de seguir editando en formato físico e non perder por completo a esperanza.

 

 

Así como antes preguntabamos pola túa faceta como produtor, falemos agora do teu labor detrás dunha discográfica. Por que crear un novo selo?

Creei Orphan Records en 2016 para lanzar os meus propios proxectos e tamén outros grupos que me parecían interesantes na escena. É unha forma de manter vivo o formato de vinilo ou casete que sempre me gustou tanto a nivel estético como sonoro.

Actualmente as edicións redúcense a pequenas tiradas de proxectos persoais ou nos que estou implicado.

 

Como definirías ou describirías o catálogo de Orphan Records?

É un catálogo bastante variado no que se pode atopar experimentalismo (March ou Anti S), pop hipnagóxico (Dois), punk, garage e pop (Selvatica), folk industrial (Digital Mother) ou discos máis clásicos como o meu último "Flores y diosas".

En xeral hai unha aposta por un son que se afasta do mainstream. Unha aposta polo formato rock, noise, experimental, gusto polo retro, aínda que nun futuro estou aberto a editar o que xurda.

 

Foto © David Tombilla

 

Poderemos desfrutar de Flores y diosas ao vivo? De ser así, como o levarás ao directo? Como sería un concerto de Manu G. Sanz?

O nivel de arranxos e a mestura cirúrxicas que ten o álbum requiriría moito persoal implicado, horas de ensaio e dedicación que non podo permitirme neste momento. É estrictamente un álbum de estudio.

 

Logo de varias décadas de traxectoria musical... que agardas das que aínda están por chegar?

Estou seguro de que será algo diferente ao que fixen ata agora.

Nestes momentos estou rematando o segundo disco de Digital Mother con Luis Boullosa e en breve comezarei a esbozar o meu próximo disco como Manu G. Sanz, que sen dúbida será diferente.

É difícil saber que pasará nas vindeiras décadas, pero espero seguir compoñendo, producindo grupos, creando páxinas web nas que poida seguir desenvolvendo a idea de universos artísticos ficticios, agora coa tecnoloxía que temos agora (AI) abrindo un horizonte apaixonante.

 

Na actualidade, que artista ou grupo galego nos recomendarías? Algún favorito que deberiamos coñecer?

Sería unha boa idea seguir a pista do grupo Nutrias que está a piques de sacar o seu primeiro LP e fan un Kiwi Pop co aroma das Rías Baixas.

 

Se abrísemos a túa conta persoal de Spotify, que escoitariamos? 100% Sinceridade, 0% Vergoña

É unha lista interminable que vai desde cousas como Juan e Junior, Jeanette e artistas que gravaron composicións de Manuel Alejandro ata grupos ou artistas máis actuais como Chairlift, Caroline Polachek, Ariel Pink ou Forest Swords pasando por Burial, Jenny Hval, Royal trux, Gun Club, Julee Cruise, Robyn Hitchcock, Lole y Manuel, Sébastien Tellier, ESG, Gazelle Twin...

Tamén hai surf, jazz, ambient, tropicalia, dub e moitos clásicos: Dylan, Beach Boys, Velvet, Kinks, Fleetwood Mac, Doors, Love etc.

  noticias